Tras a activación técnica do dominio .gal o pasado 11 de abril,
aproveitouse a data do Día das Letras Galegas e do Día Internacional das
Telecomunicacións e a Sociedade da Información (tamén coñecido como Día
de Internet) para presentar a primeira páxina web creada baixo o
dominio .gal, na que se dá conta dos prazos de lanzamento e as
condicións para poder acceder ao novos dominios.
No acto
celebrado para amosar aos galegos este gran fito no ámbito das TICs
contouse coa presenza de numerosos persoeiros de distintos eidos da nosa
sociedade, que puideron escoitar as palabras de Manuel González,
presidente da Asociación, quen narrou toda esta aventura ata detallar o
que está por vir. Finalmente, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto
Núñez Feijoo, procedeu á posta en marcha da páxina web accesible dende dominio.gal, que con carácter informativo pretende servir de referente do noso dominio de primeiro nivel na internet.
Programa Pioneiros
Os primeiros dominios de internet que botarán a andar máis aló dos que
empregue a Asociación PuntoGal serán os coñecidos como Nomes Pioneiros
.gal, que corresponderán a asociacións, entidades públicas e empresas
que poderán solicitar a súa incorporación no programa durante o mes de
xuño, de xeito que serían as únicas en poder gozar dun dominio .gal
durante uns catro meses. A asociación decidirá os dominios que se
activarán nesta fase de prelanzamento, pois está limitada a 90, de aí
que se adoptarán criterios de visibilidade para a súa aceptación,
buscando que estes espazos na rede contribúan a dar difusión ao novo
dominio na rede.
Fase de lanzamento
Entre
setembro e novembro aceptaranse candidaturas para facerse cun dominio
.gal en función do dereito preferente que poidan ter empresas e
institucións para poder protexer as súas marcas, no que se coñece como
Abrente ou Sunrise. Paralelamente será posible que compañías que queiran
solicitar un dominio que non se axuste exactamente ás súas marcas poida
solicitar o seu rexistro, aínda que desta volta, no caso de varios
candidatos para un mesmo dominio, en vez de empregar unhas prioridades
definidas para resolver o conflito recorrerase a unha poxa.
Fase aberta
No mes de decembro será cando os dominios da fase de lanzamento pasen a
activarse, e tamén se abrirá ao público o rexistro xeral de dominios co
sufixo .gal coa orde de chegada das solicitudes como único criterio.
De todos os xeitos, os dominios que pasen a funcionar baixo o .gal
deberán cumprir unha serie de condicións, como ter contidos en galego
ou, en caso contrario, relativos á cultura galega ou a servizo en liña
dirixidos á nosa comunidade. A Asociación PuntoGal velará por que se
cumpra esta condición, de xeito que os rexistros que non respecten as
normas establecidas, tras o correspondente apercibimento, poderán
suspenderse. Búscase así consolidar un espazo galego na internet que
sexa unha fiestra do mundo a Galicia e unha canle moi axeitada para que
entidades tanto galegas coma de fóra poidan achegarse á nosa sociedade
especificamente.
Máis información en Código Cero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario