O Museo do Pobo Galego, en Compostela, acolle este sábado as primeiras Xornadas de Innovación Educativa: Palavrar a lingua, organizadas polo STEG, Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia. O
obxectivo principal é dar a coñecer experiencias innovadoras no eido da
lingua, indagando no desenvolvemento de proxectos dinamizadores da
mesma, nun curso que tamén inclúe contidos específicos sobre as
Irmandades da Fala e un obradoiro de lusofonía.
Búscase igualmente "estimular o gusto polo traballo da lingua e
propiciar actitudes favorables no profesorado e no alumnado en relación
ao mesmo e afondar no papel da escola como suxeito tranformador e
favorecedor da realidade sociolingüística e cultural da comunidade
educativa en que se insire a súa actividade".
As palestras e obradoiros están a desenvolverse ao longo de todo o día, comezando por amosar estas experiencias innovadoras, coma
as que achegan Belén Escariz Ferrín e Isabel Vázquez Rosales
("Normalizar en Infantil e Primaria. Un proxecto común") e Pilar Ponte
Patiño ("Experiencias normalizadoras no IES da Pobra do Caramiñal").
Xa pola tarde Emilio Ínsua ofrecerá un relatorio titulado "As
Irmandades da Fala. Un percorrido pola súa historia". A seguir, Carme
Saborido Paz, profesora de portugués e membro de AGAL, impartirá un
obradoiro de lusofonía, que afondará noutro dos obxectivos das xornadas
(a conceptualización da lusofonía e implicacións sociolingüísticas e
culturais, análise dos elementos comúns do galego e do mundo lusófono,
deseño de actividades relacionadas coa lusofonía, e desenvolvemento de
propostas didácticas e consideracións metodolóxicas vervo da lusofonía e
a aprendizaxe da lingua).
Un concerto de Narf, a partir das 19 horas, pechará as xornadas,
que queren achegar "propostas de futuro dende o ensino para a
superación da situación actual de coñecemento e uso do galego e das
linguas minorizadas do resto do Estado".
Ningún comentario:
Publicar un comentario