Os centros educativos de Deza organizan diversas actividades ó longo da semana para conmemorar o Día das Letras Galegas.
Xa que o 17 de maio cae, este ano, en sábado, os colexios e institutos da comarca dezá adiantan a conmemoración do Día das Letras Galegas para lembrar, non só con literatura, a obra de Xosé María Díaz Castro. Os alumnos disfrutarán de música, obradoiros, excursións e conferencias sobre o patrimonio cultural galego.
CEIP Cerdeiriñas. O colexio da parroquia cruceña de Piloño celebra unha Semana Cultural que comezou onte co cumpreanos da mascota Reboliña. Hoxe, os alumnos de Infantil e primeiro e segundo ciclo de Primaria participan nun obradoiro de elaboración do maio. Mañá leranse poemas de Nimbos, de Xosé María Díaz Castro, e tamén se verá un documental sobre o literato. O xoves e o venres toca un encontro con persoas maiores e un obradoiro de baile para alumnos e familias, respectivamente.
IES Marco do Camballón. Tamén en Vila de Cruces, pero no casco urbano, o rapeiro Gamy presenta mañá mércores o seu tema Palabras de Pedra, inspirado nas mámoas de Oirós e no monte do Camballón. O acto será ás 11.30 horas. Tamén haberá un concurso en torno ás Letras Galegas.
CEIP de Merza. Neste colexio os nenos terán unha sesión de contacontos o venres, a partir das 10.30 horas.
CEIP de Bandeira. O centro educativo da vila trasdezá celebra este venres, día 16, a súa cuarta Romaría das Letras Galegas. O evento comeza ás 10.00 horas cunha tirada de bombas. Ademais da actuación do dúo Punto Zero, tamén se realizarán obradoiros e xogos. O alumnado atenderá os postos e vai acudir vestido de época. A xornada está aberta ós familiares. Ademais, nesta semana o centro cultural Vista Alegre tén abertas dúas exposicións, unha en torno a Días Castro e a outra sobre todos os homenaxeados desde 1963.
CPI de Rodeiro. Os estudantes desprazaranse mañá á Casa de Cultura para escoitar unha conferencia de Xosé Manuel López Valcárcel sobre a "poesía da paisaxe" de Díaz Castro. Será ás 11.15 horas.
CEIP de Dozón. O xoves está programada unha exposición de carteis en torno á figura do homenaxeado este ano. O venres, os estudantes e os mestres visitarán o museo Casa do Patrón.
CPI de Agolada. Haberá unha excursión ó Grove este venres, para alumnos de segundo e terceiro ciclo de Primaria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario