“Polas fillas dos nosos fillos” é o lema co que Queremos Galego convoca a manifestación polo futuro da nosa lingua o vindeiro 8 de febreiro. O manifesto está a sumar apoios a través da rede.
A manifestación polo futuro da nosa lingua e contra a política regresiva en materia lingüística do PP xa ten lema. “Polas fillas dos nosos fillos” presidirá a convocatoria para a que xa se están a sumar apoios de entidades e particulares a través das redes sociais nas que se está a difundir o manifesto. O lema foi escollido entre os recibidos a través dunha convocatoria aberta de propostas por parte de entidades e particulares. Un programa de actos en distintas localidades animará á participación nunha manifestación que quere mostrar a dimensión da defensa da nosa lingua nunha situación que a organización define como “crítica”.
“A realidade é que cada vez hai menos xente que fala galego. A realidade é que a Xunta de Galiza sente un total desleixo e desprezo pola lingua. A realidade é que é imposíbel vivirmos en galego”, denuncia o manifesto que parte dos dados da enquisa do Instituto Galego de Estatística que confirman o grande descenso de falantes no que definen como “o lustro máis agresivo e lesivo para a normalización da nosa lingua”.
Compromisos reais e accións concretas
Compromisos reais e accións concretas é o que se reclama nun momento en que “é urxente actuar, tomar medidas normalizadoras e pór todos os medios e remedios para parar esta desfeita”.
De cara a futuro, con ese “fillas dos nosos fillos” que reclama a transmisión a xeracións vindeiras, desde Queremos Galego diríxense á política lingüística da Xunta para criticar o decreto que evita o ensino en galego, o papel da televisión pública ou a ausencia de materiais como xogos, filmes ou revistas na nosa lingua ou a imposibilidade de escolarización na nosa lingua.
“Defender o futuro dunha lingua é defender o futuro dun pobo. A nosa lingua sitúanos no mundo e fainos donos e donas do noso porvir, que está en nós, nas nosas fillas e fillos, nas nosas netas e netos. Na transmisión xeracional e na súa reposición social”, defenden de cara unha manifestación que quere mostrar a forza da defensa do futuro da lingua.
Ningún comentario:
Publicar un comentario