mércores, 8 de xuño de 2011

Axudas para adquisición de libros de texto curso escolar 2011/2012 en 1.º, 2.º, 5.º e 6.º de educación primaria, 1.º e 3.º de educación secundaria obrigatoria e en educación especial.

ORDE do 13 de maio de 2011 pola que se convocan axudas para a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario destinadas ao alumnado matriculado en centros sostidos con fondos públicos no curso escolar 2011/2012 en 1.º, 2.º, 5.º e 6.º de educación primaria, 1.º e 3.º de educación secundaria obrigatoria e en educación especial.
PDF - 861.5 KB
PROGRAMA DE REPOSICION DE LIBROS DE TEXTO:

ORDE do 18 de maio de 2011 pola que se convoca e regula o programa de reposición de libros de texto e materiais curriculares nos centros sostidos con fondospúblicos, para o curso escolar 2011/2012, nos niveis de 3.º e 4.º de educación primaria e 2.º e 4.º de educación secundaria obrigatoria para as materias que non cambian de idioma, de acordo co Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.
PDF - 913.6 KB

martes, 7 de xuño de 2011

Valentín Paz Andrade protagonizará o ano que vén o Día das Letras Galegas

A institución destaca a súa “contribución á modernización da prensa”,
a súa obra poética e o seu “compromiso” co país como ensaísta
O Día das Letras Galegas de 2012 será para o poeta, ensaísta, político, xurista
e empresario Valentín Paz Andrade (Pontevedra, 1898-Vigo, 1987). Decidírono
por maioría vinte e tres dos vinte e oito académicos chamados onte a votar
na rúa Tabernas da Coruña. Fixérono, segundo o secretario da Real Academia
Galega, o profesor Xosé Luís Axeitos, como recoñecemento “á súa tremenda
contribución á modernización do xornalismo en Galicia”, como fundador da
cabeceira Galicia –que dirixiu entre 1922 e 1926– e o impulsor da revista
Industrias Pesqueras, e o “gran compromiso” co país que demostrou como
ensaísta, con obras como Galicia como tarea (1959). Iso si, sen esquecer a súa
obra poética –con especial importancia, Pranto matricial (1954)– e o seu “achegamento
á cultura luso-brasileira”, que ilustra A galecidade na obra de Guimarães Rosa (1978).

Un novo blog gratuíto centraliza a descarga de libros sobre o galego

A páxina recolle, polo momento, un total de 116 obras de investigadores do país sobre a lingua
Galegobook (http://galegobook.blogspot.com) é un novo blog que busca centralizar a descarga gratuíta de libros electrónicos sobre a lingua galega espallados pola rede co obxectivo de ofrecer unha nova ferramenta dixital para os usuarios e os investigadores. O portal preséntase como “un proxecto sen
ánimo de lucro” que pretende ser un espazo onde, ademais de ofrecer as descargas de balde, publicar e compartir e conversar “sobre un grande números de libros electrónicos que circulan pola rede sobre o galego”. Dese xeito, o portal permite acceder a manuais de lingua, gramática, fonética, sociolingüística,
termoloxía e documentos históricos de reivindicación do galego.
O blog, que adopta o formato dun perfil de Facebook, reúne todos os enlaces de diversas institucións, entidade e medios galegos que permiten descargas os títulos de forma gratuíta.
Dese xeito, Galegobook recolle os títulos que están nas mediatecas de institucións como o Consello da Cultura Galega (CCG), o Concello de Santiago, a Confederación de Empresarios de Galicia, o Centro Ramón Piñeiro, o Observatorio da Lingua Galega, das tres universidades galegas ou de diversos
Servizos de Normalización Lingüística. Con esta colleita de ligazóns, esta web ofrece un punto de encontro e de referencia para atopar os distintos estudos que se publicaron sobre a lingua e que se atopan dispersos pola rede adiante.
UNHA FERRAMENTA EN PROBAS
Galegobook, que ademais de adoptar o aspecto de Facebook conta xa cun perfil na famosa rede social, atópase na actualidade en construción. Malia esa situación, os seus responsables xa reuniron máis de 100 obras para que os seus usuarios as poidan descargar de balde. Ademais de ofrecer este servizo de acceso a títulos dixitais, a páxina web ten a intención de ir medrando no futuro e converterse nun foro aberto. Para iso, irá incluíndo todos os artigos  xornalísticos sobre a lingua que vaian aparecendo nos medios galegos. Deste xeito, os usuarios terán a oportunidade de escribir os seus comentarios ao respecto do que vaia saíndo en prensa sobre a situación lingüística de Galicia. Polo momento, Galegobook estase a centrar principalmente
en aglutinar un gran número de títulos e clasificalos por temáticas e autores. Deste modo, na actualidade conta con 116 títulos de 97 autores diferentes. Ademais, inclúese un índice temático que permite a calquera usuario poder facer unha busca rápida á hora de atopar os documentos.
Entre os textos que se poden atopar, destacan documentos históricos como a Denuncia diante da Unesco da perseguizón do idioma galego pol-o Estado Hespañol. Este documento, elaborado en 1954, preséntase nunha versión trilingüe (francés, galego e español). O texto foi editado en Bos Aires e pretendía servir de denuncia ante a persecución lingüística do réxime de Franco.
Unha das últimas incorporacións é o texto Problemática das linguas sen normalizar. Situación do galego e alternativas, cuxa autoría é de Lluis V. Aracil, Francisco Rodríguez, Ricardo Carvalho Calero, Pilar Vázquez Cuesta e a colaboradora de Xornal Pilar García Negro. Trátase dunha obra que editou Xistral o 15 de marzo de 1980, véspera da celebración da marcha sobre o Foxo (A Estrada) baixo o lema Polo uso irrenunciábel
do noso idioma, contra o decreto do bilingüismo. O libro foi editado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG)
No índice de autores que dispón a web atópanse académicos como Henrique Monteagudo, Xosé Luís Regueira, Rosario Álvarez, Antón Santamarina ou Francisco Fernández Rei, investigadores como Carme Hermida ou Anxo Lorenzo, (actual secretario xeral de Política Lingüística) ou escritores como Agustín Fernández Paz.

venres, 3 de xuño de 2011

EXCURSIÓN FIN DE CURSO

(ASOCIACIÓN DE NAIS E PAIS “AGROMAR”)

DATA: 19 DE XUÑO DE 2011 - (DOMINGO).
ACTIVIDADES:
- VIAXE ATA ALLARIZ (OURENSE) NO 2º DÍA DA FESTA DO BOI. (NON HAI PERIGO PARA OS ALUMNOS, PORQUE PODERAN VELO DENDE UN BALCÓN).
- VISITAS Ó MUSEO DO XOGUETE, ÓS XARDÍNS NA BEIRA DO RIO ARNOIA E OUTROS PUNTOS DE INTERESE DO LUGAR.
- PARTICIPACION VOLUNTARIA NA PROCESION GREMIAL (PODENSE LEVAR ATUENDOS DE ÉPOCA SEGUNDO OS DIVERSOS GREMIOS: PANADEIROS, FERREIROS, ZOQUEIROS, ETC).

mércores, 1 de xuño de 2011

A literatura reafirma a súa potencialidade para favorecer a difusión e a promoción social da lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística aposta pola potencialidade das letras galegas para impulsar a difusión e a promoción social do idioma propio de Galicia. Para isto, conta coa colaboración de entidades que son un referente neste ámbito, como é o caso do PEN Club de Galicia e da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Máis información en:
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/1841

Subliñan a necesidade da presenza viva do idioma galego no mundo da ciencia e da técnica

A necesidade inescusable da presenza do idioma galego no mundo da ciencia e da técnica foi o fío condutor da xornada Escribir de Ciencia en Galego, que tivo lugar no Consello da Cultura Galega. Non se trata de competir coa lingua franca actual, o inglés, no campo das revistas especializadas, pero si de aproveitar as posibilidades das publicacións divulgativas e pedagóxicas. Organizado pola Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade, que coordina Francisco Díaz-Fierros, o encontro serviu tamén para anunciar a próxima publicación do documento “Pasado, presente e futuro da publicación científica en galego”.

Máis información en:
http://consellodacultura.org/?p=3653#more-3653

Solicitan no Senado “TV sen fronteiras” para o catalán, o galego e o vasco

O presidente de Acció Cultural do País Valencià (ACPV), Eliseu Climent, pediulle ao Estado que aplique a Carta Europea das Linguas que permite a interconexión entre radios e televisións públicas que se expresan en catalán, galego e vasco. Climent solicitoulle ao Estado, ante a Comisión de Cultura do Senado, que aprobe a iniciativa lexislativa popular (ILP) “Televisión sen fronteiras” para permitir a interconexión entre radios e televisións públicas que se expresan en catalán, galego e vasco. Na súa comparecencia precisou que a ILP ten o apoio de 650.000 persoas do mundo universitario, dos sindicatos e dos grandes intelectuais.

Máis información en:
http://www.xornalistas.com/novidades/nova.php?id=8253&lg=gal
http://www.galiciahoxe.com/comunicacion/gh/piden-no-senado-tv-sen-fronteiras-catalan-galego-vasco/idEdicion-2011-05-27/idNoticia-673194/
http://www.acpv.cat/ajudemacpv/actualitat/el-senat-debat-el-projecte-de-llei-televisio-sense-fronteres

Galicia, Cataluña e País Vasco valoran accións conxuntas para a proxección internacional das súas linguas e culturas

Reforzar a proxección internacional das linguas propias e das culturas de Galicia, País Vasco e Cataluña a través de actuacións conxuntas entre os gobernos das tres comunidades: este foi o obxecto principal da reunión que mantiveron o responsable de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; a viceconselleira de Política Lingüística do Goberno vasco, Lourdes Auzmendi; a directora do Instituto vasco Etxepare (Etxepare Euskal Institutua), Aizpea Goenaga; e o máximo responsable da promoción exterior do catalán, Vicenç Villatoro, que dirixe o Institut Ramon Llull. Durante o encontro, os representantes dos tres gobernos puxeron en común as liñas de actuación que están a desenvolver para avanzar na promoción exterior das súas linguas e culturas, principalmente a través dos centros de estudos e lectorados de galego, éuscaro e catalán que existen actualmente en diversas universidades de todo o mundo.

Máis información en:
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/1844

A Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística aproba a adhesión de Galicia ao seu grupo técnico de traballo

A Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (en inglés, Network to Promote Linguistic Diversity, abreviado, NPLD) aprobou a adhesión da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ao seu grupo técnico de traballo.

Máis información en:
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/1835

1991-2011: Vinte anos de equipos de normalización lingüística nos centros de ensino

A Coordinadora Galega de ENDL organiza un acto para darlle visibilidade ao traballo dos equipos de normalización lingüística do ensino, no vinte aniversario do seu nacemento, e para recoñecer publicamente o labor de Agustín Fernández Paz neste ámbito. Terá lugar o sábado 4 de xuño, ás 11.30 h da mañá, no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.

Máis información en:
http://www.coordinadoraendl.org/entrada.php?paxina=arqweb/coordinadora/vinteanos.php

O ILG presentou o Arquivo do Galego Oral, con dúas mil horas de gravacións

Dúas mil horas de gravacións a 7.000 informantes de case a totalidade dos 315 concellos galegos e de boa parte dos 38 das comarcas de fala galega de Asturias, León e Zamora e mais dos tres lugares de Cáceres de fala galega conforman o Arquivo do Galego Oral (AGO) do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC. De xeito practicamente ininterrompido, desde o ano 1974 á actualidade persoal investigador do ILG realizou gravacións de etnotextos en moitos puntos do dominio lingüístico galego, á vez que dirixiu traballos académicos nos que o material fundamental para analizar era unha mostra do galego oral. Esas gravacións, xunto con outras en depósito de xente allea ao ILG, constitúen o Arquivo do Galego Oral, co que se pretende construír un corpus de interese multidisciplinar para estudar a situación da lingua oral.
O web do Arquivo do Galego Oral (AGO) recolle de momento unha escolma de 43 etnotextos correspondentes a 34 concellos galegos que tratan na súa maioría sobre a guerra civil e a posguerra, pero tamén sobre crenzas, lingua ou festas, romarías e costumes.

Máis información en:
http://ilg.usc.es/ago/ (web do proxecto)
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/1847
http://www.ctnl.org/web/notic.php?ide=838&desc=o_ilg_presenta_o_arquivo_do_galego_oral,_con_duas_mil_horas_de_gravacions
http://www.galiciahoxe.com/mare/gh/trinta-anos-falando/idEdicion-2011-05-28/idNoticia-673440/
http://www.xornal.com/artigo/2011/05/27/cultura/ilg-reune-mais-000-voces-do-galego-oral-nun-arquivo-dixital/2011052723115600904.html
http://www.lavozdegalicia.es/ocioycultura/2011/05/28/0003_201105G28P40993.htm

Xa está dispoñible en galego o Internet Explorer 9

Microsoft presentou unha actualización do Internet Explorer 9 que incorpora 53 idiomas adicionais, co que conta cun total de 93, o que o convertería no navegador web dispoñible en máis linguas, superando as 86 do Firefox 4, as 45 de Google Chrome 11, as 44 do Opera 11.0 e as 16 do Safari 5.

Máis información en:
http://codigocero.com/Disponible-en-galego-o-Internet

O programa Bocaberta chegou á súa fin con múltiples actividades de dinamización lingüística para a mocidade

O programa Bocaberta 2010-2011 da Secretaría Xeral de Política Lingüística celebrou na semana das Letras Galegas os seus últimos días de actividades dirixidas a promover o uso do galego entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos. Propostas musicais para adolescentes (Detrás da canción), de banda deseñada (Galimatías e Ti creas a historia) e de monicreques para os máis pequenos (Vive os contos) serviron para pechar a axenda dunha edición conformada por 747 accións de dinamización lingüística para todos os concellos de Galicia.

Máis información en:
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/1839