Na primeira semana de xuño haberá varias concentracións en toda Galicia contra a Lomce e contra os recortes no ensinoA Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, onde se agrupan as organizacións nacionalistas, deu a coñecer as súas novas mobilizacións, que comezarán o vindeiro 28 de maio cun acto no Museo Pedagóxico de Galicia, na aula que representa a escola do réxime franquista, e co que se intentarán "amosar as semellanzas entre a educación na ditadura e o ensino que se pretende coa Lomce". "As reválidas, o reforzamento da materia de Relixión -avaliable a todos os efectos-, os principio clasistas e segregadores do ensino que tamén inspiran esta nova lei, o centralismo ou a xestión antidemocrática dos centros" son algunhas das similitudes que os convocantes ven entre a educación na época ditatorial e o modelo imposto agora polo PP.
Ademais, o colectivo convoca tamén para o vindeiro 4 de xuño diversos actos reivindicativos nas sete cidades e nalgunha outra vila galega a partir das sete da tarde, nas que serán novas protestas coas que tamén se denunciarán "os recortes que se van producir para o inicio do curso escolar", as diversas deficiencias nos centros, a falta de prazas -especialmente no ensino de 0 a 3 anos e na FP- ou a masificación de aulas. A plataforma tamén fai un chamamento para que nese mesmo día, nos centros e durante o recreo, se dea lectura a un manifesto de rexeitamento da Lomce e dos recortes.
A Plataforma Galega denunciará "as semellanzas da Lomce co ensino franquista" o 28 de maio e mobilizarase o 4 de xuño en varias vilas e cidadesNesa mesma semana, a Plataforma en Defensa do Ensino Público convoca tamén concentracións nas sete grandes cidades do país, pero decidiu non anunciar aínda a data definitiva tras "animar á confluencia nunha mobilización conxunta" de ambas as dúas plataformas activas en Galicia e logo de coñecer as convocatorias do outro colectivo. Malia que as manifestacións contra a Lomce en todo o Estado están xa fixadas para o 5 de xuño, a plataforma que lideran Comisións e UGT enviou un correo á Plataforma Galega na que manifesta a súa intención de realizar unha convocatoria conxunta e de procurar unha data unitaria para as dúas marchas que non tería por que coincidir coa cita estatal.
Á espera dunha resposta, desde a Plataforma Galega manifestan estar "abertos" á participación de calquera nas súas marchas, aínda que parece case imposible que se varíen unhas convocatorias xa fixadas e anunciadas, ao contrario que na outra plataforma, onde aínda non se concretou o día desas mobilizacións.
A plataforma que lideran CCOO e UGT mantén aberta aínda a data das protestas á espera de poder "confluír" nunha mobilización conxuntaA Plataforma en Defensa do Ensino Público inclúe estas mobilizacións nunha campaña denominada Resistencia á Lomce e na que pretende "establecer unha serie de medidas que minimicen o impacto da implantación desta lei" na educación. Por iso, fai públicos unha serie de principios "esenciais para garantir un sistema educativo solidario que protexa o principio de igualdade de oportunidades e preste a debida atención ao desenvolvemento intelectual, social e persoal de cada alumno".
Entre eles, solicia unha negociación real da normativa autonómica de desenvolvemento da Lomce no Consello Escolar de Galicia e na Mesa Sectorial de Educación, a gratuidade dos libros de texto, a creación dunha rede de comedores accesible a todo o alumnado, a dotación dun sistema autonómico complementario de bolsas en función das rendas familiares ou o non financiamento con cartos públcios dos centros segregadores. Ademais, reclama o fomento da participación democrática da comunidade educativa na xestión dos centros sostidos con fondos públicos, a eliminación das probas de diagnóstico que recole a Lomce en 3º e 6º curso de primaria, a redución das ratios nas aulas, a dotación de efectivos suicientes nos colexios, o fornecemento das tecnoloxías necesarias e a realización das probas externas por parte do profesorado da escola pública.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está formada por AS-PG, CIG-Ensino, Comités, Liga Estudantil Galega, Federación Provincial de ANPA de Lugo , Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra , Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Agir, BNG, Galiza Nova e a Federación de ANPA de Ponteareas. Pola súa banda, na Plataforma en Defensa do Ensino Público inclúense CCOO, FETE-UGT, Confapa, Sindicato de Estudantes, Iesga e Escola Viva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario