mércores, 31 de outubro de 2012

Sindicatos, organizacións estudantís, asociacións de nais e pais e integrantes da Federación de municipios e provincias erguéronse da reunión deste organismo ante o que consideran "un atentado sen precedentes contra a liberdade de expresión", ao non permitirse o debate das emendas presentadas ao anteproxecto



O Goberno español vén de practicar "un atentado sen precedentes contra a liberdade de expresión" ao impedir o debate dun dos informes alternativos ao presentado pola Permanente do Consello escolar sobre o anteproxecto da chamada Lei de mellora da calidade educativa.
Así o denunciou o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen informou de que todas as organizacións sindicais, estudantís, de nais e pais e integrantes da Federación de municipios e provincias --ao redor do 40% do Consello escolar-- se ergueron da mesa e abandonaron a reunión.
"É un feito insólito que non se ten producido en todos os anos de funcionamento do Consello escolar, con gobernos de diferente signo", subliñou Louzao, remarcando a actitude da dereita española e valorando como "máis que preocupante que se negue o debate e se persigan as ideas e a ideoloxía que non concordan co PP".
CIG-Ensino presentou un documento con até 83 emendas ao anteproxecto da Lei educativa exixindo "que se retire esa norma e se abra un amplo debate social para darlle un xiro de 180 graos", acrecentou Louzao.
Para alén de non quitar adiante este texto por supor "unha intromisión nas competencias" da Galiza, o informe alternativo presentado pola central nacionalista sinala o procedemento "totalmente antidemocrático" que seguiu o ministerio que encabeza José Ignacio Wert para a aprobación do anteproxecto, anulando as posibilidades de participación "real" da comunidade educativa.
Ao respecto do contido apunta Louzao que as reformas que se practicarán de aplicarse a lei española "son de gran calado e poñen en cuestión o dereito universal á educación, e son máis unha tentativa de centralización e españolización" do que queda do ensino público galego e en galego.





martes, 30 de outubro de 2012

Retranca contra o "trienio negro" para a educación en Galicia

"-Máis xubilacións e máis alumnos igual a... menos profesores! -In English, please!". É un dos diálogos que se puideron escoitar na mañá deste luns nas inmediacións da Consellería de Educación. Tras meses de protestas de diferente formato para rexeitar os recortes educativos a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público dedicidu desta volta botar man da retranca para, no inicio do curso escolar en secundaria, transmitirlle á sociedade "máis que unha parodia, unha realidade teatralizada" do que para este colectivo foi, en verbas do seu voceiro, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, un verdadeiro "trienio negro" para a escola pública.

Profesores transformados en alumnos, por unha banda e en alumnas, pola outra, ateigaban as cadeiras colocadas fronte á sede da Consellería. Ao son da gaita procuraban o seu sitio ollando para os indicadores: "boys/niños" dun lado, "girls/niñas", do outro. Á fronte da clase, uns peculiares Alberto Núñez Feijóo e Jesús Vázquez, tesoira en man, impartían clases de recortes por doquier ata que un bispo e un crego irromperon na aula. Previa bendición, reciben unha cuantiosa suma de cartos públicos. "Ao mesmo tempo representamos a masificación das aulas, a falta de profesorado e a cativa presenza do noso idioma no ensino", explica Louzao, nun inicio de curso no que "o PP está a actuar como unha verdadeira fábrica de crear desemprego" entre os docentes: desde 2009 hai "2.000 profesores menos no ensino público", calcula a plataforma. Mentres, "dedícanse ao ensino privado concertado máis de 248 millóns de euros ao ano".
A plataforma denuncia un recorte de 2.000 docentes "mentres se dedican 248 millóns ao ano á privada concertada".
"Profe, non collemos na aula!", protestaban o particular alumnado mentres o cabezudo conselleiro amagaba con botar man da regra e non era quen de responder ás preguntas da aula, metáfora dos "800 profeseores e profesoras que teñen que impartir materias nas que non son especialistas". "Falta planificación" e mesmo danse "actuacións irregulares e anómalas", denuncia Louzao, caso por exemplo dos "55 profesores" con praza pero "sen destino, que saben que van traballar nunha zona aproximada, nun radio de 50 quilómetros" mentres "ao mesmo tempo hai centros que necesitan profesorado para atención á diversidade" ou para "programas de cualificacións" especialmente "masificados".
Parodias á parte, a Plataforma considera "evidente" que no comezo do curso 2012-2013 "se vai conculcar o dereito á educación de moito alumnado no noso país, na medida en que as baixas non se van cubrir" se duran "menos de 10 días". "Ese alumno ou alumna, no mellor dos casos -explica- estará atendido por profesores que non son especialistas, e digo no mellor dos casos porque haberá centros que teñan que agrupar dúas aulas, porque non vai haber profesorado dabondo para cubrir as gardas", describe Louzao, nun contexto no que para moitos traballadoras e traballadores do ensino o "panorama é máis que escuro", con "máis de 1.000 profesores" que viñeron traballando como substitutos e interinos e que agora "non foron chamados", en moitos casos tras "quince, vinte ou vinte e cinco anos traballando". "A pesar do que digan o presidente e o conselleiro estase a poñer en tea de xuízo o dereito á educación", conclúe.



O Consello de Europa recomenda o modelo lingüístico catalán e vasco que rexeita a Xunta


As comparacións son sempre odiosas. O Comité de Ministros do Consello de Europa aprobou as recomendacións a España no terceiro informe sobre o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, nas que analiza a situación dos idiomas cooficiais no Estado. Non todos reciben a mesma nota. Mentres as políticas lingüísticas levadas a cabo en Catalunya e Euskadi son louvadas, especialmente no que se refire á educación, a Xunta volve recibir duras críticas polo tratamento que fai do galego, nomeadamente no ensino. O documento censura os modelos lingüísticos das autonomías gobernadas polo PP, mentres destaca o bo facer da Generalitat e do Goberno vasco.
O Consello de Europa louva os modelos lingüísticos educativos de Euskadi e Catalunya mentres censura o galego
O informe elaborado polo comité de expertos é claro e expresa a súa preocupación "pola redución progresiva do ensino en galego en todos os niveis e da súa estrutura de apoio". O documento, elaborado a partir de consultas e contacto directo con administracións e colectivos sociais en Galicia, censura que a aplicación do polémico decreto do plurlingüismo está a reducir a presenza do idioma propio no ensino, ademais de solicitar ao Goberno que faga o posible para “que haxa un número suficiente de escolas que ofreza educación completamente ou esencialmente en galego”, xa que ese é un dereito “dos pais que así o desexen” e porque se ten que “garantir” que se cumpran as escollas das familias.
O Consello de Europa reclama, xa que logo, a posibilidade da inmersión lingüística en galego, unha opción criticada e rexeitada constantemente pola Xunta do PP, malia que é recomendado por expertos e, agora de novo, por este organismo que serve de asesor á UE. De feito, mentres a inmersión e os modelos lingüísticos escolares vasco e catalán son duramente censurados polo Goberno de Feijóo, as recomendacións a España non dubidan en louvalos e poñelos como exemplo do que se debe facer coas linguas cooficiais no Estado.
"A lingua catalá en Catalunya segue a gozar dun excelente apoio por parte das autoridades rexionais e locais e cumpre así coa maioría de puntos da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias", destaca o comité de expertos, que aclara que malia que o Estatuto de Autonomía estivo desafiado polo Tribunal Constitucional, a súa decisión "non semella presentar un contratempo para o cumprimento da Carta, especialmente no que se refire á educación", que segue sendo destacada como un modelo exemplar. O modelo catalán sitúa a lingua propia como a vehicular no ensino, sendo a empregada en todas as materias agás Lingua Castelá ou as de idiomas estranxeiros.
Os expertos destacan os modelos de inmersión en vasco e catalán e piden que se oferte tamén en Galicia.
En canto ao País Vasco, o Consello de Europa destaca que o éuscaro na Comunidade Autónoma Vasca "segue a ser cuberto con medidas positivas en moitos campos", de tal xeito que "a maioría de garantías que esixe a Carta Europea están cumpridas dunha maneira exemplar". No ámbito educativo, os expertos volven felicitar o Goberno "polos progresos conseguidos co modelo D (aquel no que o vasco é lingua vehicular, agás na materia de Lingua Castelá e Literatura)", pero insta a Administración a que garanta "unha oferta suficiente" de éuscaro no novo modelo trilingüe, instaurado polo Executivo socialista de Patxi López e semellante ao que agora rexe en Galicia tras a chegada do PP ao poder.
O Consello de Europa felicita tamén os avances co éuscaro en Navarra, destacando o feito de que as autoridades "asegurasen a instauración do modelo D tamén na zona mixta (onde se mesturan castelán e vasco)", aínda que pide tamén que a intención do Goberno navarro de introducir o inglés no currículo escolar "non afecte á oferta de educación media en lingua vasca".
O informe critica a política lingüística de todas as autonomías gobernadas polo PP.
No caso balear, no entanto, onde o PP modificou a lexislación lingüística escolar, o comité de expertos destaca que "a oferta media de educación en catalán non se corresponde coas garantías esixidas". Na Comunitat Valenciana, o informe sinala que "a oferta de educación en valenciano non é suficiente" e advirte da "necesidade de mellora" do modelo, especialmente á hora do paso de educación primaria á secundaria.
Curiosamente, o Consello de Europa censura os modelos lingüísticos educativos daquelas comunidades autónomas onde goberna o PP, pero sinala os aspectos positivos de Catalunya, Euskadi e incluso Navarra.



O colectivo Galsoft desenvolve unha distribución Linux, en galego, para a mocidade


Esta tarefa de desenvolvemento, que se completa con accións para fomentar o emprego e distribución de código aberto, deu comezo o verán pasado. Os seus primeiros resultados son a posta en marcha dun web, galsoftlinux.org, e a primeira versión da devandita distribución, acompañada de dous paquetes de aplicacións portables.
A versión 1.0 de Galsoft Linux inclúe os programas de máis uso, soporte para Flash, Java e os códecs máis estendidos. Xa é posible acceder a este recurso a través da sección Descargas do citado web. Segundo fan saber dende este colectivo, a distribución irase actualizando cada pouco.
Todos os programas e aplicacións dispoñíbeis na web desta plataforma xuvenil son de código aberto e teñen a licenza GNU General Public License version 3.0 (GPLv3).

Información tirada do xornal dixital Código Cero.

mércores, 17 de outubro de 2012

A reforma de Wert: Innecesaria, anacrónica e centralista

A primeira reflexión que se me ocorre sobre a nova lei de educación, a promovida polo ministro Wert, é que, nos termos en que se propón, no fondo e na forma, resulta completamente innecesaria. Efectivamente, parece unha cortiña de fume para tentar distraer a atención do debate social e as numerosas protestas contra dos drásticos recortes que o PP está propiciando, aceleradamente, cunha caída dos indicadores de calidade, sobre todo, polo incremento de ratios na secundaria e a non renovación de miles de profesores e profesoras co incremento da carga horaria lectiva, amen da supresión de servizos de atención, reforzos, etc.
No caso de Galicia son centos (sobre 800 segundo os sindicatos) os docentes que pasaron xa ó paro, con todo o que conleva tal situación, para eles e as súas familias. Nunca antes acontecera algo similar e o mérito vai todo para Jesús Vázquez Abad, sen dúbida, o peor conselleiro de educación da democracia, aquel que pasará á historia da nosa autonomía non só por ser o que mais, e con máis saña, atentou contra da nosa lingua e cultura, senón tamén, o que, desobedecendo -con coñecemento de causa- ó Tribunal Supremo, seguiu financiando a educación concertada que segrega por sexos, noutras palabras, ó Opus Dei, sen rubor algún, facendo méritos para que Feijóo o premie como primeiro candidato por Ourense, como o seu mellor hooligan. Quen o ía a dicir... pero sobre todo, por levar á ruína, o sufrimento e a desesperación, a moitas persoas e familias, en moitos casos hipotecadas de por vida, con crueldade.
Innecesaria, ademais, porque somos o Estado que máis reformas educativas puxo en marcha en menor tempo. Nisto si que somos campións do mundo. E maioritariamente sen acordo, sen consenso, por imposición. Así, desde que aprobamos a Constitución de 1978, ata hoxe, sae aproximadamente a unha media dunha lei de educación por cada dous anos e medio. Vaia marca!. Lamentable, para a educación e para toda a comunidade educativa, para o país enteiro, si temos en conta que necesitamos uns doce anos para avaliar -con rigor- os resultados dunha reforma educativa.
Pero é que ademais, esta nova lei (Wert non ía a ser menos) fíxose sen debate social algún, sen acordo, nin político nin social nin tampouco educativo. Compre lembrar aquí ó admirado ministro Angel Gabilondo quen tentou, sen éxito, precisamente pola intransixencia do PP, un acordo educativo que introducira serenidade e sosego nos centros escolares por moitos anos. Estivo a punto de acadalo pero os intereses electorais, ó final, frustraron tan meritoria intención que reclamaba todo o sector a voces.
Claro que necesitamos mellorar os resultados académicos do alumnado, atallar o absentismo, diminuír o fracaso escolar e social…, os docentes o sabemos mellor que ninguén. Como tamén somos conscientes de que as melloras da calidade non son sempre cuestión de recursos, evidentemente. Sen embargo, calquera sabe que unha reforma educativa non se fai contra o profesorado e contra a comunidade educativa. O máis torpe dos ministros debera coñecer esta obviedade: que as escolas e os institutos non cambian a golpe de Boletín Oficial do Estado ou de Diario Oficial de Galicia. E noito menos si, previamente, sometemos á profesión docente a unha denigración xeral inxusta, a recortes económicos moi relevantes en salarios de por si moi baixos, suprimimos pagas extras, empeoramos notablemente as súas condicións laborais ou aplicamos un recorte drástico de financiación. Un conxunto de medidas regresivas que van, precisamente, na dirección contraria á mellora da calidade. Particularmente o anuncio do que aínda está por vir, é dicir, a diminución significativa da porcentaxe do PIB que España dedica a educación, contra todas as recomendacións internacionais. A verdade é que, neste aspecto, nunca chegamos ó 6% do PIB, suxerido e aplicado por moitos países do noso entorno desde hai anos. Quedámonos, no mellor momento, moi cerca do 5%. Agora, coas novas medidas, baixaremos ó 3,9% do PIB, unha caída libre que nos leva a principios dos anos '80 en recursos destinados á educación.
E mentres isto acontece, seguimos a financiar (despilfarrar sería mellor dicir) recursos escasos subvencionando a colexios sectarios e de elite como os do Opus Dei (5 deles en Galicia) que segregan por sexo, vulnerando deliberadamente as sentencias recorrentes do Tribunal Supremo e blindando, na propia lei, tal práctica de financiación privada con fondos públicos para os seus amigos. ¿Onde queda aquilo de respetar as decisións xudiciais, o imperativo legal?. O PP ten uns principios, como Groucho, pero os cambia si non interesan... Nada novo si observamos o que fan co rescate da banca privada ó tempo que abandonan á súa sorte á maioría, todo moi cristián...
E seguimos a manter a financiación pública do ensino concertado, incrementando as subvencións en tempos de crise, e o profesorado de relixión, e a catequese nos centros escolares... mentres que suprimimos a Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos por... ¡adoutrinadora!. Vivir para ver...
A segunda reflexión é que a reforma educativa aprobada no consello de ministros resulta anacrónica, non só polo que vimos de comentar, porque nos retrotrae ó pasado, a modelos superados en todo o mundo, senón que desprende, ó lela, un tufo a incenso e a formación do espírito nacional que tira para atrás, a un neoliberalismo do máis rancio, con continuas apelacións á competitividade, ós mercados, á segregación do alumnado a idades máis temperás, ó desvío dos que cargan con máis dificultades cara outros itinerarios de fracaso, retomando as vellas aspiracións da dereita en relación cun modelo equitativo recoñecido internacionalmente. Demasiado equitativo. Moi igualitario. Xa está ben de que os fillos de un calquera podan ir á universidade. Onde se viu tal cousa?
Trátase de eliminar, canto antes, ós que estorban, para dedicarse, tamén, canto antes, ós excelentes, é dicir, ós fillos e fillas dos sectores económica e culturalmente máis favorecidos, tanta igualdade de oportunidades para que?, xa está ben de tanto igualitarismo...
Reduce as competencias dos pais e das nais nos Consellos Escolares, reforza as funcións directivas e opta pola designación dos directores ó tempo que diminúe o peso das materias artísticas, da educación cívica, e volvemos á vella separación do coñecemento do medio na primaria con dúas materias, naturais e sociais.
Terceira reflexión. Claro que se trata dunha lei centralista por moito que Wert se empeñe en desmentilo ou en utilizar eufemismos para disimulalo. O artigo dedicado ó currículo o afirma categoricamente. "Corresponderá ó goberno o establecemento e definición das competencias básicas de cada ensino e dos criterios para a súa avaliación e a fixación dos contidos comúns necesarios para a adquisición das competencias básicas". Non tardaron un minuto as autoridades educativas vascas e catalás en denuncialo. O noso conselleiro, polo contrario, está encantado con reducir as nosas competencias, aquelas que el está obrigado a defender por lei, as que figuran no Estatuto de Autonomía de Galicia. Vaia papeliño. Tanto os criterios de avaliación e as características xerais das probas de 2º e 6º de Primaria como as de 2º e 4º da ESO serán fixadas polo goberno central e aplicadas e cualificadas por especialistas externos a cada centro educativo. E outra proba máis de avaliación final do Bacharelato, máis madeira, tamén competencia do goberno central.
Probablemente Wert soñe con aqueles anos nos que el era estudante e añore tempos pasados de exames e reválidas, de exclusión dos máis, de segregación sexual, de represión e incenso, de leite en polvo e queixo americano... A súa reforma camiña cara as montañas nevadas, bandeiras ó vento…
Unha auténtica wertgoña…

Manuel Dios Diz é mestre, licenciado enXeografía e Historia, profesor de Sociais no IES de Cacheiras (Teo), presidente e fundador do Seminario Galego de Educación para a Paz.







A Unesco constata un recorte do 30% no investimento educativo do Goberno español

Unesco


Informe completo, na web da Unesco

Os "recortes" no ámbito social están no centro do debate político dende o inicio da crise económica. A redución do déficit ou o pagamento dos xuros da débeda pública condicionan o investimento en áreas como a sanidade, a atención á dependencia ou a educación. No ámbito educativo é no que se vén de deter a Unesco. A axencia da ONU especializada na cultura vén de facer pública unha nova edición do seu informe Educación para todos, un amplo traballo no que fican constatadas as abismais desigualdades que existen no acceso á formación no mundo, pero no que tamén está reflectido con claridade o desplome das achegas dos gobernos á educación nos chamados "países desenvolvidos". No caso español, a caída foi dun 30% entre 2008 e 2010, isto é, xusto antes de que o Goberno central aplicase os grandes paquetes de recortes seguindo instrucións da Unión Europea, primeiro co goberno dirixido por José Luis Rodríguez Zapatero e despois, co de Mariano Rajoy,
A Unesco non dubida que por tras da redución dos orzamentos para a educación están as "presións políticas e financeiras" que reciben os gobernos a causa da "axuda externa" para as súas contas, isto é, da débeda. E neste contexto, lamentan, os cartos reservados para o sistema educativo poden ser un "obxectivo doado para os recortes". Non dubida á axencia da ONU á hora de incluír o caso español entre os países que "fixeron recortes drásticos". "España, que se convertera nun importante investidor'" en educación "na pasada década, fixo recortes de máis do 30%", explica o informe.
Líderes en fracaso escolar e desemprego xuvenil
Un terzo do alumnado español de secundaria abandona os estudos antes de rematalos
Pero o Reino de España non destaca só neste estudo pola súa destreza coa tesoira. Tamén o fai, moi sinaladamente, polos seus "preocupantes" niveis de fracaso escolar. Mentres que "en promedio" no conxunto da Unión Europea o abandono das aulas antes da fin do ensino secundario está no 14%, "en España un de cada tres alumnos abandona a escola secundaria". Estas cifras son, para a Unesco, "motivo de inquedanza", máis aínda tendo en conta a "gravidade da crise económica" e, sobre todo, do "nivel de desemprego da xente moza", que en marzo de 2012 xa acadara o 51%. "Cómpre que en todos os países se preste atención á adecuación do ensino secundario ao mundo do traballo", explica, nun contexto no que o Estado español é "o máis afectado" da UE polo paro entre a mocidade, nun contexto no que "cando menso un cuarto da xente nova que deixou os seus estudos ao rematar o primeiro ciclo do ensino secundario e un quinto dos que abandonaron despois do bacharelato" non teñen emprego nin o buscan.
Así e todo, a Unesco sinala que a mera creación de postos de traballo "non nos sacará da crise por si soa", xa que a ausencia de formación, a falta de competencias profesionais, "aboca" a moitos mozos europeos a "desaproveitar o seu potencil" e tamén a "perder oportunidades de emprego". Por este motivo a axencia recomenda "formar a mocidade con competencias profesionais axeitadas, con experiencia previa e con capacidade de adaptación ás novas tecnoloxías". Cada dólar investido en educación, resalta, supón un retorno de 10 dólares para a economía de cada país.



A FOLGA DO DÍA 18 DE OUTUBRO!

CONFAPA-GALICIA SECUNDA A INICIATIVA DE CEAPA DE SUMARSE Á FOLGA CONVOCADA POLO SINDICATO DE ESTUDANTES PARA CONVERTILA NUNHA ACTUACIÓN CONXUNTA DO ALUMNADO E AS FAMILIAS

Entre outras cousas, CONFAPA-GALICIA convoca á folga para as nais e os pais para o xoves día 18 de outubro.
CONFAPA-GALICIA considera que a gravísima situación actual demanda unha resposta contundente do alumnado e as súas familias. Estamos ante un ataque sen precedentes aos dereitos do alumnado e das familias, con salvaxes recortes na educación pública que, no contexto actual, vense agravados pola coincidencia con outras medidas igualmente inaceptables.
Iniciamos un curso escolar que supera con creces os peores pronósticos; pensamos que chegou o momento de que o alumnado e as familias, ademáis de seguir a realizar movilizacións conxuntas co resto da Comunidade Educativa, eleven a súa voz para dicirlle ao Goberno Central e ao goberno de Feijoo que está a seguir o seu camiño, que temos chegado a un punto de non retorno, que non estamos dispostos a tolerar nin unha soa medida máis.
Alumnos e pais estamos soportando recortes en todas as partidas, que non fan outra cousa que castigar as xa maltreitas economías familiares, abocando ao abandono educativo a moitos rapaces e rapazas por cuestións económicas. É intolerable e debemos cambiar radicalmente as medidas que se están a tomar.
Sobran os motivos, mais queremos subliñar especialmente que o alumnado e as familias movilizarémonos conxuntamente porque:
--Non aceptamos un novo cambio de Lei educativa. A sociedade está xa cansa de que cada novo Goberno se empecine en modificar a lexislación educativa, máxime se, como está a ocorrer agora, faise sen contar cos diferentes sectores buscando cambiar o actual modelo social e satisfacer consignas ideolóxicas.
--Non aceptamos mentiras para xustificar unha reforma do sistema educativo, terxiversando datos e facendo xuízos de valor que non están baseados en datos contrastados.
--Non aceptamos o desmantelamento da educación pública para beneficio exclusivo da iniciativa privada, desviando os fondos públicos para financiar empresas privadas da educación, moitas de dubidosa legalidade que, incluso, atrévense a vulnerar a Constitución coa connivencia de quen deberían cumprir e facer cumprir o marco legal vixente.
--Non aceptamos que se eliminen todo tipo de axudas ao alumnado e ás familias, se incrementen as cotas e as taxas -aínda máis, creándoas onde non existían- , incumplindo o mandato constitucional da gratuidade do ensino e o dereito de acceso en igualdade de condicións.
--Non aceptamos que que os irresponsables políticos que nos gobernan sigan a insultar ao profesorado que ensina aos nosos fillos e fillas, profesorado que goza do respaldo das familias e do alumnado co que conviven a cotío, nun ataque sen precedentes contra a figura do funcionario público e dos interinos, aos que se trata en ámbolos dous casos como se fosen bonecos de feira, co único obxectivo de poñer a educación en mans da empresa privada e, con iso, de precarizar a profesión docente.

En definitiva, alumnos e familias dicimos: ATA AQUÍ CHEGAMOS e esiximos,
• O cese fulminante do Ministro Wert e de todo o seu equipo
• A retirada inmediata do inaceptable anteproxecto de reforma da LOE
• A paralización inmediata de todas as medidas de recorte e desmantelamento do ensino público
• A apertura, cun novo equipo ministerial, dun proceso real de diálogo cos diferentes sectores da Comunidade Educativa para buscar entre todos o consenso preciso para mellorar, de verdade, o ensino público.

FACEMOS UN CHAMAMENTO ÁS FAMILIAS para que realicen o día 18 de outubro unha folga de nais e pais, consistente en deixar baleiros todos os centros educativos para defender os dereitos dos nosos nenos e as nosas nenas.
Asemade, pedímosvos que facilitedes a posibilidade de que, sós ou coa vosa compaña segundo as idades e maduración dos vosos fillos, poidan estes participar nas manifestacións de estudantes a celebrar na mañán do día 17 e, todos xuntos, facelo tamén nas que se levarán a cabo na tarde do día 18 nas distintas vilas e cidades de Galiza. Do mesmo xeito, pedimos que formedes parte das Asembleas que se convoquen e dos piquetes informativos que se realicen.

Chegou o momento de dar unha mensaxe clara sobre que as cousas teñen chegado a un punto onde nunca tiveron que facelo. Non estamos dispostos a que sigan por ese camiño.

CONFAPA-GALICIA

luns, 15 de outubro de 2012

Alerta polo escaso uso do galego na educación infantil


Segundo o estudo de A Mesa, un 3,19% dos centros consultados declarou que imparte ensino en galego, un 1,06% declarou que mantén dúas liñas diferenciadas (unha en galego e outra en castelán) e un 4,96% respondeu que o ensino se dá a partes iguais entre galego e castelán. Xa que logo, segundo os datos deste estudo, só o 9% dos centros de infantil das sete cidades galegas estaría a impartir parte do ensino en galego.
O estudo está baseado en entrevistas a 282 centros educativos –públicos, privados e concertados–, que foron preguntados polo idioma empregado neste nivel educativo.

Información tirada do sito web de A Mesa pola Normalización Lingüística.







A CTNL convoca un curso de accións de dinamización lingüística


A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) organiza esta actividade formativa co obxectivo de dotar as persoas participantes dunha metodoloxía para o deseño, xestión, implementación e avaliación de accións de dinamización lingüística.
O Curso de deseño e implementación de plans e accións de dinamización lingüística está dirixido principalmente a traballadores/as de servizos de normalización lingüística, a traballadores/as de asociacións, empresas e outras entidades relacionadas coa normalización e a membros de equipos de normalización e dinamización lingüística do ensino, así como a todas aquelas persoas interesas en traballar pola normalización da lingua.
Cunha duración de 25 horas (20 presenciais e 5 non presenciais), este curso terá lugar, na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, todo o día do mércores 24 de outubro e mais as tardes dos mércores 7, 14 e 21 de novembro.
O curso estará impartido por Isabel Vaquero Quintela, responsable da Área de Dinamización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e autora do traballo Traballarmos en dinamización lingüística (.pdf), publicado pola CTNL. Ademais, contará cun módulo de participación e implicación, impartido polo experto en participación cidadá Xaime Subiela, e outro de mercadotecnia e comunicación, impartido polo especializado en comunicación e vicepresidente da Agal, Miguel Rodrigues Penas.
O prazo de inscrición estará aberto desde o 8 de outubro ás 10.00 h até o día 15.

Información tirada do web da CTNL.

Volven “Os Axóuxeres”!



Os Axóuxeres actualízanse e transfórmanse neste ano 2012, segundo explicou o secretario xeral de Política Lingüística, "para adaptárense aos retos dunha sociedade que utiliza cada vez máis medios para relacionarse e educar. Os Axóuxeres mudan cos tempos, sempre co empeño de ofreceren ferramentas para cantar, para xogar, para medrar en galego co apoio dos pais e nais que, en definitiva, son os encargados de transmitirlles aos seus fillos e fillas a lingua galega".
Encontros teatrais e dixitais na Rede de Dinamización Lingüística
Os Encontros dos Axóuxeres son pezas teatrais dunha hora de duración pensadas para cativos de 0 a 3 anos, participativas e con moita presenza da música e do xogo. Pola súa banda, os Encontros dixitais son sesións de cine dixital pensadas para nenos e nenas de 3 a 6 anos acompañados dos seus pais e nais. Nestas actividades fomentarase a participación do público con xogos e cancións para desenvolver durante a celebración.
Toda a información sobre este programa estará dispoñible no web Os Axóuxeres 2012.
Os Axóuxeres, tamén na TVG2
Nesta nova etapa, ademais dos Encontros teatrais e dos dixitais, Os Axóuxeres adquiren unha dimensión televisiva para chegar a todos os fogares de Galicia, grazas ao novo espazo televisivo do mesmo nome, que se emitirá a partir do día 22 de outubro na segunda canle da Televisión de Galicia (TVG2). O horario será de luns a venres, ás 7.30, ás 13.00 e ás 17.00 h, no marco da súa programación infantil e do coñecido Xabarín Club.

Máis información no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.





Xa é posible descargar o navegador Firefox 16 en galego



Entre as novidades do Firefox 16 están o soporte de VoiceOver para OS X (que vén agora activado de xeito predeterminado), o soporte inicial de aplicacións web en Windows, Mac e Linux e a incorporación dunha nova lingua (o acholi, propia de Uganda).
A nova versión de Firefox tamén mellorou a recolección de lixo incremental para Javascript, incorporou unha nova barra de ferramentas para desenvolvedores (que tamén agradecerán novas funcionalidades CSS3) e corrixiu erros detectados en versións anteriores á oficial.
Pódese descargar de balde nas seguintes ligazóns: para Windows, para OS X e para Linux.
http://codigocero.com/Xa-e-posible-descargar-o-Firefox
Información tirada da revista dixital Código Cero.



martes, 9 de outubro de 2012

O BNG pide que o dominio do galego puntúe no acceso a postos laborais nas institucións da UE


O BNG pediu á Comisión Europea (CE) que o coñecemento da lingua galega sexa valorado no proceso de selección para acceder a postos de traballo nas institucións da Unión Europea. Para iso apoiouse en que é "a lingua cooficial de tres millóns de persoas".
En concreto, realizou esta solicitude a través da eurodeputada nacionalista Ana Miranda, quen presentou unha iniciativa parlamentaria dirixida ao órgano con sede en Bruxelas, segundo indicou a formación a través dun comunicado.
Para a deputada do Bloque na Eurocámara "non é comprensible" que o dominio dunha "lingua propia de tres millóns de europeos" non puntúe como mérito pero si o faga o "coñecemento doutros idiomas que non son propios da UE". Neste sentido, Miranda destacou que, ademais de ser "a lingua propia" dos galegos, conéctaos con 240 millóns de habitantes do mundo da lusofonía.
Precisamente, esta petición produciuse no Día europeo das linguas. Tal e como censurou a formación na súa nota de prensa, esta xornada, que se celebra desde o ano 2001, conmemora "a riqueza lingüística da UE con 23 idiomas oficiais", pero "sen considerar como tales" as linguas cooficiais en España.

Información tirada de Galicia Hoxe.

Nace 'Ollos de Aula', a revista da Coordinadora de Equipos de Normalización



Número 1 de Ollos de Aula (.pdf)

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística vén de publicar o primeiro número de Ollos de Aula, unha revista mensual que busca ser unha canle de comunicación entre mestres, centros de ensino e familias para "acompañarvos na difícil tarefa de educar os vosos fillos e fillas". A revista pode descargarse en pdf ou imprimirse en A4 nunha versión deseñada ao efecto.
O obxectivo da publicación é achegar "información variada ao redor da educación e convidarvos a reflexionar sobre aqueles temas que vos poden preocupar como nais e pais".
No primeiro número inclúe unha serie de recomendacións para "comezar ben o curso". Tamén artigos que analizan a nova lei de educación e sobre lingua. E ao igual que vai haber nas seguintes entregas, unha serie de recomendacións literarias, musicais e de viaxes.

O ensino público perdeu en Galicia máis de 1.000 docentes en dous anos



Os datos adoitan ser un dos mellores antídotos contra as as consignas ou os eslogans, especialmente en campos sensibles da permeable fronteira que separa a política e os servizos públicos. Ao longo da lexislatura autonómica que remata non foron poucas as ocasións nas que o Goberno galego e, nomeadamente, a Consellería de Educación, polemizou con representantes da comunidade educativa -asociacións de pais e nais, sindicatos, organizacións estudantís- para rebater as acusacións en torno aos recortes de profesorado. Mentres dende a Xunta falaba de racionalización ou axustes nas aulas dos centros públicos alertábase de que se estaba a practicar unha tesoirada. Existiu unha tesoirada? Os datos oficiais din que si, de máis de 1.000 profesores e profesoras en apenas dous anos.
Segundo as cifras oficiais do Instituto Galego de Estatística a finais do pasado setembro exercían en Galicia un total de 36.656 docentes, dos que 28.917 profesores e profesoras pertencen ao ensino público e os 7.739 restantes, ao privado. Estas cifras contrastan coas rexistradas dous anos antes polo IGE. En 2010 os centros públicos do país contaban cun cadro de profesorado formado por 30.026 persoas, isto é, 1.109 docentes, o que supón unha redución do 3,8%. Tamén perdeu persoal a escola privada, aínda que nunha magnitude moi inferior, non só en números absolutos, con 54 docentes menos, senón tamén en termos porcentuais, quedando o recorte en apenas o 0,6%.
Só fican 21 docentes dos máis de 1.000 sumados durante o mandato do bipartito
Esta baixada no cadro de mestres e mestras, que os sindicatos educativos explican con factores como a non cobertura de xubilacións, a ausencia de convocatorias de novas prazas ou a supresión de interinidades, permite tamén realizar unha lectura adicional acudindo un chisco máis atrás nas estatísticas do IGE. Ao realizar esta operación é posible concluír que o ensino público de Galicia perdeu xa practicamente todos os docentes que sumara durante o mandato do Goberno bipartito. Cando PSdeG e BNG asumiron o Executivo nas escolas públicas do país impartían clase 28.899 persoas. No último ano completo que gobernaron, o 2008, había 1.130 máis, chegando aos 30.029. En en 2009 a cifra caeu ata os 29.977 e en 2010 repuntou levemente, ata situarse en 30.026, iniciando despois a devandita caída ata a actualidade. Así as cousas, do profesorado sumado neses anos apenas fican 21 docentes.
Outro dato a ter en conta son as variacións experimentadas polo ensino privado nestes mesmos anos. Mentres as oscilacións na escola pública foron notables, na privada produciuse un crecemento sostido no seu cadro docente entre 2005 e 2011, pasando de 7.356 a 7.818. A primeira caída chegou neste 2012, cando os colexios privados contan cos mencionados 7.739 mestres e mestras.




luns, 1 de outubro de 2012

Un estudo sinala o risco de "extinción dixital" do galego, éuscaro e catalán



Ambas as universidades informaron de que tras analizar áreas coma a tradución automática, a interacción coa voz, a análise textual e a dispoñibilidade de recursos lingüísticos, estas tres linguas teñen un apoio "parcial", o que as sitúa no conxunto de alto risco, igual có búlgaro, o grego, o húngaro ou o polaco.
O estudo, que avaliou o apoio tecnolóxico co que contan 30 das preto de 80 linguas europeas, foi realizado por META-NET, unha rede europea de excelencia formada por 60 centros de investigación de 34 países.
O traballo de investigación, elaborado por máis de 200 expertos e publicado na serie Libros Brancos Meta-Net, pon en dúbida a supervivencia do galego, o catalán e o éuscaro na era dixital e compara o seu apoio "parcial" co "excelente" do inglés e o "bo" do castelán, o francés, o alemán, o neerlandés ou o italiano.
En canto ao galego –ao igual có éuscaro–, o estudo destaca que o apoio tecnolóxico que recibe "é feble ou inexistente" nunha área, a da tradución automática. Así, indica que 21 das 30 linguas analizadas teñen cando menos unha área con esta mesma cualificación, o que as sitúan en perigo de extinción dixital. O catalán, aínda que tamén en alto risco, recibe unha nota un pouco maior e os resultados son "moderadamente optimistas", segundo os investigadores, logo de que nos últimos anos se distribuísen un gran número de recursos lingüísticos nesta lingua e despois do apoio recibido pola Generalitat de Catalunya ou pola Generalitat Valenciana.
Para o estudo, queda claro que "a industria das tecnoloxías da lingua que transforma a investigación en produtos é pequena". "Isto débese a que as linguas minoritarias non son un obxectivo primordial pero as grandes empresas que actualmente dominan o sector", denuncia. Ademais, destaca que, comparados con outros idiomas, o catalán, o galego e o éuscaro sitúanse a un nivel semellante ao danés, o grego, o sueco ou o húngaro, linguas oficiais de países da Unión Europea.
Xusto no 26 de setembro, xornada na que se celebra o Día Europeo das Linguas, o informe de Meta-Net procura concienciar sobre a necesidade de prestar atención ao desenvolvemento das tecnoloxías lingüísticas. Por unha banda, para avanzar na construción dun mercado dixital único que mellore a libre circulación de bens, produtos e servizos, pero tamén polo propio interese da diversidade lingüística e cultural europea. Así, insta aos responsables políticos e ás empresas a que aprendan a valorar unhas tecnoloxías que custan moito, pero que son necesarias e rendibles.

Información tirada de Praza Pública e mais de El Correo Gallego.

O Congreso rexeita unha proposición de lei de UPyD contra a, no entender deste partido, discriminación lingüística


O PP, o PSOE, a Esquerda Plural e os partidos de ámbito territorial rexeitaron no Pleno do Congreso tomar en consideración unha proposición de lei de UPyD que avogaba por previr e erradicar a discriminación lingüística que, para o seu entender, existe en comunidades con linguas cooficiais.
Así, e entre outras consideracións, UPyD apostaba por que "en ningún caso se teña por válido ningún documento que non conte cunha versión en español" e propoñía que o coñecemento da lingua cooficial só pode ser esixido como requisito para acceder a un emprego público cando a actividade que se desenvolva implique o uso imprescindible desa lingua.
No seu proxecto, equipara o ensino das linguas cooficiais na escola ao "pasado dictatorial", xa que "a normalización lingüística pretende converter en normal a supresión de dereitos constitucionais". Estas e outras reflexións levaron o partido a reclamar, entre outras medidas, que as administracións públicas "erradiquen todas as medidas de política lingüística" que encaixen na súa definición de "discriminación".

Máis información en Praza Pública ou Europa Press.