Pontevedra acolleu o inicio do 'Correlingua', a carreira a prol do idioma que percorrerá até o 16 de maio unha ducia de cidades e vilas galegas. Compromiso, deporte, diversión e convivio para garantir presente e futuro para o galego.
Máis unha edición do 'Correlingua' en marcha e xa van 14! Máis de 1.200 escolares de Infantil, Primaria e Secundaria da comarca de Pontevedra deron esta segunda feira un paso adiante polo galego. 'Galego, o paso adiante' é precisamente o lema deste ano dunha carreira que xa ten un oco nos centros de ensino do país como cita obrigada para reivindicar e defender o idioma.A cidade do Lérez foi a primeira etapa. Un arranque poderoso no que non faltou a animación (cun dragón cuspe-auga incluída) e a actuación de Superoito, o gañador do concurso Cantalingua. Os centos de escolares que se sumaron ao 'Correlingua' poideron gozar tamén da presenza da actriz Isabel Risco.
Rúas, calexas e prazas da zona vella pontevedresa enchéronse de nen@s e moz@s a desfilar e correr en defensa do galego. Pancartas, faixas, camisolas... todo valía para inscribir frases e desexos sobre o idioma propio de Galiza. De centros de Pontevedra e de Poio, mais tamén de Cambados, entre outros concellos, acudiron ose as escolares para tomar parte nesta iniciativa.
Inzar o país
Cumprida a primeira etapa en Pontevedra, o Correlingua pasará por Compostela, Lugo, Ferrol, Monforte, Vigo, Tui-Baixo Miño, A Estrada, O Morrazo, Ourense, A Coruña e Foz.
O Correlingua iníciase no primeiro trimestre do curso coa publicación do lema e as inscricións nos diferentes concursos. O alumnado elabora as súas propostas para concurso do manifesto, de banda deseñada, de video, e mesmo do Cantalingua, no segundo trimestre. A participación nestes certames permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do noso idioma e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país.
O Correlingua é unha iniciativa impulsada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense xunto coa Deputación de Lugo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario