martes, 30 de abril de 2013

Sindicato de Estudantes chama a mobilizarse o 9 de maio contra os recortes e a LOMCE

O secretario xeral do Sindicato de Estudantes, Tohil Delgado, chamou a mobilizarse o próximo 9 de maio durante a primeira folga na educación pública convocada en todos os niveis e de forma simultánea por alumnos, pais e docentes, e advirte de que "no futuro que formula o Partido Popular sobran licenciados".
Neste sentido, Delgado cualificou o feito de aprobar o anteproxecto da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) o día 10 de maio en Consello de Ministros --só un día despois da folga educativa-- como "insulto" á comunidade educativa, xa que supón "seguir adiante a pesar do rexeitamento maioritario a esta lei".
En calquera caso, afirmou que "por moita présa que se dean, non vai poder estar aprobada antes do inicio do curso 2013-2014 e iso xa é unha primeira vitoria". Por iso, insistiu na importancia de secundar a folga e acudir ás manifestacións convocadas para esa tarde nas diferentes provincias españolas. En concreto, destacou a que percorrerá Madrid dende a Praza de Neptuno ao Ministerio de Educación a partir das 18.30 horas e a de Barcelona --en Plaça Universitat--.
Delgado sinalou que "se viviu un curso de mobilizacións da xuventude sen precedentes no ámbito educativo" e engade que "o apoio dos pais e profesores deron un impulso fundamental ás mobilizacións". O Sindicato de Estudantes considera que, a causa desta "presión", o ministro de Educación, José Ignacio Wert, "desapareceu da escena pública".
Entre as medidas que inclúe o anteproxecto de lei, Delgado denunciou "os itinerarios segregadores e clasistas", así como as "revalidas franquistas". Neste último punto, advirte de que "de ter unha selectividade os alumnos pasan a ter tres" e, polo tanto, non busca a mellora do sistema senón poñer barreiras para que os mozos non poidan evolucionar".
Tamén se referiu aos datos do paro, que supoñen --segundo o secretario xeral do sindicato-- unha "condena" para os mozos, con porcentaxes de desemprego de ata o 57 por cento. "A ésto súmase unha suba de taxas universitarias de ata un 66 por cento, unha barbaridade que provoca que cada vez máis mozos se vexan obrigados a abandonar o país," apostilou.

UN INICIO DE CURSO 2013-2014 "EN PÉ DE GUERRA"

Por outra parte, Delgado instou a "poñer de pé de guerra" a toda a comunidade educativa dende o inicio do próximo curso. "Hai que dar continuidade á folga do 9 de maio", aseverou. Neste sentido, engadiu que "todas as organizacións son responsables" e cre que non estarán sós nas folgas, encerros, concentracións e mobilizacións que prevén para o próximo mes de setembro.
Así mesmo, restou valor ao ditame do Consello de Estado respecto ao articulado da LOMCE, presentado o pasado mércores 24 de abril, ao entender que como órgano consultivo "está ao servizo do Goberno do PP".
Ao ser preguntado polas detencións levadas a cabo a semana pasada no Campus de Somosaguas, mostrou a súa "solidariedade" cos once detidos e afirma que se encontraban "nun encerro "pacífico e democrático en defensa pola educación Pública". Así, denunciou que se trata dunha "campaña de criminalización orquestrada dende a Delegación do Goberno".
Por último, adiantou que o próximo 7 de maio ás 13.00 horas levarán a cabo un acto de apoio á Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) na Universidade Complutense de Madrid.

CEAPA acusa a Wert de "lectura interesada" do ditame do Consello de Estado e esixe que se retire a lei

A Confederación Española de Asociacións de Pais de Alumnos (CEAPA) considera que no Ministerio de Educación fixeron unha "lectura interesada" do ditame do Consello de Estado sobre o anteproxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade da Educación (LOMCE) porque doutra forma non se entende, ao seu xuízo, que este departamento non retirase a iniciativa normativa.
Así expresouno en rolda de prensa o presidente da organización, Jesús María Sánchez, quen formulou que o titular de Educación, José Ignacio Wert, "ten un problema de comprensión lectora", porque ofreceu cambios no relativo á inmersión lingüística en Cataluña e á separación por sexos na educación concertada, en lugar de "paralizar a LOMCE e retirar o anteproxecto, que é o que pide o Consello de Estado".
O ministro riscounos de antisistema. Se Wert desoe ao Consello de Estado, o antisistema será el, engadiu o presidente de CEAPA, para incidir en que o ministro "pode presumir de ter unido á comunidade educativa" porque todos, "dende o ANPA dun colexio de primaria dun lugar remoto ata a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) ", están en contra da LOMCE.
A organización denuncia que, non obstante, o Consello de Estado non tivo acceso ás razóns desta oposición xa que o Ministerio de Educación retirou do expediente da LOMCE que enviou ao órgano consultivo "calquera documento contrario ás súas teses".
Sobre o ditame en si, Sánchez puxo o acento no feito de que o Consello de Estado reflectise que a LOMCE non conta co respaldo da comunidade educativa no seu conxunto. Para CEAPA, isto significa que a lexislación volverá cambiar en canto se produza un cambio de goberno, "utilizándose así a lei como un medio revanchista", en lugar de encontrar unha norma duradeira e de consenso.

NON NOS TEN EN CONTA

Neste sentido, denunciou que malia os encerros que se produciron en colexios e institutos públicos nos últimos días, Wert non contactou con CEAPA. Non se nos ten en conta para nada. As familias somos as máis interesadas en que teñamos un sistema educativo estable e aceptable", engadiu.
Ademais, criticou que se fixase para o 10 de maio a aprobación do proxecto de LOMCE en Consello de Ministros, un día despois da convocatoria de folga xeral no sector educativo. Na súa opinión, isto débese a que "Wert sabe que a folga vai ser un éxito" e quere desanimar a participación. CEAPA opina que esta é unha mostra máis da "soberbia e desconsideración" do ministro fronte á comunidade educativa.
Por outra parte, respecto ao uso do catalán nas escolas de Cataluña, a organización considera que é un debate que non lle corresponde, aínda que se mostrou defensora do sistema actual, que "está ben como está", e expresou o seu desacordo coa posibilidade de "pagar centros privados para que as familias poidan elixir" a educación en castelán.
Segundo CEAPA, Educación "está a tratar de evitar a soidade parlamentaria" conseguindo "algún socio que, polo menos, non vote en contra da lei" e por iso, vaticina que haberá "cambios de cromos" cos partidos nacionalistas a conta do modelo de inmersión lingüística.
Sobre Educación para a Cidadanía, Sánchez considera que eliminar a materia é unha vitoria da Conferencia Episcopal Española (CEE), institución que, segundo dixo, "logrou ademais, que se poña unha alternativa dura a Relixión, co único fin de levar máis alumnos cara a esta materia,". Ao seu xuízo, coa formulación da LOMCE o Goberno "desoe á Comisión Europea e as distintas sentenzas de diversos tribunais superiores de xustiza" sobre o tema.
Ante a perspectiva de que o 10 de maio a LOMCE sexa remitida ao Congreso para o inicio da súa tramitación parlamentaria, CEAPA vai solicitar comparecer ante a Comisión de Educación co fin de expresar a súa oposición ao texto.

Máis un 17 de Maio nas rúas "polas mesmas razóns de sempre"

Baixo o lema Non queremos ser estranxeiros na propia patria, a plataforma Queremos Galego chama á mobilización en defensa da nosa lingua: "xa gostariamos de mudar o argumentario, mais é o de sempre. A exclusión do galego é tal que á Xunta só lle falta colgarnos a campaíña de leprosos".

 "O único que reivindicamos é o cumprimento da lei e do plan xeral de Normalización Lingüísticas". Non piden nada do outro mundo, mais na Xunta semellan non entender. As razóns para o protesto son "moitas", mais son tamén "as mesmas de sempre". Xa o di o voceiro de Queremos Galego, Carlos Callón: "xa gostariamos nós de que mudase o noso argumentario..." Porén, as agresións do Goberno galego á lingua propia do País non mudaron e fixéronse, se cabe, máis intensas.
Respecto do ano pasado, por exemplo, as situación empeorou e un informe da Mesa permitiu coñecer que nas sete cidades galegas o 96% dos centros de ensino non imparten "nada" en galego. A porcentaxe é tan rechamante que case cumpriría lexislar nesa liña para conseguir "unha exclusión tal que hai colexios onde se recomenda material educativo en inglés ou en castelán, mais nada en galego".
Por isto, a plataforma cidadá Queremos Galego volve chamar ás rúas no día da nosa lingua e das nosas letras, o 17 de Maio, (Alameda de Compostela, 12h e até a praza da Quintana) nunha manifestación nacional que encherá como cada ano as rúas da capital galega reivindicando a vixencia do que Rosalía de Castro escribiu hai 150 anos nos Cantares Gallegos e "erguendo a bandeira que ela levantou" asinando a primeira obra monolingüe en galego que reclama unha identidade cultural xa desde as páxinas do prólogo.
"A Xunta non fai nada para divulgar de verdade a Rosalía", sinala Carlos Callón, quen critica a "carauta cínica" das homenaxes que despois promove o Goberno, ás que por certo convidou unha escritora en español, Marta Rivera de la Cruz, para que dese leitura aos versos da poeta de Padrón. Non queremos ser estranxeiros na propia patria, dicía a propia Rosalía e di o lema con que decorrerá a mobilización, reclamando as mesmas cousas após  trinta anos "de vulneración e incumprimento" da Lei de Normalización Lingüística. Conclúe Callón taxativo: "só lles falta é colgarnos a campaíña de leprosos aos que queremos vivir en galego".

luns, 29 de abril de 2013

“Xuntos contra o espolio na educación pública”

Profesores, alumnos, pais e nais e persoal non docente de centros educativos do sur de Pontevedra protagonizan protestas e peches contra os recortes no sistema educativo público e contra a lei de reforma educativa (LOMCE). Galería de fotos no interior.


Profesorado, alumnado, pais e nais, e persoal non docente de centros do sur da provincia de Pontevedra protagonizaron a pasada noite diversas accións e peches contra os recortes na educación. Os encerros responden á convocatoria "Toma o teu centro" da Plataforma Estatal por la Escuela Pública, impulsada dende a Marea Verde de Aragón e apoiada pola Marea Verde estatal e polas organización sindicais CCOO, UXT, STEs, CGT, a Asociación de Pais e Nais CEAPA e o sindicato de Estudantes. Foi un chamamento á comunidade educativa para estar este 25 de abril "todos e todas xuntos pechados" contra "o espolio do sistema educativo" e contra a lei de reforma educativa (LOMCE) promovida polo ministro Wert.
A comunidade educativa amosa así o seu "rexeitamento frontal á política educativa vixente de espolio dun sistema educativo público construído co esforzo de todas e todos, mentres observamos como se dedican os recursos económicos ó rescate e ó apoio do poder financeiro e ó aumento do poder da escola concertada e privada", explican desde o IES Chapela.
Os convocadores dos peches consideran ademais que a aprobación da LOMCE é "o paso definitivo para acabar coa educación como dereito e convertela nunha mercadoría ó servizo duns poucos, unha lei antipedagóxica, mercantilizadora, segregadora, sexista, antidemocrática, ideolóxica, excluínte, privatizadora e recentralizadora".
"Non podemos permanecer impasibles ante o deterioro dramático sufrido nas condicións laborais dos profesionais do ensino público (diminución de retribucións, aumento de carga lectiva e horario, descontos económicos por baixas laborais, non sustitucións…) nin ante as repercusións que, directa ou indirectamente, supoñen para o alumnado as medidas adoptadas (imposibilidade dunha axeitada atención á diversidade, limitacións no acceso ás becas, restricións nos comedores escolares...)", insiste a comunidade educativa.
O primeiro paso
Profesores, alumnos, pais e nais e persoal non docente anunciaron ademais que estes actos de protesta só son "o primeiro de tódolos que sexan necesarios". Estas primeiras protestyas non son máis que "a manifestación clara de que xa estamos fartos do rumbo que están a seguir as medidas adoptadas dende as diversas administracións políticas e educativas, polo que non podemos facer outra cousa que esixir o cese dos recortes no ensino, a rectificación dos mesmos e a non aprobación da LOMCE", din.
Os peches e protestas tiveron lugar nos CEIP Carlos Casares (Nigrán), Humberto Juanes (Nigrán), Neira Vilas (Peitieiros - Gondomar), Serra Vincios (Vincios –Gondomar), nos IES Auga da Laxe (Gondomar), Escolas Proval (Nigrán), Primeiro de Marzo (Baiona), Val Miñor (Nigrán), Terra de Turonio (Gondomar), Alexandre Bóveda de Coia (Vigo) e no IES Chapela, entre outros.
Galería de fotos dos peches nos centros educativos do sur de Pontevedra.

Correlingua comeza o 2 de maio para defender o galego como "chave do mundo”

Os Concellos de Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo e a Deputación de Lugo son as únicas administracións que apoian a carreira popular a prol do idioma propio, que este ano cumpre a súa 13º edición.


Este venres 26 de abril o Teatro Principal de Pontevedra acolleu a presentación dunha nova edición do Correlingua, carreira pola lingua que percorrerá diferentes vilas e cidades galegas baixo o lema “O Galego, a chave do mundo”. Na presentación pública desta edición do Correlingua, entregáronse os premios ao alumnado dos centros de ensino gañadores dos diferentes concursos:  elaboración do manifesto, banda deseñada, e vídeo.
Desta volta o premio de Banda Deseñada foi para o alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria do CEIP Ramón Otero Pedraio, de Amoeiro, Ourense, que se presentou co pseudónimo “Deseñamos”. O premio de Vídeo  foi para o alumando de 4º da ESO  do IES Isaac Díaz Pardo, de Sada que presentou co pseudónimo de Gallaecia Films o audiovisual “Galego, chave do mundo”.  Como  finalista do manifesto foi escollido o alumnado de 3º da ESO do IES Pintor Colmeiro, de Silleda e os gañadores foron “Os Golgoretos” do grupo de  4º de ESO do IES A Pinguela, de Monforte.
 
As carreiras pola lingua partirán de Ourense e percorrerán doce comarcas galegas (Ferrolterra, A Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo, Baixo Miño e O Condado, O Morrazo, do Deza Ribeira Sacra e A Mariña) coa participación de centros de ensino de toda Galiza. Cada unha das carreiras rematará cunha festa pola lingua que contará con actuacións teatrais e musicais por parte dos artistas convidados e do propio alumnado.
 
O Correlingua vénse celebrando de xeito regular desde o 2000 aínda que é unha vella iniciativa promovida na súa orixe por entidades culturais e na actualidade está organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Confederación Intersindical Galega – Ensino, os Concellos de Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
 
Ademais do alumnado premiado, a presentación e entrega de premios contou coa presenza de: Miguel Anxo Fernández Lores (Alcalde de Pontevedra), Susana Méndez (Vicepresidenta da Mesa pola Normalización Linguistica), Anxo Louzao (secretario nacional da CIG-Ensino), Demetrio Gómez Xunqueira (Concelleiro Normalización Lingüistica do Concello de Pontevedra) e Marta Dacosta, coordinadora do Correlingua .
 

3.000 barcos de papel van xa río abaixo polo Miño en defensa do ensino público e do rural

Unha iniciativa argallada por nais, pais, profesorado e escolares de todo o País polo mantemento das escolas rurais e que se fixo pública a través das redes sociais logra repercusión en Catalunya, Euskal Herría, Franza, México ou Finlandia.

 Con fragmentos do Poema pedagóxico de Makarenko construíu Pedro Seoane, de San Sadurniño, o barco que enviou desde a emigración, en Murcia, para que navegase canda outros 2.999 polas augas do río Miño, reivindicando unha educación pública e de calidade na Galiza e, nomeadamente, no rural. Victoria Romero e Carla Nóvoa, veciñas de Cee, enviaron máis dun milleiro de barquiños pequenos colocados sobre a maqueta dun centro de ensino.
A iniciativa está inspirada nun conto xaponés que concede un desexo a quen o pida confeccionando mil grullas con papel e que serve para reivindicar a paz todos os 6 de agosto desde 1999, recordando que o mesmo día en 1945 lanzaron a primeira bomba atómica sobre a cidade de Hiroshima. A variante que se desenvolveu na Galiza partiu do maxín da educadora social Palmira Castro, veciña da Costa da Morte e que traballa nun colexio de Fisterra; e do concello de Castelo de Miño, gobernado por Xurxo Rodríguez (BNG), coa colaboración do CEIP do lugar e de asociacións de nais e pais de todo o País.

O que fixeron foi un chamamento a través das redes sociais a que desde distintos puntos non só da Galiza senón a nivel internacional se construísen barquiños de papel até xuntar un milleiro para os soltaren no río @s escolares. Porén, deseguida comezaron a chegar embarcacións de todos os tamaños e cores de todas partes: alén de territorios españois, tamén viñeron desde Catalunya, Euskal Herria, Italia, Franza... e mesmo México, Arxentina ou Finlandia.

A "escusa pueril" da crise

Así até que a peculiar 'flota' en defensa do ensino público na Galiza reuniu 3.000 barcos, tres veces máis das que @s impulsor@s da acción pensaban xuntar. Todos os barcos --tamén houbo quen confeccionou dornas ou piragüas-- foron á auga este domingo, cadrando coa celebración da feira mensal de artesanía de Castrelo.
"Estamos a asistir a un menosprezo da escola amparado na escusa pueril da crise", enfatizou Ramón Méndez, director dun centro educativo de Vigo mais que desenvolveu en colexios rurais boa parte da súa traxectoria profesional e que se ocupou da leitura do manifesto co que se pechou a actividade en Castrelo de Miño.

Destacou a forma de vida "diferenciada" que se dá no rural da Galiza e vinculou a supervivencia destas poboacións cunha aposta en firme polas escolas que nelas se asentan. Pola súa banda, Palmira Castro deixou claro que "non imos esquecer nunca a nosa reivindicación: unha escola pública e de calidade, que sexa tamén creativa e que poña en valor o rural".

venres, 26 de abril de 2013

"Porque me sae do galego"

Un grupo de estudantes do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces utilizan o rap para promocionar o galego. Vídeo no interior.


O Clube da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces presentou este xoves un videoclip para promocionar o uso do galego.

O vídeo foi gravado polo artista Tomás Lijó e realizado por Natasha Lelenco nunha das actividades do equipo de Normalización Lingüística para promover o uso do galego. Neste proxecto participa o alumnado e profesorado do centro.

O tema “Porque me sae do galego” é unha canción rap orixinal de Gamy, alumno do propio centro que inicia con este videoclip a súa proxección artística no audivisual. O tema reivindica a liberdade de expresión e o uso da nosa língua propia.

Peches no ensino en dez centros do sur de Pontevedra

Nove centros de ensino do Val Miñor e outro de Vigo mobilízanse contra os recortes orzamentarios que sofre a educación. 


Nove centros de ensino do Val Miñor levarán adiante un peche na tardiña deste xoves 25 de abril en protesta polos recortes orzamentarios que sofre o sector e en rexeitamento da lei de reforma educativa (LOMCE) promovida polo ministro Wert. A medida non afectará o normal desenvolvemento da actividade escolar, segundo comunica a Coordinadora de Centros do Val Miñor, responsable da medida en oito deles. A actividade mobilizará ao persoal docente, pais e nais do alumnado e estudantes maiores de idade.

O encerro responde á convocatoria "Toma o teu centro" da Plataforma Estatal por la Escuela Pública, impulsada dende a Marea Verde de Aragón e apoiada pola Marea Verde estatal e polas organización sindicais CCOO, UXT, STEs, CGT, a Asociación de Pais e Nais CEAPA e o sindicato de Estudantes.

En defensa do ensino

Segundo explica a Coordinadora de Centros do Val Miñor, a medida proposta é o peche nos centros escolares "na defensa do Ensino Público, por unha escola para todos e todas e para manifestar o rexeitamento aos recortes en Educación e ao proxecto de lei LOMCE".

No Val Miñor o peche se levará adiante nos tres concellos, nomeadamente os CEIPs Carlos Casares ( Nigrán), Humberto Juanes (Nigrán), Neira Vilas (Peitieiros - Gondomar), Serra Vincios ( Vincios –Gondomar); e nos IESs Auga da Laxe ( Gondomar), Escolas Proval ( Nigrán), Primeiro de Marzo ( Baiona) e IES Val Miñor (Nigrán).

Outros peches na comarca

"Se ben, vai haber peches noutras comarcas e cidades de Galicia, pensamos que a alta concentración de centros e participantes no noso Val, posiblemente unha das maiores de todo o Estado, fai que acade un alto valor informativo", sinala a profesora Rosa Pascual, voceira da coordinadora.

Ademais dos centros antes mencionados, terán lugar un encerro con coloquios e actividades culturais no IES Terra de Turonio (Gondomar), convocado pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Peche que tamén apoia a coordinadora "Dado que coincidimos nos motivos da mobilización", afirma Rosa Pascual.

Tamén en Vigo

Ademais, alumnado, profesorado e familias van permanecer pechados no Instituto Alexandre Bóveda de Coia, en Vigo, tamén como medida de protesta polo deterioro da educación pública e contra a LOMCE. Ás 21.30h comenzará o peche onde teran lugar unha serie de actos como a mesa redonda de informacion e debate sobre a LOMCE, cea, actuacións e concertos. Asemade, todos os venres pola mañan acudirá a comunidade educativa vestida de negro como manifestacion do seu descontento.
Do medio colaborador Valminor.info

xoves, 25 de abril de 2013

O Consello de Estado frea as ansias de Wert por españolizar o ensino

O órgano, que ten unicamente caracter consultivo, pide que se elimine da LOMCE a obriga de que os territorios con lingua propia paguen unha escola privada para asegurar o ensino en castelán.

 O Consello de Estado rexeita a obriga sinalada na LOMCE de que os territorios con lingua propia deberán finanzar o ensino en castelán en centros privados. 
Así o recolle o ditame sobre a contrarreforma educativa en que traballa o ministerio de Educación que redactou este órgano consultivo ao sinalar que "non debería figurar na lei por afectar ao ámbito de decisión das comunidades autónomas con lingua propia".
Con todo, o Consello de Estado, que na actualidade preside o ex conselleiro de Sanidade da Xunta, Romay Beccaria, comparte a postura da LOMCE no referente a que cómpre delimitar a "proporción razoábel" no uso dos idiomas cooficiais, discrepa de que sexa o Executivo español quen impoña "as medidas a adoptar" cando non existan "medios ou recursos" para garantir o uso do español como lingua vehicular nos centros públicos.
"A regra de que as administracións educativas deberán sufragar os gastos de escolarización cando os pais ou titores decidan escolarizar os seus fillos en centros privados non debera figurar na lei", recolle o ditame do Consello de Estado. A polémica sobre esta imposición do Goberno español acadou o seu punto álxido após quitar o ministro Wert a careta, facendo pública a súa intención de "españolizar os alumnos cataláns" e, por extensión, o estudantado da Galiza e de Euskal Herria.
"Procedería impor como obrigatoria" Educación para a Cidadanía
O ditame elaborado por este órgano consultivo reclama a Wert que non desapareza a asignatura de Educación para a Cidadanía, introducida no currículo escolar durante o Goberno do PSOE e que o Consello de Estado, nun texto asinado, entre outr@s, pola ex vicepresidenta María Teresa Fernández de la Vega, considera que "procedería impoñela como obrigatoria nalgún momento" para velar "pola aprendizaxe dos valores democráticos coa finalidade de preparar as persoas para unha cidadanía activa".
Na mesma liña poderían ter feito algunha alusión expresa á perda de carga lectiva da materia de filosofía, que fica relegada a unha situación practicamente residual. Porén, nada di ao respecto o ditame redactado pol@s expert@s.

mércores, 24 de abril de 2013

A Xunta prevé desmantelar dous centros de ensino secundario en Lugo e Ourense

O plan aprobado polo Consello da Xunta deixa aos IES As Mercedes (Lugo) e IES A Carballeira (Ourense) sen cursos de secundaria e bacharelato. Os grupos da oposición exixiron na Cámara que o PP free a desintegración e garanta "un ensino público e de calidade" como demandan as ANPAS e comunidade educativa. 

A situación xa era coñecida. En Lugo o IES Politécnico viviu a pasada lexislatura a mesma situación que agora se repite nas Mercedes. Un barrio que en troca do que poida semellar aumenta en número de habitantes. Porén, a Xunta de Galiza deixará sen ESO e bacharelato ao alumnado para crear un centro en que unicamente se cursen estudos de formación profesional.
A comunidade educativa e as ANPAS rexeitan a medida que orbigará ao alumnado a se recolocar noutros centros. Aliás, a dirección do IES A Carballeira (Ourense) demitiu en bloque para denunciar as consecuencias socio-laborais do proxecto aprobado polo Consello da Xunta de Galiza.
Máis unha agresión "contra o ensino público" que o PP defende como "xestión eficaz"
Os grupos da oposición exixiron ao PP frear os proxectos de desintegración en Lugo e Ourense porén, desde o partido no goberno aseguraron que a medida é "de eficiencia" e que após ser implementada "estamos seguros" que "será ben acollida"

O deputado nacionalista, Cosme Pombo, elevou ao Parlamento as reivindicacións d@s afectad@s pola desintegración de ambos os dous centros e exixiu á Xunta de Galiza a "parálise dos proxectos" mais tamén que sexan desbotadas "medidas semellantes en calquera outro centro" e que no caso de se desenvolver "mudanzas ou reconversións" estas se leven a cabo previa negociación coa comunidade educativa, as equipas directivas e "sobre todo", sinalou Pombo "co consello escolar e a mesa sectorial de educación".
Porén, a medida --que conta coa oposición das forzas parlamentares e a poboación local-- foi defendida desde a bancada do Partido Popular argüíndo que procura "unha xestión eficaz" dos centros e mellorar "a oferta" educativa dos cursos de Formación Profesional. "É unha medida de eficiencia" que xerará "unha oportunidade para os propios centros", asegurou o deputado popular. Para a forza maioritaria están cert@s que malia coñeceren "as molestias iniciais" que ao seu entender motivan as mobilizacións e oposicións aos plans de desintegración "a medida será ben acollida" pasado o tempo.
No entanto, o estudantado de Lugo prepara xa a seguinte mobilización. Após unha sentada que cortou o tráfico dunha das arterias da cidade, próxima ao IES As Mercedes, esta quinta feira desenvovlerán un parón nos institutos da cidade para exixiren o mantemento do ensino obrigatorio no centro. Pois como ditan as consignas coreadas pol@s alumn@s "isto funciona, non o desintegredes".

Día do libro: a crise dentro da crise

Todos os sectores sofren a crise pero se cadra poucos de maneira tan intensa coma a industria da edición e do libro. Son xa varios anos de descensos continuados nas cifras de títulos editados: en 2011 editáronse en Galicia 28,88% menos títulos e a edición en galego caeu un 16%, segundo datos do Ministerio de Cultura, que aínda non ofreceu os correspondentes a 2012. Porén, os indicadores do INE (que cifra a baixada nun 7,2%) e da Federación de Gremios de Editores de España (26,9% menos) malia a súa disparidade amosan que o descenso continúa.
Segundo os datos que publica o Observatorio da Cultura Galega, do Consello da Cultura Galega, os datos relacionados cos hábitos de lectura e compra de libros reflicten dúas tendencias opostas Mentres o gasto total en libros non de texto entre 2006 e 2011 diminuíu nun 28,4%, o hábito de lectura de libros "pode cualificarse como de unha evolución de crecemento sostido  con tendencia á estabilidade". Apenas o 13,1% de todos os libros que se mercan en Galicia son libros en galego, o que supón unha facturación total de 21,43 millóns de euros, un 12,92% menos facturación con respecto a 2009. Neste tempo calcúlase de se perderon a cuarta parte dos empregos no sector.
Os editores propoñen un decálogo de medidas "para a posta en marcha dunha política estratéxica para o libro e a lectura en Galicia"
Os editores, o mesmo que os libreiros, levan anos esixindo da administración cambios e medidas para axudar o sector a enfrontar a crise e colaborar nun cambio de modelo. Hai uns días a Asociación Galega de Editores (AGE) publicou o seu documento estratéxico, no que repasa polo miúdo a situación do sector, e tamén un decálogo de medidas "para a posta en marcha dunha política estratéxica para o libro e a lectura en Galicia" comezando polo "recoñecemento efectivo do sector do libro como sector da industria cultural de carácter estratéxico e prioritario para Galicia" tal e como se recolle no Preámbulo e no artigo 2 da Lei 17/2006 do libro e da lectura.
O decálogo tamén pide a posta en marcha dun plan de apoio á rede de librarías, a creación do bono cultura por parte da Xunta, a ampliación e mellora da rede bibliotecaria pública, a adquisición de todas as novidades editoriais en lingua galega destinadas ás 465 bibliotecas públicas, a posta en marcha dun plan de fomento da lectura con especial atención a súa presenza en televisión, internet e nas redes sociais, a posta en marcha dun plan cuatrienal de tradución para o galego, ou a creación dunha oficina de promoción da literatura e do libro galego no mundo.
O documento estratéxico lembraba que "as compras de novidades editoriais en lingua galega destinadas a bibliotecas públicas reducíronse de 1.250.000 euros (2009) a 500.000 euros (2012), o que supón un recurte do 60% ao longo da última lexislatura"
O documento estratéxico lembraba que "as compras de novidades editoriais en lingua galega destinadas a bibliotecas públicas reducíronse de 1.250.000 euros (2009) a 500.000 euros (2012), o que supón un recurte do 60% ao longo da última lexislatura" e afirmaba que "se precisarían triplicar os fondos destinados pola Secretaría Xeral de Cultural para cumprir o compromiso establecido pola Lei 17/2006 a este respecto".
O texto tamén destacaba que "o apoio ás industrias culturais, as bibliotecas e ao fomento da lectura, ás canles comerciais, as axudas públicas destinadas a fomentar a existencia da creación e a produción de contidos, así como a divulgación e proxección desa produción, son imprescindibles para a existencia dun sistema editorial" e denunciaba "a incerteza e a desconfianza que xera o descoñecemento ou a ausencia de canles de diálogo e de cooperación".
"O sector editorial en Galicia está a facer un enorme esforzo orzamentario para dixitalizar a fabricación tradicional e para deseñar e producir novos contidos destinados á web 2.0"
Finalmente, afirmaba que "o sector editorial en Galicia está a facer un enorme esforzo orzamentario para dixitalizar a fabricación tradicional e para deseñar e producir novos contidos destinados á web 2.0, contando con recursos propios e cos procedentes das empresas tecnolóxicas galegas" e todo nun contexto no que "o conxunto das empresas do sector están enfrontando con enormes dificultades, as máis graves en trinta anos anos de existencia, esta coxuntura económica, que merma a demanda e o consumo, con reducións das vendas dalgunhas liñas de produto de ata o 40% nas canles finais de comercialización".

Galicia prevé contar co seu dominio '.gal' antes do verán

Galicia contará co seu propio espazo en internet. A Icann (Corporación de internet para a asignación de nomes e números) aprobará en breve o dominio .gal dentro dun grupo de centos de extensións que serán validadas e co que se porá fin a un proceso iniciado xa en 2008. Será a vitoria logo de cinco anos de loita encabezada pola Asociación PuntoGal, unha iniciativa que leva tempo loitando por conseguir "para a lingua e a cultura galega un dominio propio en internet e, a través del, unha maior visibilidade e presenza do pobo galego na rede e no mundo".
A Icann vén de confirmar que anunciará nos vindeiros meses a validación de novas extensións, entre elas a '.gal'
O calendario da Icann prevé para estes vindeiros días a publicación dunha primeira quenda de solicitudes de extensións autorizadas. A Asociación PuntoGal confirma que o anuncio estaba previsto para antes deste verán, aínda que non coñece a data exacta. A quenda do dominio galego non é a primeira, pero si será autorizada de vez ao non ter obxección ningunha por parte dos organismos competentes, algo que si teñen outras candidatas e que podería atrasar o anuncio definitivo.
A candidatura galega "non recibiu ningunha obxección", polo que os seus promotores son "moderadamente optimistas"
"A candidatura do domino de Internet para a lingua e cultura galega non recibiu ningunha obxección por parte dos gobernos representados na ICANN -o ente que goberna a Internet- e xa deu varios pasos importantes cara a súa aprobación inicial", confirmou logo a Asociación PuntoGal nun comunicado, tras estimar que "antes de que remate o verán se coñecerá o resultado da avaliación inicial ao dominio".
A asociación aclara que a Icann vén de publicar a lista final de candidatos a novos dominios sobre os que pende algunha queixa formal e que, "co apoio de toda a sociedade galega a candidatura, o .gal non figura nesa lista". "Puntogal tampouco está na lista, publicada hai uns días, de candidaturas sobre as que os gobernos que participan na Icann expresan dúbidas, polo que logrou o apoio das administracións locais, autonómicas e estatais", destaca.
Ademais, ningún outro candidato solicitou as letras gal para o seu dominio e non hai ningunha outra candidatura para a lingua e cultura galegas.

 Con todo estes datos sobre a mesa, a Asociación PuntoGal é "moderadamente optimista sobre o veredito inicial" que emitirá a Icann sobre a candidatura para a lingua e cultura galegas.
O dominio podería estar dispoñíbel na Rede xa a finais deste ano 2013
Pero, cando publicará a Icann esta avaliación inicial do puntogal?  "De acordo aos prazos anunciados polo organismo internacional, o resultado preliminar debe ser publicado nos próximos meses, en todo caso antes de que remate o verán", insiste a asociación, que pide "tomar con prudencia os prazos". A orde pola que se publican eses resultados iniciais está determinada polo resultado dun sorteo previo, no que .gal obtivo o posto 742 dos 1917 candidaturas.

 De superar esta avaliación inicial, poderíanse comezar os traballos para "tratar de que o dominio estea dispoñíbel na Rede cara ao final do presente ano".
Así, ás 270 extensións xenéricas e territoriais que existen a día de hoxe e internet, como .com, .es ou .net sumaranse outras moitas. Entre elas, .gal, .eus, .madrid, .barcelona, pero tamén .bike, .sport ou de empresas como .bbva ou .lacaixa.
O .gal, tal e como reivindica a asociación, "é o dominio que debe correspondernos como comunidade con fortes vencellos lingüísticos, culturais, históricos, sociais... unha especie de sufixo co que identificar en internet as páxinas escritas en galego e que, tendo en conta a nosa dispersión no mundo, non se circunscriba a un ámbito territorial concreto". A proposta foi defendida sempre como "tecnicamente viable e económica, social, lingüística e culturalmente rendible" e permitirá a Galicia encadrarse nos dominios de primeiro nivel esponsorizados.
A candidatura 'puntogal' contou co apoio de colectivos e asociacións, así como da Xunta
A candidatura puntogal contou sempre co apoio decidido de numerosas asociacións e colectivos a prol da cultura e da lingua galega, así como da Xunta de Galicia, tanto do goberno anterior coma do actual. En total, desde 2007 a administración autonómica achegou máis de 490.000 euros á Asociación Puntogal para o desenvolvemento das actividades necesarias para a presentación da candidatura. Deste importe, 213.000 euros corresponden ao convenio asinado en 2012 entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a asociación para financiar os custos de matrícula (145.000 euros), o aval esixido pola entidade, así como as accións de difusión e participación nas actividades que que o Icann e outras entidades vinculadas ao regulamento da rede celebrarán nos vindeiros meses.
Ademais, a Asociación PuntoGal comprometeuse diante da Icann a que, unha vez consolidado o proxecto, se reinvistan todos os beneficios en programas que fomenten o galego nas novas tecnoloxías. Así o fai xa a Fundació puntCat coa súa Obra Social dende hai tres anos.

martes, 23 de abril de 2013

No Día do Libro, o libro do ano revisitado

O deseñador e creador Pepe Barro está metido neste ano de pleno no mundo rosalián. Da súa autoría é o cartaz da conmemoración do 150 aniversario da publicación da obra no que reza que “marca o comezo da Galicia contemporánea” e nas súas mans está tamén o proxecto museolóxico

da Matanza, sede da Fundación Rosalía en Padrón e a exposición que se abre en Vigo, cidade de publicación da obra, para conmemorar o aniversario.
Sen embargo, é a edición ilustrada de Cantares Gallegos publicada por El Patito Editorial a que transmite unha pegada máis persoal e íntima. Un traballo creativo que revisita a obra de Rosalía e no que, segundo sinalou, ofrece unha segunda voz -di que con ela é "sobervia" dicir que se canta a dúo- aos textos da autora que se converteu en primeira figura da nosa historia literaria. Coa idea de “proxectar futuro” , Pepe Barro achéganos ao que define como “pequenos cartaces” a través de montaxes e imaxes que recrean o espíritu da poeta. “O que me fixo reaxer foi entender Cantares gallegos coma o libro que anuncia e ao tempo crea a Galicia contemporánea, o país que somos. Aí atopei a que agarrarme, con vontade de empregar unha linguax
e contemporánea no concepto e tamén na forma” comentou Barro a respecto da certa vertixe cando Genma Sesar e Fausto Isorna puxeron proxecto nas súas mans. 
Na memoria do agro
Relata que o primeiro impulso foi procurar unha edición de 1872 do seu tio-bisavó que manexara de neno, e reparou tamén nos apeiros de labranza de xeracións pasadas. Atoparía aí a materia coa que construir a súa imaxe de Cantares Gallegos, na memoria do antigo mundo do agro. Elementos identitarios que se tornan pezas da proposta persoal e sentida do artista está a contribuír na construción dunha
 nova imaxe de Rosalía. 
No video recóllese o proceso creativo de Pepe Barro á hora de elaborar a súa visión creativa de Cantares Gallegos.

O STEG únese á folga xeral no ensino do 9 de maio

O STEG únese á convocatoria de folga en todos os niveis do ensino que terá lugar o 9 de maio e na que por vez primeira participarán todos os integrantes da comunidade educativa: profesorado, alumnado e pais e nais. A protesta procura ser unha defensa do ensino publico e rexeitamento frontal do anteproxecto de reforma educativa que prepara o Goberno central e o Ministerio encabezado por José Ignacio Wert a través da Ley Orgánica para la Mejora de la Calidad Educativa (LOMCE). Para o sindicato, esta lei contempla "unha auténtica contrarreforma educativa que implantará unha educación segregadora, elitista, adoutrinadora, clasista, recentralizadora, e que ten como obxectivo un sistema educativo máis propio do franquismo que dunha sociedade moderna".
Para o sindicato, esta lei contempla "unha auténtica contrarreforma educativa que implantará unha educación segregadora, elitista, adoutrinadora, clasista, recentralizadora"
Para o STEG "o ministro Wert proponse pór en marcha unha autentica contrarreforma educativa que, por unha banda, suporá a lexitimación dunha política de recortes e, por outro, a reinstauración dun modelo ideolóxico de escola sesgado, clasista e segregador. Menos profesorado, máis adoutrinamento ideolóxico e máis segregación do alumnado son as claves da reforma educativa que se propón levar adiante o ministro de Educación". Denuncia que "a contrarreforma se propón recortar as competencias das comunidades autónomas en materia educativa ao aumentar a porcentaxe dos contidos mínimos que fixa o Estado en todos os tramos educativos" e que "este deseño centralizador vai na liña recentralitzadora do Estado que promoven certos grupos da dereita, tomando como escusa a crise económica".
Conclúe que "con esta lei o sistema educativo ponse ao servizo das necesidades da empresa"
Conclúe que "con esta lei o sistema educativo ponse ao servizo das necesidades da empresa ao promover a segregación temperá do alumnado coa introdución de itinerarios en función do seu rendemento académico, e non das necesidades do alumnado como persoa e como cidadán". E engade que "a lexitimación das subvencións públicas a escolas privadas que segregan en función do sexo, ou que realizan calquera tipo de selección do alumnado por sexo, etnia, renda, ou rendemento escolar, é outro claro exemplo do elitismo e clasismo que impera nesta lei".

"Hai que mudar o ensino do galego e o traballo de normalización"

Valentina Formoso, profesora e voceira da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (Cgendl) vén de publicar Do estigma á estima. Propostas para un novo discurso lingüístico. Publicada por Xerais, a obra parte dunha investigación cualitativa sobre o discurso arredor da lingua galega do alumnado de Secundaria e reflexiona e ofrece alternativas para deter a tendencia desgaleguizadora dos últimos anos.
Formoso propón novas estratexias de planificación lingüística para actuar no ensino, mais tamén para mudar as representacións negativas e reforzar as positivas, xa que para ela a clave do futuro da lingua reside en “atender de xeito urxente ao imaxinario social sobre a lingua galega, en especial ao que posúen os galegofalantes”. O título do libro déixao claro: pasar "do estigma á estima". "Ese é precisamente o obxectivo; tal e como están as cousas, é fundamental incidir na recuperación da estima do idioma ao tempo que facemos outras moitas cousas pola normalización; se non é así, será moi complicado avanzar", asegura a autora a Praza.
"O golpe máis grande foi descubrir que os alumnos tiñan os mesmos prexuízos que cando eu ía ao instituto", di a autora
A obra parte do traballo de investigación sobre o discurso lingüístico nos centros de ensino levado a cabo por Formoso, á que lle sorprendeu moito a falta de avances en canto á querencia ao idioma. "O golpe máis grande que levei foi descubrir que o alumnado tiña os mesmos prexuízos e utilizaba o mesmo argumentario cara ao galego que cando eu ía ao instituto; e todo malia que agora xa hai equipos de normalización nos centros, unha chea de actividades a prol da lingua e moito traballo detrás", lamenta. "O argumentario era idéntico: que para que ían usar o galego, que non o sabían falar ou que non lles servía para nada", engade.
Os prexuízos son grandes nas zonas urbanas, pero tamén no rural e naqueles rapaces galegofalantes que en moitos casos acaban por renegar da súa lingua. Por iso, para Formoso "é fundamental aumentarlles a estima aos que falan galego". "Hai que facerlles crer dunha vez que o que eles falan valen", insiste, logo de reflexionar sobre as "equivocacións" que tamén cometen os profesores. "Trabucámonos cando non valoramos a fonética e só nos centramos na gramática, en parte porque o sistema está así e nin tan sequera existen os exames orais", asegura, convencida de que "hai que mudar o ensino da lingua e o traballo dos equipos de normalización para incidir na estima ao idioma e na eliminación de prexuízos".
"Os galegofalantes teñen prexuízos propios, como os que asocian o seu idioma ao rural ou á pobreza"
Así, Valentina Formoso lembra que os galegofalantes "teñen prexuízos propios" e diferentes a aqueles que non empregan o galego ou o falan menos. "A lingua está asociada ao rural, a ser pobre e de clase baixa ou nacionalista; hai todo un estereotipo arredor de quen fala galego e debemos traballar para acabar con eses estigmas e para que se manteña o idioma", engade.
Porque ese é tamén un dos erros nos que Formoso repara na súa obra. "Durante todos estes anos percibín que o ámbito da normalización está encamiñado a recuperar falantes, pero para nada en manter os falantes que xa tiñamos", explica. "É moi habitual escoitar incluso a compañeiros dicir que non hai nada que normalizar nas zonas galegofalantes porque aí xa é maioritario o galego, cando logo vemos como estes rapaces van vivir á cidade e deixan de falar a súa lingua", di.
"A normalización centrouse en recuperar falantes, pero non en manter os que xa tiñamos"
Cambiar o discurso lingüístico é o obxectivo, aínda que os atrancos son moitos. Tamén chegan desde a Administración, que pouco fai por aumentar esa estima da lingua, especialmente nos últimos anos. "Os poderes públicos son os primeiros que deben esforzarse en darlle estima ao idioma, pero as mensaxes que se estiveron mandando nos últimos anos non favoreceron en nada", asegura Formoso, que revela unha recente conversa cun responsable de política lingüístico en Euskadi. "El tiña claro que o obxectivo era a estima do éuscaro e só hai que ver como recuperaron eles a súa lingua e como nos foi a nós", engade.
A estes prexuízos que chegan desde a propia administración engádenselle tamén as características sociolóxicas dun pobo como o galego. "Non son experta no tema, pero si creo que a situación do galego tamén ten que ver coa falta de estima que en xeral temos como pobo; non nos queremos demasiado e sempre apreciamos o de fóra", remata antes de non dubidar en cualificar de "crítica" a situación do idioma propio no país.
"Non é bo ser vitimista, pero hai que recoñecer que a situación do galego é crítica"
"Non é bo andar flaxelándose nin ser vitimista, pero si que hai que recoñecer a situación. Todo é reversible, pero hai que poñer os medios. Empeorouse moito nos últimos anos a situación da lingua, sobre todo en canto ao discurso, o que provocou que nos centros de ensino vexamos cada día menos profesorado e menos alumnado interesado en empregar a lingua", finaliza.

A lingua ante os retos da 'nova' RAG

Xesús Alonso Montero xa é o novo presidente dunha Real Academia Galega (RAG) que afronta o reto de recuperar "o clima de concordia" que se perdeu nos últimos tempos, sobre todo a raíz da dimisión de Méndez Ferrín e da posterior -e inédita- carreira electoral que se abriu na centenaria institución. A nova executiva aludiu en todo o momento á necesidade de "destensionar" unha situación nada cómoda para un organismo que pareceu correr un risco de ruptura que agora todos intentan apagar.
Pero a razón de ser da RAG é a lingua galega, que tamén afronta unha morea de retos, tanto pola súa feble posición como polas diverxencias evidentes que todas as institucións que velan polo idioma teñen coa política lingüística levada a cabo nos últimos anos pola Xunta de Galicia. A Mesa pola Normalización Lingüística, a Associaçom Galega da Língua (AGAL) ou a Asociación Galega de Editores reflexionan sobre as prioridades da Academia en canto ao idioma.
"A RAG debe facer fronte ás institucións que atacan a nosa lingua, como a Xunta de Galicia", di A Mesa
Carlos Callón, presidente d'A Mesa, aposta por que a RAG "sexa unha ferramenta de defensa da lingua galega e faga fronte ás institucións que atacan o noso idioma", e pon "como exemplo" o Concello da Coruña, "onde ten a sede a a propia Academia", ou a propia Xunta de Galicia. Alonso Montero insistiu en que manterá o recurso contra o decreto do plurilingüismo que a institución presentou ante o Supremo e o tamén voceiro da plataforma Queremos Galego pide "que manteña unha postura activa a prol do galego".
"Iso é o máis importante, que a RAG teña un papel moito máis dinámico e de reivindicación, como por exemplo no caso do ensino infantil nas cidades, onde o 96% das escolas non imparten absolutamente nada na nosa lingua", cita como exemplo. Pola súa banda, Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores, cre que a RAG "debe manter a liña de defensa do idioma" dos últimos tempos, unha actitude que lle parece "exemplar". Ademais, considera tamén que debe "enxergar  un horizonte para o idioma", pero apela "á corresponsabilidade". "A construción da nación e a defensa da lingua non lle corresponde só aos académicos, senón tamén á sociedade civil, ao asociacionismo e ás plataformas a prol do idioma", engade o director xeral de Xerais, que cre que cómpre que a centenaria institución "recupere o seu plan de traballo" e "desenvolva a gramática, profundice na lexicografía, continúe os traballos no seminario de sociolingüística e mellore a súa comunicación co conxunto da sociedade".
Desde a nova executiva, insisten en que a RAG "seguirá na liña marcada en defensa do idioma" e na "concienciación na sociedade do que significa a lingua propia", pero tamén deixa claro que é preciso "levantar a hipoteca ideolóxica que lastra o idioma".
Bragado aposta por "manter a liña marcada na defensa do idioma" e apela á "corresponsabilidade" no traballo a prol da lingua
Ademais, Carlos Callón tamén vería "moi positivo" que a Academia "tivese unha postura protagonista á hora de relacionarse co sistema galego-portugués". "Alén de debates normativos, a RAG debería ter un papel moi activo na relación cos territorios do sistema lusófono; non ten moito sentido virarlle as costas", asegura.
No mesmo sentido se manifesta Miguel Penas, presidente da AGAL, que xa enviou os seus parabéns a Alonso Montero, desexándolle "o mellor" e manifestándolle a suá intención de "abrir o diálogo e vías de entendemento" coa Academia. Para a Associaçom Galega da Língua, este diálogo debería basearse nas reclamacións que se recollen na ILP popular Valentín Paz-Andrade e coa que se procura unha serie de medidas que faciliten o acceso dos galegos ao universo da lingua portuguesa e unha maior relación coa lusofonía.
"Entendemos que o idioma precisa dunha nova estratexia, pero moita esperanza non podemos ter se atendemos ás primeiras declaracións de Alonso Montero", di en referencia ás palabras do novo presidente, no que rexeitaba o achegamento á lusofonía, aínda que Miguel Penas "confía" en poder manter un encontro coa institución. "Hai académicos na nova executiva que teñen manifestado dalgún xeito o seu interese polas iniciativas da AGAL e do reintegracionismo", engade.
Precisamente, fontes da nova executiva da RAG aclaran que no seu programa xa se marca como prioridade "estreitar os lazos co mundo lusófono", unha intención que abrangue tamén a futura inclusión de académicos correspodentes na institución.
A AGAL non ve moita esperanza no achegamento á lusofonía tras as primeiras declaracións de Alonso Montero
Neste sentido, Miguel Penas cre que a RAG debería acoller no seu seo "académicos que representasen outra visión científica sobre o galego", en referencia ao reintegracionismo. "Hai profesores e estudosos da lingua que están vetados, mentres se incorporan persoas con gran currículo, pero que igual teñen menos méritos que eles", quéixase o presidente da AGAL, que lembra que este "veto" xa ten tido as súas consecuencias, como a creación dunha "Academia alternativa". "A institución debería ser única e recoller a pluralidade de opinións, incorporando incluso académicos doutros ámbitos da lusofonía non galegos", insiste.
"A última normativa foi un consenso importante e un éxito para o país; hai que avanzar nese camiño"
Tamén Carlos Callón aposta por "unha Academia máis plural e máis representativa da cultura galega", tanto na cuestión de xénero, como doutros ámbitos. "Non comprendemos que a gramática oficial non sexa consensuada tamén polas universidades de Vigo e da Coruña", asegura o presidente d'A Mesa, que aposta "por que se manteña o mesmo espírito de consenso que se deu en 2003".
Callón refírese ao cambio normativo que rematou coa concordia de hai dez anos e logo de que Alonso Montero, nunha das súas primeiras declaracións tras ser elixido presidente da Academia, asegurase que se non intenta volver á normativa de 1982 é só "polos prexuízos e inconvenientes que isto ocasionaría no ensino". "Sen ánimo de polémica, os representantes da RAG teñen que ter en conta o peso das súas palabras. A última normativa foi un consenso moi importante e un éxito para o país e hai que avanzar nese camiño", remata o presidente d'A Mesa.
Desde a nova executiva, e malia as palabras do novo presidente, aseguran que Alonso Montero "limitouse a explicar cal foi a súa posición" de hai dez anos, no momento no que se abordou o cambio normativo, pero insisten en que tamén aclarou que "a única norma que hai é a existente, froito dun consenso e que é a que hai que defender". "O asunto da normativa non está na axenda, nin moito menos", finalizan.

luns, 22 de abril de 2013

Caballero asegura que mentres sexa alcalde ningún neno de Vigo levará tupper ao colexio como pretende facer o PP


 
O Concello adicará o curso que ven 1,6 millóns de euros a bolsas de comedor e libros, una cantidade que, segundo explicou, suple o recorte de 200.000 euros acometido pola Xunta nesta materia. Durante a rolda de prensa, lembrou que no presente curso escolar, son preto de 4.000 escolares os beneficiarios dunha bolsa de comedor municipal.
O goberno local deu luz verde as bases reguladoras da concesión de axudas municipais de libros, material escolar e comedor para centros públicos e concertados de cara ao curso 2013/2014. Desde Benestar Social, autorizouse un gasto de 992.000 euros -80.000 euros para libros e 912.000 euros para comedor-. A esta cantidade hai que sumar as achegas da Concellería de Educación o que eleva a cifra 1,6 millóns de euros a partida que o Concello adica a libros e bolsas de comedor, un 35% máis que o ano pasado. En concreto, puntualizou, a partida para libros duplicouse.

Durante a rolda de prensa, cifrou en preto de 4.000 os beneficiarios das bolsas de comedor municipais durante o presente curso escolar, cun investimento de 1,4 millones de euros. Este incremento, remarcou, recolle os case 200.000 euros que a Xunta recortou en bolsas de comedor en Vigo porque "mentres eu sexa alcalde non haberá un so tupper en ningún colexio de Vigo".

Contenedores soterrados
A Xunta de Goberno local tamén adxudicación definitiva do servizo de mantemento dos contenedores soterrados da cidade, cun aforro de 20.000 euros con respecto ao contrato anterior. O rexedor lembrou durante a súa intervención que nestes momentos están en funcionamiento 222 contenedores.

Mentres Feijóo en Galicia propicia o peche dos comedores escolares aumentando os seus asesores, Anadalucía destina 7,5 millóns de euros ao mes para que coman os nenos necesitados.

Pachi Vázquez pide a Feijóo que suprima asesores e non os comedores dos nenos galegos na porta da exclusión social.
 
A Consellaría de Educación destina un presuposto de 7,5 millóns de euros ao mes para financiar o servizo de comedor escolar das familias andaluzas con máis dificultades económicas. Así o manifestou a conselleira Mar Moreno en Roquetas de Mar, onde recoñeceu que a crise provocou que empeore a situación económica das familias e que "se disparen" as peticións de bonificacións.
Durante a súa visita ás novas instalacións dun colexio público, a conselleira destacou que fronte a outras comunidades onde se está a dar marcha atrás no comedor escolar, en Andalucía non só mantense o servizo senón que tamén aumentan as axudas. Neste sentido, recordou que este curso o 50% do alumnado usuario do comedor escolar accede ao servizo con gratuidade total, cando no ano 2008 era do 20%.
Mar Moreno sinalou que "hai unha materia máis importante que a Lingua e as Matemáticas, é a materia de comedor". Por iso, dixo "é imprescindible cruzar esa fronteira social" para que os nenos teñan garantida unha comida forte ao día nos comedores da Xunta. Nun momento de grandes dificultades, "as familias saben que teñen a Xunta detrás", abundou.
Para a Xunta, o comedor escolar é unha "prioridade educativa básica" destacou, de aí que confirmase que non se dubidarán dos "recursos extraordinarios" necesarios para garantir ese apoio socioeducativo que supón o comedor escolar gratuíto para as familias con máis necesidades. "Se non cubrimos esa necesidade, vai ser moi difícil que poidamos pedir rendementos escolares" aos nenos.

Pachi Vázquez pide a Feijóo que suprima asesores e non os comedores ou o Noitebús

O líder socialista reclama que o presidente reduza á metade os seus 55 asesores en vez de deixar pasar habre os nenos galegos
Produciume calafríos a intención de Feijóo recortando servizos e sobre todo obrigar os nenos e pacientes a que paguen os servizos.
Dito isto, preguntouse se "é máis ético" redimensionar o parque móbil da Xunta, que é "absolutamente insostible en época de crise", que suprimir un sistema de transporte nocturno que "salva vidas" e é "garantía de seguridade vial" para os mozos, cun custo de 5 millóns de euros ou dilapidar sen concurrenca pública millóns en publidiad institucional a empresas foráneas de "programas inexistentes".
En Galicia non hai ningunha medida para o necesitado e ao bordo da exclusión social, que suman preto de 500.000 familias que non cobran nada e xa piden ás portas dos bancos de alimentos,... é este o futuro que nos prometiu en Galicia Feijóo ?


A Plataforma en Defensa do Ensino Público convoca manifestacións nas catro provincias o vindeiro 9 de maio ás 19:30 horasvo artigo

Estas mobilizacións enmárcanse dentro dos actos da xornada de Folga Xeral no Ensino convocada para esa data


A Plataforma en Defensa do Ensino Público na que se integran CCOO, FETE-UGT, CSIF, CONFAPA-GALICIA, Sindicato de Estudantes, IESGA e Escola Viva, convoca manifestacións nas catro provincias galegas con motivo da Xornada de Folga Xeral no Ensino que esta plataforma ven de convocar para o día 9 de Maio.
Estas manifestacións terán lugar nas cidades de A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo ás 19:30 horas. A Plataforma manifesta que se escolleu o horario de tarde para a celebracións das mesmas para facilitar ás nais e pais do alumnado, que son convocantes desta xornada de folga, a asistencia ás mesmas e que puideran expresar o rexeitamento á LOMCE e ás políticas de recortes dos gobernos central e autonómico.
A Plataforma lamenta que non puidera facerse efectiva unha mobilización unitaria de todas as organizacións que representan á comunidade educativa galega, a pesar dos ofrecementos que se fixeron para elo.
PDF - 323.1 KB

A Xunta aínda non renunciou a recorrer as sentenzas do decreto plurilingüe no Supremo

O pasado 14 de marzo o presidente da Xunta anunciaba que o seu Goberno decidira non dar a batalla xudicial contra as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que ilegalizan parte do denominado decreto do plurilingüismo, o que equivalía a non presentar un recurso de casación ante o Tribunal Supremo. Máis dun mes despois dese anuncio o Executivo de Alberto Núñez Feijóo aínda non renunciou formalmente a esa posibilidade. Isto é, cando menos, o que o propio Supremo lle vén de comunicar á Real Academia Galega, que si presentou recurso.
A Presidencia en funcións da RAG recibiu unha dilixencia, con data de 15 de abril de 2013, na que "se lle abre un prazo de trinta dias á Xunta" para "manifestar se sostén ou non o recurso de casación" que ten "preparado". Isto, di a Real Academia nun comunicado, deixa claro que "pese ás manifestacións públicas do presidente da Xunta" nas que asumía "as distintas sentenzas xudiciais sobre o decreto do plurilingüismo, a Xunta preparou recurso de casación ante o Tribunal Supremo en tempo e forma contra a sentenza do TSXG". "Na data desa providencia" o Executivo "non tiña desistido do seu recurso e por tanto está en prazo para completar a súa formulación", toda vez que "a día de hoxe non nos consta ningunha notificación en sentido contrario".
Feijóo asegurou o 14 de marzo que o Goberno galego renunciaba ao recurso, pero un mes despois aínda non o fixo formalmente
Neste contexto, a RAG informa ademais de que, "como corporación de dereito público", está "exenta de pagamento de taxas" xudiciais na presentación do recurso. Isto, unido a que "os servizos xurídicos" da Academia "seguen a facer un traballo responsable, xeneroso e desinteresado en defensa da lingua galega, sen percibiren ningún tipo de remuneración", implica que o procedemento xudicial non terá custo ningún para a entidade. En calquera caso, subliña, este é "un dos escasos recursos nos que o conflito lingüístico chega ao Tribunal Supremo de Madrid". Neste alto tribunal "os idiomas catalán e vasco foron defendidos en numerosas ocasións", pero "polos seus respectivos gobernos".

Queremos Galego saca a lingua á rúa o 17 de maio

A Pataforma cidadá convoca unha manifestación nacional o Día das Letras en defensa da lingua e contra as agresións do goberno galego

A convocatoria vén de ser anunciada a través das redes sociais e partirá da Alameda de Compostela ás 12.00h. Co gallo do Día das Letras Galegas a Plataforma unitaria Queremos Galego volverá reunir milleiros de persoas nas rúas da capital da Galiza en defensa da lingua.
Ao igual que o pasado ano Queremos Galego chama á cidadanía a se manifestar "pola lingua que nos une" e contra os ataques ao galego aos que, nesta ocasión, se suma a aprobación da reforma educativa.
Os atrancos do goberno local 
Cómpre lembrar que en 2012 o concello de Santiago impediu á plataforma colocar un palco, unha faixa e amplificadores de son no acto de feche argüíndo que a mobilización coincidía coas festas da Ascensión. Após presentaren un recurso, a xustiza desautorizou a decisión adoptada polo goberno local e exixiu que o Concello outorgase os permisos necesarios para a celebración da manifestación. No entanto, os impedimentos por parte da equipa liderada por Ángel Currás reiteraríanse en vindeiras convocatorias como a do 27 de xaneiro.
O goberno municipal exixiu nesta ocasión á Plataforma o pagamento dunha fianza de 600 euros para permitir a colocación dun palco co gallo da manifestación convocada contra a política lingüística da Xunta. Fica por ver se nesta ocasión o Concello de Compostela tentará atrancar a celebración desta xornada de festa e reivindicación arredor da lingua.

venres, 19 de abril de 2013

Unha emenda de FETE-UGT tomba o proxecto de Decreto de comedores escolares

Onte o proxecto de decreto de comedores escolares foi rexeitado polo Consello Escolar de Galicia a causa da tramitación irregular do mesmo, segundo denuncia a emenda de FETE-UGT. A Consellería emitiu o ditame provisorio antes de presentalo ante a Mesa Sectorial Docente e introduciu modificacións no texto do proxecto de decreto con posterioridade.  
Antes de que a comisión permanente emita un ditame sobre un proxecto de decreto debe ser presentado aos órganos sectoriais educativos para o seu coñecemento e avaliación. Pois ben, a Consellería actuou ao revés: primeiro emitiu un ditame, logo presentou o texto á Mesa Sectorial Docente e despois introduciu modificacións no texto do proxecto do decreto.

Pero non remataron aí as torpezas dos membros da administración. O Secretario Xeral Técnico provocou un debate surrealista ao impedir que se votasen conxuntamente as emendas que teñen un mesmo fin, como é costume inveterada na praxe do consello cando así o solicitan os emendantes.

Así pois, o Secretario Xeral Técnico pretendeu que se votasen e debatesen unha por unha, co fin de rebater os diversos argumentos, as emendas presentadas polas organizacións sindicais FETE-UGT, CCOO e CIG; CONFAPA Galicia, Coordinadora Galega de MRPs e o Seminario de Estudos Galegos; todas elas confluentes no fondo do asunto: o rexeitamento a un proxecto de decreto que pretende cobrar o comedor ao alumnado transportado da escola pública, socavando así o dereito á educación como un servizo público, gratuíto e universal.
Co que non contaba o representante da administración é que a primeira lle dera na fronte. A emenda, presentada por FETE-UGT, que solicitaba a devolución do texto do proxecto a causa das devanditas irregularidades de tramitación, foi aprobada por 17 votos a favor, 13 en contra e unha abstención.
Este resultado amosa claramente o rexeitamento maioritario da comunidade educativa a este proxecto de decreto e tamén o desprezo que, unha e outra vez, amosa a consellería polos órganos consultivos, entorpecendo o seu correcto funcionamento.

Para frear o paro xuvenil CCOO propón estender a obrigatoriedade da educación ata os 18

Comisións Obreiras (CCOO) propón estender a obrigatoriedade da educación ata os 18 anos como fórmula para facer fronte aos altos índices de desemprego xuvenil provocados pola crise económica, segundo destaca nunha das recomendacións que inclúe no seu 'Libro Verde da Educación', onde se analiza a situación actual e se denuncian a "falta de solucións" da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).
O secretario xeral da Federación de Ensino de CCOO, Francisco García, apostou por manter a estrutura da educación ata os 16 anos, pero "garantindo a escolarización ata os 18 anos en Bacharelato e en Formación Profesional de grao medio". "Debe haber oferta abondo para que alcanzar a meta da Unión Europea" de alcanzar o 90 por cento de estudantes con certificado de educación secundaria, segundo apostilou.
Neste sentido, apostou por debater en torno a esta medida, aínda que recoñeceu que "é difícil de concretar". "O que non pode permitirse é que haxa mozos no paro e que non estea formándose, sentenciou García, que engade que investimento necesario para poñelo en marcha "non" sería unha cantidade desatinada".
Durante a presentación deste informe, baixo o lema 'Máis e mellor educación para tod@s', García afirmou que a LOMCE "non" parte dunha análise rigorosa senón dende posicións ideolóxicas" e, por iso, ante o "perigo de que empeore aínda máis a situación", reclamou ao ministro de Educación, José Ignacio Wert, a súa retirada e a apertura dun proceso de diálogo cos axentes educativos.
Así mesmo, o secretario xeral de FECCOO lamentou que a educación non fose unha prioridade para os gobernos e alerta de que "o actual Executivo pretende reducir aínda máis os presupostos" neste campo, "ata chegar ao 3,9 por cento do PIB, unha cifra que fai retroceder ao país 25 anos atrás,". Ademais, denunciou a "quebra da equidade" e a extensión dun sistema "incapaz de reter os seus alumnos".
Respecto a este último punto, García sinalou que as altas taxas de abandono escolar temperá "é o principal problema educativo en España" e recordou que esta se sitúa no 24,9 por cento, "case o dobre da media da UE". Así, insistiu en que "hai unha dilapidación de capital humano", xa que "España non se pode permitir que haxa medio millón de mozos en desemprego que non se están formando".

"NON" FAI "FALTA UNHA NOVA LEI"

Por outro lado, o voceiro de Educación de CCOO afirmou que "non" fai falta unha nova lei educativa", aínda que engade que "se necesitarían cambios importantes". En concreto, aludiu á gratuidade dos libros de texto, a un plan de atención cara á diversidade con medidas de apoio que eviten as altas taxas de repetición que existen en España ou un currículo laico, que saque a materia de Relixión do horario lectivo.
García tamén sinalou que "España necesitaría duns 80.000 profesores máis" para facer fronte aos retos marcados pola UE, tras referirse á campaña 'Sen profes non hai escola' --englobada dentro da 'Semana de acción pola Educación', que se desenvolverá entre o 22 e 28 de abril-- e que pon de manifesto que en todo o mundo faltan 1,7 millóns de docentes para garantir unha educación universal.
O informe presentado por CCOO destaca que "a xestión autonómica das competencias educativas supuxo unha moderada redución de diferenzas territoriais" e, polo tanto, advirte de que "a política centralizadora do Partido Popular ten un carácter ideolóxico", xa que non se axusta aos feitos".
No acto tamén participou o secretario xeral de CCOO, Ignacio Fernández Toxo, quen sinalou que "España non pode estar en permanente reinicio" respecto á política educativa e avoga por "consenso de Estado" para evitar "as reformas unilaterais de cada goberno". Así, apostou por unha educación "universal, pública e gratuíta".

A Mesa acusa o PP de lles ter ofrecido diñeiro "para nos domesticar"

O presidente desta asociación en defensa da lingua, Carlos Callón, sinala que esta práctica, frecuente nos gobernos de Fraga, se mantén hoxe en distintas administracións vinculadas á formación, ora de maneira "sibilina" ora directamente.

 Con estas orellas que agora mesmo levo postas ouvin por parte de varios dirixentes do PP e en diferentes gobernos a proposta deque darían diñeiro á Mesa a condición de que modificaramos a nosa actitude combativa, que nos domesticaramos".

Así de taxativo pronunciouse esta quinta feira o presidente desta asociación en defensa da lingua, Carlos Callón, deixando claro que unha práctica que foi moi frecuente durante os gobernos de Fraga se mantén aínda hoxe.

De maneira "sibilina" ou directamente, tanto a Xunta como gobernos municipais en mans da formación conservadora teñen advertido de que un talante máis manso "abriría moitas portas" á hora de recibir axudas e subvencións. Así as cousas, aínda en 2012 cando A Mesa solicitou unha entrevista con Política Lingüística e a resposta foi reveladora: "para que queredes unha entrevista se non vos imos dar nada?"

Entre os concellos que seguiron esta mesma liña cómpre recordar a actitude mantida polo goberno municipal de Compostela, daquela en mans de Gerardo Conde Roa, que non concedeu nin un céntimo ao Correlingua ao se negar o colectivo a censurar o manifesto redactado por estudantes e que Galicia Bilingüe denunciou como "adoutrinador" por conter frases como 'Buscamos que as fronteiras da Galiza as poña o idioma'.

Se durante o goberno de Fraga "chegaron a pór diñeiro riba da mesa", as negociacións para manter calada á Mesa que emprende o Executivo de Feijóo son algo máis discretas, sinalando que a "persistencia" na convocatoria de manifestacións contra a política lingüística e a reclamación da demisión de conselleir@s "pecha moitas portas".

xoves, 18 de abril de 2013

O Consello Escolar de Galiza dálle as costas ao decreto do PP de comedores escolares

Namentres o plenario rexeitaba a proposta da Consellería de Educación, desenvolvíase unha concentración ás portas do Consello convocad@s pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público


Está é a terceira vez que o Consello Escolar de Galiza revóltase contra unha proposición da Consellería de Educación cos precedentes do decreto de plurilingüismo e a lei de convivencia. Esta vez o portazo foi para o decreto de comedores escolares promovidos polo departamento que dirixe Jesús Vázquez, unha proposta que contou co rexeitamento dos distintos colectivos e organizacións sindicais e estudantís que conforman a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.
Con 17 votos a favor da súa retirada, 13 en contra e unha abstención, acordábase na tarde desta cuarta feira a devolución do documento ao goberno galego para que o modifique. Dende a CIG Ensino, o seu secretario nacional Anxo Louzao defendeu no pleno a emenda á totalidade e a retirada da proposta de Decreto polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios. Ás portas do Consello, cent@s de manifestantes convocad@s pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público amosaron o seu rexeitamento a unha proposta que, consideran, supón un novo golpe á educación universal.
Transportado
Para Anxo Louzao, o decreto da consellería da educación “pon en tea de xuízo a igualdade de oportunidades e vulnera o dereito á educación e o deber de estar escolarizado”, sendo que “elimina o dereito ao comedor escolar gratuíto para o alumnado transportado, non cumpre a función compensatoria nin a social e penaliza a poboación do medio rural”.
Segundo a nova proposta de Jesús Vázquez, tod@s @s alumn@s dos centros docentes primarios e secundarios terían de pagar polo comedor, agás as familias que non superasen un teito de 7.000 euros per cápita, independentemente de estaren obrigad@s a usar o transporte escolar ou non.
“Estamos ante un decreto que no canto de asumir que os comedores escolares son unha necesidade de todos os centros educativos e que a administración educativa ten de ser a que directamente se faga cargo deste servizo, golpea as familias máis desamparadas economicamente, atentando, non só contra un dereito, xa que a educación tamén é un deber”, manifestou en declaracións o sindicalista galego.
Finalmente, Louzao denunciou a “actitude autoritaria e antidemocrática da administración do Partido Popular” por se saltaren o procedemento legal da negociación deste decreto na Mesa Sectorial e por consideraren “un estorbo” os foros de debate. “Agardemos que a Consellaría de Educación acepte a decisión do Consello e non faga ouvidos xordos ao sentir xeralizado”, alegou Louzao, apelando “á necesidade dun consenso”.

A CIG tamén convoca folga no ensino o 9 de maio

Haberá unidade. A CIG tamén convoca folga no ensino o 9 de maio e a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público adoptará probablemente a mesma decisión nunha xuntanza que terá lugar esta tarde, polo que a convocatoria que a pasada semana anunciaban CC.OO., UGT e a Plataforma en Defensa do Ensino Público contará co apoio de todos os sindicatos de profesorado e estudantado de Galicia e das asociacións de nais e pais. 
Louzao denunciou tamén a xestión de Jesús Vázquez á fronte de Educación, "un conselleiro que actúa como un militante disciplinado do PP e como un alumno aplicado das súas políticas", dixo
Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, salientou a necesidade de que haxa un "total e rotundo éxito" da folga en contra do anteproxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa e sinalou que o sindicato vén realizando unha actividade moi intensa de información e mobilización contra a LOMCE, con asembleas e peches por toda Galicia e coa recollida de máis de dez mil sinaturas. Lembrou que xa en decembro a CIG "deixou claro que ou ben se retiraba este anteproxecto de lei ou non habería máis remedio que convocar unha folga". Louzao denunciou tamén a xestión de Jesús Vázquez á fronte de Educación, "un conselleiro que actúa como un militante disciplinado do PP e como un alumno aplicado das súas políticas", dixo.
O proxecto do ministro Wert está "impregnado dunha visión ideolóxica neoliberal e tamén españolista que invade as competencias da nosa autonomía e que chama á insubmisión ao ensino na nosa lingua"
Louzao enumerou as moitas razóns que levan o sindicato a posicionarse en contra do proxecto do ministro Wert, "impregnado dunha visión ideolóxica neoliberal e tamén españolista que invade as competencias da nosa autonomía e que chama á insubmisión ao ensino na nosa lingua". Un proxecto de lei, ademais, "completamente confesional, que reforza a materia de Relixión e que recolle a visión ideolóxica da Conferencia Episcopal" e que tamén "está ao servizo da patronal do ensino privado-concertado, pois traslada a súa mercantilista do ensino chegando a dar rango de lei a aqueles centros que segregan o alumnado por cuestión de xénero". 
Para Louzao, a norma "liquida a xa cativa dirección democrática dos centros e reforza o elitismo, camiñando cara un ensino selectivo e segregador que suprime a igualdade de oportunidades e fai do sistema educativo unha cuestión competitiva". Finalmente, denuncia que as reválidas que prevé ao final de cada ciclo "van facer que o alumnado se xogue todo a unha carta" e supoñen "unha desconsideración do traballo do profesorado" e "afianzan a centralización, pois os obxectivos e deseño destas reválidas tamén van ser realizadas pola administración central".

O 9 de maio "non é a mellor data" pero "temos que confluír"

"Ten que haber un total e rotundo éxito en contra deste proxecto de lei"
Louzao referiuse á convocatoria anunciada a pasada semana por CC.OO., UGT e a Plataforma en Defensa do Ensino Público. Afirmou que a CIG se "congratula" de que "a nivel do Estado se decidira convocar unha folga". Pero criticou que "se evidencia a visión centralista das organizacións que convocan a folga" porque "non contan coa organización maioritaria no ámbito do ensino en Galicia" e tamén "porque o dia 9 é festivo en Santiago". "Seguro que non se lles ocorrería convocar unha folga un dia que fose festivo en Madrid", engadiu. Porén, salientou que "temos que confluír no mesmo dia, porque o obxectivo é evidenciar que estamos en contra dun proxecto de lei perverso e nocivo como nunca houbo. Ten que haber un total e rotundo éxito en contra deste proxecto de lei".

Os Comités tamén convocan folga para 9 de maio

“O vindeiro 9 de maio teremos unha nova oportunidade para rexeitar masivamente este golpe de estado no ensino coñecido como a LOMCE e os recortes no ensino do PP” resaltou Daniel Candal
Os Comités tamén anunciaron este martes a convocatoria de folga para o 9 de maio, tanto no ensino medio coma no universitario, baixo o lema Na defensa do ensino público, nin un paso atrás. Non á LOMCE. Os Comités rexeitan o que consideran "unha auténtica contrarreforma educativa do Partido Popular". “A mal chamada Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa) só é a plasmación do modelo máis sectario do PP no ensino, pretenden debilitalo ao máximo para ser menos público, menos democrático, menos galego e cunha menor calidade” indicou o voceiro desta organización estudantil nacionalista.
“O vindeiro 9 de maio teremos unha nova oportunidade para rexeitar masivamente este golpe de estado no ensino coñecido como a LOMCE e os recortes no ensino do PP” resaltou Daniel Candal tras valorar positivamente que esta xornada sexa respaldada tamén por convocatorias do conxunto da comunidade educativa galega.

O Consello Escolar de Galicia rexeita o Decreto de Comedores e acorda devolver o texto ao Goberno

Os sindicatos cren que o "lóxico" sería retirar o texto, pero temen que a consellería "tire para adiante"

 O Consello Escolar de Galicia rexeitou na súa reunión deste mércores o novo Decreto de Comedores Escolares proposto pola Xunta e acordou a devolución do texto ao Goberno autonómico para a súa modificación.
   Así, nunha sesión na que estaban presentadas ata sete emendas á totalidade do texto, o Consello Escolar acordou rexeitar este decreto por 17 votos a favor, 13 en contra e unha abstención.
   Aínda que tanto os sindicatos como as Anpas e outras entidades presentaran emendas á totalidade, finalmente non puideron votarse de forma agrupada dado que, segundo explicou a CIG, o rexeitou o representante da Xunta. Non obstante, os enmendantes acordaron apoiar unanimemente á primeira e única emenda á totalidade votada, coa que se acordou devolver o texto á administración.
   "Gañamos a votación", explicou, en declaracións a Europa Press, o secretario xeral de CIG Ensino, Anxo Louzao, quen considerou que este decreto é "un golpe máis ao ensino público" e atenta contra a "gratuidad" dos comedores escolares nos centros públicos, "moi necesarios" para parte dos escolares, sobre todo tendo en conta a crise económica.
   Neste sentido, Louzao considerou que este decreto é "unha involución" e "pon en tea de xuízo o propio dereito á educación". "Estamos ante un decreto que, en lugar de agrandar a posibilidade de acceder aos comedores, a reduce", criticou Louzao, que sinalou que "nin sequera garante prazas de comedor escolar" en todos os centros públicos".
   Durante a reunión do Consello, Anxo Louzao tamén criticou a consellería por "saltarse o procedemento legal que é perceptiva" para este tipo de documentos, se negociación na Mesa Sectorial. "Esta actitude evidencia, unha vez máis, o comportamento antidemocrático e autoritario da consellería", sentenciou.

DEVOLUCIÓN DO TEXTO

   Despois de que o Consello Escolar, o "máximo órgano de representación da comunidade escolar", solicitase a "devolución" do texto, recordou Anxo Louzao, o "lóxico e normal" sería que "a Administración puxese o contador a cero e iniciase un novo proceso".
   "Pero moito temémonos que o PP mostrará o seu autoritarismo unha vez máis e tirará para adiante", sentenciou Anxo Louzao. "Non o "imos permitir", concluíu.

MANIFESTACIÓN

   Dende as 16.30 horas deste mércores, decenas de persoas da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público manifestáronse ante o edificio compostelano no que se desenvolvía o consello Escolar. Entre outras entidades, mobilizáronse os sindicatos CIG, CC.OO., UGT e STEG, membros de Anpas, profesores e estudantes.
   Os manifestantes, que esperaron algo máis de hora e media a que concluíse a reunión, portaron pancartas nas que se podían ler consignas como 'Polo dereito ao comedor escolar' ou 'Contra os recortes en educación. En defensa do ensino público' e reclamaron 'Máis comedores e menos sobres'.
   Tras coñecer a resolución do consello Escolar, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esixiu a "retirada inmediata" deste decreto e considerou que a decisión é "un novo golpe" á política educativa do Partido Popular.

Lalín acollerá unha concentración o 9 de maio, durante a folga contra a Lomce

O Movemento Dezao polo Ensino Público continuará os seus actos reivindicativos

Lalín acollerá o 9 de maio unha concentración, con motivo da folga de profesores e docentes contra a Lomce. O Movemento Dezao polo Ensino Público celebrou antonte pola noite unha asemblea, durante o peche no colexio Xesús Golmar, no que se deu a coñecer esta protesta na cabeceira comarcal, similar á que se organizarán noutras vilas galegas, mentres que nas sete grandes cidades se realizarán manifestacións contra a coñecida como Lei Wert. A folga que promove CIG-Ensino conta co apoio dos demais sindicatos así como das Anpas.
Ademais, o Movemento Dezao continuará co seu calendario de charlas e actos reivindicativos a favor da igualdade de oportunidades no ensino público. Onte, para culminar o programa do encerro no Xesús Golmar, unha decena de voluntarios repartiron panfletos aos pais que acompañaban aos seus fillos ata o centro. Un dos membros deste colectivo, o pedagogo Xosé Nogueira, sinala que a situación educativa, en caso de que a lei saia adiante "vai ser sangrante, sobre todo para os nenos máis novos". E é que a nova norma establece itinerarios xa a partir dos 14 anos (na actualidade, o alumno escolle que quere estudar aos 16). Ademais, os estudantes terán que superar reválidas para obter tanto o título de ESO como o de Bacharelato. Aumentan as ratios de alumnos por clase e permítense, ademais, segregacións por sexo.

mércores, 17 de abril de 2013

CIG ensino: 1.500 asembleas contra a LOMCE para preparar a folga do 9-M

As plataformas en defensa do ensino público convocan unha xornada de loita para o vindeiro 9 de maio contra os recortes en educación e a LOMCE. A data fará confluír a estudantes, profesorado e familias. 

Após os peches reivindicativos  que a Plataforma galega en defensa do ensino público está a desenvolver por todo o país, sindicatos, organizacións estudantís e ANPAS convocan unha xornada de loita contra a reforma educativa impulsada polo Goberno español. O obxectivo da folga será procurar a non aprobación da LOMCE por se tratar dunha lei "lesiva e nociva" para o ensino público galego, advertiu en comparecencia de imprensa o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao.
Desde a central sindical veñen denunciando "os perigos da súa aprobación" desde a presentación do anteproxecto de lei. Neste senso desenvolveron máis de 1.500 asemblea nos centros de ensino e vén participando activamente das accións convocadas pola Plataforma galega en defensa do ensino público. Neste senso, Louzao congratulouse de que a xornada de loita teña carácter estatal e asegurou que desde a central nacionalista farán "todo o posíbel por para que a folga sexa "todo un éxito" na Galiza e contribúa, indicou, "a frear a súa aprobación".
Para @s nacionalistas, a norma presentada polo ministro de educación José Ignacio Wert "está ao servizo da patronal" e retrotrae o ensino "aos postulados do franquismo" e aos preceptos defendidos desde "a Conferencia Episcopal", denunciou ao outorgarlle "rango de lei aos concertos que segregan por razón de xénero".
A inacción do Goberno galego
Desde a CIG-Ensino denuncian "a actitude do conselleiro de Educación" perante o que consideran un "expolio de competencias". Así pois, aseguran que Jesús Vázquez négase a abrir o debate e amosar un posicionamento contrario á LOMCE malia "a opinión da comunidade educativa", actuando, din "como un militante disciplinado do PP" en troca dun representante dos intereses da Galiza. 

Política Lingüística desdeña as críticas da UE á protección do galego

O pasado outubro os expertos do Consello de Europa que avalían o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias nos Estados que a subscribiron lanzábanlle unha dura reprimenda á Xunta. Mentres que consideraban "exemplar" a protección institucional do catalán e do éuscaro nos seus respectivos territorios, os expertos comunitarios cargaban con contundencia contra a política lingüística da Xunta, a comezar pola "redución progresiva do ensino en galego en todos os niveis e da súa estrutura de apoio", pero tamén noutros ámbitos como os medios de comunicación. Este martes o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, comparecía no Parlamento para expoñer as liñas de acción do seu departamento e a oposición contrapuxo o seu optimismo co informe da UE. Para García este documento carece de valor, entre outras razóns, porque está "feito en Madrid".
"Tremendo informe, tremenda a importancia dese informe", retrucoulle o alto cargo de Educación á oposición en xeral e, particularmente, á nacionalista Ana Pontón. Para García o feito de que as entrevistas con diversas asociacións e colectivos vinculados á lingua galega se celebrasen "en Madrid" fan dubidar do seu resultado. "Temos moito que discutir del e imos contar moitas máis cousas" do seu contido porque "aquí non viñeron", afirma, nun contexto no que obvia, non obstante, que os expertos europeos amosaron o seu malestar pola escasa colaboración do Goberno galego. "Eu voulle traer outros informes" e "voulle dicir como está a situación sociolingüística nalgúns lugares dos que veñen eses expertos", enfatizou, entre xestos de incredulidade dos deputados opositores.
A crítica ao informe europeo non foi a única lanzada por Valentín García. Tamén reservou dardos dialécticos para un colectivo xeograficamente máis próximo, Prolingua. Despois de que a propia Pontón criticase o funcionamento da Rede de Dinamización Lingüística apoiándose nun artigo do profesor Cibrán Arxibai difundido por esta plataforma o secretario xeral apresurouse en preguntarse "que criterio de autoridade ten" o autor, dado que é "profesor de matemáticas nun instituto de Silleda" e non sociolingüística e nin sequera "profe de galego". "Se empezamos a vir aquí con artigos escritos en blogs -di, en referencia á web de Prolingua- eu podo traer cincocentos", mantén.
O secretario xeral minusvalora as críticas de Prolingua: "Se empezamos a vir con artigos escritos en blogs eu podo traer cincocentos"
"Non perda os papeis e non se crispe", recomendoulle Pontón, quen censura que García "se atreva a vir descualificar a opinión das persoas que teñen unha preocupación pola situación do idioma". "Non están contando mentiras, están describindo os problemas de funcionamento da política lingüística", di. Neses problemas abondou tamén o socialista Francisco Caamaño, quen lamenta que o secretario xeral centre o seu discurso fóra dos ámbitos de "responsabilidade institucional". Cun orzamento de Política Lingüística reducido a niveis "ridículos" Caamaño lamenta que García acudise ao Parlamento para facer un relatorio das actividades do seu departamento, tales como a difusión dos debuxos animados d'Os Bolechas. "É unha política lingüística de feira, sen ningún tipo de contido; porque, que pasa coa lingua na administración, na escola, nas editoras, no audiovisual, nos medios de comunicación, no sistema de saúde...?", exemplificou.
Pola banda da AGE o seu voceiro, Ramón Vázquez, contrastou datos sociolingüísticos de fontes como o informe da UE, pero tamén do Observatorio da Cultura Galega, para lamentar que o Goberno galego teime na aplicación do denominado "bilingüismo harmónico", un "concepto que pariron vostedes" sen sustento científico, lamenta. "Pretenden descubrir a pólvora" pero "en materia sociolingüística hai estudos dabondo" que, di, acreditan que "non hai un só país no que se falen dúas linguas en igualdade". "En Galicia a lingua de prestixio é o castelán, iso é unha evidencia" que o Goberno galego debera colaborar para reverter, advirte.

O Estado pagou 94,2 millóns a profesores de relixión durante 2012

A Administración Xeral do Estado pagou un total de 94,2 millóns de euros en profesores de relixión católica durante 2012, segundo se desprende dunha resposta parlamentaria, recollida por Europa Press, e dirixida ao deputado navarro Juan Moscoso del Prado no Congreso dos Deputados.
Así, o Executivo detalla que o custo das retribucións dos profesores de relixión foi de 71,9 millóns de euros e o custo da Seguridade Social correspondente a esas retribucións ascendeu a 22,2 millóns de euros durante 2012. "O custo total polo tanto do citado profesorado ascendeu a 94.203.625,36 euros", puntualizou o Goberno.
É máis, explica que o Estado soamente paga o custo dos profesores de relixión católica do nivel de Educación infantil e de Primaria das comunidades de Andalucía, Aragón, Canarias e Cantabria, ademais do correspondente ao seu ámbito propio de xestión, como é Ceuta, Melilla e colexios do exterior.
Neste sentido, precisa que o número total de profesores de relixión católica para o ámbito indicado e, contratados en 2012, foi de 2.953. Ademais, sinala que o número total de horas lectivas que impartiron foi de 69.787.

DEDICACIÓN DE CAPELÁNS HOSPITALARIOS

En resposta tamén ao PSOE, o Goberno recorda que existen 415 capeláns que traballan en hospitais en toda España, segundo se recolle na Memoria presentada pola Conferencia Episcopal en 2010, e estes traballan ben a tempo parcial ou completo. Sobre se hai capeláns doutras relixións traballando en hospitais, o Goberno sinala que non dispón actualmente de datos oficiais.
En canto á asistencia relixiosa católica nos centros penitenciarios, o Executivo explica que esta está encomendada aos capeláns nomeados polo Ordinario do lugar e autorizados pola Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, que poden ser capeláns responsables ou ben de apoio. En 2012 puntualiza que prestaron asistencia relixiosa un total de 146 capeláns.
Igualmente, precisa que existen tamén relixiosos e segrares pertencentes á entidade pastoral penitenciaria, que prestan os seus servizos nos centros penitenciarios en multitude de programas. "Estas actuacións enmárcanse na intervención de ONG e entidades colaboradoras en centros penitenciarios, rexida por outra normativa distinta que se recolle na institución", subliña.

Tras un "fracaso" de reunión con Wert UGT, CCOO e STES manteñen a súa convocatoria de folga de educación

A Federación de Ensino de Comisións Obreiras, FETE- UGT e STES-I manteñen a súa convocatoria de folga no sector da educación para o próximo 9 de maio, ao non ter alcanzado ningún acordo co titular do ramo, José Ignacio Wert, nunha reunión celebrada este martes que chegaron a acusar de "fracaso". Os outros dous sindicatos maioritarios no sector, CSIF e ANPE, non se sumarán á convocatoria.
O encontro, celebrado no Ministerio, tiña na orde do día abordar a proposta de Lei de Mellora da Calidade da Educación (LOMCE), cuxo contido motivou precisamente a convocatoria de folga, e a negociación do Estatuto do Persoal docente, aínda pendente de elaboración.
Sobre o primeiro asunto, os sindicatos arrancaron ao ministro o compromiso de convocar "unha nova mesa" de reunión unha vez iniciado o trámite parlamentario na que poidan expoñer propostas de emenda, segundo explicaron os propios sindicatos.
En canto ao estatuto docente, afirmaron que Wert lles trasladou a súa intención de facelos chegar "un índice" e un calendario de elaboración a próxima semana, xunto coa convocatoria dunha mesa técnica para traballar o texto, que quedaría conformado o próximo curso.
Para o voceiro de FETE-UGT, Carlos López, a reunión celebrada "responde o calendario de mobilizacións" convocado polos sindicatos xa que non se deu resposta a ningunha das dúas esixencias que motivan a folga: "que a lei se retire do parlamento ou "se modifique o seu contido".
Na mesma liña, o representante de Ensino Público de CCOO, Francisco García Cruz, sinalou que acudía á reunión coa expectativa de abrir "unha negociación" sobre o contido da LOMCE "que non deuse". "Se non negocian connosco, pouco temos" que "dicir", sinalou.
Augusto Montañés, de STES-I, resumiu o encontro en "tres horas de fracaso" porque, segundo dixo, o que Wert contou da LOMCE xa era sabido e non presentou "ningún documento" para o estatuto docente. Por iso, considera que o encontro puido ser un intento de "desactivar a folga".
Pola súa parte, CSIF e ANPE seguen con intención de manterse fóra da convocatoria de mobilizacións. Para os primeiros, a reunión foi "moderadamente satisfactoria" porque é o primeiro paso para o estatuto docente.
Comprometeuse a negociar o estatuto, que levamos co dende 2007, onde están todas as condicións laborais que queremos para o profesorado e entendemos que ese é un paso importante", sinalou o voceiro, Adrián Vivas.
Dende ANPE, Nicolás Fernández Guisado, destacou que Wert está disposto a convocar outra mesa e recoñece a posibilidade de introducir modificacións na LOMCE. "A nosa petición expresa é se hai posibilidades de modificar e o ministro nos respondeu que por suposto", asegurou.