O vindeiro 17 de maio co lema “o idioma é a vida” terá lugar unha manifestación en Santiago que sairá ás 12h da Alameda.
Como todos os anos, precisamos da túa colaboración para a
distribución e venda de materiais da Mesa ou de Queremos Galego que
axuden a financiar os gastos da organización, ou para participares no
servizo de orde. Para axudares só tes que enviar un correo electrónico
a: amesa@amesa.gal indicando os teus datos de contacto. Unha vez que teñamos as tarefas distribuídas porémonos en contacto contigo.
Ademais, para a espallar a convocatoria e animar a participar, facemos a seguintes
PROPOSTAS DE ACCIÓN
1) Fala coa xente do teu entorno para informalos e animalos a participar.
Ten presente que hai moitas persoas sensíbeis á cuestión ante a
política agresiva de Núñez Feixó. Falar, informar e contrastar ideas ao
respecto coa nosa xente próxima é, con certeza, o máis importante
contributo que podemos facer para evitar que esta agresión continúe, e
para que comecen verdadeiras políticas para a plena normalidade da nosa
lingua.
2) Envía un Whats app ou sms ao menos a dez dos teus contactos
cos que non deas falado en persoa para animalos a que participen e
divulguen a manifestación. Pode ser algo así como: “17 de maio:
manifestación en Santiago. #OidiomaÉaVida Queremos Galego! Participa e
pásao!”
3) Envía un correo-e aos teus contactos coa información da manifestación.
4) Infórmate dos actos previos á manifestación do 17 de maio na túa zona, divúlgaos e tenta participar neles.
Así mesmo, infórmate (p. ex., nos webs de Queremos Galego
–www.queremosgalego.org- ou da Mesa –www.amesa.gal-) de cales son os
posíbeis medios de transporte que puider haber desde a túa comarca para
chegar á manifestación que sairá o día 17 de maio ás 12.00 h da Alameda
de Santiago.
5) Se tes un espazo web, coloca nel os bánners promocionais da manifestación. Atoparalos en www.queremosgalego.org ou www.amesa.gal así como nas respectivas páxinas de facebook e twitter.
6) Se tes un perfil en facebook, instagram, twitter… apoia os eventos creados sobre a manifestación, convida aos teus contactos e anuncia o teu apoio desde o teu estado.
7) Se participas nalgunha asociación ou colectivo de calquera tipo, anímao a se adherir
á plataforma Queremos Galego, a participar no plenario convocado na túa
zona, a colaborar na manifestación e a emitir un comunicado aos medios
de comunicación adheríndose manifestación do día 17 de maio.
8) Contribúe a espallar a convocatoria imprimindo os cartaces que estarán en www.queremosgalego.org ou en www.amesa.gal, e colándoos onde che for posíbel, na túa rúa, centro de traballo, centro de ensino, no teu comercio…
Ningún comentario:
Publicar un comentario