A oferta de prazas amplíase a 150 estudantes en Lugo do 27 de xuño ao 1 de xullo.
A USC celebrará do 27 de xuño ao 1 de xullo a cuarta edición do campus de verán Xuvenciencia, un programa organizado e promovido polo profesorado da sede universitaria luguesa en colaboración coa Vicerreitoría de Coordinación e o programa ‘A Ponte’, a través do que se pretende achegar a realidade universitaria, así como a oferta de estudos, servizos e as investigacións desenvolvidas no Campus Terra da USC ao estudantado preuniversitario.O prazo de inscrición neste programa, que amplía a 130 o número de prazas ofertadas, permanecerá aberto desde este venres 22 de abril ata o vindeiro 2 maio na páxina web de Xuvenciencia. A nova edición deste campus de verán, unha iniciativa orientada a estudantado preuniversitario de 4º de ESO e primeiro curso de Bacharelato e que se desenvolve baixo o lema ‘Aprendendo desde a experiencia’, presenta un ameno programa de aprendizaxe e convivencia, a través do que a USC busca dar a coñecer á mocidade preuniversitaria os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas do campus de Lugo, así como nos dous centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría.
Do mesmo xeito que en edicións anteriores, o campus de verán Xuvenciencia Lugo 2016 presenta un módulo para veteranos, para o que se ofrecen un máximo de 30 prazas, ao tempo que brinda un servizo de aloxamento desde a noite do 27 de xuño ata o 1 de xullo na residencia universitaria Abeiro, onde poderán gozar das actividades programadas polos monitores da A.D.C. Lumieira Lugo. Esta posibilidade, complementaria co desenvolvemento das actividades incluídas no programa do campus de verán, está pensada para atraer a participantes procedentes doutras localidades galegas e de fóra de Galicia, tal e como se puxo de manifesto na presentación do programa.
Os estudantes farán prácticas de laboratorio dende a química á veterinariaO vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; a profesora da USC e coordinadora do campus de verán Xuvenciencia Lugo, Mercedes Novo Rodríguez; o concelleiro de Medio Rural e Deportes do Concello de Lugo, Miguel Fernández Méndez, e o deputado provincial delegado das áreas de Innovación, TICs, Participación Cidadá e Transparencia, Pablo Rivera Capón, presentaron este xoves na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo a nova edición do campus de verán Xuvenciencia, un proxecto de divulgación científica con máis de 90 actividades programadas e avalado pola participación duns 130 docentes da USC e outro persoal de apoio.
O IV campus de verán Xuvenciencia Lugo mantén os mesmos obxectivos cos que naceu e que pasan por divulgar e achegar ao estudantado preuniversitario as titulacións científicas, técnicas e de ciencias sociais e Humanidades, así como a investigación desenvolvida nos distintos centros do campus de Lugo. Dar a coñecer a ciencia e a tecnoloxía desenvolvida na sede universitaria luguesa mediante a organización de talleres e o desenvolvemento de proxectos científicos, técnicos e sociais que teñan como protagonistas aos estudantes de ESO e Bacharelato.
Fomentar o interese polas titulacións científicas e técnicas, así como por aquelas outras do eido das ciencias sociais e humanidades, ofertadas no campus lugués, achegar toda a información dispoñible para que os futuros universitarios/as poidan elixir mellor o seu futuro e divulgar a investigación feita no campus de Lugo son outros dos obxectivos deste programa, segundo lembrou a profesora Mercedes Novo Rodríguez. A coordinadora do campus de verán Xuvenciencia Lugo aproveitou a presentación da nova edición do programa para agradecer publicamente a colaboración recibida da Deputación e do Concello de Lugo, así como da Fundación Barrié, entre outras entidades e empresas, para poder desenvolver esta iniciativa.
As distintas actividades incluídas no campus de verán Xuvenciencia Lugo desenvolveranse en quenda de mañá e tarde, en horario de 9.30 a 20.30 horas, nas facultades de Ciencias, Humanidades, Administración e Dirección de Empresas, Formación do Profesorado e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior de Lugo. As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos do campus de Lugo e a centros colaboradores (Biblioteca, CACTUS, Aula de Produtos Lácteos e laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia), e a realización de actividades prácticas e de talleres relacionados coas titulacións científicas, técnicas e sociais do campus de Lugo centran as actividades programadas polos organizadores do campus en quenda de mañá.
O científico Ángel Carracedo dará a charla divulgativa máis esperadaPolas tardes, os/as alumnos/as inscritos/as no programa, repartidos en grupos pequenos, desenvolverán, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre máis de 25 propostas. O programa ‘Lumieira Acompaña’, guiado por monitores titulados da A.D.C Lumieira, ofrece, a partir das 18.00 horas, diversas actividades lúdicas en quenda de tarde e noite para os estudantes aloxados na residencia Abeiro. Nesta oferta lúdica atópanse actividades deportivas, camiñadas ou rutas de sendeirismo nas proximidades, piscina, xincana polo centro histórico de Lugo…
Unha das novidades que depara o IV Campus de Verán Xuvenciencia vén dada pola celebración dunha charla divulgativa inicial, a cargo de Ángel Carracedo, así como pola inclusión de obradoiros e actividades especiais para o alumnado veterano, unha oferta diferenciada que contempla rutas e obradoiros na Estación Científica do Courel, Castro de Viladonga, obradoiros no HULA, visita e obradoiros en Xenética Fontao, talleres de modelado e impresión 3D, e outros como ‘O DNI xenético’, ‘Photonics Explorer’…
Inscrición para Xuvenciencia
O prazo de inscrición estará aberto entre o 22 de abril e o 2 de maio a través da páxina web www.usc.es/xuvenciencia/campus, un enderezo electrónico no que tamén poderán atopar toda a información relativa ao desenvolvemento do campus. Os organizadores publicarán o 5 de maio na web do campus Xuvenciencia Lugo 2016 a primeira lista de admitidos.A matrícula no Campus (sen aloxamento) ten un prezo de 60 E e inclúe participación nas actividades conxuntas do campus e nun dos proxectos científicos ou técnicos, material necesario para o campus, seguro, xantar nun comedor universitario os cinco días do campus, e diploma de participación da Universidade de Santiago de Compostela. O Campus (con aloxamento) custa 140 euros e inclúe todo o anterior máis actividades lúdicas, aloxamento, cea e almorzo na residencia universitaria Abeiro, con acompañamento de monitores titulados da A.D.C. Lumieira Lugo.
O estudantado que tome parte en Xuvenciencia Lugo terá a ocasión de ser protagonista de diversos proxectos científicos, técnicos e sociais que versan sobre áreas de coñecemento moi diversas. Así, as propostas feitas pola USC par este nova edición do campus abranguen un abano temático moi amplo que vai desde a cor, análise clínica, análise de proteínas, animal CSI, separación de proteínas, os científicos das letras, do laboratorio á cociña, un mar de animais, fotosíntese artificial, árbores en tubos de ensaio, introdución á fotografía científica, márketing e desenvolvemento de produtos, modelaxe 3D, narrando historias, dramaturxia sobre os xogos da fame, prácticas clínicas veterinarias, reaccións químicas e electróns, química computacional, prácticas clínicas veterinarias, efecto invernadoiro ou un mar de animais
Ningún comentario:
Publicar un comentario