Ana Miranda e Lidia Senra cargaron contra a política lingüística da Xunta por "levar anos buscando o desprestixio do idioma"Ana Miranda criticou as “políticas linguicidas” da Xunta de Feijóo que “levan anos buscando a invisibilización e desprestixio do noso idioma, por moito que hoxe fagan declaracións protocolarias baleiras de contido”. Ademais, denunciou que asistimos nos últimos anos "a unha planificación por parte do PP para extirpar o galego desta sociedade e homoxeneizar lingüisticamente todo o territorio español”. “Queren roubarnos o futuro, como persoas e como país, incluído un dos nosos sinais de identidade máis xenuínos: a lingua, o noso idioma”, protestou.
Na mesma liña se manifestou Lidia Senra, que cre que o 17 de maio o protagonismo "é dos milleiros de galegas e galegos que saímos á rúa para demostrar que non imos consentir máis ataques á nosa lingua e que non pareremos ata lograr o recoñecemento do galego como lingua oficial en todos os ámbitos”. O portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras, tamén presente na mobilización, denunciou o “etnocídio lingüístico” que está a levar a cabo o goberno galego e que "busca arrasar coa identidade propia de Galiza como pobo".
Beiras denunciou o "etnocidio lingüístico" por parte da Xunta e criticou o xuízo contra os rapaces que se manifestaron contra Galicia BilingüeAdemais, Beiras amosou a súa indignación ante a “aberrante condena que están a pedir para uns rapaces e rapazas que o único delito que cometeron foi defender o galego fronte á campaña de exterminio orquestrada polo goberno galego e Galicia Bilingüie, asociación que debería ser ilegalizada”.
Ana Miranda, candidata do BNG, tamén quixo lembrar o último episodio polémico de Feijóo con respecto ao galego e á cultura do país. "É unha vergoña que o presidente de Galiza non saiba que a obra principal de Rosalía de Castro, a que pon data ao Día das Letras Galegas é Cantares Gallegos, algo que sabe a miña filla de dez anos ou calquera escolar deste país”, dixo.
A candidata do BNG rematou pedindo “máis galego en Galiza e tamén en Europa”, onde o Bloque leva xa empregando “con total normalidade” o idioma galego nas súas intervencións no Parlamento Europeo desde 1999, primeiro con Camilo Nogueira e nos últimos anos con Ana Miranda. A candidata nacionalista, que fala seis idiomas, explicou que fala galego no Parlamento Europeo “porque é o idioma proletario do meu pobo, símbolo de identidade de Galiza”. Outros, dixo en referencia aos eurodeputados “teoricamente galegos” do PP e do PSOE, non o fan, “avergóñanse da nosa lingua e mesmo nos critican aos do Bloque por falar galego en Bruxelas, mentres recibimos, paradoxicamente, o recoñecemento de deputados doutros países por facelo”, dixo.
Miranda anunciou que pedirá que a UE recoñeza a lingua galega como oficial para o seu uso no ParlamentoAna Miranda tamén anunciou que pedirá que a UE recoñeza a lingua galega como oficial para o seu uso no Parlamento, na Comisión Europea e no resto de institucións comunitarias. “A nosa lingua é unha lingua europea e universal e así debe ser recoñecida, en igualdade de condicións ao resto das linguas da UE”, dixo.
O portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, insistiu pola súa banda en reclamar “que a Xunta de Galiza cumpra coa súa obriga legal, como lle marca o propio Estatuto de Autonomía, que é a de promover o uso do idioma galego en todos os ámbitos da sociedade como idioma propio do noso país”. Neste sentido, reclamou a Feijóo o fomento do galego como idioma principal en ámbitos da administración pública como a Xustiza, onde aínda se atopa “completamente relegado”.
AGE, pola súa banda, presentou o venres o decálogo Unha Lingua para a Unión! unha sorte de manifesto programático que se marca como obxectivos “a igualdade real de dereitos” para que ningunha nena nin neno teña que sufrir nunca máis discriminación algunha por empregar o seu idioma propio. Un decálogo que pretende facer do galego unha lingua normalizada en todos os ámbitos e para a relación de todas e todos as galegas e galegos co mundo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario