martes, 9 de abril de 2013

O colexio Xesús Golmar participa o día 16 nun encerro rotatorio contra a reforma da educación A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público promove esta iniciativa contra os recortes.

O colexio Xesús Golmar, de Lalín, acolle o próximo martes día 16 un dos 17 encerros rotatorios que organiza a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público como acto de repulsa contra a reforma do sistema educativo. O primeiro dos encerros comezará esta tarde no IES Rosalía de Castro, en Santiago, e estaba previsto que se prolongase ata as 10.00 horas de mañá mércores. A iniciativa continuará mañá no instituto Menéndez Pidal, da Coruña; o xoves no IES Alfredo Brañas, de Santiago e o CIFP Ferrolterra, de Ferrol; o venres a protesta trasládase ao instituto A Sangriña, da Garda, mentres que o luns, 15, volverá ter lugar tanto no mencionado instituto de Carballo como no Rodeira, de Cangas.
Tras a concentración no colexio lalinense, o mércores día 17 a protesta trasládase ao IES As Mercedes, de Lugo; o 18 no Xesús Taboada Chivite, de Verín, e o 22 en Monte Castelo, de Burela, así como na Xefatura Territorial de Educación en Ourense. Por último, o 23 deste mes o encerro está previsto no instituto Ramón Cabanillas, de Cambados; o 24, o IES Número 1 de Ribeira e en san Tomé Vigo, de Vigo. Por último, o día 25 será no IES Terra de Turonio, de Gondomar, e o 26 no instituto Torrente Ballester, de Pontevedra.
Con estes actos, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público quere demostrar o "rexeitamento" da comunidade educativa á Lomce que promove o Ministerio de Educación e "á política de recortes coa que o PP insiste en castigar o ensino público galego", apunta o colectivo.
As actividades que organiza a Plataforma Galega súmanse ao intenso programa de información que desenvolve na bisbarra o Movemento Dezao polo Ensino Público dende a súa posta en marcha, a finais do ano pasado. Nos últimos tres meses, esta asociación organizou charlas en Lalín, Silleda e Vila de Cruces para informar pais, alumnos e profesores de como quedará o sistema educativo unha vez que a coñecida como Ley Wert entre en vigor. Entre os cambios máis criticados figuran a segregación do alumnos a partir dos 14 anos (o estudante decidirá a esa idade, en vez de aos 16, que seguirá estudando), así como as reválidas, ao igual que o plan de estudos de hai medio século.

Ningún comentario:

Publicar un comentario