Este mércores 28
celébrase a nivel internacional o
Día Europeo da Protección de Datos e unha das entidades galegas
máis activas á hora de salientar o valor do coñecemento e a
comunicación nas mellores condicións posíbeis, o CPEIG,
vai
celebralo con actividades divulgativas unidas baixo o nexo común
de “pór de relevo unha serie de recomendacións dirixidas á
cidadanía en xeral”. Entre as accións previstas atópase un
stand informativo que estará no Centro
Comercial Compostela de 19 a 22.00 horas atendido
por unha colexiada, quen lles explicará aos clientes de El Corte
Inglés como
salvagardar os seus datos persoais.
Ao fío da dita celebración e
aproveitando as cuestións quen pon de relevo, o Colexio Profesional
de Enxeñaría en Informática de Galicia considera de “moito
interese” que a sociedade galega “tome conciencia da necesidade
de incorporarse á cultura da protección de datos”. En base a
isto, o CPEIG divulga unha listaxe de consellos para contribuír a
“unha Sociedade da Información na que a cidadanía debe ser
consciente tanto de todas as oportunidades coma dos riscos que ofrece
a Internet”. A continuación, damos conta das devanditas
recomendacións:
· Antivirus. Cómpre
actualizar decote o software antivirus e de seguridade. Tamén é
preciso configurar o software do navegador coas opcións de
seguridade máis restritivas.
· Executábeis.
O CPEIG recomenda non descargar programas executábeis ou ficheiros
que sexan susceptíbeis de conter “software malicioso”. É
axeitado que protexamos o noso equipo con programas “devasa” e de
detección e eliminación de “software espía”.
· Identificadores. O
intercambio e a entrega de datos de carácter persoal e bancarios
debe efectuarse nos sitios web que dispoñan de protocolos seguros e
de política de privacidade. Nunca debemos achegar información sobre
os nosos identificadores de usuario e moito menos sobre as claves de
acceso. O CPEIG aconsella: “Sexa especialmente rigoroso en avisos
de sorteos, ofertas telefónicas ou promocións comerciais de
calquera tipo”.
· Contrasinais.
Debemos manter contrasinais distintos para cada web ou servizo que
sexan de abondo longos e difíciles de adiviñar. Temos que procurar
non usar o PIN dunha tarxeta de crédito, nin a data de nacemento,
nin palabras do dicionario ou diminutivos. Conveñen palabras nas que
se combinen maiúsculas, minúsculas, números e outros caracteres
especiais permitidos, ("iogur.de#piña",
"meu-can.ch4mase-Roque") que nos sexan doados de lembrar
aínda que difíciles de adiviñar a un terceiro.
· Wi-Fi.
O CPEIG aconsella emprestar particular atención ás redes sen fíos
abertas. A información vai sen protección, logo é susceptíbel de
ser interceptada e utilizada con fins non autorizados. É doado obter
os datos de acceso da gran maioría das redes. Recoméndase usar os
últimos protocolos dispoñibles cando sexa posíbel (WPA/WPA2).
· Buscadores. Debemos
ter en conta que o uso dun buscador xera tratamentos de información,
que serán empregados como mínimo para ofrecer anuncios
personalizados. Convén coñecer as políticas de uso do buscador que
máis empreguemos. Os buscadores poden permitir obter perfís
completos sobre a nosa información pública en Internet.
· Cookies.
Borrar con regularidade as
cookies e os arquivos temporais
de Internet, así como o historial de navegación, especialmente
cando se acceda a Internet dende un computador ao que teñan acceso
outras persoas.
· Spam. No caso de recibirmos correos non desexados (
spam), non
debemos enviar unha resposta, xa que estaremos confirmando a validez
do noso enderezo electrónico. É conveniente desactivar a opción
que envía un acuse de recibo ao remitente das mensaxes lidas do
sistema de correo electrónico
· Correo electrónico. Cando
enviemos mensaxes de correo electrónico a diferentes destinatarios,
cómpre empregar o campo “Con Copia Oculta (CCO)”. No caso de
envíos masivos utilizar ‘listaxes de distribución’.
· Redes sociais. Debemos
garantir a seguridade da nosa información nas redes sociais mediante
unha configuración axeitada do noso perfil e empregando
contrasinais. Non temos que esquecer que os buscadores poden
permitirlle a un terceiro obter a información pública dos perfís.
· Imaxe. A imaxe é
un dato de carácter persoal cuxa difusión ou acceso non autorizado
pode ser particularmente molesto ou daniño. Ao publicar unha foto ou
escribir nun foro podemos estar incluíndo información sobre outras
persoas. Debemos ser conscientes de que temos que respectar os
dereitos desas persoas.
· Cámaras web. Antes
de instalarmos unha cámara web que reproduza imaxes na Internet, é
de obriga que nos aseguremos de que a captación sexa o menos
intrusiva posíbel. Asemade, temos que garantir a seguridade
impedindo o acceso non autorizado a imaxes captadas por este tipo de
cámaras.
· Nenez. Cómpre educar a nenas e nenos no uso seguro das redes e
acompañalos na súa navegación. Cómpre adoptar medidas de
seguridade física e informáticas para os cativos, como a situación
do ordenador na casa ou unhas horas determinadas de uso.