martes, 31 de maio de 2016

850 ofertas laborais na Feira Internacional Virtual de Emprego FINDE.U

Con máis de 1500 estudantes e titulados de Galicia e o norte de Portugal inscritos, este luns botou a andar a Feira Internacional Virtual de Emprego FINDE.U, unha iniciativa transnacional organizada polas universidades de Vigo, Porto e Tras-Os-Montes e Alto Douro. Con preto de 80 empresas inscritas, estes estudantes poderán optar a unha das 850 ofertas laborais que xa están dadas de alta na plataforma en liña, e ás que os alumnos e alumnas xa poden enviar o seu currículo na procura dun contrato que lles permita iniciarse no mundo laboral. 

Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Sebastião Feyo de Azevedo, reitor da Universidade de Porto e António Augusto Fontainhas Fernandes, reitor da Universidade de Tras-Os-Montes e Alto Douro foron os encargados de inaugurar por videoconferencia este evento. Mato deu a benvida a estudantes, empresas e institucións desexando que esta cita “sirva para todos como un espazo de encontro que por un lado permita ao alumnado visibilizar oportunidades para comezar no mundo laboral e, por outro, lles sirva ás empresas como un espazo idóneo para captar talento, un talento que axude a ter un mellor futuro, porque o mellor futuro o dan persoas”. O reitor de Vigo agradeceu colaboración da rede Eures e destacou que “para Vigo é un privilexio a colaboración coas universidades do norte de Portugal”. Os reitores de Porto e UTAD tamén fixeron fincapé na necesaria relación entre universidades e tecido empresarial para favorecer a incorporación do estudantado ao mundo laboral. Feyo de Azevedo, reitor de Porto, lembrou que esta iniciativa toma a remuda da feira celebrada en Porto en 2015 en modalidade presencial, que desta volta aposta pola versión virtual “para ter unha dimensión internacional extraordinaria máis de 100 expositores, redes Eures de 12 países e 854 ofertas de emprego, números que nos agradan inmensamente, pero que aínda medrarán máis nas vindeiras horas”.
80 empresas nacionais e internacionais
Ao longo de toda a semana tanto os estudantes das tres institucións como o titulados das mesmas poden seguir inscribíndose e buscando na feira unha oportunidade laboral. O que si está pechado é o prazo de inscrición para as empresas e organismos, deixando a participación en 110 expositores, 80 deles son empresas de todos os sectores e principalmente de España e Portugal, aínda que tamén hai presenza de países como Bélxica, Alemaña, Malta, Eslovaquia, Irlanda, Reino Unido, Países Baixos, Estonia, Polonia ou Noruega. Entre as compañías participantes están, entre outras, Continental, AT&T, Calzedonia, Benteler, Abanca, Indra, Levantina, Gestamp, Indra, Manpower, Parfois, Qreer, Starwood Hotels & Resorts, Technogarden ou Deerpark House. Deste xeito, os estudantes poden acceder a 854 ofertas de emprego, cifra que pode seguir incrementándose ao longo da xornada deste luns. Tamén participan nesta cita de empregabilidade os servizos Eures de 12 países e 20 puntos de información.
Alejandro Martínez, responsable da Área de Emprego e Empredemento da Universidade, que está detrás da organización viguesa da feira, destaca como un feito moi positivo que moitas destas compañías “xa confirmaron a súa presenza nas feiras presenciais de emprego”, que terán lugar no mes de novembro nas universidades de Porto (2 e 3 en Exponor) e Vigo (8 e 9 no IFEVI).
Toda unha semana de actividade presencial e virtual
A feira que arrancou hoxe desenvolverase ata o venres 3 de xuño. Nas dúas primeiras xornadas terán lugar varias sesións formativas que se poderán seguir tanto presencial como virtualmente e nas que se tratarán temas como a busca de emprego en Europa mediante Eures, o emprendemento e autoemprego, as posibilidades de emprego científico para investigadores, a creación dun perfil en Linkedin, o programa Erasmus, o Europass ou a creación de vídeo currículos, entre outros contidos. Na xornada de mañá, as sesións que terán lugar en Vigo correrán a cargo de Enrique Gallardo, que presentará Eurodesk, un servizo de información dirixido a mozos e mozas para coñecer e participar en programas da Unión Europea sobre formación, educación, voluntariado, bolsas de estudos, ocio etc; José Antonio Rodríguez Fachado, de Xuventude.net que falará sobre o programa de mobilidade xuvenil Galeuropa; o profesor da Universidade, Celso Cancela, que coordina a Cátedra Jean Monnet e exporá as oportunidade de traballar nas institucións da UE e Teresa Ventín, coordinadora do servizo Eures transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal.
As sesións pódense seguir en streaming e tamén de xeito presencial na universidade dende a que se emita cada unha das intervencións. Para aqueles estudantes que non teñan a súa disposición un dispositivo electrónico ou conexión a internet, as tres universidades ofrecen tamén salas de informáticas dende onde poder conectarse.
Na segunda parte da feira, do 1 ao 3 de xuño, os estudantes poderán acordar entrevistas telemáticas coas empresas, para o que a Área de Emprego porá á súa disposición a sala III do edificio Miralles dende onde se poderán conectar á plataforma virtual habilitada para este fin, no caso de non facelo dende os seus propios dispositivos electrónicos.

Volven as Regueifas da Ciencia, cun debate sobre o fuso horario en Galicia

Logo do éxito da primeira regueifa de Ciencia en abril sobre a cuestión dos transxénicos, o vindeiro 10 de xuño volve outra sobre a conveniencia ou non de cambiar o noso fuso horario. Dous partidarios e outros tantos detractores do cambio argumentarán as súas posturas nunha sesión que comezará ás 20.00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación.
No equipo a favor do cambio de fuso participarán o portavoz do grupo parlamentario do BNG no Parlamento de Galicia, Francisco Jorquera, e o coordinador internacional da Asociación para a Racionalización dos Horarios Españois (ARHOE) e profesor de Economía e Empresa na UNED, José María Fernández-Crehuet. No bando oposto estarán o catedrático do Departamento de Física Aplicada da USC Jorge Mira e o profesor de Física da Universidade de Sevilla, José María Martín-Olalla.
As Regueifas están financiadas pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología
‘Regueifas de Ciencia’ é unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela financiada pola FECYT que consiste en diversos debates con estrutura tipo Oxford (con moderador, quendas de palabra cronometrados, estrutura por bloques…) sobre cuestións polémicas baseadas na ciencia que se celebran ao largo de 2016.
A exposición e confrontación de ideas é consubstancial ao coñecemento científico e por iso os debates, ademais de dar a coñecer os argumentos das distintas posicións ao redor dun tema, cumpren unha función de aprendizaxe e enriquecemento na audiencia que participa del. De feito, para comprobar a efectividade desta clase de confrontacións dialécticas, á entrada na sala preguntaráselle ao público –a través dun sistema de voto electrónico– cal é a súa postura inicial sobre o tema a tratar, que será confrontada xusto ao remate do debate.
O equipo que organiza estes debates, que se retransmiten en streaming dende a facultade, comezou xa a preparar o terreo da regueifa animando a un dabet previo a través das súas contas en Facebook (http://www.facebook.com/regueifas) e Twitter (@regueifaciencia).

Uns 200.000 alumnos dirán adeus á Selectividade este curso

A última convocatoria destas probas de acceso á universidade pecha unha etapa da educación en España, xa que a Lomce prevé unha nova avaliación. En Galicia celebraranse os días 8,9 e 10 de xuño.

Ao redor de 200.000 alumnos de toda España, bachareis principalmente, pecharán este ano unha etapa da historia da educación española, a de Selectividade, pois serán os últimos que se sometan á Proba xeral de Acceso á Universidade (Pau).

Tras catro decenios desde a súa implantación coa Lei Xeral de Educación de 1970 e centos de miles de alumnos examinados, o sistema cambiará o próximo curso académico. Os alumnos galegos, como a maioría dos españois, farán os exames os días 8, 9 e 10 de xullo. Seis autonomías (Asturias, Canarias, Comunidade Valenciana, Estremadura, País Vasco e A Rioxa) adiantan a convocatoria extraordinaria a xullo, para recuperacións e subir nota. En Navarra será entre xuño e xullo; e o resto mantena en setembro.

A Lomce prevé que a nova avaliación final de Bacharelato, que se efectuará por vez primeira ao terminar o curso 2016/2017, sexa obrigatoria para obter o título destes estudos secundarios e a que sirva para acceder aos universitarios. O seu resultado non terá efectos para o título de Bacharel en 2017, pero contará xa para entrar na universidade, co que desaparece a Pau.

A Confederación Estatal de Asociacións de Estudantes (Canae) rexeita tanto a Selectividade como a avaliación final de Bacharelato e teme que as universidades impoñan "arbitrariamente" probas propias de acceso desde o ano próximo."Sempre apostamos por unha avaliación transversal de moitos factores. Tense que ter moi en conta a opinión do profesorado que estivo co estudante durante o Bacharelato, pois ha de ter máis importancia que unha proba dun, dúas ou tres días concretos", argumenta a Efe o seu presidente, Carles López.
Confederación Estatal de Asociacións de Estudantes : a Selectividade "filtra o acceso á universidade" pero "non é efectivo nin xusto nin garantista para o alumno"
A Coordinadora de Representantes de Estudantes das Universidades Públicas (Creup) entende que o sistema de Selectividade cumpriu o seu propósito, "filtrar o acceso á universidade", pero "non é efectivo nin xusto nin garantista para o alumno". O seu presidente, Luís Cereijo, argumenta a Efe que o estudante xógaa "todo a unha carta". Ademais, é unha proba sobre coñecementos "memorísticos", cando o Espazo Europeo de Educación Superior vai, desde hai tempo, cara a un modelo de avaliación por competencias, "moito máis interesante e xusto".

Tamén critica o modelo Lomce, un "parche" que "non garante" a igualdade de oportunidades. E pide unha "moratoria" con "garantías curriculares" para os que suspendan a Selectividade este ano e queiran volver examinarse.

Desde a reforma de 2010, a Pau consta dunha fase xeral obrigatoria e outra específica voluntaria para subir nota. O xeneral consta de 4 exames (5 se hai lingua oficial autonómica): lingua castelá e literatura; lingua estranxeira segundo elixa o alumno (alemán, francés, inglés, italiano ou portugués); historia ou filosofía segundo decida o estudante e unha materia de modalidade de Bacharelato que el escolla. O aprobado conséguese cun 5 ou máis como resultado de sumar o 60% da nota media do Bacharelato e o 40% da cualificación da fase xeral, sempre que se obteña polo menos un 4 nesta. A validez desta cualificación é "indefinida".

Na fase específica, sempre sobre materias de modalidade, o alumno pode realizar ata catro exercicios, pero só contarán as notas dun máximo de dúas materias. A cualificación de admisión pode subir así ata 4 puntos. A nota da fase específica ten validez durante os dous cursos seguintes.

Os alumnos de FP superior, Ensinos Profesionais Artísticas e Deportivas poden acceder directamente coa nota media destes estudos, que poden mellorar presentándose á fase específica da Pau.

Manuel María quixo ser legatario da nosa lingua e da nosa literatura. E conseguiuno.

Elos dunha cadea

Hai uns días tiven a honra de acompañar e presentar a Mercedes Queixas en Ponteareas, nun acto en que o protagonista era Manuel María. A través dunha conversa distendida, mais profunda, Mercedes foi ilustrándonos sobre a traxectoria vital e literaria deste autor que canto máis coñecemos máis admiramos.

Eu quixera reparar hoxe nunha das cuestión que Mercedes Queixas sinalou, a entrega de Manuel María para garantir o futuro da lingua e da literatura de noso. Saleintou, precisamente, a satisfacción do poeta ao comprobar que, atrás da súa xeración, viñan outras, coas súas propias propostas estéticas, mais seguindo polo camiño da construción da nosa cultura, como el mesmo fixera dando continuación ás angueiras da xeración que a el o precedeu.

Nese devezo está tamén a raíz da creación dirixida aos máis novos, en teatro, en prosa ou en poesía, como elos que os suxeitaban a esta cadea que soña con medrar. “Quixen contar dun xeito elemental, sinxelo e esquemático o que é Galicia, o que foi Galicia. E alcender en vós –que sodes o porvir- a chama dunha espranza para que fagades a Galicia do futuro.” Di no inicio de As rúas do vento ceibe. Cantas persoas hoxe adultas tiveron en A Espiña de toxo chamada Berenguela, O bigote de Mimí ou Os soños na gaiola a labarada que lles iluminou a lingua. Cónstanos, como lemos na biografía de Mercedes Queixas, que houbo quen prendeu tan forte que deu en escribir tamén, así Rosalía Fernández Rial, quen chega afirmar que admiraba a Manuel María coma se fose unha estrala do Rock and Roll.

Como recolle en Labrego con algo de poeta, Manuel María concedía grande importancia “á formación das novas xeracións como eixo fundamental da recuperación da lingua e da cultura galegas, para o que era fundamental achegar a palabra aos espazos de formación do profesorado, o que comprobamos na lectura da súa obra e mais no continuo plan de visitas a centros escolares de todo o país.”

Precisamente niso pensaba o noso autor cando escribiu Os soños na gaiola, que se abre cunha “Carta aos nenos” en que Manuel explica o porqué deste libro: a necesidade de encher un oco que existía no noso país, cuns versos achegados aos máis pequenos, aqueles versos que o propio Manuel botara en falta na súa infancia.

O libro foi ferramenta imprescindíbel de moitos mestres e mestras para promover a normalización e a aprendizaxe da nosa lingua e da nosa cultura. Foi un libro que tivo unha enorme acollida e disto dá mostra o feito de que no mesmo ano de 1972 se publicasen até tres edicións (a segunda edición tivo 3000 exemplares). Non só foi un libro vendido e lido, algúns dos seus poemas convertéronse en canción co que se multiplicou a proxección que xa tiñan.

Xustamente nos libros de poesía que teñen os máis novos como destinatarios preferenciais, que non únicos, atopamos dous poemas que acadaron unha enorme proxección e que hoxe practicamente todos e todas temos na memoria cando falamos de nós e do noso idioma. Trátase de “Galicia” de Os soños na gaiola e “A Fala” de As rúas do vento ceibe. Dous poemas para dotarnos de argumentos esenciais:

Galicia somos nós:

A xente e mais a fala.

¡si buscas a Galicia

En ti tes que atopala!


O idioma é a forza

que nos xungue e sostén.

¡Se perdemos a fala

non seremos ninguén!



Renunciar ao idioma

é ser mudo e morrer.

¡Precisamos a lingua

se queremos vencer!


Neste punto quixera reparar en que este poema, que se titula a Fala, vai definir o idioma. A escolla lingüística, non sei se intencionada pois Camilo Gómez Torres afirma que Manuel María utilizaba lingua, idioma e fala como sinónimos, ten un significado concreto. O pasado 17 de maio, unha amiga que ten vinte anos preguntoume se en galego se podía utilizar a palabra idioma, pois un seu profesor dixéralle que non, que non se podía dicir “idioma galego”, que tiña que dicir “lingua galega”. Para min a resposta que recibiu non está exenta de prexuízos. Volvamos ás nocións de lingüística e lembremos que: Lingua é o sistema gramatical de que nos servimos para nos comunicar e produce unha realización concreta nos falantes que denominamos Fala. O Idioma é a lingua propia dun pobo e remite ao concepto de nación, de estado, e pode ser un concepto empregado para definir, precisamente, a nación (considérese que a través do latín procede do grego ιδίωμα que vén significar “peculiaridade, propio, propiedade”). Non é menor, por tanto, o feito de empregar o termo idioma, que implica, xustamente, darlle á nosa lingua a categoría de elemento identitario e diferencial, aquilo que nos sitúa no mundo definíndonos como un pobo concreto, como unha nación.

Elos tamén entre as diferentes xeracións de escritores e escritoras. Escritores dos 80, como Cesáreo Sánchez, indican que Manuel María foi a figura que os “enlazaba coas xeracións anteriores e que viviron a posguerra”. Para min e para outros compañeiros dos 90 Manuel María foi exemplar. Admiramos nel o poeta, o escritor comprometido, a dignidade da persoa consecuente coas súas ideas até o derradeiro minuto.

Dicía Mercedes Queixas que sempre estaba atento ás novas voces que ían xurdindo e puidemos comprobalo ao atopalo entre as persoas que acudían a algún dos nosos recitais.

Foi a paixón por transmitir, por crear elos desta cadea en que novos elos deberán engancharse e prolongar a nosa razón de ser.

Un elo e outro elo e outro elo. Antonio García Teijeiro escribía este 17 de maio no seu blog Versos e aloumiños: “Os soños na gaiola significou para min a constatación de que aos nenos e nenas lles gusta a poesía. Camiñei a través dos seus versos para ir deixando no meu alumnado de hai máis de trinta anos a semente da poesía.” Días antes, exactamente o 23 de abril, Día do libro, na lectura da obra de Manuel María que fixemos en Vigo, Francisco Castro dicía que se fixo escritor lendo a Antonio García Teijeiro.

Dito cos propios versos do poeta, tirados da “autopoética” publicada no Boletín Galego de Literatura, nº  9, en 1993:

Tantos e tantísimos anos intentando

erguer un edificio confortábel

de música e palabras



e fixando a emoción que nos conmove

en canciós vagorosas pra que o vento

llas poida transmitir a aqueles que

nos veñan suceder na nosa tribu.

Esta é a historia. Non hai outra.

E pregámoslle ao tempo

que nos sexa benévolo e piadoso.

Semente apresentou livro sobre as Irmandades da Fala em Narom

A Escola Semente, sistema de ensino galego que já chega a Vigo, Narom e Lugo, para além de Compostela - cidade em que nasceu o movimento e que já conta com dous centros -, apresentou em Narom o livro "A escola das Irmandades da Fala". Foi no sábado (28 de maio) em Sam Mateu.
Enquanto nom vem o dia da recolheita é preciso intensificar a sementeira, para que non tenhamos quenos doer de nom ter rendido todo o labor que devíaamos e que a pátria merecia. E como talvez a nossa geraçom nom será a que veja brilhar com todo o esplendor da estrela que nos guia, é indispensável, para que o nosso trabalho non seja interrompido, cuidar da educaçom dos que venhem.
Com estas palabras, Ângelo Casal encorajava a participar nas Escolas de Ensino Galego, um dos projetos centrais da Irmandade da Fala da Corunha. A primeira sede estava na praça de Maria Pita, 17, rés-do-chao. Na Semente som continuadoras desta obra, e com o livro apresentado em Trasancos querem unir-se á celebraçom do seu centenário.
Durante o ato do passado sábado, também aproveitárom para divulgar outras experiências pioneiras e inspiradoras como a Escola Racionalista de Francisco Iturralde, as excursons instrutivas de García Niebla, a renovaçom pedagógica de Maria Barbeito ou a inciativa popular das escolas de ferrado.
"O exemplo destes mestres e mestras rebeldes prendeu com força e continua a inspirar-nos. Libertar mais espaços para a nossa língua é a melhor homenagem que lhes podemos realizar", explicam da Semente. O projeto das Escolas de Ensino Galego Semente é exemplo de projeto popular que, apesar da sua complexidade inicial, está a assinar um forte e sustentado sucesso.
Compostela, Lugo, Vigo e Narom retomárom já a sementeira.

Pontevedra acolle a feira científica Pontenciencia

A Feira de Miniciencia terá lugar os días 3 e 4 de xuño.

Pontevedra acollerá os próximos días 3 e 4 de xuño a Feira de Miniciencia de Pontevedra, #Pontenciencia2016, que conta con financiamento da FECYT.
Unha edición da feira Pontenciencia.
O venres 3 de xuño será o día das escolas e o día 4, o das familias e o público en xeral. Nestas xornadas haberá unha gran cantidade de actividades, incluíndo talleres de ciencia e cociña, neurociencia, ROBOTIX, oceanografía, unha exposición sobre o mundo dos morcegos, divulgación científica, historias da ciencia, a arquitectura dos nenos, a ciencia e a música, etc.
A cita terá lugar no campus da Universidade de Vigo en Pontevedra, onde haberá unha superficie de exposición para os proxectos dos participantes e a comunidade universitaria. Tamén se habilitará un espazo audiovisual e outro para actividades interactivas.
Durante a feira tamén se presentarán os resultados dos proxectos de investigación seleccionados a partir das propostas feitas por un comité científico dunha universidade ou un edificio singular, e que os estudantes levan a cabo co apoio dos seus profesores e familiares.

As anpas reclaman un modelo de comedores único, gratuíto e xestionado pola Xunta

A Federación de Anpas de Compostela celebrou esta fin de semana as I Xornadas sobre comedores escolares, co obxectivo de afondar no "cambio de modelo de comedores", sinalando que "o modelo de catering prestado por grandes empresas do sector non responde aos intereses das familias e ás necesidades dos nenos e nenas que os utilizan". Nas xornadas participaron expertos e expertas en nutrición, produción ecolóxica de alimentos e tamén se expuxeron modelos exitosos de servizos públicos de comedores a nivel municipal.
"Os comedores son servizos educativos complementarios que deben depender da Xunta e responder a un modelo único para todo o territorio galego", destaca a Confederación Anpas Galegas
No acto, Javier Sánchez (presidente da Confederación Anpas Galegas) expuxo o modelo que esta Confederación presenta como "ideal de futuro", baseado en que "os comedores son servizos educativos complementarios que deben depender da Xunta en todos os casos, e deben responder a un modelo único para todo o territorio galego". Sánchez engadiu que os comedores son, ademais "un mecanismo de compensación social" e "tamén unha fórmula de conciliación da vida laboral e familiar".
O modelo defendido pola Confederación sería de prestación obrigatoria alí onde houbese demanda, sen que a administración educativa tivese a posibilidade de negarse a ese servizo, e disporían de cociña propia ou -no seu defecto e sempre que fose xustificable- no centro máis achegado. Sería, así mesmo, un servizo que puidesen utilizar todo o alumnado do centro dun xeito gratuíto, financiado completamente a través dos Orzamentos da Xunta. Sería, finalmente, un modelo dependente da dirección do centro educativo, pero coa colaboración dun ou dunha profesional especializada que tería a consideración de "encargado/a do comedor", que sería quen efectivamente levaría a xestión práctica do servizo, e que tería unha relación laboral directa coa Xunta.
O modelo fai unha aposta polos produtos de proximidade e de tempada, cunha relación estreita cos provedores locais
Finalmente, o modelo fai unha aposta polos produtos de proximidade e de tempada, cunha relación estreita cos provedores locais, e adaptados por suposto ás necesidades concretas do alumnado concreto. Neste senso, a Confederación reclama que a Xunta "estruture unha equipa de profesionais especialistas en nutrición que se encargue de elaborar protocolos de actuación xeneralizables, e tamén do posterior control e colaboración sobre a realidade cotiá dos comedores escolares".

Allariz, Ames: Modelos de servizo

Nas Xornadas tamén interviron os e as responsables de servizos de comedor xa en marcha nalgúns concellos, co obxectivo de amosar o funcionamento neses lugares, que poden servir como modelo para proxectos futuros. Manuel Cid, concelleiro de educación de Allariz, explicou que na vila ourensá teñen un único comedor escolar, que está dentro do sistema de xestión directa da Xunta, polo que dispoñen de cociña e persoal propio. A diferenza con outros centros co mesmo modelo de xestión está na singularidade de ser un único centro no Concello, e na implicación que esta Administración municipal ten, a maiores das "axustadas" achegas económicas do Goberno galego, "para que a alimentación que alí se lles dá aos nenos e nenas cumpra criterios de calidade, mesmo avanzando dun xeito significativo nos aspectos ecolóxicos do produto que se consume".
En Ames o modelo funciona a través de dúas cociñas, nas que se preparan "produtos de tempada e de proximidade"
Tamén interveu David Santomil, concelleiro de Educación en Ames, que amosou a experiencia no seu Concello, moi diferente á de Allariz, xa que a xestión dos menús escolares está directamente organizada pola administración local, que conta cun convenio coa Xunta, que lle achega menos do 7% dos custes do servizo. En Ames o modelo funciona a través de dúas cociñas, nas que se preparan "produtos de tempada e de proximidade, adquiridos sempre que é posible a provedores do propio Concello". A comida distribúese logo, en vehículos propiedade do concello, a todos os colexios públicos de Ames, un sistema que traballa sobre distancias moi pequenas "que permiten que o espazo de tempo entre a elaboración e o consumo é realmente pequeno e garante a calidade dun produto recén preparado", destacou.
Ambos os dous concelleiros criticaron "unha normativa sanitaria e de contratación moi restritiva, preparada para a defensa das grandes corporacións alimentarias"
Ambos os dous concelleiros criticaron, con todo, a dificultade que supón "estar suxeitos a unha normativa sanitaria e de contratación moi restritiva, preparada para a defensa das grandes corporacións alimentarias, e que ten ás veces un encaixe complicado dentro do quefacer municipal".

As prestacións son a única vía de ingresos nun de cada tres fogares galegos

A dependencias máis alta desta fonte de ingresos está nas áreas de Ourense Sur (a metade dos fogares), Lugo Sur, O Carballiño-O Ribeiro e Ferrol-Eume-Ortegal.

O 32,12% dos fogares de Galiza teñen nas prestacións a súa única fontes de ingresos, unha porcentaxe que recolle o Instituto galego de estatística e que supón que un de cada tres fogares que hai no país subsisten grazas a subsidios e pensións. Unha cifra demoledora e que permite albiscar dados en poboación activa e ocupada preocupantes, así como en avellentamento e emigración.
Galiza non ofrece unha imaxe homexénea neste punto, existindo considerábeis fendas entre as diferentes áreas do país. Así, fican moi pior riba da media nacional zonas como Ourense Sur (comarcas da Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana), onde o 51,8% dos fogares só teñen ingresos por esta vía. Un de cada dous. A área de Lugo Sur, que abrangue Chantada, Quiroga e Terra de Lemos rexistra un 48,3%, seguida de O Carballiño-O Ribeiro, cun 47%.
Mais a estas áreas súmanselle as de Ferrol-Eume-Ortega, onde case o 40% dos fogares están nesa situación; ou a área da Costa da Morte ( Bergantiños, Fisterra, Muros, Terra de Soneira e Xallas), onde esa porcentaxe está no 38,9%. No outro extremo están áras como a de Barbanza-Noia e de Santiago, que rexistran os índices máis baixos de vivendas onde as axudas e subsidios son as únicas fontes de entrada de diñeiro, o 22 e 23% respectivamente.

Nas oposicións ao Sergas o castelán prevalece sobre o galego "a efectos da comprensión lóxica"

O exame das oposicións que esta fin de semana tiveron lugar en Silleda podíase facer en galego ou castelán. Mais en caso dalgunha anomalía, “erro tipográfico ou de transcrición”, nas instrucións da proba indícase que o texto de referencia, en caso de dúbida, é o redixido en español.

Fin de semana de oposicións do Servizo galego de saúde (Sergas), probas que decorreron en Silleda e nas que había máis de 11.000 aspirantes. O exame podíase facer en galego e castelán, as dúas linguas co-oficiais en Galiza. Mais na folla de instrucións figuraba unha advertencia: “En caso de erro tipográfico ou de transcrición do texto editado en galego e o editado en castelán, do cuestionario bilingüe, prevalece este último aos únicos efectos da súa comprensión lóxica, sen prexuízo das aclaracións vinculantes que de viva voz poida advertir o tribunal durante a realización da proba.” Unha afirmación que xerou sorpresa e malestar. Na mesma xornada dos exames, aspirantes e familiares que acudiron ás oposicións amosaban o seu abraio nas redes sociais cunha cláusula que implicaba relegar o galego fronte ao castelán.
Unha valoración que tamén partillan desde A Mesa pola Normalización Lingüística, que fala “dun auténtico compendio de prexuízos baseados no odio ao galego e no supremacismo lingüístico”. Consideran que, embora ofrecer formalmente as dúas opcións (galego e castelán), nas propias instrucións a recomendación é “quen queira aprobar debe facer a proba en castelán, pois só nesta lingua hai garantías de que as preguntas están correctamente elaboradas”.
O seu presidente, Marcos Maceira, lembrou como unha das primeiras medidas de Núñez Feixó ao chegar á Xunta foi eliminar a proba en galego para o acceso á función pública. “Agora dá un paso máis inutilizando a opción en galego, e animando directamente a non utilizalo”.
Valedora do Pobo
A Mesa trasladou a súa a queixa e petición de responsabilidades á Valedora do Pobo, á Consellaría de Sanidade e á dirección do Sergas, para alén de reclamar unha actuación inmediata da Secretaría Xeral de Política Lingüística e ao propio presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo.

luns, 30 de maio de 2016

Máis de 90 expositores na Feira Virtual de Emprego da UVigo

FINDE.U está dirixida a 61.000 estudantes das universidades de Vigo, Porto, Alto Douro e Tras Os Montes.

Empresas como Continental, AT&T, Calzedonia, Benteler, Abanca, Indra, Levantina, Gestamp, Indra, Manpower, Parfois, Qreer, Starwood Hotels & Resorts, Technogarden ou Deerpark House xa teñen confirmada a súa presenza na FINDE.U, Feira Internacional Virtual de Emprego. A cita, organizada pola Universidade de Vigo, a de Porto e a de Tras Os Montes e Alto Douro terá lugar do 30 de maio ao 3 de xuño nun formato dixital aberto a 61.000 estudantes das tres institucións académicas e máis de 100.000 titulados.
A unha semana de inaugurarse e co prazo de inscrición para empresas xa pechado, hai máis de 90 organizacións con presenza confirmada, principalmente de España e Portugal, aínda que tamén estarán representados países como Bélxica, Alemaña, Malta, Eslovaquia, Irlanda, Reino Unido, Países Baixos, Estonia, Polonia ou Noruega. Delas, 63 son empresas que ofertan contratos ou prácticas; 17 son puntos de información e 11 son redes Eures de diferentes países. No tocante ao estudantado, poderán inscribirse ata o mesmo día que remata a feira, 3 de xuño.
Ao longo de cinco días a Feira Internacional Virtual de Emprego desenvolverase como unha plataforma interactiva para poñer en contacto entidades empresariais que procuren persoal con estudantes e xa titulados que estean iniciando a súa andaina no mundo laboral. A organización do evento corresponde á Área de Emprego, cuxo responsable, Alejandro Martínez, explica que durante esta semana as empresas están comezando a subir as súas ofertas e os alumnos e alumnas que estean matriculados poden inscribirse xa nas sexan dos seu interese. Sobre o tipo de ofertas publicadas ata o momento, Martínez destaca a súa “heteroxeneidade, con todos os sectores e titulacións representadas” e con especial presenza de eido da enfermaría, a docencia no estranxeiro, as TIC, a enxeñaría ou a moda.
Máis información no seguinte enlace:

A Feira Internacional Virtual de Emprego FINDE.U contará con máis de 90 expositores

Celebrarase do 30 de maio ao 3 de xuño organizada polas universidades de Vigo, Porto e UTAD Participan 63 empresas, 17 puntos de información e 11 redes Eures e toda Europa Empresas como Continental, AT&T, Calzedonia, Benteler, Abanca, Indra, Levantina, Gestamp, Indra, Manpower, Parfois, Qreer, Starwood Hotels & Resorts, Technogarden ou Deerpark House xa teñen confirmada a súa presenza na FINDE.U, Feira Internacional Virtual de Emprego.
Lee el artículo en duvi.uvigo.es &gt

Galiza. Contra os recortes e a deterioración do IES Concepción Arenal

Á atención de Román Rodríguez González, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Desde o Sindicato de Estudantes de Ferrol queremos denunciar a situación na que se atopa o Instituto de Educación Secundaria máis grande e importante da nosa comarca, o IES Concepción Arenal. Como consecuencia dos recortes aplicados nos últimos anos na educación pública por parte do Partido Popular, a situación que está a vivir o alumnado, o persoal docente e os traballadores e traballadoras do centro é insustentable.
  • As infraestruturas precisan dunha reforma en profundidade e o seu posterior mantemento, que vaian máis aló dos meros parches que vén poñendo a Consellería de Educación da Xunta de Galiza, ante as reclamacións que ano a ano vén facendo a dirección do noso centro educativo.
  • As baixas dos traballadores e traballadoras nun centro cunha superficie tan grande, non son cubertas pola Consellería de Educación, coa consecuente sobrecarga no traballo dos conserxes e persoal de limpeza que, para cumprir co seu traballo, fan esforzos que van máis aló da profesionalidade e compromiso que se lles pode esixir.
  • A saturación que, polo aumento de horas e redución de persoal docente, sofren os profesores e profesoras que impide que poidan exercer o seu labor de maneira eficiente, imposibilita facer desdobres ou clases de apoio e que, sumado á falta de mantemento das infraestruturas, impide que se poidan ofertar bacharelatos específicos diferentes (actualmente ofértanse o de Ciencias e Tecnoloxía, o de Humanidades e Ciencias Sociais e o bacharelato de Artes plásticas, Deseño e imaxe).
  • Os continuos recortes de orzamentos que se produciron nos últimos anos, impiden que se poida facer fronte ás reparacións máis básicas, tanto das instalacións como do material utilizado nas aulas.
O pasado 12 de Maio o Parlamento Galego aprobou unha partida orzamentaria de 20 millóns de euros para facer fronte á reparación e mantemento de 372 centros de primaria e secundaria. En palabras do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, esta nova partida viña motivada polo feito de que Galicia é unha das comunidades autónomas que cumpriu co déficit marcado pola administración central e chamou á súa política económica “déficit de responsabilidade”. Desde o Sindicato de Estudantes temos claro que esta nova partida é unha medida electoralista para as eleccións autonómicas deste outono que, ao Partido Popular, antóllanselle como moi difíciles e que o seu chamado “déficit de responsabilidade” non é outra cousa que un teito de déficit conseguido a base de facer os mínimos investimentos posibles e da maneira máis austera posible durante a súa lexislatura para agora soltar unha esmola preelectoral. Este feito, queda claramente contrastado no noso centro, no cal, despois de reclamar ano tras ano unha reparación que acabe dunha vez por todas co grave problema de humidades que padecemos, a Consellería de Educación limitouse unha e outra vez a facer reparacións menores que non chegaron nin a paliar minimamente o problema, como substitucións dos canlóns que xa no primeiro ano mostráronse ineficaces.
Desde o Sindicato de Estudantes non imos tolerar que se faga campaña electoral vendendo unha calidade educativa que se viu amplamente diminuída nos últimos anos e , por tanto, esiximos de maneira inmediata unha reparación do noso centro en condicións e gastando o que haxa que gastar para garantir unhas instalacións que non poñan en risco a saúde do alumnado e do persoal do centro, así como un aumento nos orzamentos para facer fronte a unha educación pública digna e de calidade como a que os galegos e galegas merecemos.

O cambio climático causa en 8 anos 180 millóns de migrantes

A Organización Internacional para as Migracións diferencia entre os desprazados por fenómenos puntuais e aqueles que teñen que deixar o seu fogar pola deterioración continuada do medio ambiente.

O cambio climático inflúe nas migracións masivas, "aínda que fan falta máis datos" para entender mellor o seu papel e dotar aos países das ferramentas adecuadas para actuar, di a experta da Organización Internacional para as Migracións (OIM), Mariam Traoré. Segundo datos do Centro de Monitorización de Desprazados Internos (IDMC, en inglés), desde 2008 máis de 180 millóns de persoas víronse obrigados a deixar a súa vivenda por desastres naturais como terremotos, tsunamis ou inundacións.

Nunha entrevista con Efe durante a segunda Asemblea de Nacións Unidas para o Medio (Unea-2), Traoré destaca que o mero feito de que se discutiu este asunto nun foro como este "é un gran paso para entender mellor o problema". A experta da OIM diferenza entre persoas desprazadas por fenómenos naturais e persoas que abandonan as súas casas por falta de medios para sobrevivir debido á deterioración do medioambiente,sexa porque as súas terras se volveron estériles,sexa porque non teñen acceso a auga para o seu gando.

Nestes casos, a tarefa de cuantificar os movementos de poboación é relativamente fácil, pero non sucede o mesmo "con fenómenos de aparición lenta como o aumento de temperaturas, a desertificación ou a degradación do chan, que son efectos a longo prazo", sinala Traoré.
Traoré, experta da OIM: "O conflito sirio non tivo a súa orixe no cambio climático, pero Siria sufriu unha seca de catro anos que provocou migracións masivas do campo ás cidades"
Outro aspecto que xera bastante controversia é o papel que xoga o cambio climático na exacerbación de conflitos armados, un tema moi debatido no caso de Siria. "O conflito sirio –comenta– non tivo a súa orixe no cambio climático, pero Siria sufriu unha seca de catro ou cinco anos que provocou migracións masivas do campo ás cidades" e iso xerou desigualdades e aumentou o malestar entre unha poboación que xa daba signos de rebelión.

Non é fácil determinar ata que punto estas secas ou as inundacións, a deterioración das terras son causa dos ciclos naturais do clima ou do proceso de cambio climático que experimenta o planeta. E moito menos establecer un vínculo directo entre estes fenómenos e os conflitos armados, aínda que si hai exemplos que se dan en todo o mundo, como os enfrontamentos entre tribos gandeiras seminómadas e agricultores pola crecente escaseza de auga.

Por iso, Traoré considera que fan falta "máis probas, datos concretos, estatísticas e tamén máis análises cualitativas" para que os gobernos "tomen máis en serio" o problema e teñan as ferramentas adecuadas para orientar as súas políticas de protección. O camiño é longo e está cheo de altibaixos, recorda a experta da OIM, xa que se trata dunha cuestión "sensible".

En outubro de 2015, 110 países acudiron á reunión organizada pola Iniciativa Nansen, que baixo o auspicio de Noruega e Suíza, intenta "promover diálogos informais entre gobernos para discutir medidas de protección para refuxiados climáticos".

Con todo, a maioría de gobernos néganse a recoñecer un status de refuxiado climático porque ten connotacións políticas e legais, en especial en situacións de migración masiva como a actual.

O Papa, aos nenos: "Os inmigrantes non son perigosos, están en perigo"
 
O Papa Francisco afirmou este sábado que os "inmigrantes non son un perigo, están en perigo", durante un encontro que mantivo no Vaticano con 500 nenos italianos e inmigrantes, chegados de Calabria. "Os inmigrantes non son un perigo, están en perigo", dixo o pontífice en varias ocasións, unha mensaxe de fraternidade e de tolerancia con outras culturas e relixións que pidiu aos nenos que repetisen con el.

'O tren dos nenos'

O tren dos nenos é o nome desta iniciativa, organizada polo Consello Pontificio da Cultura, que desde fai catro edicións traslada a nenos ao Vaticano en tren para que poidan coñecer e conversar co Papa.

O sábado, a lema elegirdo foi Traídos polas ondas e os particpantes foron menores de Calabria, un dos lugares de Italia con maior número de inmigrantes.

"Boa parte (dos participantes) son refuxiados que viñeron sobre as ondas coas súas esperanzas e as súas traxedias", explicou o cardeal Gianfranco Ravasi.

Unha empresa dependente do Ministerio de Industria nega atención en galego

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que a empresa Llega800, que depende do Ministerio de Industria, nega a atención en galego. Un cidadán dirixiuse  á empresa para informar que recibía en malas condicións o sinal da TV. Llega800 contestou que o seu servizo era en castelán e: “Para unha mejor atención por nuestra parte nos gustaría conocer cúal es el motivo de su email en castellano”. A Mesa considera moi grave esta resposta pois a conclusión é que de empregarmos o galego teremos peor atención que en castelán.
A Mesa lembra que hai uns dereitos mínimos que a cidadanía ten legalmente garantidos na relación coas diferentes administracións
Neste sentido, alén doutra lexislación xeral como a Constitución española, o Estatuto de autonomía ou a Lei de normalización lingüística, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común que promulga no artigo 35.d) o dereito “a empregaren as linguas oficiais no territorio da súa comunidade autónoma, de acordo co previsto nesta lei e no resto do ordenamento xurídico”.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira lembra que: “cando unha empresa resulta adxudicataria dunha concesión pública ten a obriga de respectar o réxime de oficialidade lingüística do mesmo xeito que o fai a administración, polo que non pode obviar que o galego é a lingua propia e oficial de Galiza”. A lexislación especifica a obriga das empresas concesionarias de servizos públicos a respectar a oficialidade do galego, a “promover o uso normal do galego oralmente e por escrito na prestación dos seus servizos” e garantir que os cidadáns se poidan relacionar con elas e acceder aos seus servizos en galego. Así o fai, por exemplo, a Lei Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración Pública galega.
Mostra de que queda moito por avanzar é que case todos os días chega á Liña do Galego, servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística para atender consultas, tramitar queixas e parabéns, unha queixa sobre a vulneración de dereitos lingüísticos.
Como xa sinalou a Mesa no informe da Liña do Galego do ano pasado: “É alarmante que quen ten obriga de garantir o respecto dos dereitos lingüísticos da cidadanía encabece a lista de queixas, sendo non só cómplice destas actitudes senón promotora directa.
Marcos Maceira resaltou que: “as empresas que traballan para a administración deben respectar a lingua de escolla do cliente. Cómpre insistirmos na necesidade de que as empresas contraten persoal con competencias lingüísticas en galego, o que xera postos de traballo, dignifica a nosa lingua e amósanos respecto como clientes”.

Nace Chan da pólvora, editora e libraría especializadas en lírica

O novo proxecto chamarase Chan da Pólvora e levará asociado tamén unha libraría e un espazo de creación en parcería cos tamén poetas Eduard Velasco e Alicia Fernández. En xuño sacarán do prelo os tres primeiros libros.

Chan da Pólvora “estará centrada na poesía, que será o seu eixo, o que non impide que publiquemos textos teóricos relacionados coa poesía ou outros que se movan nos lindeiros do xénero”, segundo nos explicou o escritor e xornalista Antón Lopo, promotor do proxecto, xunto cos tamén poetas Eduard Velasco e Alicia Fernández, que levarán a parte da libraría.
A nova editora sairá á rúa con dous poemarios este xuño. O primeiro será a opera prima de Antón Blanco, un poeta vilagarcián de 20 anos, gañador do Premio Minerva. En opinión de Lopo, “é unha das voces máis orixinais dos poetas novos. Queremos que a editorial teña unha liña de aposta por explorar o que se está construíndo e á vez ofrecer espazos a voces que xa teñen unha traxectoria consolidada”.
A este segundo obxectivo responde Urania, a segunda obra a publicar por Chan da Pólvora. Trátase dunha reedición do primeiro poemario de Chus Pato, publicado en 1991 nunha “edición case de autor”. “É un expoñente dunha Chus Pato en ebulición, que é unha illa nova e que hoxe conserva toda esa forza primixenia”, defende o monfortino.
Chan da Pólvora sae á rúa con dous poemarios: a 'opera prima' de Antón Blanco e 'Urania' de Chus Pato
O terceiro libro, que sairá a luz o 28 de xuño (Día Internacional do Orgullo LGBT), será a correspondencia de Eduardo Blanco Amor con Ramón Suárez Picallo dentro da colección Rabo de Egua, “que acollerá textos que non están estrictamente encadrados na poesía”.
Outra das coleccións será Caniveliñas, que editará plaquettes (pequenas edicións), que botará a andar coa tradución dun poema de Pere Gimferrer.
Libraría en San Pedro 
A outra vertente do proxecto, homónima, é unha libraría que abrirá na compostelá Rúa de San Pedro número 74, tamén especializada en poesía e que inclúe espazo de creación plástica e de presentación de libros.
O nome da editorial e das coleccións remiten a topónimos da illa de Ons. “Nunha casa de María Salvado -persoa vinculada ao proxecto- no lugar de Chan da Pólvora ideamos o proxecto hai agora un ano, con todo o simbólico de concebir algo así dentro dunha illa”, conta Lopo. Desde aquela foron desenvolvendo un universo ao que se foron unindo persoas como o poeta Gonzalo Hermo ou o deseñador Manuel Martínez.
Alianza con Papeles Mínimos
Chan da Pólvora teceu unha alianza coa editorial madrileña Papeles Mínimos, dirixida por Imanol Bértolo, con quen publicará dúas coedicións ao ano bilingües. O primeiro froito desta colaboración sairá do prelo en novembro cunha antoloxía de poetas novos galegos.

A CIG-Ensino denuncia que a filtración de parte da proba xeral de 3º evidencia a chambonada na que a Xunta converteu a súa aposta pola LOMCE e as reválidas

Para a CIG-Ensino estes feitos desautorizan a actuación do Goberno galego e do conselleiro.

A CIG-Ensino chama a atención sobre o feito de que onte mércores 25 maio se publicaron nun medio de comunicación impreso contidos da proba que ese mesmo día formaba parte da reválida de 3º de Primaria. Para a CIG-Ensino está é a mostra máis palpable da chafallada na que a Consellaría de Educación converteu a aplicación da LOMCE e nomeadamente as reválidas que foron rexeitadas de xeito contundente polas familias. “Todo un despropósito ao servizo da ideoloxía do PP que o único que está supondo é un prexuízo para o ensino público e a súa calidade”, di Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino.
Para a CIG-Ensino todo indica que foi a propia Consellaría de Educación a responsable desta filtración e esixe unha explicación pública do sucedido que ten que levar consigo a desaparición da LOMCE e das reválidas. “Tendo en conta que parte das probas se filtraron publicamente antes de que remataran e que máis do 80% do alumnado non as fixo a Consellaría debería tomar a decisión de que se tiren a papeleira, que non se corrixan e que se deixe de cargar aos centros, en contra da súa vontade, de traballo inútil”, engade Louzao. 
En calquera caso, para a CIG-Ensino estes feitos desautorizan a actuación do Goberno galego e poñen en evidencia a falta de competencia do novo conselleiro de Educación, motivo suficiente para que presente a súa dimisión.
“O Goberno de Feixoo teima en someter o alumnado e o sistema educativo a unha presión innecesaria, pero eles mesmos  son incapaces de actuar cun mínimo rigor. Á vista está que  malgastan recursos públicos nunhas probas que a propia Consellaría converteu nun cachondeo e nunha autentica chambonada. E unha tomadura de pelo e desconsideración ao profesorado e aos centros”, explica Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino.

12 citas para os 12 puntos da Irmandade compostelá

Compostela será este sábado o centro das celebración ao redor do centenario da creación das Irmandades da Fala. O 28 de maio de 1916 conformouse a Irmandade compostelá, dez días despois de facelo a coruñesa. Fíxoo cun discurso pronunciado por Luis Porteiro Garea no Círculo Católico de Obreiros, estruturado en doce puntos. E serán tamén doce as actividades que este sábado encherán o centro da cidade ao longo de todo o día: teatro, música, intervencións artísticas, monicreques, exposicións... e un acto central no Panteón de Galegos Ilustres para pechar a xornada.
As asociacións Gentalha do Pichel, San Martiño Pinario e Cidade Vella colaboran nas propostas, entre as que se atopan mesas redondas e charlas coloquio sobre asuntos presentes no discurso de Porteiro Garea, como a responsabilidade do pobo galego no seu destino, a presenza da nosa lingua no ámbito da xustiza ou a realidade económica de Galicia.
O acto central desenvolverase no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval. Será un recital poético no que van participar Salvador García-Bodaño, Helena Villar Janeiro, Claudio Rodríguez Fer e Lucía Novas
O acto central desenvolverase no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval. Será un recital poético no que van participar Salvador García-Bodaño, Helena Villar Janeiro, Claudio Rodríguez Fer e Lucía Novas. O acto pecharase cun concerto co tenor Joaquín Pixán e o pianista Manuel Pacheco, que interpretarán os temas do seu disco Ramón Cabanillas na música, porque lembrando a Cabanillas é como finalizaba o discurso de Porteiro Garea na fundación da Irmandade da Fala de Santiago. As propostas do Concello para lembrar as Irmandades da Fala complétanse cunha exposición en catro quioscos da cidade que se atopan pechados. Trátase, en concreto, dos situados na Alameda, a praza de Vigo, Xoán XXIII e a rúa Bernando Barreiro, no barrio de Sar. Elexiuse esta ubicación para tratar de achegar a mostra ao maior número de persoas posibles.

Un discurso para unha Irmandade

A Irmandade de Santiago de Compostela foi a segunda en se constituír. Para iso, a través da prensa compostelá realizouse unha convocatoria o 26 de maio asinada por Luís Porteiro, o catedrático de veterinaria Jesús Culebras Rodríguez, o arquitecto Filipe Cimadevila Rey e o estudante de maxisterio Victoriano Taibo. A xuntanza celebrouse o domingo, 28 de maio de 1916, no Círculo Católico de Obreiros na rúa do Vilar, 21 presidida por Luís Porteiro Garea. Asistiron tamén Filipe Cimadevila, Victoriano Taibo, Salvador Cabeza de León, os catedráticos de medicina Miguel Gil Casares, Juan Barcia Caballero e Antonio Novo, o profesor de Maxisterio Casto Blanco Cabeza, o director do Diario de Galicia, Miguel Ferrer, o crego e profesor do Seminario López Carballeira, o xornalista Ramón Salgado, o catedrático de dereito Jacobo Varela de Limia, os cregos e profesores Manuel Vidal e mais Valentín Villanueva e o militar Vaamonde Miranda.
O avogado e concelleiro “agrario” Luís Porteiro Garea, primeiro presidente da Irmandade, foi o encargado de pronunciar o discurso inaugural, no cal facía unha lectura da situación lingüística, política, económica, social e cultural de Galicia
O avogado e concelleiro “agrario” Luís Porteiro Garea, primeiro presidente da Irmandade, foi o encargado de pronunciar o discurso inaugural, no cal facía unha lectura da situación lingüística, política, económica, social e cultural de Galicia. Os doce puntos do discurso foron os seguintes: 1- Falar i escribir en galego, coma seipamos. 2- O renacimento hispano, e a guerra. 3- A concencia do noso pecado. 4- Amar á Hespaña e á Galicia. 5-A nosa posición no mundo. 6- Cuestiós interiores. sintesis. 7- O capital galego. 8- A industria e o traballo. 9- O direito, xueces e notarios. 10- O arte, a música galega. 11- A crisis da nosa poesía. 12- Ramón Cabanillas
 

Nace Espazo-Equo buscando ser "o referente galego do ecoloxismo político"

A cooperativa política Espazo-Equo celebrou este sábado en Compostela a súa asemblea constituínte, baixo o lema “reverdecendo a esquerda, enraizando coa xente”, unha confluencia que busca "avanzar na construción dun referente galego do ecoloxismo político, ecofeminista e ecopacifista". O formato legal escollido para esta unión é o de federación de partidos, integrando Espazo-Equo "a 300 membros e 600 simpatizantes", destacando os seus impulsores que o proxecto está aberto "á adhesión de persoas que non formen parte nin de Espazo nin de Equo".
A entidade declárase "a favor dos procesos de converxencia política e social que superen as divisións preexistentes sustentados en posicionamentos ideolóxicos pechados, dando resposta ás demandas e intereses da maioría social". E fai unha aposta clara a favor de que sexan as mareas municipalistas, agrupadas en Mareas en Común, "o elemento vertebrador do proceso da Marea de carácter nitidamente cidadá que poida sumar ás forzas partidarias que deberán diluír a súa praxe para que non dubida sobre o seu escrupuloso respecto ás decisión do colectivo común”. Reclama unha unidade popular "sustentada no principio de democracia radical de 'unha persoa, un voto' en pé de igualdade, sen controles de cúpulas ou intereses de parte e ao que se pode incorporar colectivos políticos e sociais”.
Tamén se debateron e aprobaron resolucións referidas ás eleccións xerais do 26X, ao saneamento das rías, a Reganosa. á megaminería. á Lei de Solo e Montes, ao TTIP e ao CETA, ás persoas refuxiadas, ao feminicidio e ás infraestruturas innecesarias, entre elas a A-76 e a A-57. A resolución sobre as eleccións xerais pide un apoio "crítico" á candidatura de En Marea e foi aprobada por 40 votos a favor, 1 en contra e 8 abstencións. O texto destaca que "lamentablemente as forzas partidarias colonizaron o espazo de En Marea e apropiáronse do capital simbólico das Mareas e, en lugar de asentarse como un espazo transfronteirizo e plural, o ámbito de decisións quedou reducido aos tres partidos coligados e as mareas municipalistas relegadas a mera base militante".
Manel Cardoso (Espazo): “o noso obxectivo fundamental é incorporar a esquerda verde á axenda política galega”
Manel Cardoso (Espazo) destaca que “o noso obxectivo fundamental é incorporar a esquerda verde  á axenda política galega”. “Non renunciamos a un reagrupamento da esquerda plural e transversal deste país, pero queremos -como di o lema da asemblea- reverdecer a esquerda e enraizar coa xente, é dicir, coa radicalidade democrática e co concepto de unha persoa, un voto”, di. De igual xeito, Silvia Pinal (Equo) di que con esta confluencia buscan “facer máis forza” para que “a ecoloxía política adquira un papel protagonista”, subliñando que "ata agora en Galicia estivo nun segundo plano".
Silvia Pinal (Equo): "Cooperativa política é unha federación entre partidos que, en realidade, funcionan pouco como partidos. Nós máis que como partido, funcionamos como proxecto compartido"
Cardoso sinala que “o obxectivo futuro, a curto prazo, sería unha fusión entre Espazo e Equo”, unha idea na que coincide Pinal. A dirixente de Equo Galicia, define a fórmula de "cooperativa política" coa que se realizou a confluencia entre as dúas forzas como "unha federación entre partidos que, en realidade, funcionan pouco como partidos. Nós máis que como partido, funcionamos como proxecto compartido. O termo federación serve unicamente para partidos que actúan como compartimentos estancos".
Silvia Pinal (Equo) e Manel Cardoso (Espazo) serán co-voceiros de Espazo-Equo. Escolléronse, así mesmo, os órganos de coordinación, ocupando Lidia García, Xoán Hermida e Javier Rocamora a Mesa de Coordinación e Comunicación e outras 16 persoas a Mesa Nacional da formación. O alcalde compostelán, Martiño Noriega, foi o encargado de abrir a asemblea, na que tamén participaron como convidados representantes de Mareas en Común, ICV e EQUO Federal, así como diversos colectivos sociais.
 

venres, 27 de maio de 2016

Dous estudantes do Aller con talento xornalístico galardoadas por La Voz

Emma Cepeda foi elixida mellor xornalista xuvenil de opinión e unha foto de Adela Otero gañou un segundo premio.

No instituto Ramón María Aller Ulloa de Lalín continúan cultivando premios. Neste caso as galardoadas son dous estudantes de primeiro de Bacharelato que van á mesma clase pero que teñen afeccións diferentes. Emma Cepeda Mouriño, é de Lalín, e acaba de obter o premio que a converte na Mellor Xornalista Xuvenil deste ano na modalidade de opinión. Un galardón concedido na décima edición do certame Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil convocado polo Programa Prensa-Escola de La Voz de Galicia do que se fixo merecedora por un artigo titulado: Desde que comemos a mazá prohibida.

A súa compañeira de clase Adela Otero Vázquez, de Botos, gañou o segundo premio no concurso de fotografía Galicia, Auga en literatura tamén convocado por La Voz de Galicia a través de Prensa-Escola. No certame tratábase de elixir un texto, relacionalo cunha imaxe e enviar unha reflexión. Adela elixiu un poema de Rosalía de Castro que ilustrou cunha imaxe da auga goteando pola pedra e que sacou «no último momento na fonte do campo da feira».
 
Unha sorpresa
Ningunha das dúas esperaba «para nada» obter un premio, e no caso de Emma menos gañar. Explican que era a primeira vez que concorrían e que o fixeron despois de que llo comentase a súa profesora. Adela Otero sinala que «eu deixeino ata o final e logo presenteino no límite». Visto o visto, Adela apunta que «presentareime máis veces a máis concursos pero xa facendo as cousas con máis tempo».
Ten claro que o seu é a fotografía e afirma sen dubidalo que «espero que sexa o meu futuro». A carreira que queira facer tamén a ten clara. Quere estudar Comunicación Audiovisual «hai en Santiago e na Coruña», apunta e o que lle gusta é a fotografía de prensa e «grabar e facer publicidade».
Na súa casa, di, é á única que lle tira a fotografía e aínda que «nas cousas formais como vodas e comunións non fago as fotos, pero no resto das festas e celebracións encárgome eu sempre».
Estuda en BAC na modalidade de arte e Emma Cepeda na de Humanidades. A diferenza de Adela, Emma non ten claro o seu futuro aínda que apunta que o que máis lle gusta é «o xornalismo, a literatura e a historia».
O de escribir sobre malos tratos foi a súa segunda opción, a primeira que pensou foi falar sobre os papeis de Panamá. E é que confesa que lle gusta a política e que primeiro pensou en estudar ciencias políticas, que é unha carreira que barallou pero «que descartou porque «non me gustan as Matemáticas»
As dúas recollerán os seus premios o próximo día 4. Emma Cepeda gozará do seu cos seus pais e o seu irmán cos que viaxará a Londres unha fin de semana e Adela Otero recollerá unha cámara dixital Nikon que seguro que non tarda nada en probar. Onte para a foto pousou coa cámara da clase.
Estes días traballan na realización dun vídeo promocional cun decorado que reproduce a biblioteca do centro animada con bonecos de plastilina. Uns habitantes entre os que estará tamén Ramón María Aller porque o traballo audiovisual servirá tamén para celebrar o 150 aniversario da súa morte.

Portugal recorta o financiamento de colexios concertados

Os pais afectados saen á rúa para protestar pola decisión do Goberno socialista.

O PC, socio do Goberno socialista de António Costa, ten controlado aos sindicatos; pero a paz rueira rompeuse por unha banda insospeitado. Desde hai unhas semanas, pais de familia perseguen ao primeiro ministro alí onde vai, envían cartas de protesta, e representantes da Igrexa católica reúnense co presidente do país para que medie ante o Goberno. A cuestión é que o Ministerio de Educación pare a súa idea de recortar o financiamento á escola concertada.
A decisión non é tan tallante e absoluta, pero bastou para que a Igrexa católica, con maioría dos colexios afectados, proteste polos medios que pode. O Goberno non quere acabar coa concertada, pero busca atallar a redundancia de escolas en áreas próximas. Tamén poñer fin ao contrasenso de que haxa escolas públicas medio baleiras por falta de estudantes e moi preto nesa mesma zona, o Estado teña que subvencionar a colexios concertados; cada un recibe ao ano 80.500 euros por curso, segundo datos oficiais. O Goberno orzou para este ano un gasto neste capítulo de 139 millóns de euros e espera aforrarse no seguinte uns 40 millóns de euros.
O ministerio dirixido por Brandão Rodríguez, o máis novo do executivo, utilizou ata Google Maps para medir as distancias entre centros de ensino redundantes. Despois, técnicos do ministerio fixeron o percorrido entre os colexios co fin de medir o impacto do transporte dos alumnos. Non todos os cursos están afectados, só 5º, 7º e 10º.
En Portugal existen medio milleiro de colexios privados ou de cooperativas, pero a medida só afecta a 39 dos 79 colexios concertados dos cursos afectados, que non recibirán a subvención porque hai outro colexio na zona que neses cursos non cobre a cota de alumnos. Calcúlase que, debido á medida, uns 10.000 alumnos deberán mudarse a un colexio público, pois os concertados xa anunciaron que irán ao peche no caso de que acabe a axuda do Estado.
A norma entra en vigor estes días, coa elección de colexios do próximo curso. Por iso, o ministerio establece nas normas de elección unha nova cláusula pola que impide que os centros concertados só poidan admitir a alumnos “que residan na área xeográfica da oferta que abarca o contrato”. Educación garantiu que ten prazas públicas suficientes para todos os alumnos que as precisen.
A decisión gobernamental ha aberto a crítica máis eficaz dos partidos da oposición, o PSD e CDS-PP. As mocidades do PSD difundiron carteis onde se compara ao ministro con Stalin, os pais botáronse á rúa con camisetas alusivas e a Igrexa católica —a máis prexudicada porque  xestiona gran parte da concertada — move os seus fíos en instancias máis altas, concretamente ante o presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, que promete acougar as augas.
Co Goberno de centro dereita, o orzamento por curso baixou dos 114.000 euros de 2010 aos actuais 80.500
Entremedias, tamén se cruzaron números que, segundo a fonte, en nada coinciden: os millóns que se gasta o Estado no ensino concertado, ou o que se aforra o Estado grazas aos colexios semiprivados. Segundo a Asociación de Escolas Privadas e Cooperativas (AEEPC), a escola concertada sáelle máis barata ao Estado que a Pública.
A asociación advirte que a medida adoptada polo Ministerio —que non estaba prevista nin no programa electoral do PS nin no do Goberno— provocará o peche de 39 colexios neste primeiro ano e o despedimento de 4.000 persoas, entre docentes e empregados, cun gasto público en indemnizacións e subsidios de 54 millóns de euros.
O recorte á escola concertada non chega co Goberno socialista. Durante a pasada lexislatura, con goberno de centro dereita (PSD-CDS), o orzamento por curso baixou dos 114.000 euros de 2010 aos actuais 80.500, e dos 2.100 cursos subvencionados aos 1.700.

Neuroeducación: adeus á memorización ou á "letra con sangue entra"

Trátase dunha nova disciplina que aproveita os coñecementos sobre o funcionamento cerebral para deseñar estratexias que permitan ensinar e aprender mellor.

A aprendizaxe por memorización ou a expresión "a letra con sangue entra" poderían ser desterrados das aulas coa introdución da neuroeducación, unha nova disciplina que aproveita os coñecementos sobre o funcionamento cerebral para deseñar estratexias que permitan ensinar e aprender mellor.

Se a esta nova ferramenta se engade unha educación en virtudes cordiais que favorezan o diálogo, o recoñecemento recíproco ou a creatividade para buscar solucións a distintas situacións, tamén podería acabarse con graves problemas como o acoso escolar ou bullying.

A fusión destes dous conceptos -neuroeducación e virtudes cordiais- é a base sobre a que a doutora en Filosofía María José Codina sustentou a súa tese doutoral, que en xuño do pasado ano obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude, e posteriormente reflectiu no libro Neuroeducación en virtudes cordiais: como reconciliar o que dicimos co que facemos.

A tese, a primeira de España que aborda o tema da neuroeducación, foi codirixida pola catedrática de Ética e Filosofía Política da Universitat de València Adela Cortina e o profesor titular de Filosofía Moral da UV, Juan Carlos Siurana.

Nunha entrevista con Efe, Codina destacou que a neuroeducación é "unha ferramenta moi útil que non implica a necesidade de grandes cambios estruturais nin un custo económico importante, só cambiar a metodoloxía que o docente leva a clase".

Con todo, "si cambia moito o xeito de aprender dentro da aula e de como os alumnos conciben a educación. É fundamental que vaian a clase con ganas de aprender", asegura Codina, que imparte clases de Filosofía a alumnos de Secundaria.

Codina explica que as clases se poden estruturar aproveitando os coñecementos que existen sobre o cerebro. A concentración dos alumnos é maior durante os primeiros quince ou vinte minutos de clase, tempo durante o cal deben explicarse os conceptos centrais.

A partir dese momento a concentración dispérsase e o docente debe instar os alumnos a reflexionar sobre os conceptos que previamente se explicaron ou realizar unha actividade que os consolide.

"É moi sinxelo de facer e ten unha base neuroeducativa, saber como funciona a atención dos alumnos", asegura Codina, quen agrega que esta nova metodoloxía permite tamén unha maior empatía entre profesor e alumno, o que podería reducir os casos de insultos ou agresións aos docentes.

ACOSO ESCOLAR. O cerebro tamén conta cun sistema de activación reticular, un mecanismo de supervivencia que ao detectar unha ameaza centra toda a actividade cerebral nela e impide que lle cheguen outros estímulos.

Isto é o que ocorre nos casos de acoso escolar. Os alumnos que o sofren son incapaces de concentrarse noutra cousa e por iso en moitos deles hai fracaso escolar.

"É responsabilidade dos docentes modificar ese ambiente na clase para que baixe o nivel de alerta e ese alumno poida estar tranquilo para recibir a información que lle está chegando do exterior", asegura Codina a Efe.

Avoga por aplicar a neuroeducación desde a idade infantil, porque se desde os 3 anos afaise aos nenos a razoar ou a cuestionarse conceptos como a amizade, chegarán cuns hábitos adquiridos a Secundaria, un momento crucial na súa vida porque empezan a conformar a súa identidade.

Segundo afirma, aínda que memorizar é importante para a aprendizaxe, "non son palabras sinónimas. Pódese sacar un dez nun exame, pero se ás dúas semanas non te acordas practicamente de nada do que estudaches iso non é aprender, só é memorizar. As cousas que se recordan son porque foron significativas, tocáronche a fibra ou porque as utilizas".

Sinala que hai profesionais da educación que avogan por un cambio porque se ve que "a cousa non está a funcionar", pero tamén os hai que "non teñen xustificado o soldo que cobran. Non é o mesmo un oficio que unha profesión, que é aquela que implica vocación". A docencia, proclama, debe ser unicamente vocacional.

"Se continuamos actuando igual que hai vinte anos non teremos resultados distintos, é absurdo pensar iso. Haberá que tomar actuacións distintas", advirte Codina, para quen os cambios lexislativos en Educación cando se forma un novo goberno "son lavados de imaxe ou serven para agradar aos seus votantes".

A Mesa exporá o informe da Liña do Galego sobre vulneración de dereitos lingüísticos no Parlamento Europeo

A vindeira Cuarta feira (mércores), 1 de xuño, o coordinador da área internacional da Mesa, Paulo Filgueiras, participará nas xornadas sobre discriminacións lingüísticas na UE organizadas pola Rede Europea para a Igualdade das Linguas
O informe revela casos denunciados pola Mesa no 2015 e incluirá o presentado na Revisión Periódica Universal do Consello de Dereitos Humanos da ONU, e denunciará o decreto 79/2010 contra o galego no ensino

A Mesa pola Normalización Lingüística participará a vindeira Cuarta feira (mércores), 1 de xuño, na conferencia Respecto polos dereitos lingüísiticos? As discriminacións lingüísticas na Unión Europea organizada polos grupos parlamentares da Alianza Libre Europea, Os verdes e a Esquerda unida europea en colaboración coa Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) da que a Mesa forma parte.
Continúa así a acción de denuncia internacional que levou a entidade en defensa da lingua de Galiza a denunciar a situación do galego diante de diferentes organismos internacionais como o Consello de Dereitos Humanos da ONU e o Consello de Europa.
Estas denuncias inclúen casos de discriminacións diante de empresas ou organismos públicos, mais tamén a política lingüística da actual Xunta de Galiza, nomeadamente as modificación na Lei de acceso á función pública, e o decreto contra o galego de 2010, rexeitado recentemente polo consello de europa. A Mesa exporá tamén a situación creada pola sentenza do TSXG contra a ordenanza a favor do galego do concello de Lugo.
Na conferencia discutirase o tratamento que a UE e os seus Estados membros dan ao problema da discriminación e exclusión das linguas propias e avaliarase a situación en varios Estados, que pode fornecer a evidencia de discriminación lingüística con numerosos estudos de caso.
Como resultado elaboraranse recomendacións sobre as medidas que a UE debe tomar ao respecto, incluíndo o sinalado polo Consello de Europa, por medio da Comisión Europea contra o racismo e a intolerancia, de que a discriminación lingüística constitúe unha forma de racismo.
A conferencia contará coa participación xunto á Mesa, de diversas entidades de defensa das linguas propias da Bretaña, Cataluña, Irlanda, Gales, Húngaros de Eslovenia e Romenia, e Occitania.
Contará ademais coa participación do Consello de Europa (Carta Europea das Linguas e Convención das Minorías Nacionais), Alto Comisionado para as Minorías Nacionais da OSCE, e o Alto Comisionado de Dereitos Humanos da ONU.
A conferencia buscará o mellor xeito de utilizar a lexislación existente xa en vigor, como a Directiva sobre igualdade racial e da Carta dos Dereitos Fundamentais,así como as propostas Protocolo de Donostia (presentado esta semana en Galiza). Presentarase tamén a proposta da Rede Europea para a Igualdade das Linguas para unha directiva de dereitos lingüísticos.
As recomendacións da conferencia serán presentadas ás Comisións de Cultura e Liberdades civís, Xustiza e asuntos internos (LIBE), ao Consello de Europa, á OSCE e á ONU.
A Mesa convidará a asisitir a todos os Eurodeputados de Galiza
 Language-Hearing-Poster-Final-500x675 (83 kB)

O alumnado da UVigo festexou as Irmandades da Fala nas redes sociais

O ámbito da Universidade de Vigo celebrou este mes de maio o centenario das Irmandades da Fala, e fíxoo baixo o seguinte lema: Na Universidade en galego sen prexuízos. Boa parte destas actividades de festexo e convite colectivo para empregarmos a lingua desenvolveuse nas redes sociais, da man do alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (Campus de Vigo). Este mércores, coincidindo coa achega da última mensaxe (Todo ten un fin, o emprego da nosa lingua) os estudantes responsábeis da dita campaña 2.0 reuníronse co reitor Salustiano Mato; o decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Manuel Baamonde e o director da Área de Normalización Lingüística, Paulo Cabral. O obxetivo: facer balance de todo o acadado a través da iniciativa nas redes sociais.
Segundo fixeron saber os alumnos Pablo Baldomir, Elsa de Dios, Natalia Álvarez e Catarina Barcala, a campaña tivo a súa orixe nun contacto coa Área de Normalización Lingüística, con que se compartiu, de base, a mesma arela a prol do fomento do uso do galego. Aproveitando a celebración do centenario da creación das Irmandades da Fala, propúxoselle ao dito departamento a idea de realizar unha comparación da actualidade e textos da época das Irmandades en redes socias, “que están moi vixentes hoxe en día polo uso por parte da xente nova”, explicou Pablo Baldomir, engadindo que finalmente chegouse a unha media dunhas mil visualizacións por cada publicación.
Segundo fixo saber Elsa de Dios, a idea central foi facer unha comparativa de como eses prexuízos que denunciaban os impulsores das Irmandades da Fala séguense a cumprir. Para facelo de maneira visual empregáronse gráficas creadas para as redes sociais.
En palabras de Catarina Barcala, o que se buscaba plasmar é que cen anos despois das actividades das Irmandades da Fala “os seus textos seguen en plena vixencia e moitas das cousas que os seus integrantes e promotores denunciaron no pasado seguen a pasar na actualidade”. A estudante tamén fixo saber que “as mensaxes chamaron moito a atención polo contraste entre os textos antigos e as iconas das redes sociais”.
Lembrar que a campaña botou a andar o pasado día 11 e remataba onte 25 de maio. Ao longo destas dúas semanas guindáronse ao universo dixital máis dunha ducia de mensaxes. Por exemplo: E ti tuiteas en galego?, En que lingua opinas?, E a ti gústache?; Viaxa con ela polo mundo; A lingua non é un xogo...

A linda cooficialidade dun país diglósico

E a ledicia que nos dá vivir nun país diglósico? Iso é impagavel! Camiñando aquelas ruas encostas de Porto, onde todo a xente se dava a falar portugués, decateime eu do triste aborrecemento daquel viver monocorde.
Aqueles galegos ascendidos a nazón, non podían autoidentificarse ao estilo manuelino de Fraga porque non tiñan a cotío, de fronte, un falante superior que, precisamente por mor desa superioridade lingüística, non os entendese. E iso ten que ser moi aborrecido. Plano demais para un encefalograma galego habituado ás liortas dialecticas dos parrafeos e loias ancestrais. Os portugueses, ao que parece, falan todos a mesma lingua, o portugués, que vén curiosamente do nome  de seu  país, Portugal, do Portus Cali, eis Porto. Unha lingua tan cuspidiña á lingua nosa que mesmo parece cousa do demo que xa sabemos que era políglota, quer dizer, sospeitoso. E fálano e escréveno porque teñen non só o dereito como os galegos, senón também o dever. Así, cando os portugueses van ao médico, poño por caso, poden se referir a calquera inflamación co sufixo -ite tan ricamente sen ter que simular, perante o facultativo, ser do rural, de arrabaldo ou nacionalista tirando a arredista. No entanto en Ferrol calquera galego con otite ten de aparentar unha otitis en toda regra se quere ser diagnosticado axeitadamente.Isto vale igualmente para a apendicite porque a lingua galega funciona na diglosia como unha apéndice da castelá. De certo, na nosa etioloxía médica o galeguismo é unha doenza que cursa con síntomas esquizoides asociados a unha intolerancia á lactosa pola que se fecha a glote e inflámanse as cordas de certas vogais, nos casos recorrentes. Até tal estadío clínico que se podería chegar a trabucar na pronuncia óso-esquelete e oso-animal se non fora porque xa os exterminamos a todos. Os animais, claro, e aí non há densitometrías que vallan.
En fin, ao que ía, que viver en monolingüe é moi triste e por iso Pessoa é un poeta señardoso e fusco, sen a retranca dun Curros ou dun Leiras Pulpeiro, que xa portava a diglosia no apelido. Algúns coidan que os galegos vivimos vidas paralelas, vidas que non se atopan en ningún ponto, e iso non é certo porque o galego e mailo castelán conflúen no castrapo que é a nosa lingua universal. Porque os portugueses o mesmo te falan do viño que te defenden unha tese doutoral encol do acelerador de protóns na sua lingua. Os galegos non. Falamos do viño en galego, dos protóns en castelán e do demais en castrapo. Agás o ferrolano, ese raro especime da praza de Amboaxe cara ao Parador, que cando se desata a falar galego, nas arroutadas  das Letras ou do Patrón, calcula que vai servido engadindo o sufixo -iña ou -ela a toda adxetivación. -Que riquiña estava a tortela de patacas, verdad? Di, se cadra, co gallo dalgún evento rexional. -Si, pero o polvo te estava algo duro. -Ai, muller, non me seas tan pueblerina, di pulpo, como toda a vida!
Non podes mercar unha lámpada porque te arriscas a pasar por pedante e tes que te conformar cunha bombilla ou bombela se es de Ferrol
Viver nun país diglósico de linda cooficialidade non ten comparanza no tocante ao humor. Non podes mercar unha lámpada porque te arriscas a pasar por pedante e tes que te conformar cunha bombilla ou bombela se es de Ferrol, do centro centro. Se es das aforas aínda podes mercar en Vagalume que curiosamente é unha palavra galega que sempre empregan os castelánsfalantes porque luciérnagas aquí nunca houvo.
Viver en diglosolandia mantente sempre na alerta cando escoitas o debate do Estado da Autonomía a un presidente plurilingüe como poucos monocordando tan acorde.
Viver nun país diglósico non ten mais que avantaxes porque podes pasar por estranxeiro se quixerdes. Eu estiven tentada de entrar no Casino o día da Hispanidade e sociabilizar deste xeito:  Fai favor de me poñer unha macela, un pingo con bolachas, un zume de ananás con xelo e duas cervexas? Non mo traia á mesa. Se non é amolamento xa llo collo eu polo balcón. E cando o camareiro me mirar con ese abraio natural de país diglósico, dicíndome: Como dijo la señorita? Espetarlle cun sorriso xentil: Do you speak english, please? A camomille, one coffee with biscuits, one juice and two bears. Quero dizer beers que os animais xa os extinguiramos, non si?

As Irmandades: a reacción contra a parálise da RAG

“As Irmandades son unha especie de emenda á totalidade das estratexias e da praxe do rexionalismo finisecular de Murguía”, di Emilio Ínsua, que vén de publicar 'A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931)', o ensaio máis profundo que se ten publicado sobre este movemento. 

Nesta obra publicada por Baía Edicións, de máis de 700 páxinas, Insua deita información sobre o “conflito soterrado” entre as Irmandades e a Academia presidida por Muguía, xa ancián, e sumida “na pasividade e na inacción”. De feito, o autor defende que “a orixe das Irmandades haina que ver como unha especie de reacción contra a percepción de que as cousas ían cada vez peor para a lingua galega”. E a Academia daquel tempo nin sequera usaba o galego alén dos usos poéticos.
Murguía non vía con bos ollos este cambio xeracional, cunhas Irmandades que defendían o monolingüísmo e con posicións xa nidiamente nacionalistas superando o rexionalismo do 'patriarca' Murguía. “É significativo o detalle de que Murguía non participou nunca en ningún dos actos das Irmandades, non colaborou con ningunha das súas publicacións, non tivo ese papel de patriarca que abenzoa este novo colectivo que en teoría ten os mesmos obxectivos que a Academia que fundara en 1906”, explica Ínsua, que defende na súa obra que o marido de Rosalía “non perdoou que o novo movemento viñese, en definitiva, a tornar evidente a grande contradición do rexionalismo finisecular entre discurso e praxe a respecto do emprego do idioma galego”.
“É significativo o detalle de que Murguía non participou nunca en ningún dos actos das Irmandades"
Poucos académicos nas Irmandades
A pesar de que a primeira xuntanza das Irmandades, a da Coruña, tivo lugar na sede da RAG, poucos académicos participaron no movemento segundo o investigador de Viveiro. De 40 numerarios só sete deles se fixeron socios das Irmandades: foron Manuel Lugrís Freire, Euxenio Carré Aldao, Eladio Oviedo Arce, Florencio Vaamonde Lores, Francisco Tettamancy Gastón, Salvador Cabeza de León e Manuel Banet Fontenla. “Por exemplo, no manifesto de Lugo, que é cando as Irmandades xa adoptan unha definición en clave nacionalista, hai só dous membros da RAG que asinan o manifesto. Paréceme moi revelador do abismo e da distancia que había nese momento entre os que integraban a RAG e esta fornada de activistas pola lingua e polo país que son as Irmandades”.
E non só iso, un dos académicos que participan nos comezos das Irmandades, Manuel Casás Fernández, logo da clarificación ideolóxica, “pasa a combatelas con toda caste de munición” converténdose nun dos seus principais detractores. Casás remata sendo o presidente da Academia Galega na posguerra “e mesmo monta unha especie de ente para facerlle a competencia que se chamou Instituto de Estudios Gallegos na Coruña con outros intelectuais coruñesistas”.

Parte do exame da reválida de 3º apareceu filtrada na imprensa o mesmo día da proba

CIG-Ensino sinala a Consellería de Educación e exixe responsabilidades do que cualifica como unha “chafallada”.

xoves, 26 de maio de 2016

Tres normas de certificación da calidade en galego

USC e Xunta colaboran para que algúns dos certificados de AENOR estean dispoñíbeis, máis baratos, na lingua propia.

Aenor ten xa dispoñibles en galego tres das normas máis utilizadas para a certificación da calidade empresarial (UNE-ISO), un traballo realizado polo servizo de normalización lingüística da Universidade de Santiago de Compostela (USC) co obxectivo de "consolidar" o uso da nosa lingua no ámbito socioeconómico.
 Deste acordo entre a entidade privada coa institución académica, no que tamén participou a Xunta, deron conta este mércores en rolda de prensa. Ademais, o delegado de Aenor en Galicia, Martín Pita, aseverou que o traballo iniciado "non quedará aí", senón que se afondará neste labor.
 "A nosa idea é seguir traballando conxuntamente coa USC e a Xunta", mantivo, partidario de seguir traducindo as normas de máis relevancia para avanzar na "normalización lingüística" no ámbito empresarial. Ademais, co obxectivo de fomentar a utilización destes documentos en galego, formulou "medidas de discriminación positiva" en forma de "vantaxes" ou "descontos" para quen acceda a eles.
 Xunto a el, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, fixo fincapé na importancia de dinamizar o uso do galego no campo socioeconómico, "dende o pequeno comercio ás grandes áreas comerciais" pasando pola "construción naval".
 E, tras admitir que o mundo dos negocios "sempre estivo asociado ao castelán" en Galicia, incidiu en que "o galego ten que posicionarse" para "consolidarse" como lingua de uso "normal" entre o tecido económico. Neste sentido, recordou que a Xunta ten en marcha plans enfocados a esa "proxección".
 Dito isto, puxo en valor que "algunha outra comunidade con lingua cooficial" dirixiu unha consulta ao seu departamento para saber como se impulsara a tradución de normas UNE-ISO ao galego. "Pola confluencia de vontades e sensibilidades", resumiu, antes de agradecer o labor de Aenor para lograr este "feliz acordo" iniciado a mediados da última década pero que se detivo en 2008.
 Finalmente, a vicerrectora de Servizos del Campus de Lugo da USC, Carme Silva, resaltou tamén "a sensibilidade lingüística" da entidade privada e valorou que optara pola institución compostelana para levar a cabo a tradución.
 En virtude desta colaboración, reiniciada en 2015, o catálogo de Aenor ofrece tres normas en lingua galega; dúas delas relativas á xestión da calidade e a terceira, en materia ambiental.
 En concreto, son o 9001:2015 'Sistemas de xestión da calidade. Requisitos', a 9004:2009 'Xestión para o éxito sostido dunha organización. Enfoque de xestión da calidade' e a 14001:2015 'Sistemas de xestión ambiental. Requisitos con orientación para o seu uso'.

O Mencer aumenta a entrega de alimentos a 264 familias lalinenses

O colectivo de voluntarios está preocupado polo incremento de cidadáns en situación de risco.

«A situación non mellora e tennos preocupados o incremento de familias que chegan á nosa asociación buscando axuda», afirma a presidenta do colectivo de voluntarios O Mencer de Lalín Rocío Díaz.
Un colectivo que conta actualmente na súa listaxe con 264 familias ás que se lles brinda axuda de xeito semanal, quincenal ou mensualmente. «As entregas de alimentos van en función de si na unidade familiar hai nenos. Neses casos, son familias que temos clasificadas como prioritarias e as entregas realízanselles cada quince días». Das 264 unidades atendidas na actualidade en Lalín o 50 % son estranxeiras e outras tantos do municipio, segundo constata a presidenta do Mencer. Familias que son atendidas desde o punto de vista alimentario grazas a achegas e iniciativas particulares que se xestan a favor da asociación. «Agora o Banco de Alimentos fornécenos cada mes e medio polo que afortunadamente sempre temos alimentos que poder distribuír entre os que os necesitan. Doutra banda están as axudas de particulares e de empresas que nos dan queixos e iogures, por exemplo, e as iniciativas como a que organiza a escola de teatro que nos doará todos os alimentos que recade».
A pesar de toda a axuda o colectivo precisa de determinados alimentos: aceite, azucre, cola cao, cueiros para os nenos e produtos de hixiene. «Ímonos defendendo pero sempre hai algunhas cousas que temos que comprar nós ao non dispor das mesmas en reserva». E unha nova chamada á colaboración. «Os días 3 e 4 de xuño teremos unha gran recollida de alimentos no Eroski. Por pequena que sexa a colaboración sempre é importantísima».

Educadores laureados

Os institutos Aller Ulloa e Marco do Camballón reciben en Teo senllos premios á innovación educativa 'Escola Viva', promovidos pola UXT.

Profesores dos institutos Ramón María Aller Ulloa de Lalín e Marco do Camballón de Vila de Cruces recibiron onte tarde en Teo senllos premios á innovación educativa Escola Viva, no transcurso dun acto convocado por FETE-UXT Galicia e Escola Viva. O centro lalinense recibiu o primeiro premio grazas ao seu proxecto kale/kela: Ao son da arte e as ciencias. Arte inclusiva, mentres que o cruceño foi galardoado cunha mención honorífica polo seu traballo Arte e xogo feminino ao longo dá historia. Os galardóns entregados onte no Hotel Congreso teñen como obxectivo o recoñecemento ao labor daqueles docentes que levan a cabo experiencias didácticas innovadores nos seus centros, co fin de mellorar a formación do seu alumnado.
Ao certame organizado por FETE-UXT Galicia e Escola Viva presentáronse un total de 44 traballos de centros de toda a comunidade autónoma, e o xurado outorgou dous premios e cinco accésits. O galardón obtido polo IES Aller Ulloa de Lalín está dotado cun premio en metálico de 2.000 euros, mentres que a mención do centro de Vila de Cruces recibiu un recordo conmemorativo da súa distinción. O palmarés do concurso completouse cun segundo premio dotado con 1.000 euros para os profesores José Ignacio Salgado López e Manuel Axeitos Pérez, do IES Leliadoura de Frións, en Ribeira. O resto de mencións honoríficas recaeron en María José García García, do CPI de Castroverde (Lugo); Nuria Garabal González, do CEIP Plurilingüe número 1 de Tui; María Lamelas Fernández e Jennifer Fernández Rodríguez, do CEIP Manuel Bermúdez de Castro (Pobra de Trives); e María Amparo López Romalde, do CIP Plurilingüe San Xoán Filgueira (Ferrol). A entrega de premios congregou a numeroso público nos salóns do hotel de Teo onde tivo lugar a cerimonia.