A primeira pista neste ámbito atopámola no Estatuto de Autonomía de 1981. No artigo, o que establece que "a lingua propia de Galicia é o galego", estableceuse ademais que "os poderes públicos de Galicia" telen a obriga de "potenciar o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa". Este principio xeral desenvolveuse un chisco máis dous anos despois na Lei de Normalización Lingüística. O texto aprobado polo primeiro Parlamento autonómico outorgáballe á Xunta o labor de "prestar apoio económico e material aos medios de comunicación" que, alén da CRTVG, "empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo".
O Estatuto, a Lei de Normalización e o PXNL avalan a implicación da Xunta na promoción da lingua nos mediosVinte anos despois, en 2004, os obxectivos xerais incluídos no Estatuto e na Lei de Normalización aínda non estaban, nin de lonxe, acadados. Para tentar avanzar nas materias pendentes chegou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Avalado pola unanimidade do Parlamento o plan incluía medidas como "alentar a formación de pequenos grupos" de comunicación "comprometidos coa plena normalización da lingua galega" ou "acordar cos principais xornais" que "publiquen en galego as entrevistas feitas nesta lingua " e "aumenten a presenza do galego" ata "chegar en 10 anos", neste 2014, "a un mínimo do 30%". Segundo o PXNL tamén se outorgarían subvencións á produción de contidos xornalísticos en galego "a cambio dunha porcentaxe e non a priori", íase "promover un xornal deportivo en lingua galega" e "máis axudas a xornais locais e comarcais que se redactan en lingua galega".
A situación actual
A AMEGA naceu co obxectivo de pular por "un espazo galego de comunicación"Lonxe do panorama bosquexado no Estatuto, na lei e no PXNL o galego nos medios de comunicación segue a ser minoritario. Tras os peches de cabeceiras de referencia no remate da década pasada e no comezo da actual dende o ano 2011 as cabeceiras editadas en galego viven unha nova xeira, tanto con medios que sobreviviron á crise como con outros novos, caso por exemplo deste diario. Neste contexto xudiu tamén a Asociación de Medios en Galego (AMEGA), un colectivo que aglutina xa a quince medios diferentes que comparten o obxectivo de crear e reforzar un "espazo galego de comunicación como plataforma de defensa da identidade común".
"As axudas son distribuídas en moitas ocasións en función de criterios políticos e non lingüísticos"Partindo da base de que resulta imprescindible a colaboración "da sociedade civil e da cidadanía" a AMEGA tamén puxo o foco dende o seu nacemento nos deberes legais das institucións públicas a respecto do galego neste sector. "As axudas institucionais aos medios en galego son mínimas e a súa distribución moi cuestionable e, en moitas ocasións, distribuída en función de criterios políticos e non lingüísticos", aseguran. Por este motivo, a asociación formula como obxectivos principais a aposta por "abrir canles de diálogo" coas administracións e pular por "unha lei de publicidade institucional" que teña en conta os medios en galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario