xoves, 22 de maio de 2014

A Mesa pola Normalización Lingüística participará os días 23 e 24 nun encontro da European Language Equality Network (ELEN) en Valencia

Compartirá xunto a 41 organizacións de toda Europa a situación da lingua galega e a denuncia que asociación en defensa da lingua galega realizará perante a UNESCO.

Marcos Maceira: "Esta reunión serviranos para internacionalizar a loita contra a política galegófoba de Feixó".

Unha delegación da Mesa pola Normalización Lingüística composta polo seu presidente Marcos Maceira e o seu Coordinador de Zonas Paulo Filgueiras, participará o venres 23  e o sábado 24 de maio nun encontro da European Language Equality Network (ELEN) en Valencia.
Esta rede da que a Mesa pola Normalización Lingüística fai parte, formouse en Estrasburgo en 2011, substitúe o antigo Bureau Europeo para Linguas Minorizadas (EBLUL) e actualmente representa 42 comunidades lingüísticas de 23 Estados europeos. O seu traballo concéntrase na promoción e protección das linguas e comunidades lingüística minorizadas de Europa así como na súa revitalización, e ten carácter de organismo consultivo do Parlamento Europeo,do Consello de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO. Forma parte ademais da Plataforma de ONG da Comisión Europea para Multilingüismo, a Plataforma de ONG para Cultura, a Plataforma de ONG para a Axencia de Dereitos Fundamentais da UE, e do Consello Económico e Social da ONU.
A organización en defensa da lingua galega presentará un informe sobre a situación da lingua galega, denunciando os retrocesos da nos lingua nos diferentes ámbitos, nomeadamente o do ensino, e inciará o proceso de denuncia perante a UNESCO da discriminación da nosa lingua por parte dos gobernos español e galego, así como os graves incumprimentos da Carta Europea para as Linguas Rexionais e Minorizadas e a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos.
A denuncia que está a preparar a Mesa pola Normalización Lingüística será presentada a finais deste 2014, cando se fan 60 anos da presentada polos galeguistas en 1954. Neste encontro Europeo a Mesa dará a coñecer as principais liñas desta denuncia e segundo indicou o seu presidente Marcos Maceira, “ servirá para internacionalizar a loita contra a política galegófoba de Feixó”.


Ningún comentario:

Publicar un comentario