mércores, 27 de xuño de 2012

Cultura e Educación presenta en Ourense “Mil festas máis para a lingua galega”


A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, xunto coa Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, presentou en Ourense a campaña “Mil festas máis para a lingua galega”, cuxo obxectivo principal é o fomento social do uso do idioma, nomeadamente nas festas patrimoniais de Galicia.
Adhesión ao manifesto “Mil festas máis para a lingua galega”
A campaña “Mil festas máis para a lingua galega” diríxese de xeito especial ao sector da produción e da organización de festexos, tan importante á hora de divulgar accións efectivas para a cidadanía dirixidas aos ámbitos do lecer e do entretemento, consonte o estipulado no Plan xeral de normalización lingüística (PXNL).
Porén, todas as entidades ou persoas que o desexen poden sumarse á iniciativa adheríndose ao manifesto Mil festas máis para a lingua galega (http://www.galeguizargalicia.com/archivos_editor/file/Manifesto.pdf). Numerosos concellos galegos demostraron o seu apoio á campaña e xa se adheriron a este manifesto, do mesmo xeito que o fixeron outras entidades como a Real Academia Galega, a CRTVG, a Universidade de Vigo, Radiofusión; asociacións como Adega ou Xermolos; ou as principais forzas sindicais galegas.
As Mil festas máis para a lingua galega xa foron presentadas, desde o inicio da campaña o pasado 22 de marzo, nas cidades de Santiago de Compostela e Lugo e mais no concello da Estrada.

Máis información no web da SXPL.





O Día das Letras Galegas de 2013, na honra de Vidal Bolaño


O presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, destacou "a forza e potencia creativa" de Vidal Bolaño, recalcando que non foi unicamente un autor de teatro, senón que destacou en todas as facetas do xénero, ensinando con igual mestría a súa faciana de actor, director e escenógrafo. "É o noso Darío Fo", dixo a académica Margarida Ledo, salientando tamén ela a traxectoria do homenaxeado, alén da súa capacidade para potenciar o teatro nos múltiples rexistros desta arte. Pola súa banda, Euloxio Ruibal definiu a Bolaño como "un imprescindible" do século XX.
Roberto Vidal Bolaño
Vidal Bolaño, nacido en Santiago de Compostela o 31 de xullo de 1950 e finado na mesma cidade o 11 de setembro de 2002, foi unha das figuras máis relevantes do teatro galego. Iniciouse no mundo teatral co grupo Antroido, nas Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia (1973-1980), en que se deu a coñecer como dramaturgo e escenógrafo co pseudónimo de Julia Brens.
Entre as súas obras teatrais escritas pódense salientar Laudamuco, señor de Ningures (1976), Bailadela da morte ditosa (1980), Agasallo de sombras (1992), As actas escuras (1994), Doentes (1998), A ópera de a patacón (1998) ou Animaliños (2003), moitas delas, ademais de escritas, tamén dirixidas por el mesmo ou levadas ao teatro por diversas compañías.
Foi un dos impulsores da profesionalización do teatro galego: ao o despediren no 77 do banco en que traballaba, viuse na obriga de converter o grupo Antroido na primeira compañía teatral galega. Foi un dos primeiros directores que participaron do teatro institucional, levando ás táboas co Centro Dramático Galego (CDG) en 1984 a súa obra Agasallo de sombras. No ano 2001 representou co CDG a Rosalía que Ramón Otero Pedrayo escribira en 1958. As súas últimas actuacións foron co grupo Teatro do aquí, a súa compañía nos últimos anos.
Ademais do xénero dramático, cultivou o audiovisual, realizando guións para Televisión de Galicia e a Televisión Española, con traballos como Malos tratos, Novo de Parmiude ou Morosos varios. Tamén levou á pantalla relatos de grandes escritores galegos do século XX, como Ánxel Fole (Cara de lúa) e Eduardo Blanco Amor (O noxo), e participou como actor en series televisivas de prestixio, como Mareas vivas.
Influído por Ramón Otero Pedrayo, defende unha certa recuperación do popular: coma el, cultivou o teatro histórico arredor da figura de Rosalía de Castro, con obras que constitúen verdadeiros ensaios sobre a vida e obra da nosa poeta máis universal. Porén, unha das súas maiores influencias foi o teatro de Valle-Inclán, a quen menciona varias veces ao longo da súa traxectoria, e de cuxa obra Luces de bohemia se nota fonda pegada en Doentes. As correntes estéticas do realismo, simbolismo, surrealismo e expresionismo están igualmente presentes na súa obra.
Novos académicos
O Plenario da Real Academia Galega acordou así mesmo nomear académico de honra electo a Arcadio López Casanova (Lugo, 1942), profesor titular de Filoloxía Española na Universidade de Valencia, e académicos correspondentes a Xosé Manuel González Herrán, Luz Méndez, Fernando Ramallo Fernández, Olivia Rodríguez González, Goretti Sanmartín Rei e Xavier Vence Deza.

Información tirada de Sermos Galiza.

Novas Xeracións quere Twitter en galego


O presidente da organización xuvenil Novas Xeracións, Javier Dorado, realizará esta petición a través dunha misiva na que non só pedirá que se abra o centro de traducións de Twitter ao galego, senón que tamén ofrecerá a axuda dos mozos e mozas da formación para lograr este obxectivo.
Tras coñecerse que a partir do vindeiro 5 de xullo Twitter disporá dunha versión en éuscaro e catalán, Novas Xeracións considera que "non debe destacar pola súa ausencia nesta rede social a outra lingua oficial de España, que é a galega".
Promoción do galego
Nun comunicado, NNXX insiste en que os internautas poidan utilizar Twitter en galego porque sería "unha forma moi útil de promover a nosa lingua entre os usuarios dunha das redes sociais máis coñecidas e utilizadas do mundo".
Así, Dorado insiste no "compromiso" de Novas Xeracións coa lingua galega. "Iso é o que move a esta organización a interesarse por que non se quede atrás e Twitter abra os seu centro de traducións tamén neste idioma", subliña.

Información tirada de Galicia Confidencial.

martes, 26 de xuño de 2012

A plataforma GalegoLab impulsa un proxecto que facilita o lecer lúdico en galego


GalegoLab, a plataforma dixital de iniciativas colectivas para promover o galego, segue adiante na súa procura intensiva de espazos onde a lingua xa non se le nin se escoita. Este labor de observatorio do retroceso do galego vénse de manifestar unha vez máis coa posta en marcha de LEGA (Lecer Galego), proxecto que será presentado o xoves 21 de xuño ás 11.30 horas na Libraría Couceiro e que está dirixido a achegarlle á sociedade da nosa terra recursos lúdicos dixitais, xerando contidos baixo licenzas principalmente libres que posibiliten a súa distribución e uso sen barreiras. E todo facendo fincapé nos ámbitos xeográficos, urbanos case todos eles, onde o galego é xa case unha anécdota.
Velaquí os proxectos cos que LEGA bota a camiñar:
Galegogym, un CD de música galega, en Creative Commons, para facer fitness en galego, que contou coa colaboración de artistas como GalegoZ, Zimmer 103 e Projecto Mourente.
• Astronomía básica, un recurso de astronomía orientado a seareiros presentes ou futuros da astronomía. “O proxecto”, informa GalegoLab, “consta de material dixital de astronomía, unha guía de astronomía básica e un DVD do sistema operativo Ubuntu en galego, totalmente funcional para usos xenéricos, e modificado de tal xeito que se engaden programas de astronomía en galego de mapas e atlas celestes (Stellarium e Cellestia)”. Tanto o software coma o navegador ou procesador de textos e o reprodutor de vídeo están completamente en galego. Cómpre destacar que é executable sen instalar. Astronomía básica levouse a cabo en colaboración con Astronomía na Beirarrúa, un proxecto xurdido ao abeiro da Universidade de Santiago e do seu traballo por achegar esta disciplina científica e investigadora á cidadanía de xeito lúdico e participativo.
• Xogos para ordenador totalmente traducidos ó galego: polo de agora (e agárdanse en breve máis achegas) Frozen Bubble e Childsplay.
• Subtitulado ó galego de Sintel, unha curtametraxe de animación desenvolvida pola fundación Blender.
Os recursos de todos os proxectos rematados en GalegoLab estarán tamén dispoñibles para a súa descarga.

Información tirada de Código Cero.

Chega o primeiro gran dicionario inglés-galego


A obra, realizada polo Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo e publicada por 2.0 Editora, ten máis de vinte mil entradas e foi construída a partir dun corpus de traducións orixinal, sen pasar por outros dicionarios, o que permite que os sesenta mil exemplos de frases, en inglés e galego, partan dun corpus real de traducións xa existentes, tanto literarias, especializadas ou científicas coma de fala coloquial.

Máis información en Praza Pública

domingo, 17 de xuño de 2012

EXCURSION A ILLA DE AROUSA

A Illa de Arousa é un lugar cun encanto especial, por todo canto ten que ofertar e tódolos aspectos. O peor de todo: A climatoloxía deste mes de xuño un tanto especial.

mércores, 13 de xuño de 2012

A ENQUISA SOBRE A LINGUA EN EDUCACIÓN INFANTIL

NOTA INFORMATIVA:
Xunto á documentación para formalizar a matrícula na etapa de Educación Infantil, a
Consellería de Educación e Ordenación Universitaria envía unha enquisa na cal se
pregunta pola lingua materna do neno ou da nena. As dúas opcións que se ofrecen son
castelán ou galego.
As familias debedes saber que o resultado da devandita enquisa establece a lingua
que se vai empregar na aula durante os tres cursos da etapa de Educación
Infantil.
Se desde a escola se vos pide ás familias que decidades, debedes ter toda a
información para facelo de xeito responsable, sendo conscientes das consecuencias
que a vosa escolla terá no futuro.
Hai moitas razóns polas cales cómpre elixir o galego para os nosos nenos e nenas:
- Porque necesitan competencia nas dúas linguas para poderen no futuro decidir cal
queren usar.
- Porque é un momento decisivo na súa aprendizaxe e deben saber que o galego é
tamén unha das linguas da escola.
- Porque mellorarán a competencia en castelán e noutras linguas.
- Porque chegarán con mellor preparación ao ensino primario.
- Porque poñerán en valor o que lles pertence como galegas e galegos.
- Porque renunciar a que o galego forme parte do ensino infantil, supón perder a
oportunidade de ilo integrando de xeito natural e sen ningunha dificultade.

Está nas vosas mans facer unha escolla responsable.

Reenviamos a nota informativa da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística sobre a enquisa da lingua galega en Educación Infantil.


http://www.coordinadoraendl.org/doc/Nota%20informativa%20enquisa%20Infantil.pdf






ORDE do 30 de maio de 2012 pola que se convocan axudas para a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial en centros sostidos con fondos públicos, no curso escolar 2012/2013.

Artigo 1. Obxecto da convocatoria e procedemento.
O obxecto desta orde é convocar axudas para a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, en educación secundaria obrigatoria ou en educación especial en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, no curso escolar 2012/2013.
Esta convocatoria tramitarase polo procedemento establecido no artigo 19.2.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que polo obxecto e finalidade da subvención non será necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.
Artigo 2. Requisitos.
1. Para ser beneficiario desta axuda é preciso cumprir os seguintes requisitos:
a) Ser pai/nai/titor ou titora legal do alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, nun centro sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia durante o curso escolar 2012/2013, e non repetir curso neste ano académico. Non obstante, o alumnado que repita 1.º ou 2.º de educación primaria poderá solicitar a axuda, xa que neste ciclo se emprega material que non pode ser reutilizado.
b) Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Para o alumnado de educación primaria e educación secundaria obrigatoria ter unha renda per cápita familiar igual ou inferior a 9.000 euros. Para a determinación da renda per cápita familiar terase en conta o disposto no artigo 6 desta orde.
Artigo 3. Lugar e prazo de presentación de solicitudes.
1. As solicitudes, segundo o anexo I á presente orde, entregaranse nos centros docentes en que estea matriculado o alumnado, segundo se indica a seguir.
Presentarase unha solicitude por cada alumno ou alumna matriculados, de xeito que, se un solicitante ten varios fillos ou fillas matriculados nas ensinanzas obxecto da convocatoria deberá presentar unha solicitude para cada un deles, xa sexa no mesmo ou en distinto centro.
2. As axudas serán solicitadas polos pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado. Por cada alumno ou alumna só se concederá unha axuda por curso escolar, con independencia de que puidese estar escolarizado sucesivamente en dous ou máis centros sostidos con fondos públicos no curso escolar 2012/2013.
3. O prazo de presentación de instancias será o seguinte:
a) Para o alumnado de educación primaria e educación especial: do 2 de xuño ao 2 de xullo de 2012, ambos inclusive.
b) Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo ordinario: do 25 de xuño ao 26 de xullo de 2012, ambos inclusive.
c) Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo extraordinario: do 1 de setembro ao 1 de outubro de 2012, ambos inclusive.
d) Para as novas incorporacións de alumnado que se produzan ao longo do curso con posterioridade aos períodos indicados, sempre que no mesmo curso escolar non estivesen matriculadas con anterioridade nun centro sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo será dun mes e contarase a partir do día seguinte ao da formalización da matrícula. En todo caso, o prazo para presentar a solicitude para as novas incorporacións terá como data límite o 31 de marzo de 2013.

Páxina web da Consellería de Educación na que aparece a convocatoria e se poden cumplimentar os modelos de solicitude:
GRATUIDADE SOLIDARIA.
DOGA de publicación da Orde:
DOG N.º 104







martes, 12 de xuño de 2012

PuntoGal reinvestirá beneficios no fomento do galego nas novas tecnoloxías


A Asociación PuntoGal presentou formalmente onte a candidatura do dominio .gal ante o organismo competente, o Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN). PuntoGal leva seis anos traballando para conseguir que a cultura e a lingua galegas teñan un espazo propio na rede.
Trátase dun labor que conta apoio institucional e financeiro da Xunta de Galicia, que desde 2007 achegou máis de 490.000 euros á asociación para o desenvolvemento das actividades necesarias que permitisen a presentación da candidatura. Deste importe, 213.000 euros corresponden ao convenio asinado este ano entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e A Asociación PuntoGal para financiar os custos de matrícula (145.000 euros), o aval esixido pola entidade, así como as accións de difusión e participación nas actividades que o ICANN e outras entidades vinculadas ao regulamento da rede celebrarán nos vindeiros meses.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, destacou a repercusión económica e cultural que reportará ás empresas e á comunidade contar cun dominio propio en internet. Pereira inaugurou onte a xornada “A candidatura dun dominio de internet para a lingua e a cultura galegas”, organizada pola asociación PuntoGal e na que tamén interveu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
A responsable de Modernización sinalou que cando hoxe alguén dende Galicia rexistra un dominio xenérico, a maior parte dos beneficios da operación marchan fóra. A activación de .gal permitirá que a maior parte da repercusión económica directa quede en Galicia, polo que servirá tanto para captar ingresos de fóra coma para reducir o volume de diñeiro que marcha ao exterior produto do rexistro de dominios.
Ademais, Mar Pereira destacou que para que as empresas que comercialicen na rede produtos en galego (como tradutores automáticos, medios de comunicación, etc.) ou relacionados con Galicia (servizos turísticos, produtos culturais, gastronomía, enoloxía, etc.), ao facelo a través de .gal poderán destacarlle dende o primeiro momento a proximidade física ao cliente, ou a súa especialización no mercado ou nos produtos galegos. Isto axudará a aumentar os ingresos das empresas que aposten polos produtos en galego ou relacionados coa cultura galega.
Pola súa banda, o responsable da política lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, puxo de manifesto que “acadar o dominio .gal é moi importante para a proxección do galego do mundo, e para seguir gañando espazos de uso da lingua no universo de internet”.
Manuel González González, presidente da Asociación puntoGAL e membro da Real Academia, destacou na súa intervención que o .gal servirá para aumentar o prestixio da lingua galega tanto a nivel internacional como dentro de Galicia, favorecendo a súa transmisión ás novas xeracións. González explicou que o .gal estará dispoñible para todas as webs que empreguen o galego ou que fagan nelas referencia á cultura galega.
Autofinanciamento
PuntoGal será unha iniciativa que se autofinanciará. A asociación comprometeuse diante da ICANN a que, unha vez consolidado o proxecto, se reinvistan todos os beneficios en programas que fomenten o galego nas novas tecnoloxías. Así o fai xa a Fundació puntCat coa súa Obra Social dende hai tres anos. Por exemplo, na última convocatoria os beneficios dos rexistros dos .cat servirán para financiar proxectos da sociedade da información en catalán que melloren a accesibilidade ás novas tecnoloxías por parte de persoas con discapacidades físico-sensoriais, que axuden a xerar contidos ou que desenvolvan ferramentas baseadas en estándares abertos.
O .cat, para a lingua e cultura catalás, logrou rexistrar máis de 55.000 identificadores dende a súa aprobación hai cinco anos, o que pon de manifesto a viabilidade dos dominios lingüísiticos.
A ICANN prevé un prazo de doce meses, aproximadamente, para dar o resultado das primeiras avaliacións. Polo que, de entrar na primeira quenda de avaliacións e superar o exame, PuntoGal podería estar na rede a finais do próximo ano.

Información tirada de Galicia Hoxe. Máis ligazóns relacionadas con esta nova en Galicia Confidencial e no web da SXPL. [Cómpre dispor de acceso a internet para as dúas primeiras ligazóns.]

Cultura e Educación e EFE asinan un convenio de colaboración para a difusión do galego

 O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e a representante da Axencia EFE, Ana Martínez, asinaron un convenio de colaboración para a difusión da lingua galega a través das noticias publicadas por esta axencia de comunicación. No acto estiveron presentes o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro.
Coa sinatura deste convenio, a consellería dirixida por Vázquez Abad contribúe a lles dar cumprimento ás medidas establecidas no Plan xeral de normalización da lingua galega de aumentar a presenza da lingua galega nos medios de comunicación de masas, nas industrias culturais e na publicidade, de tal xeito que se garanta unha completa oferta informativa, lúdica, cultural e formativa no noso idioma.
No marco deste convenio de colaboración, a Axencia EFE comprométese a potenciar o uso e a presenza do idioma galego nas noticias que difunde e a garantir un control de calidade lingüística das informacións e contidos publicados ou emitidos en galego. Con esta finalidade, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, forneceralle apoio e asesoramento lingüístico.

Información tirada do web da SXPL.





A Xunta de Galicia premia a creatividade amorosa en lingua galega


O xurado de “Lingua de namorar” acaba de concederlles os premios a seis mensaxes de amor, de entre as 100 máis votadas polos usuarios e usuarias da rede, tal e como establecían as bases do certame.
Na categoría A, de 14 a19 anos, resultou gañador do primeiro premio Christian García Sandamil, da Pastoriza, coa mensaxe “Non cho penso repetir!”; o gañador do segundo premio foi Ángel Manuel Torres Ferradás, de Bueu, coa mensaxe “Beizos que percorren” e a gañadora do terceiro premio foi Paula Lourido Santiago, de Soutomaior, coa mensaxe “Quérote”.
Na categoría B, de 20 a35 anos, Paula Leticia Martínez Regal, de Viveiro, gañou o primeiro premio coa mensaxe “Desde”; o segundo premio recaeu na mensaxe “Elaeu” de Paula Rodríguez Fraga, da Coruña, e o terceiro premio foi para a mensaxe “Sábesme”, de María Beatriz Fernández Vázquez, de Abegondo.

Máis información nos webs da SXPL e do propio concurso.



Galaxia habilita unha aula virtual como complemento aos libros de texto


Na Aula Virtual (http://aulavirtual.editorialgalaxia.es/) de Galaxia estarán dispoñibles os PDF dos libros de texto, así como unha serie de materiais para profesores e alumnos que lles permitirán afondar e mellorar o seu proceso de aprendizaxe na materia de lingua e literatura galegas. Entre outros materiais, os usuarios disporán dunha media de 30 actividades interactivas e recursos multimedia por cada unidade educativa.
Nun apartado específico para os profesores tamén estarán dispoñibles máis de 300 audios descargables para o seu traballo na aula, as propostas didácticas de cada nivel, o solucionario das actividades propostas nos libros de texto e un xerador de exames.
Como novidade fronte a outras propostas, o alumnado poderá traballar tamén dende as súas casas a través do acceso aos contidos interactivos.

Información tirada de Galicia Hoxe, Editorial Galaxia e Código Cero.

Xa se pode descargar o Firefox 13 en galego


Continuando co lanzamento de novas iteracións no navegador web Firefox xa tempos dispoñible para a súa descarga para Windows, Mac OS X e Linux a versión en galego do Firefox 13, que incorpora numerosas melloras de rendemento que serán moi ben recibidas polos usuarios, á vez que incorpora un par de novidades importantes: a páxina de inicio por defecto inclúe accesos rápidos ás Descargas, Marcadores, Historial, Complementos e distintas opcións de configuración; e ao abrir unha nova lapela aparecerán as páxinas máis visitadas para axilizar o noso uso do navegador.
Firefox 13 tamén incorpora o protocolo SPDY para cargar máis rápido as páxinas web que soporten tal tecnoloxía, fai que as lapelas en segundo plano non se carguen inicialmente para axilizar o inicio da aplicación e conta coa opción de desprazamento suave activada de xeito predeterminado.

Información tirada de Código Cero.



VIII Curso de verán de dinamización lingüística


Un ano máis, o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade da Coruña, en colaboración coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), co Concello de Carballo e mais coa Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), convoca o Curso de verán sobre dinamización lingüística, que nesta oitava edición leva por título "Dinamización lingüística e xustiza social". O curso terá lugar no Fórum Carballo, sito no concello de Carballo, os días 18, 19 e 20 de xullo. O prazo de inscrición xa está aberto.
O obxectivo principal deste curso é fortalecer a idea de normalización lingüística como unha causa máis para reivindicar a xustiza social. Ademais, isto servirá para vincular a dinamización da lingua co ecoloxismo, o feminismo, a cooperación para o desenvolvemento, a defensa das persoas desfavorecidas, etc. Procurarase amosar a oportunidade e necesidade de conectar e crear vínculos entre diferentes espazos que procuran unha maior xustiza social. Ao mesmo tempo deseñaranse iniciativas para que os movementos, colectivos, asociacións, etc. que desenvolvan esas causas asuman máis activamente a defensa da normalización lingüística como algo propio que ten que formar parte de seu da súa programación cotiá.

Máis información sobre o xeito de inscrición e o programa do curso no web da CTNL.

Xornada de análise e avaliación dos cursos Celga


A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) organiza a Xornada de análise e avaliación dos Celga, co obxectivo de analizar o sistema de formación e de acreditación e de facer unha proposta de mellora. Terá lugar o 28 de xuño en Santiago de Compostela e o prazo de inscrición está aberto. Pódese acceder á convocatoria completa e mais ao programa aquí.
Obxectivos xerais
-Analizar e avaliar o sistema de acreditación do coñecemento de galego.
-Analizar e avaliar o sistema de formación en lingua para persoas adultas.
-Facer unha proposta de mellora tanto do sistema de acreditación coma do sistema de formación en lingua galega.
Contidos que se tratarán
-Análise e avaliación xeral da implantación dos Celga dentro do proceso de normalización lingüística: a capacitación real da cidadanía e do persoal da administración e os requisitos en procesos selectivos, listaxes de contratación, etc.
-Análise e avaliación do sistema de acreditación dos Celga: as validacións e o modelo de acreditación.
-Análise e avaliación dos cursos de formación preparatorios: organización e xestión, metodoloxías e contidos, profesorado, selección de persoal e condicións laborais, etc.
-Proposta xeral de mellora do sistema.
Persoas destinatarias
-Profesorado colaborador de cursos Celga.
-Avaliadores das probas Celga.
-Técnicos de normalización lingüística.
-Responsables de entidades relacionadas coa lingua.
-Persoas interesadas en xeral.
Lugar
-Aula 12 da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela
Dinámica da xornada
-A idea é que esta xornada sirva para analizar e avaliar tanto o sistema de acreditación do coñecemento do galego e a súa implantación coma o sistema de formación en lingua para persoas adultas, e a partir de aí facer unha proposta de mellora. Para iso, na xornada haberá diversos relatorios e mesas de traballo sobre aspectos concretos do sistema e espazos para o debate. Partirase dun documento base de análise e proposta que será discutido, completado, etc. Este borrador-proposta de documento seralles remitido ás persoas anotadas uns días antes da xornada.
Inscrición
-A inscrición é de balde, e debe facerse a través do formulario que se atopa no web da CTNL ao que remitimos ao final desta información.
-O número de prazas está limitado a 100, que se adxudicarán por orde de inscrición, dándolles preferencia, en todo caso, aos socios da CTNL.
-O prazo de inscrición remata o 23 de xuño, e a listaxe de persoas admitidas publicarase no web da CTNL o día 25 de xuño.

Información tirada do web da CTNL.

O xornal dixital en lingua galega Sermos Galiza chegou aos quioscos o 8 de xuño


Sermos Galiza, novo medio dixital galego, acaba de comezar a súa andaina no eido tradicional de distribución xornalística, isto é, na da súa versión en papel, que foi dende o comezo da iniciativa un obxectivo clave a perseguir.
Así, Sermos Galiza quixo dende os seus primeiros pasos cubrir non só o baleiro deixado por medios como Galicia Hoxe ou A Nosa Terra, senón tamén dar conta de certa ausencia dunha canle de información xeral, non específica, que o cubrise todo: dende os espazos 2.0 de vangarda até os revisteiros dos nosos fogares, locais hostaleiros ou centros sociais, arestora ben deficitarios de información en galego.
Segundo informan dende Sermos Galiza, cada sexta feira (venres) desde o próximo día 8 de xuño os quioscos recibirán un novo número do semanario. As persoas que optaren pola subscrición terán no seu domicilio o xornal a través dun “sistema áxil de distribución de imprensa que garantirá a chegada no mesmo día”. Un sistema de repartición de prensa, explícase, empregado para a entrega de xornais diarios facilitará a distribución nos núcleos urbanos. Na zona rural será distribuído por medio do servizo de correo postal. A subscrición é posible facela directamente premendo na ligazón da cabeceira do diario dixital.
“As persoas que mercaren ou se subscribiren ao xornal semanal terán nas súas mans uns contidos informativos diferentes aos que Sermos Galiza ofrece na rede”, sinálase. Así, a idea é que o semanario conte con pezas de máis demorada elaboración e lectura, seccións fixas e xéneros como a reportaxe, entrevistas ou artigos de reflexión e análise.

Información tirada de Código Cero.





luns, 4 de xuño de 2012

Ampliación do prazo de matrícula de FAMPA CUNTRYSIDE CAMP

Ampliamos o prazo de matrícula do campamento ata o vindeiro venres 8 de xuño ata ás 13:00 hrs. Nese mesmo día publicaranse as listaxes definitivas.
E PODERAN MATRICULARSE O ALUMNADO DE SEXTO DE EDUCACIÓN PRIMARIA.
Dende a Federación Provincial de ANPA de Centros Públicos de Pontevedra, queremos presentarvos, por terceiro ano consecutivo, o programa educativo FANPA COUNTRYSIDE CAMP, un Campamento de Inmersión Lingüística en inglés, para os/as alumnos/as da ESO e Bacharelato dos Centros da Provincia de Pontevedra.
Ofertamos a posibilidade de vivir 24 horas en inglés, os sete días da semana. Pensamos que a través dos Campamentos, as competencias lingüísticas que o alumnado adquiriu ao longo do curso poden ser postas en práctica mediante a contextualización dos contidos lingüísticos e non lingüísticos, proporcionando os/as rapaces/zas unha situación de inmersión na lingua inglesa.
As familias pertencentes a ANPA asociadas á FANPA terán subvencionado parte do custo do citado campamento, a continuación indicamos as distintas cotas:

PREZOS:
205.00 € neno/a socio/a ANPA federada.
265.00 € non socio/a e de ANPA non federadas.
325.00 € neno/a colexios concertados.
Para calesqueira información, non dubidedes en poñervos en contacto con nós.
Nos vindeiros días anexaremos a ficha de inscrición e indicaremos toda a documentación precisa para participar no citado campamento.
MOURISCADE:

cartel

Programacion e organigrama

Preinscrición doc

Preinscrición pdf

Sección de recordos e bos momentos do campamento do verán do 2011.