venres, 22 de abril de 2016

Propoñen Carvalho Calero para as Letras 2017

Unha comisión pula pola homenaxe para o autor de Ferrol o vindeiro ano.

Após ser proposto en 2008, 2010, 2013 e 2014 mais sen éxito, unha comisión popular volta outra vez a pular pola candidatura de Ricardo Carvalho Calero como autor ao que lle dedicar as Letras o vindeiro ano 2017. Así lle foi remitido xa á Academia Galega
"Sen desmerecer a ninguén, é tempo abondo de que sexan recoñecidos ao fin os grandes méritos do profesor Carvalho Calero por unha Academia na que ingresara o 17 de maio do 1958", sinalan no manifesto de lanzamento da candidatura, a quinta ocasión en que este feito se produce.
Aseguran que a súa é unha das "ausencias máis clamorosas e inxustas no eidos das conmemoracións e homenaxes"
"Somos teimudos", apuntan, mais "26 anos andados do seu pasamento,  non pode continuar, en xustiza, unha das ausencias máis clamorosas e inxustas no eido das conmemoracións e homenaxes ás grandes figuras da cultura do país".
Actividades
Así pois, pularán por dar a coñecer a súa figura desde distintos planos através dun conxunto de actividades que comezaron o 19 de abril na Galería Sargadelos de Ferrol e que proseguen o 22 no Centro Cultural Torrente Ballester coa proxección do documentario 'Carvalho Calero, vieiros de esperanza' e posterior coloquio co seu director, Antón Rodríguez.
Os actos continuarán até o mes de maio e levarán por distintos espazos sociais e culturais como a Fundaçom Artábria, o IES Concepción Arenal ou o Ateneo Ferrolán a persoas que coñeceron a vida e obra do autor de Ferrol para o que, din, é de "xustiza" conmemorar a súa traxectoria através das Letras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario