venres, 11 de xuño de 2010

CAMPAMENTOS DE INMERSION LINGÜISTICA.

O programa educativo Campamentos de Inmersión Lingüística para o alumnado da ESO e de bacharelato dos centros públicos da provincia de Pontevedra, enmárcase na liña de interese da FANPA de dotar á poboación estudantil galega de competencias plurilingües e pluriculturais, potenciando a aprendizaxe de idiomas.
Ofertamos a posibidade de vivir 24 horas en inglés dentro da nosa fermosa terra, unha oportunidade única e asequible para todas as familias. O concello de Lalín será o elexido para levar a cabo esta actividade, semanas inesquecibles en “Mouriscade”.
O campamento será coordinado por unha filóloga con nivel nativo e o profesorado será todo nativo.
Pensamos que a través dos Campamentos de Inmersión Lingüística, as competencias lingüísticas que o alumnado adquiriu ao longo do curso poden ser postas en práctica mediante a contextualización dos contidos lingüísticos e non lingüísticos, proporcionando ao alumnado participante unha situación de inmersión na lingua inglesa.
Os Campamentos de Inmersión Lingüística teñen como obxectivo:
-Consolidar a aprendizaxe na lingua inglesa, desenvolvendo aspectos prácticos desta lingua.
-Adquirir hábitos e actitudes positivas na aprendizaxe dos idiomas.
-Suscitar no alumnado unha actitude de aprendizaxe permanente, tanto dentro como fóra da aula.
-Desenvolver actitudes positivas de convivencia e cooperación.
Información básica inscrición:
-Tentaremos facer varias quendas de 48 alumnos/as en cada unha delas.
-A primeira semana será do luns 12 ao domingo 18 de xullo.
-A inscrición será por riguroso orde de chegada, cando quede cuberta a primeira semana, os que estean en lista de espera, pasarán automáticamente e tamèn por orde a seguinte semana.
-Nos vindeiros días publicaremos as datas exactas en que poderán inscribirse.
-Cabe destacar que se houbese demanda estamos dispostos á alongar os campamentos durante todo o verán.
-Importante: terán prioridade á hora de inscribirse os centros públicos federados, despois os centros públicos non federados e por último os centros concertados. Tamén haberá unha distinción económica en cada un destes centros.
Sería bo que preguntasen a Xunta Directiva da súa ANPA se están federados, para saber si ten prioridade na inscrición.
-Os pais/nais terán que levar aos mozos/as o primeiro día de campamento, probablemente a presentación sexa ás 11:30 hrs e recollelos o último día, aproximadamente ás 12:00 hrs.
Dentro da programación contemplamos :
Obradoiros con diferentes actividades onde os alumnos/as deben utilizar todas as ferramentas lingüísticas ao seu alcance para conseguir os obxectivos finais, divídese en dúas partes ; na primeira o profesor/a investigará cales son as dificultades lingüísticas máis comúns entre o alumnado para corrixir os malos hábitos, reforzar a base gramatical e ampliar vocabulario, a segunda parte, tras o descanso da mañá, participarán nun proxecto que conseguirá que se involucren todos con entusiasmo “ a creación dunha ONG”, que competirá coa proposta dos outros grupos na elección do mellor proxecto.
Teremos como non, un clube do libro, para relaxarnos despois do xantar.
Pola tarde haberá actividades variadas.
-Debates
-Deportes
-Veladas nocturnas
-Cine en inglés
Tamén teremos días especiais:
-Rutas de sendeirismo
-Visitas museo etnográfico
-Aprenderemos a facer a pan
-Equitación no Centro hípico de Mouriscade
-Saída a praia fluvial de Vilatuxe e picnic…
Prezo: sen especificar , publicaremos en breve, tratarememos de que sexa o máis axustado posible.

luns, 7 de xuño de 2010

BLOGALIZA: PREMIO ROSALIA DE CASTRO A DIFUSIÓN DA LINGUA.

Blogaliza gaña o primeiro premio Rosalía de Castro á difusión da lingua.
O web Blogaliza.org foi o gañador do primeiro premio Rosalía de Castro, concedido pola Deputación da Coruña a persoas, empresas, entidades ou asociacións que axuden a impulsar a presenza do galego. O xurado escolleu a proposta de Blogaliza de entre as 23 presentadas.
Blogaliza é un sitio web que, ademais de permitir a publicación de blogs mediante un sistema sinxelo, cataloga, etiqueta e facilita resumos de mensaxes das bitácoras do país. Inclúe, ademais, unha listaxe do blogomillo e contidos divididos por temas de interese, como letras, música, cinema, economía ou política.
Máis información en:
http://www.dicoruna.es/dicoruna-noticia/servlet/Noticias?accion=2&ver=19&nid=14168
http://www.vieiros.com/nova/79664/blogaliza-gana-o-primeiro-premio-rosalia-de-castro-a-difusion-da-lingua
http://www.ctnl.org/web/notic.php?ide=641&desc=blogaliza_recibe_o_i_premio_rosalia_de_castro_a_iniciativas_normalizadores

ORGULLOSOS DO NOSO, ORGULLOSOS DO GALEGO.

Segunda fase da campaña Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego.
A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) presentou o venres 21 de maio a segunda fase da súa campaña Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego, na cal participan corenta personalidades de diferentes ámbitos da sociedade galega que mostran en forma de texto, de debuxo, de fotografía e mesmo de hip hop o seu compromiso co idioma propio.
Ao mesmo tempo, a CGENDL convida a toda a sociedade, especialmente á comunidade educativa, a que participe enviando textos á páxina da campaña: http://www.coordinadoraendl.org/orgullo/index.php
No mesmo acto, a CGENDL emitiu un comunicado no que considera que o Decreto do Pluruilingüismo acentúa o desequilibrio entre as linguas oficiais, propicia a inmersión en castelán en infantil e non garante que o alumnado acade a competencia en lingua galega ao rematar o ensino obrigatorio.
Máis información en:
http://www.ctnl.org/web/notic.php?ide=642&desc=segunda_fase_da_campana_orgullos@s_do_noso,_orgullos@s_do_galego
http://www.xornal.com/artigo/2010/05/23/politica/cuina-peon-lobato-novos-orgullosos-do-galego/2010052222072100159.html
http://www.galiciahoxe.com/mare/gh/8-castelan/idEdicion-2010-05-23/idNoticia-550283/

ENTRADA EN VIGOR DO DECRETO DO PLURILINGÜISMO.

O Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia xa entrou en vigor.
A Consellería de Educación publicou o texto no DOG o pasado 25 de maio, logo de aprobalo no Consello da Xunta do 20 de maio. O Decreto 79/2010 entrou en vigor o día seguinte da súa publicación. Finalmente a norma non inclúe a consulta ás familias nas etapas de Primaria e Secundaria “por falta de cobertura legal”, pero si a pregunta sobre a lingua materna aos proxenitores para a etapa de Infantil.
Tanto o sindicato CIG-Ensino coma A Mesa pola Normalización Lingüística anunciaron recursos contra a nova norma do executivo galego. E outros sindicatos do ensino estudan unir forzas para presentar un recurso conxunto.
Máis información en:
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/1434
https://www.xornal.com/artigo/2010/05/20/politica/xunta-aproba-decreto-do-plurilinguismo/2010052012273200283.html
http://www.anosaterra.org/nova/45908/cig-ensino-presentara-un-recurso-ante-o-tsxg-contra-o-decreto-do-plurilinguumlismo.html
http://www.amesanl.org/noticias/noticia_tipo.asp?IDNOTICIA=1656
http://www.xornal.com/artigo/2010/05/27/politica/sindicatos-meditan-unir-forzas-recorrer-decreto-do-ensino/2010052623125500296.html

martes, 1 de xuño de 2010

ORDE DE CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA ADQUISICION DE LIBROS DE TEXTO

Orde do 28 de maio de 2010 pola que se convocan axudas para a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario destinadas ao alumnado matriculado en centros sostidos con fondos públicos en 1º, 2º, 5º e 6º de educación primaria e en educación especial no curso escolar 2010-2011.
DOG 31/05/2010