MARCOS MACEIRA/30 ANIVERSARIO DA MESA
A Mesa pola Normalización Lingüística fai 3 décadas de vida. Falamos co seu presidente do pasado, presente e futuro dunha ferramenta que, lembra, vive e pervive polo idioma e sen “ningunha axuda da administración galega”.
A Mesa pola Normalización Lingüística fai 30 anos de vida. Xa foi crianza, adolescente, moza e agora está na plenitude da vida. “Como daquela [polo 1986, ano de fundación], agora guiámonos pola mesma finalidade: conseguir que o galego esté presente e con normalidade en todos os espazos”, dinos Marcos Maceira, presidente desta organización e co que falamos nesta entrevista.- 30 anos da Mesa, aniversario que se cumpre estes días. Fica aínda moito, 3 décadas despois, das causas que fixeron xurdir esta entidade?
- Por desgraza, practicamente todas. Naquelas xornadas nas que naceu A Mesa, en 1986, falouse moito do ensino e da situación do galego nel. Se miramos agora atopamos o 'decretazo' e o intento deste goberno por minguar e minguar a presenza do galego . Mais se miramos a xustiza, que vemos? Pois que a presenza do noso idioma é residual, apenas un 5% das sentenzas, e problemas para calquera cidadán que queira que se cumpla o disposto na Carta europea das linguas.
"É neses momentos de dificultades cando se ve a capacidade de resposta da sociedade galega na defensa da súa lingua"- Aínda persiste a costa arriba..
Moitas das análises que a Mesa fixo daquela, en 1986, recolléronse despois no Plan xeral da lingua galega, de 2004, o que amosa que eran certeiras. Porén, sofremos un incumprimento flagrante de gran parte das 450 medidas que abrangue, tamén vemos como se incumpren acordos parlamentares a respecto do idioma... Mais tamén temos claro que é neses momentos de dificultades, de conflito, cando se ve a capacidade de resposta da sociedade galega na defensa da súa lingua.
- Insistides no protagonismo da sociedade
É que nestes 30 anos os avanzos que houbo para o galego foron froito da mobilización, da persistencia, do compromiso da sociedade galega, máis que do traballo das administracións. Nestes anos, o esfozo para lograr que o galego estivese en espazos onde non figuraba foi moi grande e deu os seus froitos. E foi un esforzo da sociedade, non da Xunta. Agora a presenza do galego en certos espazos parécenos normal, mais non o era hai 40 anos e ese avanzo logrouno a xente.
- Trinta anos de ferramenta para defensa do galego. Mirar cara adiante, cal é o roteiro para os vindeiros anos?
O noso roteiro está claro: conseguir para o galego todos os espazos, iso é normalizar a lingua. Que o noso idioma poida vivirse con normalidade e garantías en todos os ámbitos. Algo que, hai que repetilo, non existe hoxe en día. Nin sequera a nivel formal: no eido lexislativo o galego non está en situación de igualdade co castelán.
En breve imos presentar un proxecto para mellorar a ferramenta que temos para que a sociedade denuncie aquelas agresións e incumprimentos do galego ou ben parabenice proxectos e iniciativas que van a favor do idioma. É importante facer ver que a sociedade demanda galego. Un país avanza se avanza a súa lingua propia. É algo que pode comprobarse cunha mirada aos índices de desenvolvemento da ONU.
"O noso roteiro está claro: conseguir para o galego todos os espazos, iso é normalizar a lingua"- A sentenza do TSXG tombando parte da ordenanza municipal de uso do galego en Lugo, a polémica no seu día pola ordenanza ordenanza de impulso do galego en Cee... Estamos a retroceder en eidos onde pensabamos que xa estaba asentado?
A loita polo galego é unha loita social. A propia existencia da MNL evidencia iso, somos a asociación cultural máis numerosa do país. É certo que non se pode dar nada por descontado, que debemos permanecer atentos e vixiantes en todos os eidos. Por exemplo, hai anos as empresas de centros de chamada anunciaban como positivo que tiñan atención en galego. Agora non, iso decaeu, por iso activamos unha campaña coa CIG para defender a importancia de que tamén haxa galego.
Non recibimos ningunha axuda da administración galega e o traballo que hai que facer é grande. Por iso é moi importante a implicación de todos e todas, que se sumen e apoien A Mesa para lograr para o noso idioma todos os espazos que merece.
"O galego ten que ser un tema de política nacional, cun gran acordo en torno a uns mínimos e que o debate sexa para enriquecer e mellorar, para que o galego avance; e non que haxa un debate político con forzas a proclamar recortes e retrocesos"- Tendes feito chamadas á necesidade de atinxir un pacto social pola lingua entre todas as organizacións políticas.
O galego ten que ser un tema de política nacional, haber un gran acordo en torno a uns mínimos e que o debate sexa para enriquecer e mellorar, para que o galego avance; e non que haxa un debate político con forzas a proclamar recortes e retrocesos para o noso idioma. Nestes anos xa fixemos varias propostas e puxemos sobre a mesa iniciativas varias neste sentido, nalgúns dos cales mesmo se sumou o PP, se ben máis a nivel simbólico que práctico. E nós o que queremos é ver feitos a favor do idioma, e niso comprometémonos todos.
- Nestes anos tamén houbo un impulso da 'internacionalización' da situación do galego: informe perante a ONU, informe do Comité de Bruxelas...
E que en Galiza hai cousas que en calquera país con lingua propia non as hai, serían anormais. E relacionamos iso cun tema conmo é os dereitos humanos. Por exemplo, se se agrede verbalmente a unha nena nun campamento de verán por falar galego ou se unha profesora é ameazada de despedimento nun centro privado por usar o galego; estamos ante cuestións que son de dereitos humanos. O que nós procuramos é poñer en evidencia estas situacións e an necesidade de como non podemos vivir con normalidade na nosa propia lingua. Porque iso é ao que aspiramos e queremos: vivir no noso idioma con plena normalidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario