A Confapa-Galicia (Confederación Galega de Anpas de Centros Públicos) e a Confederación de Anpas Galegas. Estas son as
dúas agrupacións de asociacións de pais e nais de alumnos do ensino público que desde esta semana convivirán no país.
Unha nova confederación de anpas preséntase este martes tras a unión de oito federacións municipais ou comarcais
A nova Confederación de Anpas presentase este martes en Compostela e
xorde dunha “decisión de traballo conxunto” de varias federacións de
anpas que levan anos artellando estratexias e respostas comúns ao ataque
que sofre o ensino público en Galicia.
Son as federacións de Cangas, Compostela, Costa da Morte, Ferrol, Ponteareas, Val Miñor, Vigo e a provincial de Lugo
as que logo de tempo de colaboración decidiron unir as súas forzas á
marxe da Confapa e “dar o salto inevitable para ter unha voz única”,
segundo aclara o seu vicepresidente e presidente das anpas de Santiago,
Fernando Lacaci.
O rexeitamento á aprobación da nova lei educativa estatal, a Lomce, e o
traballo conxunto de hai anos foi o que levou estas oito federacións a
confederarse, o que implica tamén que desde agora existan dúas voces
diferentes das anpas galegas na defensa do ensino público. Unha
situación que, en palabras de Lacaci, supón “unha duplicación” de
esforzos, pero “non unha división, nin moito menos”. “Antes había unha
confederación de anpas e agora hai dúas, nada máis”, insiste.
"Supón unha duplicación, pero para nada é unha división; non nacemos
por oposición a ninguén", din desde a nova Confederación de Anpas
“Non nacemos por oposición a ninguén, senón porque nos parece que hai un espazo no que ningúen estaba actuando”,
explica o vicepresidente da nova confederación, que ve no “esquema
provincial” no que está organizada Confapa-Galicia unha das claves que
explican a creación desta nova entidade. “Pensamos que en Galicia as
agrupacións debémonos artellar en espazos onde nos sintamos cómodos;
mentres a Confapa se basea nunha organización provincial, nós
organizámonos de forma comarcal, municipal ou incluso tamén provincial
no caso de Lugo, pero sen rixidez e adaptándonos ás necesidades de cada
ámbito”, explica Lacaci, que lembra que nesta nova organización xúntanse
federacións amplas pero unidas que abranguen moitos concellos, como no
caso da Costa da Morte, pero tamén de ámbitos máis reducidos como Vigo,
Ferrol ou Ponteareas. Fontes desta nova confederación insisten en non
sementar polémica e en aclarar que nacen para "unha mellor
operatividade" tras comprobar durante anos as dificultades que unha
estrutura "pechada e moi xerárquica" lles poñía. "Construímonos de
abaixo cara a arriba", insisten as mesmas fontes.
“A nosa consideración é que a provincia é unha división
errónea, que non identifica a ninguén máis que a nivel de código
postal; as decisións educativas débense tomar integramente en Galicia”,
engade Fernando Lacaci, que advirte desta principal “diferenza
operativa”, pero tamén doutra gran diferenza que provoca esta
duplicidade na defensa do ensino público desde as asociacións de pais e
nais do país.
Confapa-Galicia -que até o de agora agrupaba as federacións provinciais
da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e unhas 730 anpas asociadas en
representación de máis de 50.000 familias- forma parte da Ceapa estatal
(Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos), onde
conta cun vogal en representación da comunidade autónoma na xunta
directiva.
A nova confederación defende unha organización pensada e organizada exclusivamente desde e para Galicia,
o que non significa que a Confapa non defenda o ensino público galego.
“Está claro que esa é a súa e a nosa preocupación”, aclara.
A creación dunha nova confederación reproduce a división nas dúas plataformas en defensa do ensino público
Helena Gómez, presidenta de Confapa-Galicia, considera que esta
duplicidade de confederacións vén derivada da adscrición dunhas ou
outras federacións ás dúas plataformas xurdidas contra os recortes na
ensinanza pública. "Eles teñen como referente a Plataforma Galega en
Defensa do Ensino Público e nós a outra plataforma, porque nos
consideramos apartidarios; nunha non hai partidos, senón representantes
dos traballadores, dos pais e movementos de renovación pedagóxica; e na
outra un partido, e dáme igual cal sexa o partido", explica.
"Eles cren que a Confapa depende de Madrid pero non é así; estamos moi
orgullosos de formar parte de Ceapa e da marea verde, pero eles teñen
máis acoutado o territorio", engade, aínda que desde a nova
organización aseguran que a simplificación non é así de sinxela e mesmo
aclaran que en federacións das que agora se integran hai dirixentes de
variadas correntes políticas, incluído o sindicalismo estatal.
No entanto, desde a nova agrupación cren que “as decisións educativas se deben tomar integramente en Galicia”.
“A educación que se dea en Galicia debe estar pensada, organizada, dirixida e institucionalizada aquí,
para a xente que aspira a educarse e vivir aquí e, en definitiva, para
aqueles aos que lles interesa máis o que é un carballo que o que é unha
encina”, asegura Lacaci.
A Confapa cre que "a educación é un tema demasiado importante como para restrinxilo a Galicia"
“O noso e máis importante sinal de identidade é sermos galegos porque
entendemos que a educación en Galicia débese traballar para Galicia e
desde Galicia, tanto dende o ámbito xeográfico como no cultural;
entendemos que as competencias educativas deberían estar todas aquí e,
aínda que xa temos moitas, estamos en desacordo coa postura da Xunta,
que só nos considera como unha sucursal de Madrid”, remata Lacaci.
Helena Gómez asegura, no entanto, que "as leis veñen de onde veñen".
"Temos que pedirlle responsabilidades á Xunta, pero tamén a Madrid.
A nosa visión é internacionalista porque por iso estamos tamén na
confederación europea", retruca. "A educación é un tema demasiado amplo e
importante como para restrinxilo a Galicia", insiste.
Malia todo, tanto unha como outra confederación de anpas insisten en
que "non hai problemas" entre as dúas organizacións e insisten en que
ambas "traballan na defensa do ensino público en Galicia", aínda que
baseados "en diferentes maneiras de entender a educación e o mundo".