O 87,5% dos pais e nais que participaron no referendo organizado polo colectivo Somos Parte no IES Cacheiras (Teo) rexeitou que a relixión teña valor académico nos currículos
(isto é, contar, coma o resto das materias, para cuestións como o
acceso ao ensino superior ou para a adxudicación de bolsas), e o 74,5%
opuxéronse a que comparta horario con outras materias. É a segunda vez
que se realiza unha votación deste tipo, despois da que a comezos de abril se levou a cabo no CEIP Os Tilos, con resultados semellantes. A partir deste venres comezarase a votar no CEIP A Ramallosa, tamén no Concello de Teo.
O colectivo Somos Parte, unha Plataforma de Pais e Nais por un Ensino Público Democrático
que consideran que as decisións que atinxen á educación dos fillos
deben contar co consenso de toda a comunidade educativa, salientou o
rexeitamento maioritario á presenza da relixión nas escolas públicas, e a
necesidade de que os pais e nais poidan expresar a súa opinión sobre
algúns dos cambios máis importantes e polémicos introducidos pola LOMCE.
O colectivo quere estender estas votacións a centros de ensino de toda Galicia, un proceso no que veñen traballando dende hai uns meses e que esperan levar a cabo o vindeiro curso. No referendo participaron 214 pais, nais ou titores legais dos
645 alumnos, aínda que moitos deles teñen varios fillos estudando no
mesmo centro e só votaron unha vez. A votación realizouse ao
longo de toda a semana pasada no mesmo centro de ensino, no que se
colocou unha urna pechada e precintada. Os votos eran nominais (tiñan
que ir identificados cos nomes e apelidos dos pais e nais, o número do
DNI e asinados) e o reconto foi verificado pola xuíza de paz do Concello
de Teo, Rosa Gómez Limia.
Hai unhas semanas Cochi García, unha das voceiras de Somos Parte, sinalaba
que "queremos trasladar estas mesmas preguntas a outros centros de
ensino de Galicia, para ter unha resposta global, que sexa
representativa a nivel galego" e explicaba que "contactamos xa con
algunhas Anpas, e outras contactaron directamente con nós interesándose
polo tema, pero queriamos concluír esta primeira experiencia para
aprender, solucionar erros, e ter un modelo de funcionamento que
amosar".
"Queremos saber que opina a comunidade educativa con respecto a estas
normas que van entrar en vigor e con respecto a outras. Trátase de
democratizar o sistema, e de trasladarlle á administración o que pensan
os pais e nais"
Conchi García subliñaba así mesmo que Somos Parte "non está
vencellada a ningún grupo ideolóxico, somos unha plataforma de pais e
nais, cada un coa súa ideoloxía" e engade que nin sequera fan campña "a
favor ou en contra de ningunha medida en concreto". "Nós queremos facer
aquilo que a administración non fixo: consultarlles aos pais e nais que é
o que queren, que é o que pensan que é mellor para os seus fillos e
fillas. Queremos saber que opina a comunidade educativa con
respecto a estas normas que van entrar en vigor e con respecto a outras.
Trátase de democratizar o sistema, e de trasladarlle á administración o
que pensan os pais e nais", concluía.
O acto organizado pola Plataforma Galega en Defensa do Ensiino Público
decorreu no Museo Pedagóxico de Galiza, onde o escritor e profesor
Xabier P. Docampo contou a súa propia experiencia como alumno no ensino
franquista.
Un anel de chumbo que o profesor poñía no dedo ao neno que collía
falando galego. Un anel que este neno tiña que 'pasar' a aquel
compañeiro ou compañeira de escola que atopase falando galego. E así
sucesivamente. O neno que chegase o final do día con ese anel, tiña que
pagar un peso de multa. Esta foi unha das historias reais que o premio
Nacional deLiteratura Xabier Docampo viviu en carne propia e que esta
cuarta feira contou durante o acto da Plataforma Galega en Defensa do
Ensino Público. O acto decorreu no Museo Pedagóxico
de Galiza e tiña unha intencionalidade clara: escenificar as semellanzas
entre a escola do franquismo e a que pretende a LOMCE, 'actualizándoa'
para o século XXI. España e Relixión Xabier Docampo resaltou o doado que é
comparar a LOMCE co ensino no franquismo. “Era unha escola que se
centraba na Relixión, que era o elemento central arredor do cal xiraban
todos os saberes”, explicou. Coa LOMCE refórzase a confesionalidade e
chegamos ao absurdo -engadiu- de que haxa compañeiros que sexan
sancionados por negarse a partipar en actividades relixiosas. “Chegabamos todos falando galego mais
a única lingua que existía, desde que entrabamos pola porta, era o
castelán”; e a segregación “brutal” que sufría o alumnado foi outra das
experiencias narradas polo mestre e escritor. O clasismo, a
xerarquización, o autoritarismo e a masificación das aulas foron outros
aspectos que repasou o escritor durante a súa intervención nunha das
aulas do Mupega.
Este acto contra a aplicación da LOMCE e os recortes no ensino
público terán continuidade nos actos reivindicativos que organiza para o
4 de xuño a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público en todas as
cidades ás sete da tarde, agás en Ferrol que vai ser ás oito.
espois do desmantelamento do cadro de persoal do CELGA, a CTNL denuncia
que a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a utilizar bolsas de
formación para cubrir postos de traballo no Lectorados de Galego.
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL)
vén de denunciar que a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a
utilizar de maneira “perversa” bolsas de formación no canto de facer
contratacións laborais nos Lectorados de galego.
Das dez prazas de lectorado que a Consellaría de Cultura, Educación e
Ordenación Universitaria convoca, seis serán cubertas mediante bolsas
de formación. Barcelona, Complutense de Madrid, Granada, Algarve, Padua e
Roma, verán ocupados os postos por bolseir@s en formación, segundo se
deduce da convocatoria que saíu publicada no DOG do 22 de marzo. As súas
funcións serán idénticas ás dos lectorados de Estremadura, Deusto, Cork
e Miño, estas si, cubertas por medio de contratos laborais.
A CTNL cualifica esta convocatoria como un “novo retroceso para o
galego”, que, ao seu ver, “afonda na desigualdade de condicións
laborais, fixando diferenzas entre uns Lectorados e outros cando os
requisitos e as funcións dos/as lectores/as son exactamente as mesmas”.
Lamentan tamén que, dada a situación do mercado laboral, sitúen o límite
para se presentar á convocatoria en 35 anos. A Coordinadora reclámalle á
SXPL que “corrixa de inmediato esta irregular utilización das bolsas de
formación nos Lectorados e que todos os lectores e lectoras de galego
sexan contratados/as legalmente e en igualdade de condicións”.
Agir afirma que a denuncia de Galicia Bilingüe resultou na abertura dun expediente a un estudante dun IES de Pontedeume. Sermos Galiza non puido aínda confirmar este dado.
Dentro da vaga de solidariedade para coas 12 persoas encausadas no proceso #8f45anos
un grupo de alumnos do IES Breamo de Pontedeume fíxose unha foto con
cartaces coa lenda 'Defender o galego non é delito'. Unha imaxe que
rapidamente se espallou polas redes sociais merecendo mesmo os
agradecementos de varios dos encausados. A raíz dese simple acto de
solidariedade, Galicia Bilingüe iniciou unha campaña pola cal denunciou
ante o centro educativo esa mostra de solidariedade, que decorreu
durante o tempo de recreo dos estudantes. Investigación Segundo informa Agir, a dirección do
IES teríase posto en contacto cun dos alumnos, militante desa
organización estudantil, para lle notificar o inicio dunha investigación
e a apertura dun expediente. AGIR sinala que a propia dirección
recoñeceu a este estudante que Galicia Bilingüe mencionara o seu nome na
denuncia. “Na realidade, o jovem que vai ser
investigado nom sabe com claridade quais som os possíveis fatos que
ficam fora da legalidade, nem as razons polas que se lhe culpabiliza em
concreto à sua pessoa”, afirman desde Agir nun comunidade de imprensa. Esta organización destaca que o mozo
xa recibiu mostras de solidariedade e de apoio dos seus e súas
compañeiras, como a colocación de mensaxes de ánimo redactados polo
propio alumnado nos taboleiros do centro. Máis informacion: http://www.sermosgaliza.com/articulo/lingua/galicia-bilingue-galiza-lingua-sancion/20140529211346027832.html
Ramón Villares Presidente do Consello da Cultura Galega: "Non se vai salvar só porque se ensine na escola, salvarase se a sociedade a apreza".
Por unanimidade, o catedrático de Historia Contemporánea Ramón
Villares (1951) seguirá a ser o quinto presidente do Consello da Cultura
Galega (CCG). Na Galicia das loitas con antropofaxia metafórica e dos
movementos pantasmas de marcos en leiras físicas ou institucións, o CCG
segue a súa maina historia. Por catro anos máis, Villares seguirá co seu
proxecto.
–Este ano, van conmemorar o 70 aniversario de Sempre en Galiza de Castelao.
–Si,
queremos a través do Twitter, pór parágrafos do libro para divulgar o
contido. Tamén se fará unha homenaxe na que persoas fisicamente ou dende
internet lerán anacos de Sempre en Galiza, xa está a xente
seleccionada. E imos colocar o libro na web corporativa. Este é un
servizo que xa fixemos con Cantares gallegos e Follas Novas, e que
queremos facer con outras obras referencia da cultura galega.
–Algúns
estudosos rosalianos criticaron que xente allea ó contido de Rosalía se
apropiaba do seu discurso. Ocorre o mesmo con Castelao ou non?
–Rosalía,
Curros, Castelao€ son clásicos e o son porque interesan a moita xente.
Penso que Castelao e Rosalía non son de ningúen; son do pobo galego. Son
textos de inspiración, de referencia, mesmo de confrontación e debate. O
Consello Galego non ten nada que dicir aí, senón fomentar a súa
divulgación e que non se deturpe o texto. A interpretación é libre. Se
hai debate sobre estes textos, hai vida.
–A catedral de Santiago,
entre outros bens relixiosos, precisa dunha reforma. Debemos ser os
contribuíntes quen a financien ou debe botar o resto a Igrexa?
–Este
é un asunto bastante delicado. É patrimonio que está a disposición do
público pero que ten titularidade privada, a Igrexa. Pero a Igrexa alega
non ter recursos suficientes para mantelo e preservalo. Hai tres
alternativas compatibles. Unha é que a Igrexa coide de parte do seu
patrimonio cos seus recursos. Segundo, os católicos, os que son
practicantes, poden axudar a preservar ese ben cultural, como mecenas,
como se fai en varios países de Europa para restaurar un órgano,
restaurar unha igrexa ou un cadro, a través de asociacións de amigos da
catedral, do mosteiro... En terceiro lugar, está o Estado, que non pode
estar á marxe. A min, gustariame que houbera un debate sobre este punto,
unha contribución plural.
–Agora, fale coa cabeza e non co corazón. Como ve a situación da lingua galega?
–O
galego fixo un tránsito rápido e relativamente eficaz dende unha fala
popular pouco prestixiosa a unha lingua de prestixo e culta. Ese paso
foi posible grazas á autonomía e ás institucións que creou como a Crtvg,
o Consello da Cultura Galega... A lingua galega ten unha
descompensación. Hai moita xente que aprendeu o galego pero que non o
fala. Iso débese en boa medida a problemas de conflito sobre a lingua.
Temos que chegar a un punto no que a lingua deixe de ser motivo de
debate, que deixe de ser un instrumento de denotación. É dicir, que o
que fale galego non sexa denotado. A lingua ten que ser neutral, isto
temos que conseguilo entre todos. Do contrario, conseguiremos unha
lingua de parte e non neutral. De pouco serve que se coñeza, se non se
usa aceptando todas as variantes e as imperfeccións. Hai que vela como
algo que nos enriquece e non que nos dá problema. Que é utópico? Pois
pode ser pero isto é imprescindible. A lingua non se vai salvar só
porque se ensine na escola ou porque digamos nós que hai que salvala.
Salvarase porque a sociedade galega a estime e aprece.
–Un proxecto futuro é o inventario de documentos galegos no exterior.
–Queremos
facer un plan director que marque as pautas para o futuro dese
patrimonio, onde debe estar colocado, se pode haber unha copia ou dúas,
establecer un protocolo de actuación sobre o patrimonio galego na
diáspora que foi gardado con moito mimo polos devanceiros. Moitos destes
centros galegos están en mans de persoas bastante envellecidas. Pode
correr o perigo de perderse moito ben, e iso é o que temos que tratar de
resolver. Temos que intentar tratar con eles e coas autoridades da
Secretaría Xeral da Emigración diso en beneficio da cultura galega.
–É obrigado que lle pida a súa opinión sobre os resultados das eleccións europeas.
–Son
unhas eleccións falsamente europeas que revelan o problema no que está
metida politicamente Europa. Cada estado ten unha queixa de Bruxelas,
que ata son dos propios estados. Os ministros, os comisarios, os
candidatos dos partidos€. critican Europa. Dan ganas de preguntarlle:
´Mire, vostede, onde está? En Asia, África?´. É unha contradicción
total. Non son eleccións europeas, senón sumas de eleccións nacionais.
En España, hai unha deslixitimación dos dous grandes partidos e unha
fragmentación das alternativas na esquerda que hai que ver como se
canaliza. Canta máis fragmentación de partidos, máis ingobernable é un
país. Protestar contra o bipartidismo e a alternancia está ben, pero
moitas veces, a alternativa é peor.
A
lembranza da realidade escolar durante o franquismo e a súa comparación
co modelo educativo que pretende implantar o PP coa LOMCE foron os
protagonistas dun acto simbólico organizado pola Plataforma Galega en
Defensa do Ensino Público no Museo Pedagóxico de Galiza este mércores 28
de maio. Os e as asistentes tiveron a oportunidade de coñecer as
experiencias como alumno durante a ditadura do mestre e escritor Xavier
Docampo quen denunciou o “brutal” retroceso que supón a LOMCE.
Xabier Docampo (Premio Nacional de literatura infantil e
xuvenil) resaltou o doado que é comparar a LOMCE co ensino no
franquismo. “Era unha escola que se centraba na Relixión, que era o
elemento central arredor do cal xiraban todos os saberes”, explicou. Coa
LOMCE refórzase a confesionalidade e chegamos ao absurdo -engadiu- de
que haxa compañeiros que sexan sancionados por negarse a partipar en
actividades relixiosas.
Xabier Docampo tamén se referiu á
situación do idioma “chegabamos todos falando galego mais a única lingua
que existía, desde que entrabamos pola porta, era o castelán”; e á
segregación “brutal” e contranatura que sufría o alumnado. O mestre e
escritor, que insistiu en “canto de verdade hai” na afirmación de que a
LOMCE é un retroceso. Tamén compartiu a súa experiencia coas reválidas
das que dixo “significaban a perda dun ano de aprendizaxe que era
dedicado exclusivamente a preparar a proba. O clasismo, a
xerarquización, o autoritarismo e a masificación das aulas foron outros
aspectos que repasou o escritor durante a súa intervención nunha das
aulas do Mupega.
Este acto contra a aplicación da LOMCE e os
recortes no ensino público terán continuidade nos actos reivindicativos
que organiza para o 4 de xuño a Plataforma Galega en Defensa do Ensino
Público en todas as cidades ás sete da tarde, agás en Ferrol que vai ser
ás oito.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está
integrada pola AS-PG, CIG-Ensino, Comités, Liga Estudantil Galega,
Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPA de
Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA
de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público,
Agir, Sindicato de Estudantes, BNG, Galiza Nova e a Federación de ANPA
de Ponteareas (FANPO).
“Sentido de iniciativa e espírito emprendedor”. Esta é, segundo o
Proxecto de Decreto polo que se estabelece o currículo de Educación
Primaria, unha das competencias clave que os nenos e nenas galegas de 6 a
12 anos deberán desenvolver nas aulas. Para o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG)
trátase dun dos varios elementos que no proxecto curricular elaborado
pola Consellaría de Educación para o vindeiro curso teñen un “marcado sesgo ideolóxico” e alentan un declarado “afán de adoutrinamento” na
educación, citando as declaracións realizadas (nun senso moi distinto)
polo ministro Wert.
De igual xeito, no artigo 11, que fixa os "contidos transversais"
recóllese a importancia da participación dos nenos e nenas "en
actividades que lle permitan afianzar o espírito emprendedor e a
iniciativa empresarial”. En cambio, lembra o sindicato, en ningún lugar do decreto se prevé a existencia de contidos relacionados coa educación afectivo–sexual. Para
o STEG este deseño "obedece a unha concepción de marcado nesgo
neoliberal e que está inspirada nunha lóxica máis mercantilista que
propiamente educativa".
En ningún lugar do decreto se prevé a existencia de contidos relacionados coa educación afectivo–sexual
Non é a única crítica que o sindicato realiza ao proxecto de decreto.
Sinala, igualmente, que entre os contidos transversais prevé “o estudo
do Holocausto xudeu como feito histórico”. Para o STEG, que non nega a
necesidade do estudo deste feito, "existiron na historia varios
holocaustos e que paga a pena incluílos todos eles: o holocausto
armenio, o xudeu, xitano, a actual crise humanitaria en territorios
palestinos provocada por Israel ou os xenocidios das poboacións
orixinarias nas américas". Nese mesmo senso, bota en falta que na área
de valores sociais e cívicos, canda ao estudo do holocausto xudeu e os
campos de concentración do nazismo, non se estude a guerra civil ou a
represión franquista. Ou que por exemplo, mentres en varios
lugares se recomenda o estudo da Monarquía española, non haxa nin unha
mención a outras formas de goberno, coma a República, e tampouco
referencia ningunha á ditadura franquista.
Mentres en varios lugares se recomenda o estudo da Monarquía española,
non haxa nin unha mención a outras formas de goberno, coma a República,
e tampouco referencia ningunha á ditadura franquista
O decreto desenvolve algúns dos elementos máis criticados da LOMCE, que
retira varias das súas competencias aos Claustros. No seu artigo 6
refírese á autonomía pedagóxica e organizativa "da que en
teoría van dispoñer os centros docentes, mais, como marca a LOMCE, serán
as direccións e non os Claustros (como viña sendo até agora), as que
pasarán a ter a potestade de aprobar a Programación Xeral anual".
Para o STEG fálase de “autonomía” para as direccións dos centros, "pero
non para o conxunto de sectores da comunidade educativa representados
no Claustro e no Consello Escolar". O sindicato conclúe que "o
proxecto consagra unha ferramenta máis para privarnos da participación e
do dereito ao control democrático na vida dos centros educativos".
Para o STEG fálase de “autonomía” para as direccións dos centros,
"pero non para o conxunto de sectores da comunidade educativa
representados no Claustro e no Consello Escolar"
De igual xeito, no artigo 12 fálase das reválidas dos cursos
3º e 6º, que o STEG rexeita "porque a verdadeira avaliación dos procesos
de aprendizaxe do alumnado ten que ser continua e global e debe ser
realizada non por axentes externos, senón polas propias persoas docentes
en cada centro". Para o sindicato "estas dúas probas, con toda
seguridade, farán perder un tempo precioso na súa preparación,
deturparán en certa medida o enfoque e os contidos de moitas das
actividades que se desenvolvan durante o curso nos centros" e,
ademais, "lanzarán a unha parte do profesorado e a unha porcentaxe de
centros a unha dinámica de competitividade" para quedaren por riba dos
"valores que a Consellaría, para tal obxecto, determine", como afirma o
decreto neste artigo.
As reválidas "farán perder un tempo precioso na súa preparación,
deturparán en certa medida o enfoque e os contidos de moitas das
actividades que se desenvolvan durante o curso nos centros"
Por último, o STEG critica a falta de información sobre a
dispoñibilidade das horas de libre configuración que terán á súa
disposición os centros "para afondar e/ou reforzar algunha das áreas
deste bloque” ou para “optar por establecer outra ou outras áreas que
determine o centro”. O sindicato denuncia que este punto do
decreto pode servir para que algúns centros se especialicen mediante un
“proxecto educativo de calidade” (artigo 122 bis da LOMCE), que
deberá ser “competitivo” e ao que se lle permitirá xestionar tanto
recursos humanos como materiais e financeiros. Ábrese -salienta- a porta
para "seleccionar unha parte do profesorado se se opta por esta
especialización".
Unha delegación composta polo seu
presidente, Marcos Maceira, e o seu Coordinador de Zonas, Paulo
Filgueiras, tratou a situación do galego neste encontro internacional e
denunciou a política galegófoba de Feixó. Marcos Maceira: "A igualdade entre os pobos de Europa non é
posíbel sen a igualdade entre as linguas de Europa". " Feixó e o Raxoi
deben cumprir co sinalado pola Carta Europea das Linguas Rexionais ou
Minorizadas, ratificada polo Estado español".
Unha delegación da Mesa pola Normalización Lingüística composta polo
seu presidente Marcos Maceira e o seu Coordinador de Zonas Paulo
Filgueiras, participou en València no encontro da European Language
Equality Network (ELEN).
Maceira sinalou "a importancia deste encontro para internacionalizar a
loita contra a política de odio á nosa lingua que está a
institucionalizar o presidente Feixó, nunha liña contraria non só ao
marco legal galego, senón mesmo o Europeo establecido na Carta Europea
das Linguas minorizadas" que, lembrou, é de obrigado cumprimento. Neste
encontro europeo, A Mesa pola Normalización Lingüística presentou un
informe sobre a situación da lingua galega, e denunciou os retrocesos
para o galego nos diferentes ámbitos, nomeadamente o do ensino.
A Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) aprobou a
Declaración de València, na que apela" á construción posíbel dunha
Europa democrática, multilingüe, que respecte a aspiración dos pobos a
viviren nos seus idiomas e culturas diversas, en diálogo e solidariedade
mutua", e fai un chamado aos e ás eurodepatudas electas e aos Estados
"ao respecto total dos principios universais que fundan a humanidade,
para todas as persoas, sen distinción de lingua ou de pertenza a unha
nación minorizada ou minoritária".
Esta rede da que a Mesa pola Normalización Lingüística fai parte
representa 42 comunidades lingüísticas de 23 Estados europeos. O seu
traballo concéntrase na promoción e protección das linguas e comunidades
lingüísticas minorizadas de Europa así como na súa revitalización, e
ten carácter de organismo consultivo do Parlamento Europeo,do Consello
de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO. Forma parte ademais da
Plataforma de ONG da Comisión Europea para Multilingüismo, a Plataforma
de ONG para Cultura, a Plataforma de ONG para a Axencia de Dereitos
Fundamentais da UE, e do Consello Económico e Social da ONU.
Declaración de València das organizacións de ELEN (Rede Europea pola Igualdade das Linguas). 24 de maio de 2014
Construírmos unha Unión Europea do multilingüismo, onde todas as linguas se respecten por igual
1) A Unión Europea construíuse co alicerce dos estados que guerrearon durante moito tempo por aseguraren a súa dominación.
2) Os países europeos quixeron estender a súa dominación polo
mundo co imperialismo e a colonización, con xenocidios, escravitude,
tráfico negreiro e numerosos crimes contra a humanidade.
3) A Unión Europea fúndase nos valores da democracia e dos
dereitos humanos, e comprende os dereitos das persoas que pertencen ás
minorías (artigo 2 dos tratados).
Estes valores de respecto á dignidade humana, a liberdade, a
igualdade, o estado de dereito, non poden aplicarse unicamente en
beneficio das persoas que pertencen ás maiorías dominantes. Débense
aplicar a toda a cidadanía, e en particular aos que pertencen a grupos
ou pobos minorizados ou minoritarios que posúan as súas propias linguas,
e que expresen as súas propias culturas no seo da Unión Europea.
4) No momento en que se desenvolven as eleccións ao Parlamento
europeo, as ONG reunidas en ELEN, Rede Europea pola Igualdade das
Linguas, apelan a todos os deputados, todas as deputadas e todos os
Estados ao respecto total dos principios universais que fundan a
humanidade, para todas as persoas, sen distinción de lingua ou de
pertenza a unha nación minorizada ou minoritaria.
5) As ONG reunidas en ELEN denuncian en particular o grave
risco de se repregaren sobre si mesmos os Estados-nación que estiveron
na orixe de guerras fratricidas entre os pobos, do imperialismo, do
colonialismo e de xenocidios inaceptábeis.
6) Denuncian os etnocidios que tamén estes Estados perpetraron,
isto é, a destrución organizada polos sistemas dominantes das linguas e
das culturas dominadas, co obxectivo da unificación dos Estados.
7) Apelan á construción posíbel dunha Europa democrática,
multilingüe, que respecte a aspiración dos pobos a viviren nos seus
idiomas e culturas diversas, en diálogo e solidariedade mutua.
8) Afirman a súa vontade, máis decidida que nunca, de
traballaren colectivamente por un mundo que se funde nos principios de
respecto e de solidariedade entre todos os pobos, no traballo a carón da
xente e en estreita relación coas organizacións internacionais que
teñen ao seu cargo o futuro do planeta. Apelan a todas as boas vontades a
se encontraren nesa dirección.
Os recursos foron interpostos polo grupo
parlamentario socialista no Congreso, o Goberno e o Parlamento de
Cataluña e os Gobernos de Andalucía, Asturias e Canarias
O Tribunal Constitucional (TC) admitiu a trámite este xoves os seis recursos de inconstitucionalidade presentados contra a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce),
segundo informou esta institución a través dunha nota de prensa. Os
recursos foron interpostos polo grupo parlamentario socialista no
Congreso, o Goberno e o Parlamento de Cataluña e os Gobernos de
Andalucía, Asturias e Canarias.
O TC acordou dar traslado de cada unha das demandas ao Congreso, ao
Senado e ao Goberno, que dispoñerán de 15 días para acudirse nos
distintos procedementos e formular as correspondentes alegacións.
A Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Cataluña
(Fapac) impulsa unha rede de escolas insumisas á Lomce, ás que anima a
adoptar o manual de resistencia activaque elaborou e entre cuxas propostas inclúe non pedir a escolarización en castelán.
O vogal da xunta da Fapac, Andrés Encinas, e os membros da Xarxa
d'Escoles Insubmises (rede de escolas insumisas, XEI, nas súas siglas en
catalán) María José Ruiz e Belén Tascón, presentaron hoxe en rolda de
prensa en Barcelona estas iniciativas en contra da Lei Orgánica de
Mellora da Calidade Educativa (Lomce), aprobada en novembro do pasado
ano cos únicos votos a favor do PP. Aínda que non quixeron cuantificar
cantas escolas apoian esta iniciativa, os impulsores da rede definírona
como "unha proposta que vai en contra do espírito da Lomce pero non en
contra de desobedecela".
Entre outras medidas, o manual elaborado pola Fapac avoga por que as
familias valoren accións de resistencia como non esixir a escolarización
en castelán, non pedir a materia de relixión e non levar aos seus
fillos ás probas externas de terceiro e sexto de primaria, xa que se
considera que estes exames non son vinculantes.
Outras propostas destinadas aos docentes consisten en persistir na
inmersión lingüística, manter as competencias dos consellos escolares,
non facer a especialización curricular, esixir a dotación económica que
prevé a Lomce para novas tecnoloxías e para os alumnos con necesidades
educativas especiais, manter a educación en valores e promover o
pensamento crítico, entre outras.
Os representantes de Fapac pretenden que a consellera de Ensino, Irene
Rigau, ''sitúese claramente" en contra da Lomce porque, "máis aló de
declaracións de carácter xenérico, non tomou ningunha medida explícita",
excepto no tema da inmersión lingüística e a non aplicación da
Formación Profesional Básica por temas económicos. "Ao departamento (de
Ensino) esixímoslle imaxinación, decisión e tamén valentía", indicou
Encinas, que recordou que o Marco Unitario da Comunidade Educativa
(MUCE) pedirá proximamente ao Parlament de Cataluña que inste a Rigau a
que mitigue a aplicación da lei.
Andrés Encinas foi rotundo ao afirmar: "desde a Fapac rexeitamos
completamente a lei, aínda que temos moi claro que as políticas
regresivas nin comezan nin acaban coa Lomce, e somos moi conscientes de
que os recortes en educación son os que, a día de hoxe, están
erosionando de forma dolorosa o modelo de escola que defendemos e polo
cal traballamos".
Segundo indicou Ruiz, para formar parte da rede de escolas insumisas o
único requisito debe ser a adhesión do consello escolar e significarse
publicamente contra a Lomce, ademais de comprometerse a explorar "as
fórmulas de resistencia activa que cada centro considere convenientes
para mitigar os efectos nocivos da lei" nas aulas.
Nais e Pais polo Ensino en Galego (ou Familias polo Galego) xorde
como un colectivo –vinculado á Mesa pola Normalización Lingüística–
constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de
oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a
nosa lingua. Isto implica a imposibilidade de escolarizar e socializar
as nenas e nenos galegos na sua lingua. OBXECTIVOS
O obxectivo fundamental do colectivo é conseguir o respecto dos dereitos lingüísticos
das nenas e nenos galegos nunha etapa decisiva na adquisición e na
consolidación do idioma. Como galegos e galegas desexamos ofrecerlles
aos nosos fillos e fillas unha educación e unha primeira aprendizaxe na
nosa lingua e a posibilidade de poder utilizala con naturalidade.
O papel do colectivo consiste en incidir no sector educativo e no
entorno formativo –inicialmente na etapa infantil– para demandar a
existencia de ensinanzas e actividades extraescolares en galego,
conseguir a publicación e comercialización de materiais de aprendizaxe e
lecer que fagan posíbel e natural esta formación e emprender
iniciativas que sensibilicen e abran o debate na poboación e nas
institucións sobre a importancia da transmisión e o mantemento da língua nos meniños.
MOTIVACIÓN
Alén da salvagarda dos dereitos lingüísticos dos nenos e nenas,
outros factores como a riqueza formativa que lle supón a aprendizaxe en
galego e mesmo o futuro da lingua fan necesaria a existencia dunha
oferta de escolarización en lingua galega. As positivas actitudes da
poboación cara a ela reforzan estas ideas: tomando os datos do Mapa
Sociolingüístico de Galiza e mais do Estudo sociolingüístico sobre a
situación da lingua galega no Concello de Vigo, a nosa demanda fúndase,
dunha banda, na inquedanza que provoca a perda do galego como lingua de
transmisión interxeracional e mais a perda de terreo do galego como
lingua habitual e, doutra banda, na demanda por parte dunha gran maioria
da poboación de accións necesarias para fomentar o uso da língua.
Para alén disto, como a propia Xunta recoñece, o actual marco legal para
o uso do galego nos centros de ensino non cumpre os seus obxectivos,
pois "...non se está a cumprir o espírito, e tampouco a letra do
Decreto. Isto concrétase no nulo ou escaso número de horas en que
empregan o galego e ten a súa consecuencia no insatisfactorio nivel que
se detecta por parte do profesorado dos ciclos posteriores" (resposta da Dirección Xeral de Política Lingüística a unha demanda da Mesa perante o Valedor do Pobo).
ÁMBITOS DE ACTUACIÓN
Na nosa actividade estamos a dirixirnos a todas aquelas entidades que
participan no universo formativo, entendendo por tales tanto as que
ofrecen unha educación regulada como non regulada, no sector público e
mais no privado e nos colectivos implicados na formación escolar ou
extraescolar de todos os niveis. Inicialmente decidimos incidir no
sector máis desleixado en canto ao uso da lingua por parte destas
entidades: a educación infantil (0-6 anos). Así mesmo, pretendemos
desenvolver un labor de sensibilización nos familiares e persoas do
entorno dos nenos e nenas sobre a importancia e o valor que supón na
formación dos cativos unha aprendizaxe en lingua galega.
Os Gobernos da UE non fan o suficiente para
ampliar o acceso á educación universitaria a grupos
infrarrepresentados, como estudantes procedentes de familias con
ingresos reducidos, con minusvalidez, inmigrantes ou de diferentes
etnias, segundo un informe publicado este xoves pola Comisión Europea.
Bruxelas cre que a orixe do problema está en que os países non fan
uso da información que recompilan sobre os seus sistemas de educación
superior para facer fronte a este problema. Así, moitos Estados membros,
descoñecen se a súa poboación estudantil está ou non diversificándose.
No caso de España, a poboación universitaria non experimentou
modificacións en materia de diversidade entre 2003 e 2013, segundo o
estudo.
Son moi poucos os países (a rexión flamenca de Bélxica, Irlanda,
Francia, Lituania, Malta, Finlandia e Escocia en Reino Unido) que
estableceron obxectivos para mellorar o acceso ao ensino superior de
persoas procedentes de grupos infrarrepresentados, como as familias con
baixos ingresos.
Aproximadamente a metade dos sistemas europeos de ensino superior
(Bélxica, República Checa, Dinamarca, Alemaña, Irlanda, Francia,
Austria, Polonia, Portugal, Eslovenia, Suecia, Eslovaquia e Croacia)
contan con programas ponte (para quen non proceden directamente do
ensino secundaria) e conceden créditos de ensino superior que recoñecen o
valor da aprendizaxe previo dos estudantes (tamén España, Italia,
Lituania e Finlandia).
O informe detecta unha clara brecha xeográfica no que se refire ás
medidas destinadas a ampliar o acceso á educación superior, xa que
seguen sendo máis frecuentes no norte e o oeste de Europa.
*La ensino superior debe esforzarse máis por combater os seus
puntos débiles: por exemplo, desexamos fomentar a diversidade na
poboación estudantil. As universidades deben atraer máis estudantes
desfavorecidos, especialmente persoas procedentes de familias con
ingresos reducidos, con minusvalidez, inmigrantes ou de diferentes
etnias", dixo a comisaria de Educación, Androulla Vassiliou, nun
comunicado.
"Ademais de inspirar unha maior diversidade, os datos pertinentes
poden axudarnos a avaliar mellor o impacto das nosas prioridades
políticas e a cambiar de rumbo cando sexa necesario. Temos que avanzar
cara a un uso máis proactivo dos datos e das opinións para orientar a
toma de decisiones*, reclamou.
Para dar cumprimento ao disposto nos artigos 41 e 42 da Lei
16/2010, do 17 de decembro (DOG do 31 de decembro), de organización e
funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de
Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
pon a exposición pública o decreto polo que se establece o currículo da
educación primaria na comunidade autónoma de Galicia.
As organizacións, as asociacións, a comunidade educativa e a
cidadanía en xeral poden facer as proposicións, as suxestións ou as
recomendacións que estimen oportunas ao proxecto deste decreto, por
medio do documento denominado "Contraste_Decreto_ep_.doc" que deberá ser
remitido ao enderezo de correo electrónico curriculoep@edu.xunta.es seguindo as instrucións que se indican no propio documento.
•Prazo para presentar proposicións e suxestións: 15 días hábiles
•Data de inicio do prazo: 22 de maio de 2014
•Data de remate do prazo: 9 de xuño de 2014
A Consellaría Educación copia e obriga a estudar contidos doutras
Comunidades mentres priva o alumnado galego de coñecer a nosa realidade.
A CIG-Ensino xa denunciara no final do
primeiro trimestre deste curso que a Consellaría de Educación impedía o
ensino en galego nos ciclos de FP a distancia. Pois ben, a Consellaría
de Educación, no canto de corrixir a situación, mantén ciclos enteiros
sen materiais en galego o que supón unha conculcación da Lei de
Normalización Lingüística e do mesmo Decreto 79/2010 que recolle no
artigo 9, en que se regula o uso do galego na FP, que se establecerá
unha oferta equilibrada de materias e módulos en galego e castelán que
garanta que o alumnado adquira competencias nas dúas linguas e engade
que deberán coñecer, en todos os módulos, o vocabulario específico nas
dúas linguas.
Ademais a exclusión da nosa realidade acada tamén os contidos
dos materiais, até chegarmos á aberración de que en probas realizadas en
Galiza o alumnado teña que coñecer o contido do Estatuto de Autonomía
de Andalucía, pois é sobre esta comunidade e este estatuto sobre o que
se lle realiza unha pregunta, que ten que ver coa normativa de consumo
naquel territorio.
A CIG-Ensino vén reclamando reiteradamente
tanto na Mesa Sectorial, como no Consello Escolar de Galiza que nos
currículos dos ciclos formativos se recolla que módulos deberán ser
impartidos en galego, como única medida efectiva para garantir a
presenza do noso idioma na FP, e para dar cumprimento ao recollido no
Decreto 79/2010. Mais a Consellaría de Educación négase
sistematicamente.
Esta situación pon de relevo o abandono do
ensino da FP que perpetra este goberno da Xunta, que se limita a
reproducir materiais doutras comunidades que xa nin sequera traduce,
mostra da alarmante falta de respecto ao noso alumnado e á Comunidade
educativa galega, así como de desprezo pola nosa lexislación propia.
Desde
a CIG-Ensino denunciamos unha vez máis que esta actitude de Educación
non é produto simplemente dunha política austericida de recortes
indiscriminados, senón dunha fobia patolóxica contra a nosa identidade e
contra a nosa lingua que se evidencia nun abandono que acaba por nos
devolver este esperpento de ter que coñecer a normativa andaluza e non a
galega.
Unha fobia patolóxica que se concreta na negación
sistemática a recoller o que a lexislación que eles mesmos redactaron
estipula. Así cando se tratan os currículos dos distintos ciclos de FP,
en que a Consellaría se nega a facer cumprir a cativa lexislación
existente e impide que se recolla que materias deses ciclos deberán ser
impartidas no noso idioma, e isto desde unha actitude de belixerante
desprezo que se reitera unha e outra vez en cada mesa de negociación.
Os institutos non terán a obriga de ofertar a materia de Relixión en
bacharelato, a diferenza do que acontece na secundaria obrigatoria e en
primaria. O Real Decreto de desenvolvemento dos currículos de ESO e
bacharelato deixou finalmente tamén liberdade ás comunidades autónomas e
aos centros para non ofertar a materia se non queren, como xa fixo a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).
O Ministerio de Educación non atendeu así á petición da Conferencia
Episcopal, que veu reclamando o Goberno que utilizara os decretos de
desenvolvemento para rectificar a decisión que adoptou na Lei Wert.
O borrador de Real Decreto, que está en trámite consultivo e aínda
ten que ser aprobado en Consello de Ministros, establece que os alumnos
de bacharelato deben cursar "un mínimo de dous e un máximo de tres"
materias dun catálogo dunha ducia de materias específicas, entre as que
se encontra Relixión e outras como Análise Musical, Anatomía Aplicada,
etc. As materias ofertadas dependerán de "a regulación e da programación
da oferta educativa que estableza cada Administración educativa e, se é
o caso, da oferta dos centros docentes", di o borrador. É dicir, que as
comunidades e os centros teñen liberdade para ofertar, dentro dese
catálogo, as materias que queiran, sen que estean obrigados a ofertalas
todas.
Petición dos bispos
O Ministerio de Educación non satisfixo neste punto as aspiracións da
Conferencia Episcopal (si o fixo en moitos outros na LOMCE, cando eliminou a materia de Educación para a Cidadanía, blindou o financiamento público dos colexios que segregan por sexo e reforzou Relixión ao impoñer unha alternativa e facela avaliable para todo).
O secretario xeral, José María Gil Tamayo, requirira o pasado marzo o
Goberno que se aviñera a instaurar Relixión de oferta obrigada en todas
as etapas educativas. Gustaríame, sobre todo en bacharelato, que o
desenvolvemento dos decretos leven esa esixencia de que sexa considerado
o dereito dos pais a elixir a educación dos seus fillos", asegurou.
O Goberno desgustou hai uns días aos bispos ao reducir á metade o horario mínimo semanal de Relixión dos alumnos de primaria de Ceuta e Melilla.
A Asociación Galega da Língua (AGAL) celebra este domingo, día 25 de
maio, o 'Día do Orgulho Lusista e Reintegrata', así como o 'Día da
Toalha', con distintas actividades e unha homenaxe a Carvalho Calero en
Santiago de Compostela.
Con motivo desta celebración, AGAL convidou aos
usuarios de Internet a publicar nas redes sociais un autorretrato no que
leven unha toalla e, se é posible, "algún fetiche lusófono" como un
galo de Barcelos ou unha botella de viño do Porto. As palabras crave
serán '#towelday', '#towelselfie', #diadatoalha e @ddooler2014.
Así mesmo, desde as 9,00 horas até 20,00 horas, animaron aos cidadáns a que se animen a acudir ás urnas electoral cunha toalla para exercer o seu dereito ao voto.
Ademais, ás 17,00 horas realizarán unha peregrinación polo último tramo
do Camiño Portugués, desde a Porta Faxeira de Santiago até a Praza do
Obradoiro, previo paso pola estatua en homenaxe a Ricardo Carvalho
Calero, situada na rúa Xoán Carlos I.
Finalmente, Ás 19,00 horas o escritor e padriño desta edición 2014 do Día da Toalha ofrecerá un discurso na Praza do Obradoiro.
A xuíza mandouna calar tras tentar contestar a unha pregunta que non
procedía. Asegura que aquel día había “focos de violencia por todas
partes”.
Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe, foi hoxe a
estrela do xuízo que se sigue contra doce persoas por ter,
supostamente, protagonizado altercados durante a marcha que Galicia Bilingüe organizou
en 2009 en contra do galego. Eran un grupo de fanáticos que quixeron
contraprogramar cunha kale borroka na que nos cuspían, empurraban,
colocaban bolas nas escaleiras para que caéramos. En fin, un horror",
dixo ao lembrar alquel día.
E, como é habitual, foi moito máis alá e mesturou este xuízo con outras
cousas. “Podemos mirar que tipo de apoios ten esta xente, a Mesa pola Normalización Lingüística, por exemplo, que organiza o Correlingua", apuntou para descualificar o traballo desta entidade.
"Sexan ou non culpados, o que está claro é que eles se declaran
orgullosos de participar neses altercados, asegurou aos informadores, e
os feitos están aí, participaron moitos máis dos que están sentados,
pero en todo caso aí está a contraposición entre o fanatismo e o exercicio democrático de facer valer un dereito tan básico como o de manifestarse", dixo en declaracións aos medios.
Durante o xuízo explicou que, ante o desmesurado da situación, dubidou
en comezar a marcha. "Non sabía se arrincar", confesou, para logo
engadir que chegaron á Praza da Quintana, onde estaba fixada a meta, de
puro "milagre". "O que querían é que estivésemos polo chan",
insistiu, quen dixo que o dispositivo policial organizado aquel día non
era suficiente porque había focos" de violencia en todas partes "e non
chegaban a apagalos todos".
Tensión entre Gloria Lago e a xuíza
A defensa dos independentistas contraatacou este relato e preguntou
polo falanxista, presuntamente próximo a Galicia Bilingüe, condenado por
un delito de faltas, ao que a maxistrada replicou que era unha cuestión
impertinente por non ser o asunto xulgado, aínda que Gloria Lago
dispúxose a responder a tal consulta.
Entón chegou un momento tenso, posto que a xuíza María Elena Fernández Currás recriminou á testemuña que “estes non son os termos nin as canles adecuadas, dado que unicamente contéstase ao que procede”.
"Eu non estou alí na Alameda, nin me dedico a iso, aquí hai unhas regras do xogo", resolveu a xuíza. "E non me importa o contido político da manifestación", reiterou tras o balbordo entre os procesados e a presidenta de Galicia Bilingüe.
Este venres tamén declararon en calidade de testemuñas dous xornalistas de Radio Nacional de España
(RNE) encargados de cubrir a protesta do 8 de febreiro de 2009, que
recoñeceron que a unidade móbil que estaban a empregar nesa xornada foi
apedreada, e ante o pánico que isto lles xerou tentaron "saír de alí
canto antes".
A presidenta de Galicia Bilingüe foi a 'estrela mediática' da terceira sesión do xuízo
#8f45anos, proceso que terá unha cuarta vista o vindeiro 13 de xuño. A
propia xuíza chamoulle a atención por dúas veces a Gloria Lago.
O xuízo #8f45anos terá unha cuarta vista, o
13 de xuño ás 10:00, para dar cabida a testemuños como o de Rosa Díez
(UpyD) que non puido asistir esta terza feira aos xulgados de Fontiñas
(Compostela) por estar en campaña electoral. Mais a ausencia de Rosa
Díez non quer dicir que nesta terceira sesión non houbese 'estrelas
mediáticas' na sala. Estaba Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe,
que acusou con nomes e apelidos a diferentes entidades e organizacións
de defensa do galego de apoiar a violencia. Iso fíxoo no seu hábitat
favorito, ante os medios, e mesmo pedindo á Xunta que adoptase medidas
para evitar que eses colectivos a prol do galego fixesen actividades con
menores de idade. Na sala, a propia xuíza chamou por dúas veces a
atención, segundo versión de persoas presentes, a Lago por falar na súa
declaración de cuestións que non viñan ao caso. Nun momento da súa declaración, a
presidenta de GB mesmo sinalou a un dos encausados, A.L e pronunciou o
seu nome, o que motivou a protesta. Tamén afirmou que hai cinco anos
recibira cartas e correos ameazantes advertíndolle do que pasaría se
convocaban a manifestación. Lago cualificou o que aconteceu aquel día de
2009 como “batalla campal” e dixo que a manifestación de GB era legal,
achacando o sucedido aos fanáticos da ''kale borroka''. Declaracións que
leva reiterando, periodicamente, desde 2009. “Fica claro que as acusacións non se sosteñen” Nesta sesión tamén falaron outras
testemuñas, como o compañeiro de piso de R.R, que corroborou que este
estaba en Vigo e non en Compostela o día dos feitos. Entre as persoas
chamadas a declarar estaba Carlos Morais, secretario xeral de Primeira
Linha e membro de Nós-Unidade Popular que no día dos feitos foi albo de
golpes, insultos e empurróns por un grupo de anti-disturbios. Morais
denunciou a "agresión policial permanente", así como a protección que
estes brindaban a unha mobilización "supremacista española". Aurélio Lópes, unha das 12 persoas
encausadas neste proceso (para as que piden 45 anos de carcere) afirmou á
saída do xuízo que “fica claro que as acusacións contra nós non se
sosteñen”, polo que agardan a libre absolución ou a retirada dos
cargos. Aurélio mantén que o
xuízo “é político” e agradeceu “o apoio e solidariedade” de diferentes
partidos, colectivos, organizacións para cos 12 procesados. Sen relación
Cómpre lembrar que na segunda xornada do xuízo, na que declararon
máis de 20 axentes das forzas de seguridade, Os policías non puideron
relacionar con feitos concretos a dez dos once encausados. Algo que
mesmo as axencias de información destacaron, así como a existencia de
'listaxes' de independentistas nas FSE.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público anunciou o mércores 7
de maio en rolda de prensa novas mobilizacións contra a LOMCE e os
recortes no ensino público. A próxima protesta será o 28 de maio e
consistirá nun acto no Museo Pedagóxico de Galiza, na aula que
representa a escola do franquismo co obxectivo de amosar as semellanzas
entre a educación na ditadura e o ensino que se pretende coa LOMCE. A
Plataforma tamén convocará para o 4 de xuño actos reivindicativos nas
sete cidades e diferentes vilas ás sete da tarde. Ese mesmo día, pola
mañá, proporase aos centros que dean lectura a un manifesto que
denunciará os recortes e que incluirá un chamamento a non aplicar a
LOMCE naqueles aspectos máis nocivos para o ensino público.
A Junta de Extremadura obriga á asociación A Nosa Fala a rexistrar
os seus estatutos en castelán
O obxectivo desta organización é potenciar a fala e as variedades
lingüísticas dos tres lugaris, no Val do Xálima. Xa realizou unha
interesante experiencia interxeracional nun instituto da localidade e un
curso de aprendizaxe para profesores.
Hai uns días presentouse en Ellas, no val do Xálima, a asociación A Nosa Fala,
nun acto que congregou a máis de medio cento de falantes. Mentres eles
empéñanse en rexistrar, difundir e dignificar a fala, o Goberno
estremeño impediulles o rexistro dos seus estatutos neste idioma --por
non ser unha do catro linguas oficiais do Estado--, prexudicando desta
forma a conservación dun Ben declarado de Interese Cultural Inmaterial polo propio Goberno en 2001
É unha lingua minoritaria, variante do galego, falada por uns 5.000
estremeños e, desde 2001, Ben de Interese Cultural inmaterial. Este
patrimonio lingüístico está a vivir agora un momento doce non tanto polo
apoio das institucións provinciais ou rexionais, nin polos seus máximos
responsables, senón polas ganas, tesón e organización dos falantes.
Desde que, en 1992, organizouse o I Congreso Internacional sobre A Fala,
o apoio rexional a este recurso patrimonial é nulo cando non
contraproducente como foi a negativa a rexistrar os estatutos na “fala”.
Once foron os veciños de Us Tres Lugaris, máis unha
castelanparlante experta en patrimonio, que crearon hai un ano A Nosa
Fala, tal como adiantou no seu día www.sierradegatadigital.es. A
paridade entre as súas tres variantes lingüísticas (xa que cada un dos
tres pobos ten algunhas palabras diferentes) está presente sempre nos
seus traballos, no seu logo, nos seus estatutos e até na distribución de
postos na Xunta Directiva. Así, o presidente, Carlus Marquez, é mañego,
a súa tesoureira, Araceli Carrasco, é lagarteira e o secretario, Manuel
Pascual, é valverdeño.
Interesantes experiencias
Neste ano de funcionamento, realizaron unha experiencia interxeracional
no IES Val de Xálima, refuxio dos futuros falantes. A este instituto
acoden diariamente estudantes de Ellas, San Martiño de Trevello e
Valverde du Fresnu, localidade onde se sitúa, e o seu patio é un
laboratorio lingüístico cunha efervescencia que é necesario protexer e
potenciar pola continua castelanización da fala. Os alumnos transcribiron nas tres variantes as historias narradas polos seus maiores.
O libro que recompila estas historias foi editado por Adisgata como
parte das mesas de participación social organizadas o pasado ano.
Este curso, o Centro de Profesores e Recursos de Hoyos impartiu, a proposta de A Nosa Fala, un curso sobre esta lingua
destinado ao colectivo de profesores da súa área de traballo. A
finalidade o curso --impartido por Araceli Carrasco, mestra e tesoureira
da asociación e Manuel Pascual, profesor, músico e secretario da Nosa
Fala-- non era aprender a lingua senón a súa cultura, aprender a
entender aos alumnos que se relacionan no seu medio máis próximo noutra
lingua.
“Aínda camiñamos a gatiñas e debemos pornos de pé”, declarou Carlos Márquez, presidente da Nosa Fala,
durante a súa intervención en alusión aos proxectos máis inmediatos da
asociación. Leu os últimos versos do poema enviado desde Badaxoz por
Domingo Frades --a alma da fala-- para saudar e desexar sorte á
asociación que onte se presentaba en Ellas. e que arrincou os aplausos
de todos os asistentes. Domingo Frades presidiu a primigenia asociación
en defensa da lingua minoritaria de Us Tres Lugaris. Fala i Cultura
organizou en 1992 o primeiro e único congreso internacional sobre a
fala. Aínda que aínda é pronto para pensar na organización dun segundo
congreso, A Nosa Fala participou o ano pasado no Seminario celebrado en
Portugal sobre Linguas Minoritarias europeas e vai tomar parte, en
agosto, do seminario sobre linguas estremeñas que se celebrará en
Serradilla.
A Nosa Fala preséntase como unha asociación seria, rigorosa, con proxectos sólidos que levar adiante. Aínda que “é necesario manter a política afastada da lingua”,
como apuntou durante a súa intervención Franjo Antúnez --responsable de
prensa da Asociación-- tamén é necesario unha mensaxe, un xesto de
apoio por quen están obrigados a protexer o patrimonio público.
Proximamente van comezar as obras do Museo da Fala en San Martiño de Trevello,
tal como declarou Máximo Gaspar, alcalde da localidade durante a
presentación. Este recurso suporá un impulso ao estudo da lingua e á
recompilación da documentación sobre o tema.
Os xulgados de Fontiñas de Santiago de Compostela acollerán este xoves a
segunda xornada das tres previstas do xuízo a doce persoas para as que a
acusaicón solicita 45 anos de cadea e máis de 34.000 euros de multa
polos incidentes acontencidos hai cinco anos nunha manifestación
convocada por Galicia Bilingüe en contra da política lingüística
desenvolvida polo goberno bipartito.
O segundo día deste xuízo será "o importante" porque a policía deberá
especificar con precisión que fixo cada un dos acusados de atentado á
autoridade ou alteración da orde pública
No primeiro día do xuízo, cada un dos acusados declarou ante a
maxistrada encargada do caso deixando claro que, na súa opinión, están
a ser sometidos a un xuízo político e tras rexeitar que a causa
derivada do conflito lingüístico arredor do galego acabe cinguíndose a
unha cuestión de "orde pública". Entre os delitos dos que se
lles acusa á maioría dos doce mozos acusados están os de atentado á
autoridade ou alteración da orde pública. É por iso que a xornada deste
xoves é "a importante", xa que será na que os policías que declaren
deberán especificar e precisar que fixo presuntamente cada un dos
encausados.
"O que parece claroé que ningún de nós vai saír condenado coas penas que solicita a Fiscalía", di Aurélio Lopes
"O que parece claro tras a primeira xornada é que ningún de nós vai saír condenado coas penas que solicita a Fiscalía",
asegura a Praza Aurélio Lopes, un dos acusados, que asegura que os doce
mozos saíron "satisfeitos" tras o primeiro día do xuízo e que lembra
que, malia que todos os implicados son acusados de desorde pública e
moitos deles de atentado á autoridade, "non hai individualización
ningunha dos delictos".
Os feitos datan daquel 8 de febreiro de 2009, en plena precampaña das
eleccións autonómicas das que Núñez Feijóo sairía como novo presidente
da Xunta e en medio dunha forte campaña da dereita parlamentaria
e da extrema dereita extraparlamentaria contra a suposta "imposición do
galego" por parte do goberno bipartito.
Lopes define a marcha de Galicia Bilingüe, á que acudiron Alfonso Rueda ou Ana Pastor, como "a do odio"
"Houbo dúas manifestacións: unha en defensa do galego e outra contra a
política de normalización. E atopáronse naquel paso de peóns de Porta
Faxeira... A virulencia, a represión e o proceso xurídico foi só contra as persoas que estaban dun lado, do lado do galego",
lembra Aurélio Lopes. Alí houbo incidentes. E da parte da manifestación
de Galicia Bilingüe saíron insultos, algunha agresión e ameazas de
morte. "Houbo quen chegou a saír nalgún medio como vítima, para logo
descubrirse despois que era falanxista e que foi condenado", engade un
dos encausados, que advirte de que "non houbo causa xeral ningunha"
contra unha marcha que el define coma a "do odio". "Chegou a vir xente
de fóra, cando en teoría era unha manifestación de galegos contra a
política lingüística da Xunta", di. "Quedaron retratados como un movemento extremista, que foi utilizado polo PP e por aquela estratexia das FAES e que, incluso agora, está en contra da Xunta e desta dereita que se lles queda curta", asegura.
Aurélio Lopes repara tamén no feito de que, "agora que as
manifestacións en Twitter parecen tan importantes", nada se fixera
daquela contra as ameazas de morte vertidas naquela marcha de Galicia
Bilingüe á que asistiron cargos públicos como o agora vicepresidente da
Xunta, Alfonso Rueda, ou a ministra de Fomento, Ana Pastor. Tamén estaba
Rosa Díez, líder de UPyD.
A manifestación foi pouco antes das autonómicas de 2009; o primeiro
intento de xuízo, antes doutras eleccións; e o xuízo final, antes das
europeas
"Aquí o PP utilizou a Galicia Bilingüe, pero nas Balears ou na Comunitat Valenciana empregaron outros colectivos; o PP encirrou e certos de medios de comunicación tamén o fixeron...
Visto o paso do tempo, demostrouse que para nada aquela visión estaba
no carril central da política", insiste Aurélio Lopes, que advirte tamén
da "terceira casualidade" que supón este xuízo. Aquela polémica
manifestación chegara pouco antes das eleccións autonómicas de 2009, o
primeiro intento de xulgamento chegou antes das últimas autonómicas e as
xornadas deste xuízo chegan, agora, na semana anterior aos comicios
europeos. "Como procesado, creo que non é casual... E se o é, é unha
casualidade moi repetida", ironiza.
Os procesados recibiron o apoio de BNG, CIG, Candidatura do Povo, AGE,
Compromiso por Galicia, Causa Galiza, Nós-UP, CUT, A Mesa, Prolingua,
Liga Estudantil, AGIR, Isca e unha morea de colectivos culturais ou a
prol da lingua. E incluso houbo quen, sen estar presente nas
mobilizacións ante os xulgados, chamou a algúns dos encausados para
amosarlles tamén ese apoio. "Teríame gustado de que o conxunto das forzas políticas do
Parlamento tiveran dado o seu apoio ou que o PSdeG se tivese mollado
máis, pero estamos satisfeitos cos apoios recibidos", remata
Lopes, que cre que, máis aló de cuestións xurídicas, é maioría a xente
que é consciente do "activismo político e social" dos encausados.
A MNL participa na European Language Equality Network (ELEN) que vai ter
lugar en Valencia esta sexta feira e sábado, reunindo a 41
organizacións do continente.
A situación do galego vai ser exposta estes días en
Valencia ante representantes de 42 comunidades lingüísticas de 23
estados europeos. Será de man da Mesa pola Normalización Lingüística e
no marco da xuntanza da European Language Equality Network (ELEN) que
vai decorrer en Valencia. Unha delegación da Mesa pola Normalización
Lingüística composta polo seu presidente Marcos Maceira e o seu
Coordinador de Zonas Paulo Filgueiras, participa neste evento. ELEN creouse en Estrasburgo en 2011,
substituindo o antigo Bureau Europeo para Linguas Minorizadas (EBLUL) e
actualmente representa 42 comunidades lingüísticas de 23 Estados
europeos. O seu traballo concéntrase na promoción e protección das
linguas e comunidades lingüística minorizadas de Europa así como na súa
revitalización, e ten carácter de organismo consultivo do Parlamento
Europeo,do Consello de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO. Forma
parte ademais da Plataforma de ONG da Comisión Europea para
Multilingüismo, a Plataforma de ONG para Cultura, a Plataforma de ONG
para a Axencia de Dereitos Fundamentais da UE, e do Consello Económico e
Social da ONU. A Mesa vai presentar un informe sobre
a situación da lingua galega, “denunciando os retrocesos da nosa lingua
nos diferentes ámbitos, nomeadamente o do ensino, e inciará o proceso
de denuncia perante a UNESCO da discriminación da nosa lingua por parte
dos gobernos español e galego, así como os graves incumprimentos da
Carta Europea para as Linguas Rexionais e Minorizadas e a Declaración
Universal de Dereitos Lingüísticos”.
Tras a activación técnica do dominio .gal o pasado 11 de abril,
aproveitouse a data do Día das Letras Galegas e do Día Internacional das
Telecomunicacións e a Sociedade da Información (tamén coñecido como Día
de Internet) para presentar a primeira páxina web creada baixo o
dominio .gal, na que se dá conta dos prazos de lanzamento e as
condicións para poder acceder ao novos dominios.
No acto
celebrado para amosar aos galegos este gran fito no ámbito das TICs
contouse coa presenza de numerosos persoeiros de distintos eidos da nosa
sociedade, que puideron escoitar as palabras de Manuel González,
presidente da Asociación, quen narrou toda esta aventura ata detallar o
que está por vir. Finalmente, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto
Núñez Feijoo, procedeu á posta en marcha da páxina web accesible dende dominio.gal, que con carácter informativo pretende servir de referente do noso dominio de primeiro nivel na internet. Programa Pioneiros
Os primeiros dominios de internet que botarán a andar máis aló dos que
empregue a Asociación PuntoGal serán os coñecidos como Nomes Pioneiros
.gal, que corresponderán a asociacións, entidades públicas e empresas
que poderán solicitar a súa incorporación no programa durante o mes de
xuño, de xeito que serían as únicas en poder gozar dun dominio .gal
durante uns catro meses. A asociación decidirá os dominios que se
activarán nesta fase de prelanzamento, pois está limitada a 90, de aí
que se adoptarán criterios de visibilidade para a súa aceptación,
buscando que estes espazos na rede contribúan a dar difusión ao novo
dominio na rede. Fase de lanzamento Entre
setembro e novembro aceptaranse candidaturas para facerse cun dominio
.gal en función do dereito preferente que poidan ter empresas e
institucións para poder protexer as súas marcas, no que se coñece como
Abrente ou Sunrise. Paralelamente será posible que compañías que queiran
solicitar un dominio que non se axuste exactamente ás súas marcas poida
solicitar o seu rexistro, aínda que desta volta, no caso de varios
candidatos para un mesmo dominio, en vez de empregar unhas prioridades
definidas para resolver o conflito recorrerase a unha poxa. Fase aberta
No mes de decembro será cando os dominios da fase de lanzamento pasen a
activarse, e tamén se abrirá ao público o rexistro xeral de dominios co
sufixo .gal coa orde de chegada das solicitudes como único criterio.
De todos os xeitos, os dominios que pasen a funcionar baixo o .gal
deberán cumprir unha serie de condicións, como ter contidos en galego
ou, en caso contrario, relativos á cultura galega ou a servizo en liña
dirixidos á nosa comunidade. A Asociación PuntoGal velará por que se
cumpra esta condición, de xeito que os rexistros que non respecten as
normas establecidas, tras o correspondente apercibimento, poderán
suspenderse. Búscase así consolidar un espazo galego na internet que
sexa unha fiestra do mundo a Galicia e unha canle moi axeitada para que
entidades tanto galegas coma de fóra poidan achegarse á nosa sociedade
especificamente.
Máis información en Código Cero.
Compartirá
xunto a 41 organizacións de toda Europa a situación da lingua galega e a
denuncia que asociación en defensa da lingua galega realizará perante a
UNESCO.
Marcos Maceira: "Esta reunión serviranos para internacionalizar a loita contra a política galegófoba de Feixó".
Unha delegación da Mesa pola Normalización Lingüística composta polo
seu presidente Marcos Maceira e o seu Coordinador de Zonas Paulo
Filgueiras, participará o venres 23 e o sábado 24 de maio nun encontro
da European Language Equality Network (ELEN) en Valencia.
Esta rede da que a
Mesa pola Normalización Lingüística fai parte, formouse en Estrasburgo
en 2011, substitúe o antigo Bureau Europeo para Linguas Minorizadas
(EBLUL) e actualmente representa 42 comunidades lingüísticas de 23
Estados europeos. O seu traballo concéntrase na promoción e protección
das linguas e comunidades lingüística minorizadas de Europa así como na
súa revitalización, e ten carácter de organismo consultivo do Parlamento
Europeo,do Consello de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO. Forma
parte ademais da Plataforma de ONG da Comisión Europea para
Multilingüismo, a Plataforma de ONG para Cultura, a Plataforma de ONG
para a Axencia de Dereitos Fundamentais da UE, e do Consello Económico e
Social da ONU.
A organización en
defensa da lingua galega presentará un informe sobre a situación da
lingua galega, denunciando os retrocesos da nos lingua nos diferentes
ámbitos, nomeadamente o do ensino, e inciará o proceso de denuncia
perante a UNESCO da discriminación da nosa lingua por parte dos gobernos
español e galego, así como os graves incumprimentos da Carta Europea
para as Linguas Rexionais e Minorizadas e a Declaración Universal de
Dereitos Lingüísticos.
A denuncia que está a
preparar a Mesa pola Normalización Lingüística será presentada a finais
deste 2014, cando se fan 60 anos da presentada polos galeguistas en
1954. Neste encontro Europeo a Mesa dará a coñecer as principais liñas
desta denuncia e segundo indicou o seu presidente Marcos Maceira, “
servirá para internacionalizar a loita contra a política galegófoba de
Feixó”.
Responde á vontade de que se produza un cambio de rumbo fundamental para
o ensino público galego despois dos recortes levados a cabo polo
Partido Popular.
A CIG-Ensino presentou este mércores 21 de
maio no Parlamento Galego unha proposición de lei, por iniciativa
lexislativa popular, de medidas para restituír os dereitos laborais,
profesionais e retributivos do profesorado e mellorar a calidade do
ensino en Galiza. A ILP foi rexistrada polos integrantes da Executiva da
CIG-Ensino en representación da súa Comisión Promotora.
“Esta ILP responde á vontade de que se produza un cambio de
rumbo fundamental para o ensino público galego despois dos recortes
levados a cabo polo Partido Popular”, explicou o secretario nacional da
CIG-Ensino, Anxo Louzao, ás portas do Parlamento galego. “Está motivada
por dúas cuestión fundamentais: restituír os dereitos laborais,
profesionais e salariais arrebatados aos docentes, con medidas que
incluso foron acompañadas de campañas de desprestixio, e mellorar a
calidade do ensino”, engadiu Louzao.
Cinco son os eixos
fundamentais que incorpora o texto lexislativo que promove a
CIG-Ensino: - Elaboración por parte do Goberno galego dunha lei de
educación, en función das nosas necesidades e intereses e de acordo coa
nosa realidade, que garanta a escolarización gratuíta de 0 a 18 anos e
que blinde o ensino como un elemento de cohesión fundamental.
-
Restituír os dereitos laborais e profesionais do profesorado, a través
do recoñecemento do seu traballo, a recuperación dos salarios, a
creación de emprego, a redución do horario lectivo, o dereito á
formación permanente e á saúde laboral e un sistema de eleccións
sindicais por centro escolar.
- A defensa do ensino público
como garante da igualdade de oportunidades, con medidas concretas que
supoñan a mellora da calidade como a redución das ratios, oferta
suficiente de prazas, un plan para reducir o fracaso escolar, a
substitución das baixas de profesorado ou a gratuidade dos libros de
texto, entre outras.
- A recuperación dos servizos
complementarios e as actividades extraescolares: o dereito ao comedor
escolar, a oferta de actividades extraescolares e unha nova lei do
transporte escolar para garantir este dereito en todos os niveis
educativos, con dotación de persoal para custodiar o alumnado.
-
Galeguización do ensino e normalización lingüística a través do fomento
da lingua galega e galeguización dos contidos educativos, un plan de
formación e medidas para garantir a competencia do profesorado na nosa
lingua. Isto implica necesariamente a derrogación do Decreto do
Plurilingüismo, “que veta –denunciou Louzao- que as Matemáticas e a
Bioloxía se poidan impartir na nosa lingua”.
“A proposición de
lei tamén recolle que o Goberno galego estabeleza un plan orzamentario
co obxecto de dedicar o 7% do PIB galego á educación”, explicou Anxo
Louzao. “A súa aprobación levaría implícita ademais a derrogación de
medidas nocivas para o ensino e o mandato de instar o Goberno central
para que derrogue a LOMCE”, engadiu Louzao, quen tamén fixo público o
seu desexo de que o PP cambie de actitude e sexa receptivo a esta
proposición de lei. Proposición de lei que para o seu debate no
Parlamento galego, no caso de ser admitida a trámite, necesitará sumar
como mínimo 15.000 sinaturas. Accede ao texto completo da ILP Ligazón
3.585 familias terán que devolver as axudas para a adquisición de libros de texto recibidas no curso 2010-11.
A Consellaría de Educación reclámalles a devolución destes cartos
(entre 90 e 180 de euros en cada caso, un total de 360 mil), despois de
cotexar as súas solicitudes cos datos das declaracións da renda. Nese
curso foron máis de 50 mil as familias beneficiadas por esta partida,
pero ao redor do 7% cometeron fraude, declarando ingresos inferiores aos
reais, ben para non chegar ao máximo a partir do cal se perde o dereito
a percibir esta subvención, ben para ter acceso á contía máxima.
A Xunta destaca que con esta medida
promove "a transparencia e o uso eficiente dos fondos públicos". As
familias ás que se lles require o reintegro do total ou de parte da
axuda cobrada teñen dereito a realizar alegacións ou a achegar os
documentos que estimen convenientes para acreditar a correcta percepción
dos cartos.
Nos Orzamentos de 2014 a Xunta prevé que 86 mil alumnos e alumnas non
reciban axuda de ningún tipo para a compra de libros de texto, 27 mil
menos que o pasado ano
Nos Orzamentos de 2014 a Xunta prevé que 86 mil alumnos e alumnas non
reciban axuda de ningún tipo para a compra de libros de texto, 27 mil menos que o pasado ano. Isto é así porque no ano 2013 esta partida orzamentaria dispuña dun crédito de 12,8 millóns de euros, pero no 2014 diminúe ata os 9,5 millóns.
Hai unhas semanas o Goberno galego, para contrarrestar o feito de que
cada vez son máis os rapaces e rapazas que quedan sen axudas, lanzaba un
chamamento á "solidariedade", alentando a cooperación na progresiva
extensión de iniciativas de bancos de libros impulsadas pola comunidade
educativa de cada centro.
Paradoxalmente, ademais, os datos demostran que a Xunta ten que gastar máis cartos no seu sistema de axuda parcial, do
que queda fóra a metade do alumnado (21 millóns de euros o pasado ano,
tras sucesivas ampliacións de financiamento), que o que gastaba o
Goberno bipartito co seu sistema de prestamo universal, concretamente un 48% máis. Pouca diferenza farán, pois, os 360 mil euros que agora Educación recuperará con esta medida.
Esta quinta feira ten lugar nos Xulgados de Compostela a segunda sesión
do xuízo do #8f45anos. Falamos cunha das persoas encausadas no proceso,
Joam Peres.
Joam Peres é unha das 12 persoas que esta semana ten que sentar no
banco dos acusados para facer fronte a peticións de penas de cárcere e
multas económicas por unha Fiscalía que os considera responsábeis de
alteración da pública ou atentado á autoridade (entre outros delitos) no
marco da resposta na rúa a unha marcha de Galicia Bilingüe. Activista
de vello no independentismo, o campo anti-represivo ou a defensa da
lingua, este vigués residente desde hai anos en Compostela fala sobre o
xuízo e as súas circunstancias. Decorrida xa a primeira das varias xornadas deste xulgamento, como valoras o xuízo?
De forma positiva, pois a Fiscalía non foi quen de demostrar en
ningún dos casos a participación dos e das acusadas nos incidentes. A
Fiscalía está interesada en demostrar que a convocatoria que para ese
día había en defensa do galego tiña vontade de confrontación con GB. Despois desta xornada no banco dos acusados, mantedes que é un xuízo político?
É 100% político desde o momento en que foi a Delegación do Goberno
español en Galiza quen mandou facer as detencións, quen sinalou o tipo
de ideoloxías a criminalizar. Outra cousa é que agora a xuíza opte por
ser garantista, mais no inicio do proceso, coas detencións, hai unha
intencionalidade política. A entrevista ao completo neste Sermos Galiza nº97
Foron os insultos que se escoitaron por parte dun grupo de persoas
desta asociación contra as doce persoas xulgadas polos altercados nunha
marcha en defensa do galego.
Eran poucos pero se fixeron oír. “Pueblerinos” ou “gallegos de mierda” foron os insultos que recibiron as 12 doce persoas xulgados
polos altercados nunha marcha en defensa do galego, así como outro
grupo de persoas que se concentrou diante dos xulgados de Santiago no
seu apoio.
En total eran case un cento os que acudiron a apoiar aos acusados e en repulsa por este proceso baixo a lema "Bandeira: Solidaridade. Com as 12 Persoas Represaliadas por defender ou Galego".
Tamén berraron "Na Galicia en Galego" e "Defender a Lingua non é
delito" e cantaron o Himno galego e portaron bandeiras independentistas
con aclamacións a favor da Independencia de Galicia. Na protesta tamén
estaban presentes membros do Bloque Nacionalista Galego e de Anova, ademais de familiares e amigos.
“Pueblerinos”
Un pouco separado deles un pequeno grupo de membros de Galicia Bilingüe tamén se fixo escoitar berrando contra os enxuizados e acusando aos procesados de "pueblerinos" e "galegos de merda".
Os feitos que se xulgan sucederon o 8 de febreiro do ano 2009, nunha
manifestación convocada por Galicia Bilingüe na que se reclamaba poder
elixir a lingua de escolarización. A mobilización atopouse coa protesta
doutros grupos a favor da defensa do galego, o que derivou nun altercado con carga policial e feridos.
O Ministerio Fiscal pide para os acusados un total de 45 anos de cárcere e máis de 30.000 euros
por dano patrimonial por un delito de desorde pública. Todos os
inmersos no proceso, menos a única muller acusada, portaron camisetas
nas que se podía ler: '#8F: 45 anos. Defender a lingua nom é delito. Na
Galiza en Galego!'
Entre os acusados están Roberto Rodríguez, Bernardo Máiz, Narciso
Vázquez, Alejandro Blasco, Antonio Fernández, Xoán Xosé Lorenzo, Xiana
Rodríguez, Aurelio López, Alexandre Ríos, Abraham Alonso, Roberto Conde
e Antonio Fernández. Outro dos acusados, Santiago Méndez Rodríguez, foi
declarado en situación de rebeldía. Os acusados negaron que
participaran nos altercados.
"Os galegos e galegas poden estar tranquilos, porque en plena
crise en plena crise económica hai máis prazas de servizos sociais, máis
sanidade pública, máis educación e hai máis servizos sociais ca nunca".
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, repetiu en innumerables
ocasións este argumento ao longo dos últimos anos, especialmente ante os
reproches da oposición en materia de recortes sociais. Para as
eleccións europeas do vindeiro domingo o PPdeG aférrase a argumentos
semellantes e mesmo auguran que conseguirán o liderado en ámbitos tan
sensibles como o reforzo escolar, o mesmo que en apenas media década
perdeu en Galicia case o 30% do seu orzamento.
No primeiro dos tres puntos que o programa europeo dos populares dedica
a educación e cultura a promesa é a de "traballar para liderar, coa
axuda comunitaria, programas de reforzo en materias esenciais como
lingua e matemáticas". No caso galego, este difuso obxectivo concrétase
anualmente no programa de prevención do abandono escolar, dependente dos
orzamentos da Consellería de Educación. Este plan, que inclúe
"actuacións encamiñadas á prevención do abandono escolar temperán",
"medidas para favorecer un ambiente de aprendizaxe que conduza a
mellora do éxito escolar" ou "garantir o acceso á educación en
condicións de igualdade" está dotado en 2014 con 17,36 millóns de euros.
Os populares comprométense a "traballar para liderar programas de reforzo en materias esenciais como lingua e matemáticas"
Os cartos cos que o departamento que dirixe Jesús Vázquez financia o
programa este ano son case un 30% menos que no ano 2009, no que o PP
chegou á Xunta cos orzamentos da coalición de PSdeG e BNG xa en vigor. Daquela Educación reservaba a esta fin 24 millóns de euros.
Nunha liña moi semellante mantívose o PP no seu primeiro orzamento, o
de 2010, cando mantivo a prevención do abandono escolar en 23,35 millóns
de euros. Dende ese momento a liña ascendente apenas se detivo nin
sequera neste 2014, cando moitas partidas deixaron de caer.
A caída é semellante á do conxunto do orzamento, polo que esta partida non quedou á marxe dos recortes
Nas segundas contas públicas con Feijóo na Xunta, en 2011, o programa
para previr o abandono escolar estaba xa en 18,33 millóns. Tras un
lixeiro ascenso en 2012 ata os 18,49 millóns o Goberno galego recuperou a
retallada en 2013, rebaixándoo ata 17,50 millóns, e neste 2014 os
fondos quedaron en 17,36 millóns de euros. Se ben é certo que a
caída destes fondos de case un 30% é practicamente idéntica á caída
xeral dos fondos totais dos Orzamentos non o é menos que este feito
contradí os argumentarios oficiais, segundo os cales as partidas educativas, como as sanitarias e as sociais, quedarían á marxe dos recortes.
Orzamento do programa de prevención do abandono escolar
Concentracións de solidariedade e identificacións policiais marcaron
esta terza feira o inicio do xuízo contra 12 persoas para as que
acusación pide 45 anos de cárcere polo protesto na rúa contra unha
manifestación de Galicia Bilingüe en 2009. A defensa demanda a libre
absolución nun xuízo que @s propi@s encausad@s cualifican de
''político''.
Catro furgóns policiais de antidisturbios ás portas do Xulgado de
Fontiñas (Compostela) para o xuízo desta terza feira a 12 persoas. O día
anterior nesa mesma sala xulgouse a outras 7 persoas (do goberno local
do PP de Compostela) mais non había grileiras á porta. Así comezou, cun forte e amplo despregamento policial, o primeiro dos tres días de xuízo a 12 persoas
para as que a acusación solicita 45 anos de cárcere e máis de 34.000
euros de multa polos incidentes nunha manifestación de Galicia Bilingüe
en 2009.
“Manifestámonos contra o que era unha marcha do odio”, afirmou á
porta dos xulgados un dos encausados, Aurelio Lópes. Canda el, 10
persoas máis. E unha a maiores (Teto Fialhega) que viña en transporte especial desde a prisión de Teixeiro. Identificacións a eito Varias ducias de persoas
concentráronse ás portas dos Xulgados en solidariedade coas persoas
encausadas. A Policía española procedeu á identificación de tod@s @s
asistentes. Berros e faixas de apoio aos e ás encausadas e de denuncia
da situación do idioma, así como a lembranza do que era “realmente”
aquela marcha de Galicia Bilingüe en Compostela: “Era un acto a favor do
exterminio do galego, dándose a man xente do PP, como a ministra Ana
Pastor, de UPyD ou da Falange”. Outra das persoas encausadas, Joam
Peres, manifestou que estaba orgulloso de estar aquel día onde tiña que
estar e da cidadanía que fixo fronte á esa mobilización 'galegófoba'. Declaracións d@s encausad@s A petición da defensa é a da retirada
dos cargos e a libre absolución. @s encausad@s consideran que están
sendo submetidos a un xuízo político para alén de rexeitar que se estea a
reducir a unha cuestión de "orde pública" a problemática en torno o
galego. Están acusados de delitos como atentado á autoridade ou
alteración da orde pública. As persoas procesadas quixeron
agradecer momentos antes de entrar na sala as mostras de apoio e
solidariedade recibidas nestes días e especialmente as d@s concentrad@s.
A solidariedade veu dun amplo abano de entidades e organizacións: BNG,
CIG, Candidatura do Povo, AGE, Causa Galiza, Nós-UP, CUT, A Mesa, Liga
Estudantil, AGIR... Xa na sala, e como relata Irmandade
TV, a defensa comezou solicitando que unha das persoas encausadas, A.F,
quen xa foi xulgado e absolto, non sexa xulgado polos mesmos feitos.
Esta primeira xornada centrarase principalmente nas declaracións das
persoas acusadas. A defensa pediu a impugnación das copias e documentos
audiovisuais da manifestación daquel día. O fiscal rexeita a impugnación
e a xuiza acéptaos como proba documental. Quenda de declaracións
Segundo informou Irmandade TV desde os propios Xulgados, unha das
primeiras persoas en declarar é B.M. que defende que viaxou a Compostela
o día da manifestación de Galicia Bilingüe coa intención de "participar
nunha manifestación en defensa da lingua" galega e nega que fose coa
idea ou pretensión de enfrontamentos. O fiscal acúsao de participar en
lanzamentos de botellas á policía e mesmo de queimar contentores, o que é
negado por B.M. É a quenda agora doutra
das persoas encausadas, N.R, acusada polo fiscal de empregar material
de obra para romper marquesinas. "Nin o fixen nin o vin", afirma o
acusado. O fiscal quer saber se había unha
manifestación convocada "contra" Galicia Bilingüe ou ben "fronte" á GB.
Outra das persoas encausadas, A.F.G., lembra que el foi a unha
mobilización convocada por diferentes organizacións en defensa do
idioma, sindicatos e partidos a prol do galego. E que foi "agredido" por
unha persoa que participaba na marcha de GB ante a, denunciou,
pasividade policial. A defensa mesmo achegou un parte de lesións.Un dos
acusados recoñece que presenciou a agresión dun falanxista. "Gallegos, hijos de puta"
J.P, outra das persoas encausadas no proceso, sostén que o 8 de
febreiro el ía asistir a unha manifestación de Mocidade pola Lingua,
mais que esta non chegou a se realizar. Afirma que foi testemuña de como
manifestantes de GB animaban a policía con berros de "dadles caña" e
insultos de "gallegos, hijos de puta". Non foron os únicos insultos.
Algúns dos encausados relataron a Sermos Galiza nunha entrevista feita hai meses como lles berraban "al mar, como en Chile".
X.R. tamén defendeu a súa presenza aquel día en Compostela en que
asistía a unha mobilización a prol do galego. Tamén sinala que
presenciou como A.F.G foi agredido por un simpatizante de Galicia
Bilingüe.
A Fiscalía mostra diversas fotos dos incidentes daquela xornada. @s encausad@s negan que sexan @s d@s imaxes. Nin sequera estaba en Compostela
Outra das persoas procesadas, R.R.F., sinalou que hai probas de que
aquel día dos feitos non estaba en Compostela, senón en Vigo, onde
residía. "Nin saín da miña casa", asegurou. R.C., persoa tamén
encausada, relatou como foi tirada o chan e golpeada polos
anti-disturbios. E tres días despois daquilo foi detida en Ourense. A.R. tamén denunciou a actuación policial. Indica que cando estaban no coche "entraron
a saco uns tipos que dixeron que eran policías e sacáronnos pola
forza". El e A.A.P din que ese día foran á capital de Galiza para tomar
parte nun acto de Nós-UP a prol do galego. Suspéndese o xulgamento até a quinta feira, ás 9:30.