Durante
a xornada de hoxe a Consello da Cultura Galega serviu de escenario para a presentación
do Informe sobre a Divulgación da Ciencia
en Galicia, que está dispoñible
para a súa consulta en liña, así como para a súa descarga
en formato PDF, e que permite debuxar unha vista xeral dos proxectos de
divulgación da ciencia e a tecnoloxía en Galicia, dando conta da súa
importancia social e dos avances na capacidade de comunicación que se foron
desenvolvendo nos últimos anos. O informe tamén busca identificar as eivas e os
atrancos que en moitas ocasións dificultan a creación de novos proxectos ou o
mantemento a longo prazo dos existentes. Deste xeito temos unha ferramenta de utilidade
para divulgadores, colectivos, xestores e institucións que queiran desenvolver
actividades de divulgación eficaces.
Xurxo Mariño foi o científico que coordinou o documento presentado hoxe, nun
acto no que os protagonistas da divulgación científica deron conta dos
problemas de financiamento, a variedade de propostas e a reducida presenza da ciencia
nos medios.
O informe está organizado por capítulos, que se corresponden con ámbitos
analizados, como os medios de comunicación, os museos, as institucións e as
empresas. No que ten que ver co apartado destinado á prensa impresa, o informe
cuantifica nun 2,5 % a superficie total dos xornais que se destina a novas de
ámbito científico. A inexistencia de suplementos especializados, revistas ou
seccións dentro do xornal son outras das realidades que se describen. O
documento tamén destaca a desaparición de programas especializados no medio
televisivo, a escasa presenza na radio así como as iniciativas puntuais e
voluntariosas na Rede.
Os contidos da xornada poden consultarse a través da súa gravación en vídeo dispoñible
na páxina web do Consello da Cultura Galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario