A 'Eurovisión' das linguas minoritarias deixa de organizarse desde Frisia e é recuperado en Friul co nome de Suns Europe. As bandas galegas poden candidatarse até o 1 de outubro.
O Liet International, o primeiro festival da canción en linguas minoritarias de Europa, comezou a andar en 2002 en Frisia (Holanda) e rematou a súa andaina o pasado 2014 cun evento en Oldenburg (Alemaña). Ao longo destes doce anos, por alí pasaron diferentes formacións galegas, como Uxía, Fran Pérez 'Narf', ou Mafia Galega.O formato era similar ao eurovisivo, aínda que os recursos eran ben máis escasos: as bandas enviaban as súas cancións e un xurado elixía as mellores que os grupos habían defender na gala final. Acolleron este festival, ademais do país organizador, Asturias, Friul, Laponia, Bretaña e Alemaña.
As bandas poden presentar as súas candidaturas até o 1 de outubroPorén, os problemas na organización fixeron que o Liet International deixase de existir e emerxese un novo festival baixo a mesma filosofía e argallado por friulanos, ladinos e sardos a partir dun festival local. Chámase Suns Europe e vaise realizar en Udine (Friul) o 11 de decembro.
Suns Europe defínese como o Festival Europeo de Artes Escénicas en Linguas Minoritarias e acollerá diversas actividades do 25 de novembro ao 11 de decembro deste ano, entre a que destaca este concurso de canción moderna. Está aberto a todas as minorías lingüísticas tal e como se definen na Carta Europea de Linguas Minoritarias.
As bandas poden presentar as súas candidaturas até o 1 de outubro. Só aceptan temas orixinais cantados. A organización seleccionará de 6 a 8 finalistas, que serán convidados a defender a súa canción no Friul. O artista ou banda gañadora recibirá un premio de 2.000 euros e un mínimo de dous contratos en festivais europeos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario