Con esta perspectiva vén de celebrarse en Santiago o II Encontro de Centros para unha Convivencia Positiva, organizada polos IES Antón Fraguas (Santiago), Xulián Magariños (Negreira) e Fin do Camiño (Fisterra), co obxectivo, entre outros, de dar maior protagonismo ao alumnado na resolución dos conflitos que lles afectan. No encontro déuselle formación en educación en valores e prevención do acoso escolar a máis de 75 alumnas e alumnos mediadores participantes. Tamén se realizaron obradoiros para familias e profesorado, de cara a promover novas estratexias de xestión de conflitos que permitan desenvolver a empatía para entender a posición dos demais e buscar decisións máis xustas e de mutuo acordo.
Outro dos obxectivos fundamentais do encontro, no que participou unha vintena de centros educativos, é crear unha rede para o intercambio de experiencias. As dificultades para formar o alumnado na mediación, cando o propio profesorado está a aprender como o facer, fixo imperiosa a necesidade de achegarse a centros que estivesen en proxectos semellantes. Paseniñamente, esa rede de centros estase a tecer.
"A mediación é unha ferramenta moi útil para a adquisición da competencia social e cidadá"En poucos ámbitos coma neste pode apreciarse con tanta claridade o reto ao que se enfronta a educación no século XXI: complementar o tradicional “saber” polo máis empírico “saber facer”. Así o considera Javier García, orientador do IES Fin do Camiño: “A mediación é unha ferramenta moi útil para a adquisición da competencia social e cidadá que todo o alumnado debe ter ao rematar a educación obrigatoria. Saber relacionarse, xestionar as propias emocións, a escoita activa, a empatía… é unha aprendizaxe que o alumnado que participa na mediación pode poñer en práctica. Son valores que se interiorizan, non que se memorizan”.
"Hai que conseguir que as rapazas e os rapaces formados se convirtan en dinamizadores da convivencia"Lola Sanz, orientadora no IES Antón Fraguas, fálanos das dificultades de consolidar este cambio de paradigma que substitúa a tradicional disciplina obtida á base de amoestacións, castigos, partes de incidencias, expedientes sancionadores… por unha implicación de alumnado e profesorado nunha convivencia positiva: “É cuestión de tempo que forme parte da vida cotiá do centro. É moi importante que o alumnado mediador non estea só pendente daquelas situacións nas que se solicite a mediación, porque hai anos nos que interveñen en poucos conflitos. Hai que conseguir que as rapazas e os rapaces formados se convirtan en dinamizadores da convivencia. Nestes momentos, no noso instituto, por exemplo, están analizando onde e por que o centro está sucio. Abordan o que está mal, por que cren que está mal, que propostas teñen para lle poñer remedio…Tamén organizan o mercado solidario, a campaña de Nadal, a votación para lle poñer nome ás aulas do centro..”
"Nós axudamos a que se encontren e falen"Pero son as alumnas e alumnos, sen dúbida, quen máis aprecian a mediación como resolución aos conflictos entre o alumnado. Lucía, Noel e Diego, do IES Xulián Magariños de Negreira, resumen así a súa experiencia de varios anos como mediadores: “Axudamos a resolver os conflitos pacificamente, falando coas partes para que entre elas se respecten… Nós axudamos a que se encontren e falen, saben perfectamente que estamos na mesma situación ca eles, e que a alternativa é que che manden a xefatura cun parte… E o que aprendemos é algo que podemos utilizar no día a día. Os problemas téñense sempre, toda a vida”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario