xoves, 11 de abril de 2013

Arrincan os peches en centros de ensino contra a LOMCE e os recortes

O instituto compostelán Rosalía de Castro acolleu a primeira xornada dunhas protestas convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público que percorrerán toda a Galiza de forma sucesiva.

A primeira xeira dos peches contra os recortes no ensino e contra a LOMCE que serán secundados en todo o país realizouse esta tarde no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Nesta primeira mobilización, foi lido un manifesto de forma conxunta polos colectivos e organizacións convocantes que integran a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.
Rubén Cela, polo Bloque Nacionalista Galego, Anxo Louzao como secretario xeral da CIG- Ensino, Alberte Mera en representación de Galiza Nova, Daniel Candal en nome dos Comités Estudantís, Antía Comesaña pola Liga Estudantil Galega, Marcos Maceiras representando á asociación cultural O Galo, polas ANPAS de Compostela, Elisa González, e persoeiros da cultura como o escritor Suso de Toro e o actor Pepe Penabade, foron @s encargad@s de inaugurar esta xeira de protestas.
Antes desta lectura colectiva, Anxo Louzao quixo aproveitar para lamentar “a actitude de vasalaxe do conselleiro de educación perante o goberno central” e criticou que se pretendese cambiar a lexislación “sen o consenso da comunidade educativa”.
Aliás, chamou a atención da cidadanía sobre a LOMCE ,“ a lei máis perniciosa da historia do sistema educativo” por ser, asegurou, “reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática e confesional”.
Co obxectivo de que o anteproxecto de lei sexa retirado, os manifestantes aplaudiron e berraron por un “ensino público galego, laico e democrático”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario