venres, 19 de abril de 2013

Unha emenda de FETE-UGT tomba o proxecto de Decreto de comedores escolares

Onte o proxecto de decreto de comedores escolares foi rexeitado polo Consello Escolar de Galicia a causa da tramitación irregular do mesmo, segundo denuncia a emenda de FETE-UGT. A Consellería emitiu o ditame provisorio antes de presentalo ante a Mesa Sectorial Docente e introduciu modificacións no texto do proxecto de decreto con posterioridade.  
Antes de que a comisión permanente emita un ditame sobre un proxecto de decreto debe ser presentado aos órganos sectoriais educativos para o seu coñecemento e avaliación. Pois ben, a Consellería actuou ao revés: primeiro emitiu un ditame, logo presentou o texto á Mesa Sectorial Docente e despois introduciu modificacións no texto do proxecto do decreto.

Pero non remataron aí as torpezas dos membros da administración. O Secretario Xeral Técnico provocou un debate surrealista ao impedir que se votasen conxuntamente as emendas que teñen un mesmo fin, como é costume inveterada na praxe do consello cando así o solicitan os emendantes.

Así pois, o Secretario Xeral Técnico pretendeu que se votasen e debatesen unha por unha, co fin de rebater os diversos argumentos, as emendas presentadas polas organizacións sindicais FETE-UGT, CCOO e CIG; CONFAPA Galicia, Coordinadora Galega de MRPs e o Seminario de Estudos Galegos; todas elas confluentes no fondo do asunto: o rexeitamento a un proxecto de decreto que pretende cobrar o comedor ao alumnado transportado da escola pública, socavando así o dereito á educación como un servizo público, gratuíto e universal.
Co que non contaba o representante da administración é que a primeira lle dera na fronte. A emenda, presentada por FETE-UGT, que solicitaba a devolución do texto do proxecto a causa das devanditas irregularidades de tramitación, foi aprobada por 17 votos a favor, 13 en contra e unha abstención.
Este resultado amosa claramente o rexeitamento maioritario da comunidade educativa a este proxecto de decreto e tamén o desprezo que, unha e outra vez, amosa a consellería polos órganos consultivos, entorpecendo o seu correcto funcionamento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario