venres, 29 de abril de 2016

A cara e a cruz das universidades galegas

Os resultados dun informe estatal salientan que Galicia é a comunidade máis barata para estudar unha carreira, a sexta por demanda, pero tamén un dos sitios con menos éxito do alumnado, con menos estudantes estranxeiros, cun dos corpos docentes máis envellecidos e cun gasto en I+D moi discreto.

As universidades galegas teñen as taxas máis baratas en todo Estado, pero tamén un dos índices máis baixos de aprobados dos alumnos. Ademais, Galicia ten unha das comunidades docentes máis envellecidas en educación superior. Pola contra, mantén un destacado nivel de solicitudes de patentes, aínda que o gasto en I+D segue sendo discreto. Estas son algunhas das conclusións que se poden extraer do informe "Las universidades españolas. Una perspectiva autonómica. 2015", elaborado pola Fundación Conocimiento y Desarrollo (CYD).
O documento, de 363 páxinas, ofrece unha exhaustiva análise da realidade universitaria estatal. O máis salientable no que se refire a Galicia é o prezo das taxas de matriculación nos estudos de grao, nos que o custe medio de cada crédito é de 11,9 euros, o máis baixo de todo o Estado. É dicir, un prezo de menos de 3.000 euros por 240 créditos, frente aos 4.500 da media estatal ou os 8.000 de Cataluña. Isto, no lado positivo.
No negativo, a porcentaxe de aprobados nas carreiras que se ofertan en Galicia sitúase por debaixo da media estatal, entre as máis baixas. Así, o informe aporta malos datos para as universidades galegas no apartado de Indicadores de desenvolvemento académico nos estudos de grao, no curso 2012-2013, no que Galicia se sitúa 1,8 puntos por debaixo da media española (76,3%). Co 74,5%, Galicia é a antepenúltima autonomía, só por diante de Canarias (70,5%) e de Asturias (71,6%).
Esta porcentaxe calcúlase coa taxa de rendemento, que se define como a ratio, en porcentaxe, entre os créditos aprobados e os matriculados, e a taxa de abandono, que se define como os matriculados de novo ingreso no curso 2010-2011 que non aparecen nos dous cursos seguintes no mesmo estudo, respecto ao total dos novos ingresados no devandito curso.
Porén, os mesmos indicadores aplicados aos estudos de máster sitúan a Galicia 2,3 puntos por riba da media estatal (89,1%).
SEXTA AUTONOMÍA POR DEMANDA
Galicia é a sexta comunidade autónoma con máis universitarios, en concreto, 59.353, o 4,2% do total do Estado (1.416.827), dos cales o 55,2 son mulleres, sendo a cuarta autonomía con maior porcentaxe de alumnas.
Ademais, 46,7% dos matriculados nas universidades galegas ten entre 18 e 21 anos, e o 21,8% é maior de 25 anos.
No que respecta aos estudantes estranxeiros, Galicia presenta unha das porcentaxes máis baixas do Estado, con tan só o 1,4%, só por diante de Estremadura (0,9%) e Asturias (1%).
No curso 2013/14 houbo 10.003 egresados nas tres universidades galegas, isto é, o 4,3% do total no Estado, mantendo a proporcionalidade respecto do número total de matriculados, no sexto posto entre todas as autonomías.
No índice de especialización nas distintas áreas de ensinanza, Galicia destaca en Enxeñaría e Arquitectura, no cuarto posto, por detrás de Cantabria, Navarra e Asturias. Tamén obtén bos resultados en Ciencias, tras La Rioja, Asturias, Baleares, Aragón, Cataluña e Andalucía.
No que se refire aos matriculados en estudos de másteres oficiais, Galicia mantense en índices proporcionais a súa masa de estudantes, co 4,5% do total do Estado, en concreto, 5.501 matriculados, ocupando tamén aquí o sexto posto.
No mesmo curso, houbo 3.314 egresados en másters oficiais no noso páis, o 4,9% do total do Estado, sendo de novo a sexta comunidade na clasificación global.
Ademais, no ano 2013 aprobáronse 562 teses de doutoramento en Galicia, isto é, o 5,2% de todas as do Estado.
Por último, as universidades galegas ofertaron 123 graos (o 4,7% do total), 198 másteres oficiais (5,4% do total) e 139 programas de doutoramento (5,8% do total).
PERSOAL ENVELLECIDO
En canto ao persoal docente e investigador, Galicia contou no curso 2013/14 con 5.258 profesores, isto é, o 4,6% do total do Estado.
Destes, só o 4,6% era menor de 35 anos (a porcentaxe máis baixa de todas as autonomías), mentres que o 16,1% tiñas máis de 60 anos (unha das tres máis altas en toda España).
ECONOMÍA
Galicia sitúase nun discreto décimo posto no apartado de ingresos correntes por alumno, que na noso país foi de 6.815 euros no curso 2013/14, semellante á media estatal, que foi de 6.856 euros.
En transferencias correntes por alumno, a galega ocupa o sétimo posto con 5.555 euros; mentres que no capítulo de ingresos por alumno se sitúa na decimoquinta posición, con 1.241 euros. Porén, Galicia é terceira en transferencias de capital por alumno, con 1.464 euros.
No apartado de gastos correntes por alumno, a comunidade galega é oitava con 6.724 euros, mentres que o gasto en bens e servizos por alumno ascende a 1.151 euros, situándose no posto sétimo.
Con todo, Galicia ascende ao cuarto posto no investimento real por alumno, con 1.573 euros. E a taxa de aforro bruto leva a nosa autonomía ao posto 15.
INVESTIGACIÓN
Galicia aportou o 3,6% do total en gasto en I+D, moi lonxe do 26,4 de Madrid e do 22,8 de Cataluña, ou mesmo do 11,3 de Andalucía e o 10,2 do País Vasco.
En canto ás publicacións científicas, as universidades galegas sumaron entre os ano 2003-2013 un total de 33.057, o 5,9 da produción total no Estado, ocupando o sétimo posto.
Neste período houbo 471 slicitudes de patentes nacionais participadas por universidades galegas, é dicir, o 9,0 por cento do total, sendo a galega a segunda máis destacada neste apartado en relación a su persoal docente e investigador —por detrás de La Rioja—, se ben por número total de solicitudes ocupa a quinta posición.
O número total de patentes internacionais solicitadas dende Galicia foi de 112, entre os anos 2006-2013, sendo tamén a quinta comunidade neste apartado, e a terceira en relación ao número do persoal investigador.

A Unesco dá o seu apoio ao campionato escolar D3 Mobile da Universidade de Santiago

A Comisión Nacional Española de Cooperación coa Unesco patrocinará en 2017 o campionato científico escolar D3Mobile Metrology World League, segundo adiantaron os promotores deste certame internacional, organizado polo grupo investigación USCAN3D do Campus Terra da USC, en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e outras entidades.
“O compromiso de apoio recibido da Comisión Nacional Española de Cooperación coa Unesco consitúe un novo recoñecemento e tamén un gran orgullo para o grupo de investigación USCAN3D da USC”, sinala o director do proxecto D3Mobile, quen califica a consecución deste patrocinio como “un importante distintivo de calidade que contribuirá a unha maior difusión internacional do D3MOBILE nunha contorna cada vez máis competitiva no que a campionatos científico/técnicos para escolares se refire”.
O profesor Juan Ortiz precisa asemade que o respaldo recibido responde a que a Comisión Nacional Española de Cooperación coa Unesco considera este campionato científico escolar como unha actividade interesante e con importantes contribucións á filosofía da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e Cultura.
Máis información no seguinte enlace:
http://xornal.usc.es/xornal/acontece/2016_04/noticia_0193.html

O CSIC en Galicia pon en marcha 12 proxectos do Programa Estatal de I+D+i

Estes programas científicos reforzan a labor investigadora do CSIC en sectores estratéxicos para Galicia.

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia comeza a traballar nos doce proxectos para os que captaron financiamento na convocatoria pública competitiva 2015 do Programa Estatal de Investigación, Desenvolvemento e Innovación orientado aos retos da sociedade. Nestas semanas, están a celebrarse xa as primeiras reunións de traballo co resto de entidades participantes en cada proxecto, a fin de concretar as fases e as tarefas de cada investigación.
Os proxectos da Misión Biolóxica de Galicia
O Grupo de Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas inicia o proxecto Metabolitos secundarios en Brassicaceae: implicacións na mellora xenética e resistencia vexetal de brásicas hortícolas, con Elena Cartea González e Pilar Soengas Fernández como investigadoras principais. Está financiado con 165.000 euros.
O obxectivo é estudar os principais metabolitos secundarios presentes nos cultivos da familia Brassicaceae (grelos, coliflor, repolo) relacionados coa defensa da planta a estrés bióticos e con propiedades beneficiosas para a saúde, así como a mellora xenética de brásicas hortícolas co fin de obter variedades con valor engadido debido á súa adaptación, resistencia a estres bióticos e calidade nutricional.

O Grupo Xenética e Mellora de Millo inicia o proxecto Mellora xenética da resistencia e mecanismos de defensa do millo fronte a factores bióticos, con Rosa Ana Malvar Pintos e Ana Butrón Gómez como investigadoras principais. Está financiado con 130.000 euros. Neste caso trátase dun proxecto coordinado co grupo de Agrobiología Ambiental, Calidade de Chans e Plantas da Universidade de Vigo, encargándose da coordinación as investigadoras da MBG.
O obxectivo do proxecto é incrementar o coñecemento sobre os mecanismos de resistencia do millo fronte a estres bióticos, en particular á praga dos trades e a infeccións do fungo Fusarium para evitar a enfermidade e a contaminación con fumonisinas producidas polo fungo.
O Grupo Xenética e Ecoloxía Forestal obtivo financiamento para dous proxectos. Por unha banda, Dinámica reprodutiva e estratexias defensivas en piñeiros mediterráneos: relevancia para a xestión futura dos seus recursos xenéticos, cuxo investigador principal é Rafael Zas Arregui e conta cun financiamento de 130.000 euros.
O obxectivo é incrementar a comprensión sobre a capacidade adaptativa dos piñeirais de España ao cambio global e determinar estratexias de xestión dos recursos xenéticos forestais que garantan a persistencia das masas e o mantemento da biodiversidade intraespecífica.
Por outra banda, Factores que determinan a existencia de síndromes defensivas en especies do xénero Quercus na Península Ibérica: implicacións para a conservación de especies ameazadas, cuxo investigador principal é Xoaquín Moreira Tomei e cuxa financiamento é de 35.000 euros.
O obxectivo é estudar factores bióticos e abióticos que potencialmente poderían determinar as síndromes defensivas nas especies do xénero Quercus na Península Ibérica. De maneira máis específica, o reto deste proxecto é proporcionar un maior coñecemento sobre as estratexias defensivas destas especies forestais, o cal será fundamental para a toma de decisións en futuros plans de conservación e mellora xenética destas especies, xerando á súa vez importantes beneficios a nivel social e económico.
Todos estes proxectos teñen unha duración de tres anos.
Os proxectos do Instituto de Investigacións Mariñas (Vigo)
O Grupo Inmunología e Xenómica inicia o proxecto Variabilidade e función de xenes inmunes do mexillón Mytilus Galloprovincialis, cuxo investigador principal é Antonio Figueras Huerta e cuxa financiamento é de 170.000 euros.
O obxectivo principal do proxecto é mellorar o coñecemento sobre a resposta inmune do mexillón cultivado en Galicia, especialmente sobre a variabilidade xenética, transcriptómica e funcional de xenes con función inmune como os Peptidos Antimicrobianos (AMPs).

O Grupo Enxeñería de Procesos inicia o proxecto Un enfoque baseado en modelos multiescala para entender os mecanismos de adaptación das especies non convencionais do xénero Saccharomyces en fermentacións vínicas, con Eva Balsa Canto como investigadora principal. O financiamento é de 125.000 euros.
O obxectivo é a xeración do coñecemento e as ferramentas necesarias para o deseño de novos procesos fermentativos baseados no uso de especies como S. uvarum e S. kudriavzevii. Para iso expón dous obxectivos fundamentais: o estudo metabólico, utilizando unha aproximación de bioloxía de sistemas multi-escala, destas especies e S. cerevisiae, e a mellora, a través de evolución adaptativa e enxeñería metabólica, da tolerancia a etanol de ambas as especies mentres se manteñen os seus atributos.
O Grupo Bioloxía e Fisioloxía Larvaria de Peixes comeza a investigación Implicación da alimentación dos proxenitores e da dispoñibilidade de cobertura vexetal na viabilidade de Hippocampus Guttulatus: simulación en catividade. O investigador principal é Miquel Planas Oliver e o financiamento 52.000 euros.
O obxectivo é demostrar mediante simulación en catividade que a alimentación dos proxenitores e a dispoñibilidade de elementos de suxeición dos xuvenís do cabalo de mar Hippocampus Guttulatus (especie protexida) poden ser dous factores importantes na viabilidade da descendencia, podendo afectar á conservación da especie no medio natural.
O Grupo Ecoloxía Pesqueira estudará a pescada europea baixo a dirección de Francisco Saborido
O Grupo Ecoloxía Pesqueira inicia o proxecto Dinámica do recrutamento da pescada europea, con Juan Francisco Saborido Rey como investigador principal e un financiamento de 200.000 euros.
O obxectivo xeral é analizar as causas que determinan o recrutamento na pescada europea con especial atención ás causas demográficas e ambientais; e en particular estudar a posibilidade de que a presión pesqueira e o cambio climático estean a determinar os pulsos de recrutamento, investindo as tendencias históricas e favorecendo a poboación do norte.
O Grupo Laboratorio de Geoquímica Orgánica inicia o proxecto Fluxos de carbono nun sistema de afloramiento costeiro (Cabo Branco, NO de África): caracterización elemental, óptica, isotópica e molecular, con X. Antón A. Salgado como investigador principal e un financiamento de 145.200 euros.
O obxectivo é cuantificar a contribución do carbono orgánico disolto (COD) e en suspensión (COP), é dicir aquel que non sedimenta rapidamente, á bomba biolóxica na rexión de Cabo Branco (NO de África), onde a interacción do sistema de afloramento coa Fronte de Cabo Verde dá lugar ao Filamento Xigante de Cabo Branco.
O Grupo Ecobiomar inicia Demografía e relacións tróficas de larvas de lura nunha área oceanográfica de afloramiento: cara a unha aproximación ecosistémica da xestión deste recurso. O investigador principal é Anxo F. González González e o financiamento é de 165.000 euros.
O proxecto representa unha continuación da liña de investigación que Ecobiomar está a desenvolver durante o últimos quince anos en augas do Atlántico Nordés. O principal obxectivo é o estudo da demografía e relacións tróficas de larvas de lura nunha área de afloramento costeiro para avanzar cara a unha aproximación ecosistémica para a xestión deste recurso de importancia socioeconómica.
Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (Santiago de Compostela)
O Grupo Enzimología do Chan inicia o proxecto Propiedades bioquímicas do chan como indicadoras do risco ambiental de líquidos ionicos (LIS) propostos como absorbentes en bombas de calor, financiado con 70.000 euros e cuxa investigadora principal é Carmen Trasar Cepeda. Ten unha duración de tres anos.

O obxectivo é investigar a toxicidade para o chan de líquidos iónicos cuxas propiedades temofísicas fanos adecuados para o seu uso en bombas de calor por absorción. A toxicidade determínase mediante experiencias de laboratorio nas que se investiga a modificación das propiedades bioquímicas e biolóxicas do chan. O fin último é seleccionar, de entre os múltiples líquidos que poderían cumprir as condicións que lles permitan ser utilizados nas devanditas bombas, aqueles cuxa toxicidade para o medio ambiente é menor, evitando a fabricación e uso daqueles que poidan resultar máis tóxicos.
O Grupo Microbiología inicia o proxecto Potencial da fito-minería para a recuperación sustentable de Nin e outros elementos estratéxicos a partir de antigos vertedoiros de mina, financiado con 175.000 euros, con Petra Susan Kidd e Ángeles Prieto Fernández como investigadoras principais e unha duración de catro anos.
O proxecto está orientado á aplicación de técnicas de fitominería para o aproveitamento de elementos como o níquel, que teñen alto valor comercial, a partir de materiais como os vertedoiros de minas e canteiras, nos que a concentración dos elementos valiosos é baixa e non resulta rendible a súa explotación con técnicas mineiras convencionais. Traballarase con plantas hiperacumuladoras (como Alyssum serpyllifolium subespecie lusitanicum, endémica en chans ricos en Ni de Galicia e N de Portugal) que son capaces de concentrar Ni nos seus talos e follas en grandes cantidades. Ademais proponse realizar prospeccións para identificar outras especies vexetais que poidan ser interesantes para a extracción doutros elementos de elevado valor comercial e clasificados como materias críticas pola UE.

O 70% dos menores séntese "perdido" sen o seu teléfono móbil

Pasan máis de 10 horas semanais conectados e a maioría úsao para consultar as redes sociais ou chatear sobre o contido televisivo.

O 70% dos menores séntese perdido sen o seu teléfono móbil e o 76% considérao unha parte esencial da súa vida social, sendo o smartphone a súa principal fonte de distracción para unha maioría deles. Esta porcentaxe baixa ao 44% no caso dos mozos de entre 18 e 35 anos, segundo a actualización 2015 do estudo CCS propiedade de Carat.

Pola súa banda, o 61% dos mozos de entre 18 e 35 anos e un 51% dos integrantes da xeración que vai dos 35 aos 40 anos consideran que o smartphone é unha parte esencial da súa vida social, limitándose ao 44% e 41% os integrantes destas xeracións que se senten perdidos sen o seu móbil.

En concreto, o smartphone é a principal fonte de entretemento dos menores de 18 anos (62%) e unha parte moi importante dos mozos de entre 18 e 35 anos (44%). Os mozos de 35 a 40 anos (34%) tamén o consideran así.

PERFIL DO USUARIO. Este estudo reflexa ademais que a xeración que máis accede a internet desde o teléfono móbil é a que engloba a mozos de entre 18 e 35 anos, cun 84%; seguida polos integrantes da xeración que vai dos 35 aos 40 anos (77%) e os menores de 18 (73%).
O 76% dos enquisados considera o smartphone a súa principal fonte de distracción e parte esencial da súa vida
Deste xeito, os mozos de entre 18 e 35 anos e os menores pasan máis de 10 horas semanais conectados a través do teléfono móbil e nos dous casos se converte no seu principal dispositivo de conexión, chegando a superar os dous terzos do tempo total de conexión no caso dos menores de 18 anos e máis da metade nos mozos de entre 18 e 35 anos.
Doutra banda, o estudo pon de manifesto que o 83% dos menores, o 80% dos mozos de entre 18 e 35 anos e o 70% da xeración que vai de 35 a 40 anos utilizan o seu smartphone de forma continuada cando están a ver a televisión.

REDES SOCIAIS. Respecto da actividade principal é en todos os casos consultar as redes sociais, seguida de chatear sobre o contido televisivo que están a ver, onde un 42% dos menores o fai, o 46% de mozos de entre 18 e 35 anos e o 27% dos que teñen entre 35 e 45 anos. En terceiro lugar neste ranking aparece entrar nun buscador para achar máis información sobre o que ven en televisión co 32% dos menores, o 44% dos mozos de entre 18 e 35 anos e o 33% dos que teñen entre 35 e 45 anos.

Así mesmo, un 88% da menores fronte ao 87% dos mozos de entre 18 e 35 anos e o 85% dos que teñen entre 35 e 45 anos úsano para facer fotos ou vídeos, seguido polo acceso do email nos mozos de entre 18 e 35 anos e a xeración que vai dos 35 aos 40 anos, as redes sociais e enviar mensaxes.

Para rematar, no caso dos menores de 18 anos o 71% deles declara que lles gusta ter o teléfono móbil máis moderno, sendo esa preferencia menor nos mozos de entre 18 e 35 anos (44%) e a xeración que vai dos 35 aos 40 anos (40%).

Lugo será palco das Jornadas Coeducar em Igualdade do STEG

O vindeiro sábado 7 de maio terán lugar en Lugo as II Xornadas de "Coeducar en igualdade", ao abeiro do convenio de formación asinado polo sindicato STEG coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Lugo será palco das Jornadas Coeducar em Igualdade do STEGA actividade, que se desenvolverá en horario de mañá e tarde no Salón de Actos do Parque Infantil de Tráfico López Mella, e que ten solicitada a homologación por parte da Consellería, contará con ponencias, obradoiros e debates arredor da igualdade e da coeducación. Branca Nazaré Guerreiro, Lola Ferreiro e Mª Luz González serán as ponentes desta segunda edición das Xornadas, que aspiran a repetir o éxito de participación de hai dous anos, convertendo a actividade nun punto de encontro de referencia para o profesorado.
Dende o STEG, que entre outros valores identitarios se caracteriza polo feminismo,  considérase que este tipo de actividades formativas son fundamentais para combater dende o ensino público as actitudes, comportamentos e intolerábeis feitos que se suceden na nosa sociedade a cotío.
O prezo da matrícula é de 10 euros por persoa e pódese facer online na páxina web do sindicato: www.steg.gal
Con esta actividade, o sindicato de traballadoras e traballadores do ensino de Galiza pecha o ciclo formativo para este curso, que se iniciou coas Xornadas de Innovación Educativa PALAVRAR A LINGUA, no Museo do Pobo Galego en Compostela, hai dúas semanas.

Un estudo dunha investigadora galega di que a rapazada segue preferindo a televisión sobre os dispositivos

Os tempos mudan, mais as preferencias en canto a lecer dos menores semellan non variar moito co paso dos anos, así o constatou a investigadora de CCSS e da Comunicación Beatriz Feijóo na súa tese de doutoramento A infancia ante as pantallas: Análise do consumo de medios audiovisuais (TV, videoxogos e internet) entre os nenos galegos do último curso de primaria en 2010. No traballo levado a cabo por Feijóo entrevistáronse a máis de 2000 estudantes de 6º de primaria de diferentes localidades galegas concluíndo que, malia que internet e os videoxogos ocupan cada vez un meirande espazo na vida da rapazada, a televisión continúa a ser a predilecta. Outro deito a sinalar froito deste estudo é que os nenos e nenas galegos adican máis de dúas hora ao día ao consumo destes tres medios, segundo constatou a investigadora.
Outro aspecto comprobado é que o tempo adicado a estes dispositivos "increméntase de xeito acusado" nas fins de semana, así como o feito de que o peso crecente que estas teñen na vida e no lecer dos nenos non implica o abandono das actividades sociais, “xa que a maioría sinalaron que tamén lles gusta moito investir o seu tempo libre cos seus amigos ou xogando na rúa”.
O obxectivo final deste ensaio, dirixido polos profesores de CCSS e da Comunicación Aurora García e Jesús Pérez Seoane, era o de coñecer “o nivel de penetración e uso das pantallas” entre a infancia. Para iso, realizou unha enquisa a un total de 2202 estudantes de 77 colexios públicos e privados das catro provincias, que responderon a un cuestionario encamiñado a coñecer o tempo adicado á televisión, internet e os videoxogos, así como as súas “preferencias para o tempo libre”.
“Como consecuencia, os nenos cada vez se distancian máis das maneiras tradicionais de lecer infantil e optan polas novas tecnoloxías que os achegan a modelos de lecer adulto”, engade a investigadora, quen, non obstante, puido comprobar que o tempo que os cativos e cativas adican ás pantallas “non implica que desatendan as actividades sociais”.
En resumo, os nenos e nenas galegos adican máis de dúas horas ao día a estes tres medios, un tempo que “se incrementa de xeito acusado os sábados e domingos” e que tamén é maior no caso dos nenos con respecto ao das nenas, segundo comprobou Feijóo, quen tamén atopou que “as preferencias en canto a contidos” difiren bastante segundo o sexo, “sobre todo en programas de televisión e na selección de videoxogos”.
No tocante á televisión, preto do 65% dos enquisados afirmaron adicarlle “até dúas horas” nos días de colexio, “un consumo que se incrementa de maneira considerábel nas fins de semana”, mentres que no caso de internet, presente no 76% dos fogares dos enquisados, con “grandes diferencias” no grao de penetración entre a contorna urbana e o rural, a maioría declararon permanecer conectados menos dunha hora durante os días de colexio, tempo que de novo se incrementa nas fins de semana. Por último, os cativos aseguraron adicar menos dunha hora ao día aos videoxogos durante os días de colexio, mentres que, en sábados e domingos, “máis do 50% afirmou xogar entre unha e tres horas”.
Outra das conclusións deste estudo é que os nenos e nenas consumen produtos “non recomendados para a súa idade”. Nese senso, Feijóo apunta que, no tocante á televisión citaron programas “non aptos para unha audiencia menor de 12 ou 16 anos”, ao igual que aludiron a videoxogos para maiores de 18. De feito, a investigadora sinala que mentres que na televisión os nenos e nenas “en xeral si adoitan ver as series e debuxos animados” dirixidos a esta franxa de idade, no tocante aos videoxogos as súas preferencias pasan por aqueles “de uso xeneralizado en todas as idades”. Do mesmo xeito, en internet ademais de “visitar portais e servizos restrinxidos por lei a usuarios maiores de 14 anos, como as redes sociais”, optan por empregar tamén ”servizos, aplicacións ou portais pensados para un público adulto”, explica Feijóo, que incide na súa tese no papel que deben xogar pais e nais, como “responsábeis da alfabetización dixital dos nenos”.

Twitter en Galego encara o 17 de maio cunha nova edición do seu premio á mellor conta na nosa lingua

Xa está en marcha a segunda convocatoria do Premio á conta 2016, dirixido a salientar e visualizar os usuarios de Twitter que aposten polo galego na rede social. Igual que a primeira edición, o dito concurso vén de iniciativa Twitter en Galego, sendo o seu obxectivo último promover o uso do noso idioma nos novos servizos 2.0 de comunicación. Os encargados de achegar as candidaturas para o galardón serán os usuarios de Twitter. O concurso comezou o 26 de abril e rematará o 17 de maio (Día das Letras Galegas). A dia de hoxe aínda está en activo a fase de “escolma”. É dicir, o traballo de “apañar” as propostas que sexan achegadas polos membros da comunidade Twitter mediante un formulario ao que poden acceder na web do concurso. Esta fase estenderase até o 7 maio.
O segundo “apartado” ten que ver coa valoración. Nela, un xurado establecido polos responsábeis do certame escollerá a que ao seu xuízo sella a conta de Twitter máis destacábel. Poderán concorrer na actividade “todas aquelas contas que empreguen a lingua galega na maioría das súas publicacións”, ou sexa aquelas “que superen a porcentaxe do 80% do noso idioma nas súa comunicacións co mundo”. Por outra banda, non entrarán na recta final as propostas de contas que acubillen contidos discriminatorios ou que inciten á violencia en calquera das súas manifestacións.
O premio será de “carácter meritorio”, máis a organización avanza que haberá “unha pequena recompensa”: un miúdo espazo propio na web de Twitter en Galego durante un ano.

Supersementes de medrar libres e ceibas

Que se metamorfosee o mundo e que sexamos como bolboretas, libres, ceibas e felices. Porque outro mundo é posible aínda que nos queiran enganar. E con este imos mal. Díxoo Lydia Botana na actuación do seu grupo, Bolboreta, na festa de 5º aniversario da Semente. E foi un resumo posible, en poucas palabras, tanto do ambiente da celebración como do proxecto transformador da escola Semente. Aberto por Alegría, chamábase a festa. E houbo alegría a esgalla. Enerxía. Nun Auditorio de Galicia perto de rebordar. E máis cando pais e nenos e nenas comezaron a erguerse das butacas para bailar e cantar.
Foi a Supernai, -Natalia Pajarito-, a primeira en saír ao escenario, presentando a Semente. Unha rede de escolas de iniciativa social de inmersión lingüística -a primeira delas, a de Compostela, impulsada pola Gentalha do Pichel-, autónomas e autoxestionadas. “Nin públicas nin privadas”, dicía Pajarito, senón como unha asociación veciñal ou as escolas zapatistas. Laicas, ecoloxistas, comprometidas coa lingua, coa igualdade de xénero, co contexto social: o barrio, o país, o planeta enteiro. Froito da militancia e do optimismo, da confianza en que se poden mudar as cousas, de moita xente. Da superforza. Do superpoder da colectividade.
Escolas froito da militancia e do optimismo, da confianza en que se poden mudar as cousas, de moita xente. Da superforza. Do superpoder da colectividade
Con superforza, pero vocal, entrou despois Mónica de Nut, desde a parte de atrás do patio de butacas, e tocando unha buguina. Para cantar, despois, a capela, antes de subir ao escenario e facer unha sorte de coro coa súa propia voz, gravada no momento e devolta de  de inmediato ao ar ao mesmo tempo que seguía a cantar. Temas pasados pola súa interpretación persoalísima como o coñecido cantar de arrieiro Lévame, recollido, nunha versión distinta, no seu disco Dos fíos invisibles chegan as cores. Jazz, clásico e tradicional en diálogo libérrimo.
Nas actuacións fóronse alternando música e novo circo. O segundo puxérono Circonove e Peter Punk. Primeiro, Manu e Guille, con malabares con laranxas e mazás. Con máis laranxas e mazás, que se pasaban entre eles. E con mooittas laranxas e mazas. Unha morea delas cada un. Axudados coas palmas do público, que nese momento xa estaba máis que entregado. Jano encomendouse, pola súa banda, a varios santos, -entre eles San Jacobo, o de queixo e xamón-, para lidar cunha escaleira para ver as estrelas como un astronauta. Tras algún percance, entre modelados de figuras varias e, con axuda de Nantia, comprendeu que as estrelas estaban no público, e eran os nenos e nenas.
Chegou despois Susana Seivane, a ritmo de rumba e muiñeira, acompañada de Fany Ramos e Carliños Freire. Convidou o público a cantar e bailar, con pezas ben coñecidas como A saia da carolina e A Rianxeira. Non lle fixo falta insistir moito, porque pais e nenos e nenas -se non o fixeran xa- comezaron a moverse por entre as ringleiras de butacas. Volveu despois a Supernai -que fora presentando, mentres actuaba con Nair, a cada un dos artistas que ían saíndo-, e o público puido seguir cantando Sementar, sementarei de Fuxan os Ventos, -desta volta, gravada-. E diso ía, de sementar.
Tras un número no que o corpo da Supernai se dividiu milagreiramente en dous na caixa máxica, saíndo despois ela toda enteira e máis contenta ca un cuco, chegaron Bolboreta. E con eles a festa subiu de decibelios. De intensidade. Nunca choveu foi o primeiro tema. Alegría, que nunca choveu que non escampara. Despois Corazón de ferro. Ou Irmaus, con letra de Celso Emilio Ferreiro. Comentou Lydia Botana, cantante e multiinstrumentista do grupo, que Semente, coma as escolas zapatistas citadas pola Supernai, trata de formar persoas, seres humanos, e non de educar a xente para que a súa vida se reduza a ter e ter cousas. E logo máis reggae e mestizaxe. Máis potencia absoluta. Máis superforza.
Semente, coma as escolas zapatistas citadas pola Supernai, trata de formar persoas, seres humanos, e non de educar a xente para que a súa vida se reduza a ter e ter cousas
Peter Punk chegou de último. E a independencia dos pequenos e pequenas que saíron voluntarios para axudarlle complicoulle un pouco a cousa. Nada grave. Só que que che falen de confianza mentres anuncian o número do tartazo ao pallaso… pode impresionar un pouco. Primeiro foi Moncha -Lía-, que o deixou plantado no escenario ante tal panorama, por moitas figuras cun globo que acababa de facer, e moi ben, Peter. Despois outra Moncha -Icía-, que tomou a mesma decisión. Confías en min?, preguntáballe Peter.
Por que non vas confiar nun pallaso se hai quen confía en Mariano? (Rajoy), dicía Peter Punk
Por que non vas confiar nun pallaso se hai quen confía en Mariano? (Rajoy), dicía. Pero nin con esas. A máis valente foi June, que despois de carreiras polo escenario, acabou dándolle ao pallaso o seu merecido tartazo, privilexio que conseguiu por estar disposta, antes, a recibilo, sen saber que era unha broma e que non ía recibir tal. Peter Punk dedicoulle todo aos nenos e nenas, e en especial aos nenos e nenas refuxiados, como membro de Pallasos en Rebeldía que é. Tras esa actuación, -a máis punk, co mesmo ton reivindicativo e divertido de Bolboreta-, saíron todos os artistas. E tamén Maribel e Manolo, da organización. Ou John, de son. E así foi, até a próxima festa da semente. Da superforza de medrar para ser libres e felices.

Galicia perde 11.400 empregos mentres o mercado laboral segue a reducirse

Claros e escuros no primeiro diagnóstico laboral do ano en Galicia. A enquisa de poboación activa (EPA) do primeiro trimestre de 2016 reflicte un incremento de 5.200 persoas a respecto do remate de 2015 -no conxunto do Estado foron 11.900- e unha redución de 47.800 con relación a un ano antes, o que deixa a taxa de desemprego no 18,2%, tres puntos e medio menos que doce meses antes e seis puntos máis que a finais de 2009. O paro compórtase ben interanualmente e tamén o fai o emprego, con 33.600 postos de traballo máis que hai un ano. No entanto, na banda oscura sitúase a perda de 11.400 empregos en tres meses e, sobre todo, unha nova mingua do mercado laboral en xeral.
O paro aumentou en 5.200 persoas nun trimestre e reduciuse en 47.800 con relación a un ano antes
Nun escenario global de perda de habitantes pola combinación de emigración, baixa natalidade e marcha de persoas que inmigraran cara a Galicia antes do inicio da crise, a suma das persoas que traballan e mais das que están en condicións de facelo, a poboación activa, suma 1,25 millóns de persoas. Son unhas 6.200 menos que no trimestre anterior e 14.200 menos que un ano antes. Botando a vista un chisco máis atrás é posible coñecer que no inicio de 2016 a poboación activa galega está composta por 51.400 persoas menos que hai media década: daquela, a comezos de 2010, había 79.000 persoas máis traballando e unhas 27.000 menos no paro.

No que atinxe á calidade do emprego, as cifras melloran un chisco a respecto de hai un ano pero son peores que no remate de 2015. Así, entre o conxunto da poboación ocupada o número de persoas que desenvolven o seu emprego a tempo completo reducíronse en 9.300 nos últimos tres meses, ata ficar en 881.600, mentres que o traballo a tempo parcial caeu en 2.100 persoas, ata chegar ás 139.500. No entanto, na actualidade hai 9.200 persoas menos que hai un ano con xornada parcial e 42.800 máis con xornada completa que doce meses antes.
Os contratos indefinidos aumentaron en 6.800 a respecto de hai un ano e os temporais avanzaron en 16.800
Entre a poboación asalariada o panorama é semellante. Os contratos indefinidos reducíronse, segundo a EPA, en 6.900 no primeiro trimestre, ata os 598.300, e son 6.800 máis que hai un ano. Os temporais tamén baixaron nestes primeiros tres meses, de 207.100 a 199.300, pero son 16.800 máis que no inicio de 2015.
A precariedade laboral, como adoito, segue a afectar especialmente á poboación xuvenil. Neste sector de persoal a taxa de paro segue uns trece puntos por riba da media galega, no 31,4%, pero é case seis puntos menor á de hai un ano. Tamén é mellor o indicador de ocupación que hai doce meses: actualmente traballa o 35,5% da poboación xuvenil -de 16 a 29 anos- e a comezos de 2015 facíao o 32,8%. Así e todo, como na poboación xeral, o dato de actividade segue a ser o máis preocupante: hai un ano traballaba ou estaba en condicións de facelo o 52,2% da mocidade e agora, o 51,8%.

EPA e paro rexistrado en Galicia

CC BY-SA Praza Pública

xoves, 28 de abril de 2016

A Universidade de Vigo publica a súa produción científica en acceso aberto

Crea o portal Investigo, para publicar teses doutorais e artigos de investigación da institución.

Ciencia libre, de balde e para todos. Con este obxectivo naceron os respositorios de acceso aberto a finais do século XX e comezos do actual, para que os coñecementos científicos xerados pola investigación e publicados na literatura científica estivesen dispoñibles a través de internet sen barreiras de prezo e sen barreiras de consulta e uso por mor das restricións da regulación da propiedade intelectual. A este movemento únese dende este martes a Universidade de Vigo e faino a través de Investigo, o seu propio repositorio institucional de acceso aberto. Os defensores desta política remarcan que a maior parte de investigación é financiada e desenvolvida por institucións públicas, polo que demandan que o acceso á literatura científica que recolle esa investigación debería estar publicamente dispoñible en aberto. Así o explica Gerardo Marraud, director da Biblioteca Universitaria, entidade encargada de coordinar a posta en marcha desta nova ferramenta, que sostén que “non resulta xustificable que sexa necesario pagar ata tres veces por investigar: unha por financiar a investigación; outra por pagar aos editores científicos por publicar investigación e outra máis a eses mesmos editores por ler a investigación publicada”. Por iso, este tipo de repositorios baséanse no acceso “aberto, inmediato, libre de restriccións de copyright, permanente e en liña”.
Segundo explicou o responsable do proxecto, moitos poderes públicos, institucións financiadoras e, mesmo a UE, están a promover o acceso aberto a través de mandatos e, en España existen dúas disposicións legais deste carácter. Por unha banda a Lei da Ciencia, que determina a obriga de difundir en aberto unha versión dixital dos artigos resultado de investigacións financiadas con fondos dos orzamentos xerais do Estado; por outra, o Real Decreto que regula o doutoramento, que aplica esta obriga ás teses lidas nas universidades públicas. A vicerreitora de Investigación, Asunción Longo, lembraba neste sentido que Vigo aprobou hai dous anos “unha declaración de intencións a favor do acceso aberto á documentación e resultados de investigación que se xeran na institución e este respositorio é unha ferramenta fundamental para pór en práctica este compromiso”.
O uso destes repositorios permite incrementar nun 25% o volume de citas
O repositorio vai conter, como puntualiza o director da Biblioteca, “non só os artigos de revistas do persoal investigador e as teses lidas na Universidade de Vigo, senón tamén todos aqueles traballos que son valorados como méritos de investigación: capítulos de libros, libros e relatorios e comunicacións a congresos científicos”, pero remarca que “sempre respectando os dereitos de propiedade intelectual”. Inicialmente Investigo arranca poñendo a disposición da comunidade universitaria as teses de doutoramento dos anos 2011 a 2014 “e nas vindeiras semanas imos depositar as teses de 2015”, engade Marraud. Xa a partir de maio, a Sección de Posgrao comezará a xestionar as teses de 2016 directamente a través do repositorio. Para o resto de contidos, serán os propios investigadores os que se encarguen de poñer en aberto a súa produción científica, seguindo o principio do autoarquivo.
A aposta da Universidade de Vigo por esta nova ferramenta trata de difundir e dar maior visibilidade a escala mundial á súa produción científica, preservar a memoria científica da institución, axilizar o rexistro e avaliación da produción de investigación, axilizar o proceso de presentación das teses de doutoramento e mellorar internacionalmente a súa imaxe. De feito, como destaca Marraud, “ofrecer en aberto versións dixitais dos traballos de investigación en repositorios permite, segundo diversos estudos, incrementar nun 20-25% o volume de citas recibidas por un traballo de investigación”. Así, grazas á interoperabilidade dos repositorios de acceso aberto, os contidos non só teñen presenza en internet, senón que, sobre todo, resultan máis “atopables”, incrementando as súas probabilidades de ser lidos.

Ciencia e lecer no Campus de Verán Xuvenciencia

A oferta de prazas amplíase a 150 estudantes en Lugo do 27 de xuño ao 1 de xullo.

A USC celebrará do 27 de xuño ao 1 de xullo a cuarta edición do campus de verán Xuvenciencia, un programa organizado e promovido polo profesorado da sede universitaria luguesa en colaboración coa Vicerreitoría de Coordinación e o programa ‘A Ponte’, a través do que se pretende achegar a realidade universitaria, así como a oferta de estudos, servizos e as investigacións desenvolvidas no Campus Terra da USC ao estudantado preuniversitario.
O prazo de inscrición neste programa, que amplía a 130 o número de prazas ofertadas, permanecerá aberto desde este venres 22 de abril ata o vindeiro 2 maio na páxina web de Xuvenciencia. A nova edición deste campus de verán, unha iniciativa orientada a estudantado preuniversitario de 4º de ESO e primeiro curso de  Bacharelato e que se desenvolve baixo o lema ‘Aprendendo desde a experiencia’, presenta un ameno programa de aprendizaxe e convivencia, a través do que a USC busca dar a coñecer á mocidade preuniversitaria os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas do campus de Lugo, así como nos dous centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría.
Do mesmo xeito que en edicións anteriores, o campus de verán Xuvenciencia Lugo 2016 presenta un módulo para veteranos, para o que se ofrecen un máximo de 30 prazas, ao tempo que brinda un servizo de aloxamento desde a noite do 27 de xuño ata o 1 de xullo na residencia universitaria Abeiro, onde poderán gozar das actividades programadas polos monitores da A.D.C. Lumieira Lugo. Esta posibilidade, complementaria co desenvolvemento das actividades incluídas no programa do campus de verán, está pensada para atraer a participantes procedentes doutras localidades galegas e de fóra de Galicia, tal e como se puxo de manifesto na presentación do programa.
Os estudantes farán prácticas de laboratorio dende a química á veterinaria
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; a profesora da USC e coordinadora do campus de verán Xuvenciencia Lugo, Mercedes Novo Rodríguez; o concelleiro de Medio Rural e Deportes do Concello de Lugo, Miguel Fernández Méndez, e o deputado provincial delegado das áreas de Innovación, TICs, Participación Cidadá e Transparencia, Pablo Rivera Capón, presentaron este xoves na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo a nova edición do campus de verán Xuvenciencia, un proxecto de divulgación científica con máis de 90 actividades programadas e avalado pola participación duns 130 docentes da USC e outro persoal de apoio.
O IV campus de verán Xuvenciencia Lugo mantén os mesmos obxectivos cos que naceu e que pasan por divulgar e achegar ao estudantado preuniversitario as titulacións científicas, técnicas e de ciencias sociais e Humanidades, así como a investigación desenvolvida nos distintos centros do campus de Lugo. Dar a coñecer a ciencia e a tecnoloxía desenvolvida na sede universitaria luguesa mediante a organización de talleres e o desenvolvemento de proxectos científicos, técnicos e sociais que teñan como protagonistas aos estudantes de ESO e Bacharelato.
Fomentar o interese polas titulacións científicas e técnicas, así como por aquelas outras do eido das ciencias sociais e humanidades, ofertadas no campus lugués, achegar toda a información dispoñible para que os futuros universitarios/as poidan elixir mellor o seu futuro e divulgar a investigación feita no campus de Lugo son outros dos obxectivos deste programa, segundo lembrou a profesora Mercedes Novo Rodríguez. A coordinadora do campus de verán Xuvenciencia Lugo aproveitou a presentación da nova edición do programa para agradecer publicamente a colaboración recibida da Deputación e do Concello de Lugo, así como da Fundación Barrié, entre outras entidades e empresas, para poder desenvolver esta iniciativa.
As distintas actividades incluídas no campus de verán Xuvenciencia Lugo desenvolveranse en quenda de mañá e tarde, en horario de 9.30 a 20.30 horas, nas facultades de Ciencias, Humanidades, Administración e Dirección de Empresas, Formación do Profesorado e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior de Lugo. As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos do campus de Lugo e a centros colaboradores (Biblioteca, CACTUS, Aula de Produtos Lácteos e laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia), e a realización de actividades prácticas e de talleres relacionados coas titulacións científicas, técnicas e sociais do campus de Lugo centran as actividades programadas polos organizadores do campus en quenda de mañá.
O científico Ángel Carracedo dará a charla divulgativa máis esperada
Polas tardes, os/as alumnos/as inscritos/as no programa, repartidos en grupos pequenos, desenvolverán, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre máis de 25 propostas. O programa ‘Lumieira Acompaña’, guiado por monitores titulados da A.D.C Lumieira, ofrece, a partir das 18.00 horas, diversas actividades lúdicas en quenda de tarde e noite para os estudantes aloxados na residencia Abeiro. Nesta oferta lúdica atópanse actividades deportivas, camiñadas ou rutas de sendeirismo nas proximidades, piscina, xincana polo centro histórico de Lugo…
Unha das novidades que depara o IV Campus de Verán Xuvenciencia vén dada pola celebración dunha charla divulgativa inicial, a cargo de Ángel Carracedo, así como pola inclusión de obradoiros e actividades especiais para o alumnado veterano, unha oferta diferenciada que contempla rutas e obradoiros na Estación Científica do Courel, Castro de Viladonga, obradoiros no HULA, visita e obradoiros en Xenética Fontao, talleres de modelado e impresión 3D, e outros como ‘O DNI xenético’, ‘Photonics Explorer’…

Inscrición para Xuvenciencia

O prazo de inscrición estará aberto entre o 22 de abril e o 2 de maio a través da páxina web www.usc.es/xuvenciencia/campus, un enderezo electrónico no que tamén poderán atopar toda a información relativa ao desenvolvemento do campus. Os organizadores publicarán o 5 de maio na web do campus Xuvenciencia Lugo 2016 a primeira lista de admitidos.
A matrícula no Campus (sen aloxamento) ten un prezo de 60 E e inclúe participación nas actividades conxuntas do campus e nun dos proxectos científicos ou técnicos, material necesario para o campus, seguro, xantar nun comedor universitario os cinco días do campus, e diploma de participación da Universidade de Santiago de Compostela. O Campus (con aloxamento) custa 140 euros e inclúe todo o anterior máis actividades lúdicas, aloxamento, cea e almorzo na residencia universitaria Abeiro, con acompañamento de monitores titulados da A.D.C. Lumieira Lugo.
O estudantado que tome parte en Xuvenciencia Lugo terá a ocasión de ser protagonista de diversos proxectos científicos, técnicos e sociais que versan sobre áreas de coñecemento moi diversas. Así, as propostas feitas pola USC par este nova edición do campus abranguen un abano temático moi amplo que vai desde a cor, análise clínica, análise de proteínas, animal CSI, separación de proteínas, os científicos das letras, do laboratorio á cociña, un mar de animais, fotosíntese artificial, árbores en tubos de ensaio, introdución á fotografía científica, márketing e desenvolvemento de produtos, modelaxe 3D, narrando historias, dramaturxia sobre os xogos da fame, prácticas clínicas veterinarias, reaccións químicas e electróns, química computacional, prácticas clínicas veterinarias, efecto invernadoiro ou un mar de animais

Facenda exclúe o galego da declaración da renda

A asociación en defenda do idioma denunciou que Facenda é reincidente nos ataques ao galego
O programa PADRE que facilita a Axencia Tributaria non permite a utilización da lingua propia de Galiza
 A Mesa lémbralle a Facenda que o galego é unha lingua oficial
Santiago de Compostela, 27 de abril de 2016-. Cando xa levamos parte da campaña da declaración da renda de 2015, A Mesa pola Normalización Lingüísitica denuncia como, máis unha vez, a Axencia Tributaria obstaculiza o dereito da cidadanía a facer a declaración da renda en galego. O programa PADRE dispoñibilizado pola Axencia Tributaria na súa páxina web non contempla a opción de utilizar a lingua propia e oficial de Galiza.
A Mesa lembrou como son frecuentes as queixas e denuncias contra esta administarción pola vulneración dos dereitos lingüísticos da cidadanía. É numerosa a lexislación que reitera a oficialidade do galego, como lingua propia de Galiza, e ampara o seu uso nos trámites administrativos,
A experiencia demóstranos que na práctica esta lexislación que recoñece os nosos dereitos lingüísticos se incumpre cada vez máis na Administración Xeral do Estado. Por iso é importante que todas e todos denunciemos calquera traba para usarmos con normalidade o galego Que fique constancia oficial destas vulneracións é imprescindíbel para podermos demostrar que estas regresións que pretenden reducir a oficialidade do galego a papel mollado son reais, e desmontarmos a escusa habitual de que os problemas se deben a “casos puntuais e aillados”.
 Porén, o caso de Facenda mostra claramente como a belixerancia contra o galego resulta absolutamente impune, sen que actúe ningunha administración para corrixilo, nin sequera a Xunta de Galiza a través da Secretaria Xeral de Política Lingüística que ten a obriga legal de velar polo cumprimento da lexislación que ampara o galego.

Arquivos anexos a descargar:

Para que serven as reválidas e outras probas

Na educación, e máis aínda na obrigatoria, a avaliación debe ter unha función formativa, de axuda á aprendizaxe.

O Congreso rexeitou o 5 de abril a aplicación das reválidas co respaldo de todos os grupos parlamentarios, a excepción do PP.  ¿Por que esta descualificación tan abafadora das reválidas?
As avaliacións externas e reválidas son probas de avaliación final fixadas pola LOMCE en terceiro e sexto de primaria, cun carácter informativo e orientador, e en cuarto da ESO e segundo de Bacharelato, co carácter de reválida para superar a etapa.
A avaliación e os currículos estandarizados convertéronse no obxectivo fundamental de reformas neoliberais en todo o mundo que, como a LOMCE, tratan de elevar “” os resultados educativos cun control burocrático sobre as prácticas escolares e a profesión docente. Este tipo de probas estandarizadas serven para o desenvolvemento dunha aprendizaxe fundamentalmente memorístico e descontextualizado.
A reforma educativa do final do franquismo, a Lei Xeral de Educación (1970), xa tentaba superar a rixidez do sistema educativo da ditadura, ante o fracaso das probas memorísticas, coa supresión das “temidas reválidas”, introducindo a avaliación continua. Con todo, nos últimos anos o auxe deste modelo neoliberal, tecnocrático e conservador, centrado en probas estandarizadas, foi importado acríticamente no noso país, xusto en momentos en que ditas probas son debatidas, cuestionadas e refutadas en EE UU e en diversos países europeos, porque non supoñen ningunha mellora nos resultados.
Con estas probas acábase estudando o que se examina e céntrase o tempo e os esforzos docentes en preparar ao alumnado 
Velaquí algúns dos seus efectos máis negativos: 1. A deslegitimación da función docente e a desconfianza cara ao profesorado, xa que non é o que ten docencia directa co alumnado que avalía. 2. A degradación de contidos: acábase estudando o que se examina e céntrase o tempo e os esforzos docentes en preparar ao alumnado para resolver probas e exames, como xa pasa en segundo de Bacharelato ante a selectividade. 3. O custo económico para o sistema, tan alto como inútil, pola realización das múltiples probas externas todos os anos; e o custo para as familias do alumnado que suspendese cando teñan que pagar academias para repetir a reválida. Ademais, para o alumnado xogarse nunha proba externa os anos de escolarización é inxusto e contradi a función da avaliación como mellora da educación. 4. O gran negocio que supón un investimento de millóns de euros en pagar a grandes empresas privadas como Pearson, McGraw-Hill e Educational Testing.
Estas reválidas servirán para estigmatizar ao alumnado, profesorado e centros, para xerar un mercado, segundo a concepción neoliberal, de elección “” daqueles centros que ocupan lugares máis destacados en detrimento do resto e, a medio prazo, para asignar os recursos en función dos resultados, convertendo as desigualdades en crónicas e estruturais e afastándose do carácter compensador que ten que ter o sistema educativo para garantir a equidade e a cohesión social.
Desde o Foro de Sevilla apostamos por unha avaliación integral (que analice todos os factores que interveñen) do sistema educativo, que non perda o carácter formativo (orientada á mellora) e que sexa máis democrática (participada e coñecida pola comunidade educativa e coordinada polo profesorado, a dirección dos centros e a inspección), diversa (a autonomía dos centros, dos seus proxectos educativos, metodoloxías e contexto socioeducativo, require diversas modalidades de avaliación), xusta (que non compare realidades diferentes entre si) e rigorosa (que use os instrumentos técnicos adecuados), adaptada á sociedade do coñecemento do século XXI onde se valoran cada vez máis outras capacidades cognitivas -e outras- relacionadas coa comprensión -ou a memoria comprensiva-, a interpretación, a análise crítica e o desenvolvemento do pensamento.
Na educación, e máis aínda na obrigatoria, a avaliación debe ter unha función formativa, de axuda á aprendizaxe. Unha carreira constante de obstáculos e superación de probas e reválidas ao final de cada etapa é antipedagógica, sancionadora e excluínte. É apostar por un modelo de ensino baseado na presión do exame, fronte a outro centrado nas necesidades e motivacións do alumnado. Esta é a nosa aposta desde un enfoque pedagóxico.

Queres colaborar na organización da manifestación do 17 de maio?

O vindeiro 17 de maio co lema “o idioma é a vida” terá lugar unha manifestación en Santiago que sairá ás 12h da Alameda.
Como todos os anos, precisamos da túa colaboración para a distribución e venda de materiais da Mesa ou de Queremos Galego que axuden a financiar os gastos da organización, ou para participares no servizo de orde. Para axudares só tes que enviar un correo electrónico a: amesa@amesa.gal  indicando os teus datos de contacto. Unha vez que teñamos as tarefas distribuídas porémonos en contacto contigo.
Ademais, para a espallar a convocatoria e animar a participar, facemos a seguintes

PROPOSTAS DE ACCIÓN

1) Fala coa xente do teu entorno para informalos e animalos a participar. Ten presente que hai moitas persoas sensíbeis á cuestión ante a política agresiva de Núñez Feixó. Falar, informar e contrastar ideas ao respecto coa nosa xente próxima é, con certeza, o máis importante contributo que podemos facer para evitar que esta agresión continúe, e para que comecen verdadeiras políticas para a plena normalidade da nosa lingua.

2) Envía un Whats app ou sms ao menos a dez dos teus contactos cos que non deas falado en persoa para animalos a que participen e divulguen a manifestación. Pode ser algo así como: “17 de maio: manifestación en Santiago. #OidiomaÉaVida Queremos Galego! Participa e pásao!”

3) Envía un correo-e aos teus contactos coa información da manifestación.

4) Infórmate dos actos previos á manifestación do 17 de maio na túa zona, divúlgaos e tenta participar neles. Así mesmo, infórmate (p. ex., nos webs de Queremos Galego –www.queremosgalego.org- ou da Mesa –www.amesa.gal-) de cales son os posíbeis medios de transporte que puider haber desde a túa comarca para chegar á manifestación que sairá o día 17 de maio ás 12.00 h da Alameda de Santiago.

5) Se tes un espazo web, coloca nel os bánners promocionais da manifestación. Atoparalos en www.queremosgalego.org ou www.amesa.gal así como nas respectivas páxinas de facebook e twitter.

6) Se tes un perfil en facebook, instagram, twitter… apoia os eventos creados sobre a manifestación, convida aos teus contactos e anuncia o teu apoio desde o teu estado.

7) Se participas nalgunha asociación ou colectivo de calquera tipo, anímao a se adherir á plataforma Queremos Galego, a participar no plenario convocado na túa zona, a colaborar na manifestación e a emitir un comunicado aos medios de comunicación adheríndose manifestación do día 17 de maio.

8) Contribúe a espallar a convocatoria imprimindo os cartaces que estarán en www.queremosgalego.org ou en www.amesa.gal, e colándoos onde che for posíbel, na túa rúa, centro de traballo, centro de ensino, no teu comercio…

Explotación laboral como espectáculo de entretemento

Quero abordar algún aspectos acho que altamente cuestionábeis e reprobábeis da televisión e radio españolas, quer públicas quer privada.

Xa teño comentado aquí en varias ocasións algunhas das moitas eivas de diferente índole (viés ideolóxico e censura política, desleixo lingüístico...) que caracterizan a denominada CRTVG, supostamente pública, supostamente galega e supostamente en galego por imperativo legal desde a súa criación, mais xa se sabe o que vale a legalidade cando non convén.

  Hoxe, no entanto, en vista do enorme peso e influencia que teñen na sociedade galega, quero abordar algún aspectos acho que altamente cuestionábeis e reprobábeis da televisión e radio españolas, quer públicas quer privadas. E non faltan razóns, como veremos.

  Podería falar da exaltación do flamenco como música ‘nacional’ que invade as ondas e as pantallas (tamén da TVG...) a todas horas. Así, nos concursos de talento, os estrondosos aplausos do público e loanzas do xuri están garantidos para un neno con chapeu cordobés bradando cante hondo ou unha nena con traxe de lunares zapateando flamenco, sabendo que, ao mesmo tempo, un/ha gaiteir@ experimentad@ correría o risco máis que probábel de ser descualificad@ como unha ‘gallegada’, con todo o que isto implica. Os medios tamén se afanan en alimentar a imaxe do galego parvo, como, por exemplo, na teleserie Gym Tony, que rezuma un humor do máis fino por todos os poros. Con tanto bombardeo para alimentar e realimentar o latente autoodio, non é moi de estrañar, pois, que en concellos como Cee, Vimianzo ou Viveiro opten por trocar as tradicionais feiras e romarías por unha esperpéntica travestía da Feria de Abril. “¡Ozú!”, que dirían @s vell@s do lugar...

  Tanto as canles privadas (Telecinco) como as públicas (esa RTVE que pagamos entre todas) inflíxennos un vergoñento e repugnante espectáculo de zoosadismo que enaltece a tortura dun animal e que, nun país civilizado, sería considerado unha psicopatía. Non, señores, a tortura nen é arte, nen é cultura, nen moito menos cultura galega! E non, non basta con apagar o televisor se non gosto: tampouco quero –e non deberíamos querer– ver asasinatos, violacións ou tortura de calquer outro tipo en directo ou en diferido como entretemento, se ben, à procura de maiores índices de audiencia (e maior lucro publicitario), as noticias tenden a converterse cada vez máis nun espectáculo de morbo.

  Tamén podería falar da infinita sarta de teleseries ianques (C.S.I., Criminal Minds, Law and Order, Rizzoli & Isles...), todas cortadas do mesmo padrón ideolóxico, onde a esmagadora maioría das vítimas son mulleres, asasinadas e, sobretodo, violadas e amiúde torturadas. Lección da historia: non saias soa pola noite, señorita, ou atente às consecuencias! Avisada estás: anda con moito ollo se vas por aí sen a compañía dun home que te protexa. Que ben estaban as mulleres decentes que non se aventuraban fóra da casa, invadindo o espazo público dos homes!

  Os medios de descomunicación masiva tamén nos dan a opción de nos submerxermos perdidamente no anestesiante mundo da bazofia mental dos (ir)reality shows, desde  Empeños a lo bestia, até Cámbiame, pasando por Los Gipsy Kings, ou a interminábel letanía de concursos de todo o tipo: Atrapa un millón, ¡Ahora caigo!, ¡Boom! e un longo etcétera. As dúas cousas tamén se poden combinar nunha mestura infernal: Gandía Shore, Gran Hermano, Supervivientes, ¿Quién quiere casarse con mi hijo?... Nengún ser humano podería gardar a súa razón tras tanto veleno cerebral.

  Nen obviemos tamén a crescente maré de publicidade televisiva que incita irresponsabelmente à ludopatía. Nunha época de crise que leva ao drama humano, a saída que se vende é soñar con solucionar os problemas económicos apostando cartos, co enorme risco dunha espiral de endebedamento, desviando a lexítima e urxente reivindicación de postos de traballo e salarios dignos que suporía unha mudanza radical do sistema capitalista e do asoballamento nacional.

  Efectivamente, hai moito onde escoller. Porén, entre todo isto hai un programa que me causa especial noxo e xenreira: El Jefe Infiltrado, que emite a canle pseudoprogre La Sexta às quintas-feiras xusto despois do seu programa pseudoprogre estrela El Intermedio. Non vaia ser que @s espectador@s pillen unha enchente de progresía rompedora!

  Para quen aínda non o viu, o programa consiste en que o xefe dunha empresa (por norma masculino e habitualmente unha franquía), debidamente desfarzado, accede a rebaixarse a coñecer de primeira man o inframundo de quen traballa para el, acabando sempre moi surpreendido ante as condicións laborais. Preguntémonos inxenuamente: por que un directivo acomodado sairía da súa torre de marfil corporativista, abandonando durante unha semana a súa casa nas aforas e os seus amados esposa e fillos (sempre se fai fincapé na súa idílica vida familiar) para trocar os seus traxes Armani e polos Lacoste por un mono de traballo ou un mandil? Non sería pecar de cinismo responder o seguinte: para promover a súa empresa, mostrando a súa faciana máis humana. Nunha palabra, publicidade encuberta. Mais a cousa vai moito máis alá disto.

  A continuación, ao longo do programa, vese como o xefe engana @s traballador@s (ten o direito, claro, xa que é el quen lles ‘dá’ traballo!), que son gravad@s no seu lugar de traballo durante o seu horario laboral, supoño co seu consentimento previo; tamén supoño que non ousarían negarse... Durante esta intrépida ‘infiltración’, @s empregad@s, misteriosamente, non dubidan en confiar as súas historias persoais máis íntimas a este total descoñecido, cada cal máis dilacerante que a anterior: conciliación laboral, doenzas graves, separación familiar de traballador@s inmigrantes, endebedamento... Tamén non é raro que paire sobre o cadro de persoal a ameaza de despedimentos, en cuxo caso o xefe se mostra compunxido mais firme na súa determinación de velar sempre polo ben da empresa, isto é, a súa casa de campo, a súa cadeira xiratoria de coiro e os dividendos d@s accionistas. Que importa a vida dun/ha miserábel obreir@?

  Finalmente, @s empregad@s fican convocad@s sen saberen por que à sede central da empresa, onde se lles revela a verdadeira identidade do seu misterioso compañeiro, que non dubida en aproveitar a angustia d@s traballador@s ante a posibilidade de seren despedid@s para repasar todos os erros cometidos até que moit@s rompen a chorar. Mais ben está o que ben acaba, así que, nun xesto de bondade condescendente, o benévolo xefe, tal un señor feudal, resolve a precariedade, a inseguranza e os riscos laborais cun golpe da variña máxica dos agasallos individuais que premian a lealdade dos seus servos modernos. Eis a verdadeira cara da progresía de La Sexta... Denigrante! Repugnante!

  Só me queda animar quen lea isto a dirixirse ao presidente de Atresmedia, o grupo mediático a que pertence La Sexta, para exprimir a súa máis enérxica repulsa perante esta explotación laboral transformada en entretemento. A forza da nosa indignación non pode ser inútil! 

Queres ensinar português no teu centro?

Projeto 'Telefonemas' 

Em fevereiro de 2016, três entidades unidas na difusão da língua portuguesa no ensino, Docentes de Português na Galiza, Academia Galega da Língua Portuguesa e a Associaçom Galega da Língua, coordenaram o projeto Telefonemas. Desde então, várias centenas de centros escolares foram contatados telefonicamente para explicar o processo para incluir o português na oferta educativa.
Ligado a este projeto, a equipa correspondente elaborou um tutorial, da autoria técnica de Tati Mancebo, e um vídeo, materializado por Olivia Pena e Carlos Mendes, para explicar em poucos minutos os passos a dar para que a língua portuguesa integre a oferta educativa dos centros galegos de ensino secundário, peças que foram compartilhadas com os tais centros escolares.

Cal é a mellor conta de Twitter en galego?

Comeza a segunda edición do "Premio á conta 2016", que busca recoñecer publicamente aos usuarios que usan e promoven a lingua galega nesta rede social.

Iniciativa Twitter en Galego inicia unha nova campaña de promoción da nosa lingua coa segunda edición do Premio á Conta 2016. O obxectivo é premiar o uso do noso idioma nesta rede social. Trátase dun premio de carácter meritorio, no que serán os propios usuarios de Twitter os que propoñan as candidatas a mellor conta en galego.
A iniciativa Twitter en Galego (@chio_en_galego).
A iniciativa Twitter en Galego (@chio_en_galego).
O concurso comezou o 26 de abril e rematará o 17 de maio. Na primeira fase se recollerán todas as propostas que envien os usuarios de Twitter a través dun formulario accesible na páxina web do concurso. Só se aceptará unha proposta por enderezo electrónico e aquelas contas que cumpran os requisitos de participación. Este proceso durará do 26 de abril ao 7 de maio.
As tres contas máis mencionadas pasarán a unha segunda fase, na que un xurado elixido pola iniciativa escollerá a mellor conta, segundo seu criterio. A gañadora darase a coñecer o 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas.
Nesta iniciativa poderán participar todas aquelas contas que empreguen a lingua galega na maioría das súas publicacións (+80% de chíos en galego), sen restricións —incluídos xornais, movementos sociais, organizacións, negocios, contas de humor, etc.—, mais quedarán fóra todas aquelas propostas de contas que se empreguen para insultar ou teñan contido malsoante e discriminatorio.
Ademais, non se valorará a cantidade de seguidores que teñan as contas e se priorizará o bo uso e promoción da lingua galega.
Para participar neste concurso, a conta pode ser proposta como candidata polo/s propio/s responsable/s da mesma ou por calqueroutro usuario.
PREMIO
Este premio é de carácter meritorio para todas as persoas que de forma natural empregan o galego no seu día a día en Twitter, por manter viva a nosa lingua na rede e no mundo dixital, mais haberá unha pequena recompensa. A conta gañadora terá un pequeno espazo na páxina principal da iniciativa Twitter en Galego durante un ano, como xa aconteceu coa conta gañadora do ano pasado Os mellores Chíos.
Ademais, con esta convocatoria de premios quérese achegar e ligar a literatura co dixital, polo cal o concurso vén contando con padriños e madriñas. Este ano haberá como agasallo o fanzine Infumable, publicado por Afra Torrado e Rocío Martínez. Finalmente, fárase entrega dunha pequena figura para o recoñecemento e recordo da conta gañadora, informa Twitter en Galego.

A Xunta reedita os mandilóns escolares nos que Feijóo vía unha ferramenta "identitaria" do BNG

Apenas pasaran tres días dende a súa primeira vitoria electoral cando, o 4 de marzo de 2009, Alberto Núñez Feijóo facía un anuncio ante a prensa: "Rematáronse as Galescolas", proclamaba o futuro presidente, como unha das vías para poñerlle fin a unha suposta "imposición" do galego. Urxía, dicía naqueles días o PP, unha "despolitización" da rede de escolas infantís creada dende a Vicepresidencia que xestionara o BNG. No paquete de medidas contra o "adoutrinamento" incluíase a desaparición do que o propio Feijóo alcumara como "mandilóns identitarios" para condensar as súas críticas ao deseño da roupa do alumnado destas escolas. Os mesmos mandilóns, co único cambio do logotipo, van ser reeditados pola actual Xunta previo pagamento de algo máis de 75.000 euros.
No verán daquel mesmo 2009 os daquela conselleiros de Educación e Benestar presentaron a nova imaxe destes centros: as Galescolas pasaban a ser Galiñas Azuis, adoptando a imaxe da fábula de Carlos Casares na que, non obstante, predominaban igualmente o branco e azul. Nos primeiros compases da nova xeira a antiga casiña sorrinte cunha bandeira galega conviviu en edificios e prendas de roupa coa pita acabada de chegar. Tamén nos mandilóns, que nesta media década e tamén nos anos vindeiros seguirán mantendo o deseño que noutrora era para os populares síntoma evidente de politización nacionalista.
O deseño das prendas que a Xunta encarga agora por 75.000 euros só varía o logotipo a respecto das do bipartito
O Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar, agora dependente da Consellería de Política Social, vén de iniciar os trámites da compra de diversos materiais para as súas escolas. Entre eles figura a licitación, por ata 76.956 euros, de 5.300 mandilóns cun custo de ata 14,52 euros por unidade. O deseño, describe a documentación do contrato, debe ser "combinado en branco e azul", con "apertura dianteira con catro botóns de cores e peto con tapa na parte dianteira inferior dereita". As prendas deben incluír, asemade, o logo da Galiña Azul "bordado a cor na parte dianteira inferior esquerda".
A descrición que a Xunta realiza nestes documentos lembra, en boa medida, ao que durante os anos do bipartito estivo no centro da polémica política. Para que non haxa lugar a dúbidas, o Consorcio inclúe nos documentos un anexo fotográfico no que fica ratificado que, efectivamente, os mandilóns son idénticos aos das Galescolas, resultantes dun concurso de ideas convocado naquela altura polo Goberno galego, e o único que varía é o devandito logotipo.

"Menos mandilóns identitarios, máis estaleiros"

Os populares presentaban os mandilóns como parte dunha "ferramenta política e proselitista do BNG"
A normalidade coa que o actual Executivo realiza esta contratación contrasta notablemente co sucedido cando os populares cuestionaban con dureza tanto o deseño destas roupas escolares como o feito mesmo de que o alumnado das escolas infantís tivese que vestir un mandilón coas cores decididas dende a Xunta. As familias, dicía Alfonso Rueda en febreiro de 2007, víanse "obrigadas a tragar cos mandilóns" dentro do que o PP definía como unha "ferramenta política e proselitista do BNG". "Menos mandilóns identitarios e máis estaleiros", resumía o propio Feijóo na xornada en que a Vicepresidencia anunciara a implantación das prendas. O seu uso, dicían os conservadores, era unha imposición en si mesma.
A cuestións dos mandilóns foi recuperada polo PP apenas tres meses despois, durante a campaña das municipais dese ano. Diante daqueles comicios, proclamou Feijóo nun mitin en Verín, cada elector terái que "pensar por si mesmo". "Os do Bloque non deben pensar por nós", alertaba, xa que a pretensión da formación nacionalista era "poñer mandilóns, ir ás galescolas e mercar bonecas que falen galego".

mércores, 27 de abril de 2016

María Xosé Queizán, homenaxeada do 'Día das Galegas nas Letras'

"Antes de que fósemos modernas e falásemos do queer ela xa escribira vidas trans, lésbicas, fóra de ningún canon. Antes da reflexión sobre as reescritas ela regresara a Antígona, a Medea. Antes das intertextualidades ela puxera a orella no buraco para escoitar falas doutros lugares. Catou moitas bandeiras pero só para pasalas -con perdón- polo seu soberano cu e seguir sendo irreverentemente quen ela é". María Xosé Queizán será homenaxeada este ano na terceira edición do Día das Galegas nas Letras, impulsado pola plataforma de crítica literaria A Sega, que se celebrará no vindeiro mes de agosto. A viguesa sucede a Dorothé Schubarth e María Victoria Moreno no recoñecemento.
"Antes de que fósemos modernas e falásemos do queer ela xa escribira vidas trans, lésbicas, fóra de ningún canon. Antes da reflexión sobre as reescritas ela regresara a Antígona, a Medea"
A iniciativa naceu hai dous anos, buscando celebrar a figura dunha muller que contribuíra de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular. "Cando rabuñas na superficie patriarcosa, encontras unha chea de mulleres escribindo, cineando, gobernando", destacaban as integrantes de A Sega no seu primeiro aniversario.
No manifesto publicado coincidindo coa escolla de Queizán, e titulado Je suis, saliéntanse "os silencios, as exclusións, as insinuacións e as infamias que ela encheu de luz cunha voz firme e controvertido, total e iconoclasta. Case todos os séculos foron algo escuros para ela porque a sombra patriarcal non acepta francotiradoras". O texto conclúe que "nun momento no que as bandeiras, a egalitè-libertè-fraternitè, as nacións e os estados se usan adoito para calquera cousa menos para acabar co patriarcado, nosoutras, coma ela, facemos do noso cu un pandeiro e subvertemos o aberrante Je suis pola causa das mulleres. Porque se temos que ser alguén, seremos María Xosé Queizán ou non seremos ninguén".
Queizán sucede a Dorothé Schubarth e María Victoria Moreno no recoñecemento. A iniciativa naceu hai dous anos, buscando celebrar a figura dunha muller que contribuíra de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular
María Xosé Queizán (Vigo, 1939) publicou dez novelas, dende A orella no buraco (1965) ata a recente Son noxento (2015), pasando por Amantia (1984), Amor de Tango (1992) ou ¡Sentinela, alerta! (2002). Tamén seis poemarios, tres obras de teatro (por exemplo Antígona ou a forza do sangue, Premio Álvaro Cunqueiro en 1989), un guión cinematográfico (Prisciliano), varias traducións e unha decena de ensaios, con achegas moi importantes para a construción teórica e discursiva do feminismo galego. A muller en Galicia (1977), Escrita da certeza. Por un feminismo optimista (1995), Misoxinia e racismo na poesía de Pondal (1998), Anti natura (2008) ou Emilia Pardo Bazán. Unha nena seducida polos libros (2014) son bos exemplos.

«Este galardón anímanos unha chea a continuar con novas iniciativas»

O grupo recollerá o 25 de maio un premio autonómico á innovación educativa.
 
Certame. A entrega de premios celébrase o 25 de maio en Santiago de Compostela. Escola Viva outorgou dous galardóns e cinco menciones honoríficas, unha deles para un proxecto educativo que leva a cabo no IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. Ao Aller Ulloa correspóndenlle 2.000 euros.
Os profesores Almudena Mosquera e Javier López Quintáns son os coordinadores do grupo interdisciplinar Kale/Kela do instituto Ramón María Aller Ulloa de Lalín. Hoxe no centro farán unha foto de grupo, pero onte a falta dalgún profesor non foi posible, así que lles tocou a eles (mal que lles pese) facer de portavoces porque isto, recalcan, é un labor de equipo.
Acaban de gañar o primeiro premio no IV certame de innovación educativa Escola Viva convocada por FETE-UGT Galicia. O grupo intégrano, ademais dos coordinadores, os docentes Pilar Espiño, de Galego; Guadalupe Rodríguez, de Inglés; Ana Reboiro, de Física e Química; Sebas Rozas, de Plástica e Jorge Cepeda, de Xeografía e Historia.
Almudena Mosquera e Javier López Quintáns apuntan que «o premio nos anima unha chea» e dános forzas para continuar o ano que vén con novas iniciativas e novos proxectos». O recoñecemento énchelles de satisfacción e este ano é ademais a segunda vez que o Kale/Kela dálles unha alegría.
En febreiro un grupo de estudantes de BAC do centro lalinense impartiu un curso extraordinario sobre aplicacións didácticas do folclore nas aulas dirixido aos alumnos de Musicología na Universidade de Salamanca. O que fixo posible que fosen seleccionados pola Universidade foi un proxecto desenvolvido no Aller Ulloa dentro do Kale/Kela e que expuxeron a estudantes universitarios.
No 2014, a revista de creación KaReal, que se encadra dentro da babor que desenvolve en grupo, obtivo a mención especial do público nos premios nacionais convocados pola Asociación Prensa Xuvenil.
Os coordinadores subliñan que agora o Kale/Kela «está máis vivo que nunca». Detrás dos proxectos está o labor e a implicación dun grupo de docentes que ofrecen aos estudantes novas vías de traballo e de estudo. Iniciativas que esixen moitas horas de esforzo extra para este amplo grupo de profesores de distintas disciplinas aos que lles une unha amizade, o que, din, tamén, axuda a manter o colectivo no tempo.
Algo que non é fácil tendo en conta que levan desde o 2011 innovando cada ano. Consideran que o seu esforzo merece a pena e que se traduce nunha maior implicación dos alumnos que, apuntan, «responden moi ben» e «están moi motivados». O 25 de maio está previsto que recollan o premio Escola Viva en Santiago de Compostela. O galardón consiste en dous miles euros que, apunta Almudena Mosquera, «irán para o centro, para actividades e proxectos, pero como é tan recente aínda non sabemos en concreto o destino». O proxecto que lles fixo merecedores deste galardón versa sobre o Barroco.
Explican que «a partir de imaxes do Barroco, novos catros, deseñados polos alumnos, modificaban a idea orixinal, ofrecendo unha proposta alternativa». Ao mesmo tempo ensinábase aos estudantes o uso de distintos materiais para que o resultado tivese relevos que permitisen que a obra puidese ser percibida por persoas con discapacidade visual e explicábanse tamén os contidos da linguaxe de signos para que os contidos chegasen facilmente a persoas con algunha discapacidade auditiva».
O proxecto, desenvolvido o curso pasado no centro lalinense, incluía tamén o deseño dun taller de creación literaria en inglés e galego, un taller de música con danzas e pezas barrocas e un de arte e ciencia «a través dunha estrutura pendular na que se executa unha peza musical da época».

O IES Marco do Camballón profunda nas mulleres, o deporte e a arte na historia

No certame gañado polo proxecto do IES Ramón María Aller Ulloa, unha iniciativa do Marco do Camballón de Vila de Cruces obtivo a cuarta mención honorífica. María Barcala, coordinadora da biblioteca do centro, explicaba que o obxectivo era investigar e profundar sobre o deporte e as mulleres a través da historia e da arte.
Un proxecto que se está desenvolvendo no centro e no que participan os profesores de diferentes disciplinas como Ciencias Sociais, Francés, Inglés, Galego, as tutorías... e no que se implicaron os alumnos de primeiro da ESO de Iniciación e tratamento da información.
Buscar mulleres que fosen relevantes xogadoras dalgunha disciplina deportiva ou de xogos de mesa, sobre todo, na antigüidade non é fácil. A primeira referencia que atoparon os alumnos foi unha representación na tumba de Nefertari Merytmut, esposa de Ramsés II, na que a raíña exipcia aparece representada xunto a un taboleiro de Senet, un xogo que puido ser o antecesor do backgammon.
Todo o traballo de investigación, que se iniciou buscando a vestimenta utilizada para a práctica do deporte e a súa evolución a través dos séculos, recollerase nun libro que se editará tanto en papel como en formato dixital. Por unha banda estará a información recompilada relativa ás mulleres e por outra a das distintas obras de arte nas que se referencie ou se plasme dalgunha forma a muller e o deporte. Toda a información será traducida ao galego e logo, a da arte a francés e a das mulleres tamén a inglés, dando lugar a un libro bilingüe galego-francés nunha parte e galego-inglés noutra. O proxecto, que está a lograr incentivar a curiosidade do alumnado, leva por título precisamente Arte e xogo feminino ao longo dá historia.

A Coruña acolle as Xornadas Internacionais de Big Data

Investigadores das universidades de Oxford e Cambridge participarán neste evento.

O vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, inaugurará o próximo día 25, ás 09:00 horas, as Xornadas Big Data Coruña 2016, que terán lugar na Facultade de Informática o lsuns e o martes.
Big Data, ou datos masivos, fai referencia ao almacenamento dixital de grandes cantidades de datos e á forma de localizalos e encontrar patróns repetitivos. Esta disciplina enmárcase dentro das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, TIC. As técnicas de análise Big data poden crear valor facendo que a información sexa moito máis transparente e utilizable de maneira máis rápida, permitindo ás empresas que posúan información e coñecemento máis detallado sobre os seus procesos e realizar simulacións detalladas que lles permitan tomar mellores decisións. Prevese neste campo unha necesidade de profesionais enorme nos próximos anos. Só en Estados Unidos necesitaranse en 2018 uns 190.000 profesionais con coñecementos de analítica de datos, así como 1,5 millóns de xestores e analistas co know-how necesario en big data para tomar decisións efectivas.
A UDC conta cun grupo de investigación que traballa desde 2009 en temas de aprendizaxe máquina en contornos de alta dimensión, o grupo Lidia, Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial, dirixido pola catedrática Amparo Alonso Betanzos, coorganizadora destas xornadas xunto co investigador da University College of London, David Martínez.
As xornadas Big Data serán en inglés e contarán con relatores de universidades internacionais como University of Cambridge, London´s Global University, University of Ljubljana ou University of Oxford. Colaboran a Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPC, a Rede Española de Big Data e Análise de Datos Escalables e o CITIC.

Educación cede e limita os cambios do exame de Selectividade

A proba, que cambia o curso que vén segundo a LOMCE, seguirase facendo nas facultades, corrixidas por funcionarios e a nota final servirá para todos os campus.

O exame que substituirá á actual Proba de Acceso á Universidade (PAU, a coñecida Selectividade) arrincará o curso que vén con menos cambios dos que se prevían coa reválida de bacharelato que introduciu a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), a reforma educativa do PP. Seguirase facendo nas facultades, corrixidas por funcionarios e cunha nota final que servirá para todos os campus.
O Ministerio de Educación e os reitores anuncian hoxe os cambios que negociaron. Queda pendente o visto e prace das comunidades autónomas.O Ministerio de Educación aparcou o verán pasado, despois dunhas eleccións rexionais que limitaron sensiblemente o peso político do PP nas comunidades autónomas, a orde na que incluía as regras para a futura reválida de bacharelato que recolle a LOMCE e que debe substituír á actual Selectividade a partir do curso próximo.
Tras as xerais de decembro, con novos comicios á vista e despois de que os reitores pedísenlles unha moratoria que Educación rexeitou aplicar, o equipo que dirixe en funcións Íñigo Méndez de Vigo negociou a contrarreloxo unha nova proba de acceso. As liñas principais aseméllanse á que se está aplicando ata agora, segundo distintas fontes da negociación ás que consultou este xornal.
O único que se mantén, tal como recolle a lei, é o seu carácter de reválida. É dicir, os estudantes terán que aprobalo para obter o título de bacharelato. O ministro de Educación e o presidente dos reitores, Segundo Píriz, farán públicas as principais condicións do exame nunha comparecencia prevista á primeira hora da mañá deste mércores.
Queda definitivamente descartado o exame tipo test que chegou a incluír o anterior ministro José Ignacio Wert nun borrador sobre a reválida de bacharelato. E, por agora, tamén se descarta que se xeneralicen as probas propias que a LOMCE permite facer a cada universidade para seleccionar aos seus estudantes. Na CRUE non consta de momento ningunha petición respecto diso.
As probas deseñaranas as comunidades autónomas dentro dun marco xeral que debe fixar o Ministerio de Educación. É dicir, xa non haberá un único exame que todos os aspirantes a universitarios teñan que facer nun mesmo día. Igual que ocorre agora, as rexións farán probas en distintos días pero os seus resultados serán homologables. A nota que obteña o alumno serviralle como carta de acceso para calquera campus. Esta era unha das reclamacións fundamentais da conferencia de reitores. Consideraban, entre outros aspectos, que someter a un alumno a diferentes exames en distintas rexións pode atentar contra a igualdade de oportunidades, ademais de resultar un proceso engorroso.
Docentes funcionarios de institutos e de Universidades públicas corrixirán as probas, igual que agora. Os reitores reclamaban ademais que se permita discriminar a cualificación de cada materia. Agora o alumno que quere entrar nun grao de Medicamento (cunha nota de corte moi alta) pode apuntarse a unha proba específica de materias do bacharelato das que non se examinou na Selectividade para subir a súa cualificación final. A idea é que, a partir do cambio, póidanse revisar de forma illada os resultados dalgunhas materias que se consideren básica para unha carreira, —por exemplo química ou bioloxía para Medicamento,— para favorecer o acceso ao estudante que mellor nota teña nelas.
O ministerio debe presentar o borrador da orde que regula esta proba ás comunidades autónomas antes da súa aprobación, que Educación quere pechar canto antes para que os alumnos de bacharelato poidan coñecer que criterios rexerán o seu acceso á Universidade antes de matricularse para o curso que vén. Reitores e Goberno consideran que isto dará garantía xurídica aos alumnos e permitiralles ter claro o panorama tanto se o PP repite no Goberno coma se hai un novo Executivo que queira unha nova lei educativa.