xoves, 28 de febreiro de 2013

O Supremo avala o modelo de inmersión lingüística en Catalunya

O Tribunal Supremo desestima o recurso contra o modelo educativo catalán que avalou o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya. A familiaque interpuxo recurso quería que se mudara todo sistema educativo.
O sistema de inmersión lingüística continuará en Catalunya. O Tribunal Supremo (TS) desestimou o recurso presentado pola familia que exixía que mudara e se impuxera a introducción do castelán no seu sistema educativo.
Queda ratificado, deste xeito, a decisión que tomou o pasado 8 de marzo de 2012 o Tribunal Superior de Justícia de Catalunya (TSJC) en relación a este caso. Daquela o alto tribunal aceptou a petición de que as familias que o solicitaran tiveran a posibilidade de introducir o castelán como lingua vehicular mais rexeitaba que este aspecto afectara a toda a rede de ensino de Catalunya.
A reclamación que agora o TS rexeita comezou en 2004 cando unha familia con nen@s en 2º de ESO e 3º de Primaria solicitou que o castelán se introducira como lingua vehicular como o catalán. Aliás, exixia que a documentación que enviaba o centro estivera en castelán. Sentencias e recursos chegaron ao día de hoxe coa resolución final que acepta a petición a título persoal mais rexeita que se faga con carácter xeral.
Wert sen argumentos
Desde a Generalitat a satisfacción pola sentenza do TS é evidente. A conselleira de Ensino, Irene Rigau, sinalou que agora o ministro de Educación español, José Ignacio Wert, queda sen argumentos para mudar o sistema. "A memoria da LOMCE di que, posto que a Generalitat non cumpre as sentenzas, hai que mudar de modelo", sinalou aos medios de comunicación, "agora ou muda o articulado da lei ou muda o argumentario".

mércores, 27 de febreiro de 2013

Interpelación urxente no Congreso. O PSOE lanza unha ofensiva contra a "subordinación da escola pública á privada"

O PSOE lanzará este mércores unha ofensiva parlamentaria en contra da "subordinación da escola pública á privada" a través da defensa dunha interpelación urxente no Congreso, así como de dúas preguntas ao titular de Educación na sesión de control ao Executivo na Cámara Baixa.
Así, o voceiro socialista de Educación no Congreso, Mario Bedera, interpelará no Pleno ao ministro de Educación, Cultura e Deporte, José Ignacio Wert, sobre as intencións do Goberno respecto da reforma do sistema educativo.
Bedera denunciará que o proxecto de reforma no que traballa o Goberno "rompe co principio de igualdade de oportunidades" e é "claramente nocivo, segregador, elitista, recentralizador e confesional".
Ao seu xuízo, a reforma educativa responde a unha "profunda contrarreforma ideolóxica", á parte de que "se está a facer de costas á comunidade educativa" e "sen o consenso das comunidades autónomas".
Con iso, os socialistas cren que a reforma do ministro Wert "non" axuda a combater o fracaso escolar", senón que supón "o retorno a un sistema educativo que segrega os alumnos a idades cada vez máis temperás, recuperando as antigas reválidas despois de cada etapa educativa".
Na súa opinión, o Goberno quere impoñer un modelo de educación dual no que o determinante será a renda familiar, rematando coa igualdade e dificultando o acceso e a permanencia dos mozos no sistema educativo.
Respecto á memoria económica do proxecto, o PSOE critica que esta contempla menos programas de apoio escolar, conxelación da oferta de prazas de 0 a 3 anos, unha diminución adicional de profesorado e financiamento de colexios que segregan por sexos.
Por outro lado, o deputado socialista Federico Buyolo cuestionará a Wert na sesión de control ao Executivo sobre se o Goberno pensa que a súa reforma educativa aposta pola educación pública, ao mesmo tempo que o deputado César Luena, lle preguntará cal é a súa opinión acerca de se a súa política de bolsas favorece a igualdade de oportunidades.
Dende o Grupo Popular, a voceira en materia de Universidades no Congreso, María Jesús Moro, interpelase igualmente a Wert sobre cal é a valoración que realiza o Ministerio sobre o informe do sistema universitario español, elaborado pola comisión de expertos para a Reforma do Sistema Universitario Español.

Rexeitada a petición da oposición de retirar a LOMCE. O Congreso insta o Goberno a apostar por un "sistema eficiente" de bolsas

O Pleno do Congreso deu luz verde á proposta de resolución do PP ao Debate sobre o Estado da Nación á educación e, en concreto, quere que o Goberno aposte por un "sistema eficiente" de bolsas xerais "como instrumento real para garantir a igualdade de oportunidades na educación".
Os 'populares' contaron nesta proposta de resolución co apoio de Foro de Asturias e UPN, mentres que CiU e UPyD se abstiveron, á vez que o resto da oposición votou en contra desta.
Ademais, as propostas de resolución formuladas pola oposición foron todas rexeitadas polos 'populares', que contan con maioría absoluta no Hemiciclo, e nelas esixían ao Executivo un aumento da contía e o número das bolsas "tras os recortes", así como a retirada da reforma educativa, recollida no borrador do anteproxecto de Lei Orgánica de Mellora Educativa (LOMCE).

REDUCIR O ABANDONO ESCOLAR TEMPERÁN

Así as cousas, o Congreso insta ao Goberno a adoptar as medidas oportunas para reducir o abandono escolar temperán e mellorar o nivel de calidade do sistema educativo español e o nivel de formación dos mozos españois, despois de que "desafortunadamente" a taxa de abandono escolar temperán en España en 2011 fóra de 26,5 por cento, case o dobre da media da UE.
A través do Estatuto do Docente No Universitario, o Pleno aprobou pedir o Goberno que estableza as regras fundamentais da profesión, así como o recoñecemento da autoridade do profesor. Igualmente, formúlase potenciar a internacionalización das universidades españolas, así como traballar coas comunidades autónomas e universidades no desenvolvemento dun sistema integrado de información universitaria.

"NON AOS RECORTES E AOS COLEXIOS SEGREGADORES"

Dende o PSOE, por exemplo, que tamén dedicaba unha das súas 15 propostas de resolución do Debate do estado sobre a Nación á Educación, pedíase á Cámara Baixa que renunciara a levar a cabo unha reforma educativa "segregadora, elitista, economicista e confesional, ás costas da comunidade educativa e sen respectar as competencias autonómicas, tanto na orde educativa coma no lingüístico,".
Do lado nacionalista, CiU formulaba a retirada da LOMCE, así como un pacto pola educación coas forzas parlamentarias e as administracións competentes, ademais das cales se incrementasen anualmente o número e contía das bolsas e axudas ao estudo, á parte de revisar a aplicación do IVE ás actividades educativas complementarias da educación obrigatoria e non se lles aplicase o tipo impositivo do 21 por cento.
Por parte do PNV, instábase o Goberno a retirar o anteproxecto de reforma educativa, para a elaboración doutro texto sobre unhas bases "consensuadas" con toda a comunidade educativa.
Precisamente, o voceiro dos nacionalistas vascos reprochou ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, durante o Debate do estado sobre a Nación que o texto do Goberno relegaba ao éuscaro a "a marxinalidade", á vez que quería transformar o sistema educativo bilingüe de Euskadi cando é de "éxito" e só porque hai problemas noutras comunidades autónomas.
IU á súa vez tamén esixía a retirada da LOMCE, así como o decreto de reforma educativa, de igual forma que se reducieran as taxas universitarias e aumentásense as bolsas, incrementásense os presupostos en Educación, ademais da cal o ensino da relixión quedase fóra do horario escolar.
Dende Coalición Canaria propoñían que, dentro do ámbito universitario, se implementar un paquete de medidas económicas e fiscais que impulsasen a formación integral dos universitarios, especialmente no campo das prácticas en empresa e que permitisen, así mesmo, que as universidades públicas canarias servisen de punta de lanza da Unión Europea nas políticas de desenvolvemento e innovación nos países africanos próximos.

´ A Lomce terá uns efectos perversos nos colectivos máis desfavorecidos ´ "Os centros escollerán que estudantes queren para manter resultados, e non ao revés"

A Casa da Cultura de Silleda acolle mañá ás 20.00 horas unha charla do catedrático Jurjo Torres sobre a Lei Orgánica para a Reforma da Calidade Educativa (Lomce), máis coñecida como Lei Wert. O colectivo Movemento Dezao polo Ensino Público organiza este acto.
-É necesaria unha reforma apenas 20 anos despois da entrada en vigor da Logse?
-Con esta proposta queda claro que cada goberno intenta facer leis conforme aos seus intereses, provocando ademais unha sensación entre o profesorado de que cada novo sistema non será duradeiro. É máis, Educación propón unha reforma que carece de diagnóstico propio e cuxa única referencia é o informe PISA, que enriba malinterpretar porque. O ministerio non ten en conta que existen comunidades autónomas cuxos resultados educativos están por enriba da media.
-Precisamente, un dos obxectivos que se marca a lei é que os centros alcancen un rendemento académico xa marcado, mediante reválidas. A que conducirá este sistema?
-Sen dúbida, o único que vai conseguir é que alumnos e profesores se esforcen en aprender trucos para superar esas reválidas, algo similar ao que acontecía en COU, cando se preparaban os exames de Filosofía en función de cantas veces caera no Selectivo Marx ou Platón. Sempre se dixo que as familias escollen onde estudan os seus nenos, pero iso é mentira. Coa nova norma será ao revés, porque os centros só quererán a determinados estudantes para manter os seus resultados, de modo que non terán cabida alumnos inmigrantes ou con minusvalideces, condenados a estudar en guetos e con escolas con menos recursos. Esta lei vai ser unha bomba para todo o sistema educativo e terá uns efectos moi perversos sobre os colectivos sociais máis desfavorecidos. Non se pode comparar, por exemplo, un grupo de 20 alumnos dun colexio do Opus Dei, con formación e ámbito similar, cunha clase de 20 alumnos dun centro público con nenos inmigrantes que apenas coñecen o idioma e discapacitados, por exemplo.
-Vostede recorda que en 1983 España tiña unha alta porcentaxe de abandono escolar en nenos de só 9 ou 10 anos. En 1987 o PSOE conseguiu implantar a escolarización obrigatoria ata os 14 anos, que coa Logse pasaría aos 16. A Lei Wert prima os mellores centros e pretende que un neno de 14 anos decida que estudar. Corremos o risco, co tempo, de nenos que queden sen escolarizar?
-Non tanto como iso, pero si existirán novos cunha escolarización inxusta, porque a día de hoxe España xa recortou 6.500 millóns de euros en Educación e en 2015 terá que rebaixar outro punto o seu PIB, co que haberá máis axustes. E, polo tanto, haberá nenos cos seus pais no paro, sen diñeiro para material escolar e libros e, quizais, sen axudas para o comedor. Non podemos esquecer que, segundo un informe da Unesco, en España existen xa 2,3 millóns de nenos que viven por debaixo do albor da pobreza. Está claro que os que redactaron esta lei pensan que todos os rapaces van a colexios como os dos seus fillos.
-Servirán as protestas cidadás para, polo menos, modificar o proxecto?
-Polo menos facémonos oír. O goberno quere equiparar a España con países que, como Finlandia, levan máis de 100 anos investindo moito diñeiro en Educación, ou con Alemaña, que ten unha estrutura industrial moito máis forte que España e que, polo tanto, ofrece un maior mercado de traballo. Finlandia, hai anos, impuxo recortes considerables en Educación e agora cúlpase de ter perdido a formación dunha xeración.

Feijóo saca adiante uns Orzamentos blindados pola policía

"Os cartos para Galiza e non para Suíza", "menos asesores e máis traballadores", "o PP privatiza, miseria para Galicia", "queremos traballar e non emigrar" ou, simplemente, "non aos recortes en educación". Son algúns dos berros que se escoitaban este martes nos arredores do Parlamento de Galicia, concretamente do outro lado da ringleira de axentes da Unidade de Intervención Policial -antidisturbios- que, chegados en oito furgóns, blindaban o Pazo do Hórreo e as rúas máis próximas durante a aprobación definitiva dos Orzamentos Xerais para 2013. "Menos policía e máis educación", clamaban os manifestantes mentres os deputados e deputadas do PP rexeitaban as máis de mil emendas presentadas polos grupos da oposición ao seu proxecto económico.
Persoal da Xunta dende os servizos xerais ao Sergas, avalado pola totalidade das centrais sindicais uniu aos seus berros aos dos traballadores e traballadoras da Universidade de Santiago e aos estudantes da mesma institución académica. Con matices, a protesta era común: opoñerse aos recortes e ao "atentado" que estes supoñen "aos servizos públicos", explicaba ante a prensa Anxo Louzao, da CIG-Ensino. "Vanse aprobar uns orzamentos antisociais, que van destrír emprego e van poñer en tea de xuízo os servizos públicos, fundamentais en calquera sociedade democrática", abonda. A poucos metros e dun xeito máis retranqueiro dous traballadores da Xunta interpretaban retranqueiramente e por partida dobre o personaxe do ex tesoureiro do PP, Luis Bárcenas. Na súa opinión, quen protestabaneran uns "indecentes" e á prensa cumpría convidala a un "descafeinado", pero "de sobre".
Entre ironías, protestas e tensións cuns antidisturbios que mesmo chegaron a identificar algúns dos xornalistas parlamentarios que cubrían a mobilización, o blindado Parlamento sacaba adiante os primeiros orzamentos do segundo mandato de Feijóo. O proxecto que agora xa é lei retrotrae a Xunta a "niveis de 2006" no que atinxe á súa capacidade de gasto, reducida en algo máis de 220 millóns de euros a respecto de 2012 e que fica limitado en 8.700 millóns. Por tras destas grandes cifras está, por exemplo, un recorte de 160 millóns de euros nas consellerías sociais -Sanidade, Traballo e Benestar e Educación-, sobre as que o gabinete conservador fai recaer o 71,6% da retallada global. De todas as consellerías, a única que manexará máis cartos que hai doce meses é Facenda, con 2,3 millóns de euros máis.
De onde se recorta?
Pero estas tesoiradas non deixan todo o orzamento a niveis de 2006. Ben ao contrario, hai partidas económicas que quedan moi por baixo dese nivel, caso por exemplo dos programas de fomento da lingua galega, financiados en 2013 con 7,5 millóns de euros, 14,5 millóns menos dos que lle asignaba o Goberno de Manuel Fraga no devandito ano 2006. Recórtase en lingua e tamén en cultura, a área que noutrora foi unha consellería e que desta volta ten asignados un 30% menos de recursos que no anterior exercicio económico. Dos 61,3 millóns de euros que manexará o departamento cultural 10,4 van parar á Cidade da Cultura, complexo no que seguen aumentando os gastos de conservación e mantemento mentres baixan os da programación cultural propiamente dita.
Un destino semellante ao das partidas culturais é, por exemplo, o das que financian a cooperación para o desenvolvemento, unha das áreas que saen peor paradas, xa que os seus 4,2 millóns de euros son un 64% a respecto dos derradeiros orzamentos do bipartito. Un chisco menor é a caída que experimentan as políticas activas de emprego, uns programas nos que a retirada dofinanciamento estatal non foi compensado con máis cartos autonómicos, perdendo en 2013 catro de cada dez euros.
De onde non se recorta?
Así e todo, no océano dos recortes hai pequenas illas nas que cabe o mantemento ou mesmo o incremento de fondos. É o que acontece, por exemplo, no apartado que o orzamento reserva ao pagamento da débeda pública, dotado en 2013 con 1.110,9 millóns de euros -en 2012 foron algo máis de 830 millóns-.Dentro deste programa de gasto soben tamén as partidas dedicadas a pagar xuros. Segundo os cadros orzamentarios da Consellería de Facenda durante 2013 sairán das arcas autonómicas 290,91 millóns de euros para a partida de "xuros de debeda pública e préstamos", mentres que no exercicio anterior a cifra quedou en 286,80 millóns.
Tamén no ámbito cultural e lingüístico hai áreas que escapan dos recortes, aínda que non aqueles nos que o sector reclama un maior compromiso da Administración autonómica. É o caso, por exemplo, da Fundación Cela, organismo que agora é público e que en 2013 conta cunha subvención á explotación procedente da Xunta que ascende a 265.334 euros, exactamente os mesmos que na anterior anualidade. Nun sentido semellante, a Secretaría Xeral de Política Lingüística salva da queima determinadas partidas que teñen como destino centros educativos e organismos privados.

martes, 26 de febreiro de 2013

"O falso debate entre lingua propia e plurilingüismo é unha aberración"

La Bressola, escoles laiques catalanes de la Catalunya del Nord, é unha asociación que, dende os anos setenta, impulsa unha rede de escolas populares nos territorios administrativamente pertencentes á Francia que teñen o catalán como lingua propia. Na Catalunya do Norte atenden uns 800 alumnos e alumnas cada curso académico dende os dous anos de idade ata o remate do ensino obrigatorio, as xeracións das que depende a "supervivencia" da lingua catalá neste territorio, explican. Durante unha visita á asociación compostelá A Gentalha do Pichel para compartiren a súa experiencia a directora da asociación, Eva Bertrana, o seu director pedagóxico, Francesc Franquesa, e o membro da súa xunta directiva Joan Ridaura conversan con Praza Pública sobre o labor educativo das escolas a as semellanzas e diferenzas da súa realidade lingüística a respecto da galega.
Parte das reformas lingüísticas desenvolvidas polo actual Goberno galego asentáronse nunha dicotomía entre inmersión e plurilingüismo na escola. Ten sentido, dende o punto de vista educativo e pedagóxico?
Francesc Franquesa: Utilizando verbas que non son nosas, que son de Joan-Loís Blenet, presidente de Calandreta [Confederación Occitana de Escolas Laicas]: "ninguén pode aprender nada mollándose ata a cintura". É moi difícil aprender unha lingua e ser quen de utilizala sen estar no sistema de inmersión, onde debas utilizala para poder vivir dentro da escola. Nós somos partidarios do sistema de inmersión.oan Ridaura: O falso debate da dicotomía inmersión versus plurilingüismo é unha aberración, porque a aprendizaxe dunha lingua, máis aínda cando é a propia, non é un impedimento para aprender outras. É un falso debate.
Esta dicotomía pode ser unha vía para, socialmente, tender a tratar a lingua propia como un idioma estranxeiro?
Eva Bertrana: Cómpre termos en conta o tempo de exposición dos nenos e nenas á lingua. Se non é en inmersión, ese tempo fica moi limitado cando fóra da escola, no noso territorio todo se desenvolve en francés. Máis horas terán os nenos nun ambiente inmersivo en catalán, aínda que sexa de oito da mañá a seis da tarde, na aula, no comedor, no patio... Isto representa un terzo do tempo de exposición da persoa. No noso caso, a maioría das familias son francófonas, despois a televisión, as tendas... todo está en francés.
É dicir, que o francés non está en perigo... igual que aquí non o está o castelán
Eva: É, por así dicilo, a lingua do imperio e hai que compensalo cunha exposición á lingua propia, á do territorio.
Quen coñece máis dun idioma ten máis posibilidades de acceder a outras linguas?
Joan: No caso que estamos falando, de escolas inmersivas cun entorno con outra lingua dominante, hai estudos de Jean Petit e doutros moitos que mesmo din que un neno bilingüe ten moitas máis facilidades para aprender outras linguas, ademais de desenvolver partes do cerebro que non desenvolven os nenos e nenas monolingües. Mesmo hai teorías que apuntan que os críos que teñen este bilingüismo natural son moito máis respectuosos coa diversidade que os monolingües. Quen sabe que isto, dependendo do entorno, é unha taula, unha table ou unha mesa, dalgún xeito saben que a verdade absoluta non existe.
En Galicia creouse o programa das Galescolas dende a Xunta, que o actual goberno eliminou. Agora desenvólvense experiencias comunitarias a pequena escala, como a Semente en Compostela, como as valoran como vía, en ausencia de recursos oficiais?
Francesc: Vista a realidade do territorio, parécenos imprescindible que existan estas vías. É moi positivo que sexan iniciativas populares, asociativas, cooperativas. No noso caso son escolas asociativas e aí está o outro debate típico, do público e do privado. Parece que só hai dous modelos e custa moito facer chegar este terceiro modelo, que non é nin público nin privado, que é popular e asociativo. Hai un traballo constante no que nós, despois de trinta anos, seguimos...
Eva: ... xustificándonos. Cando interesa, as institucións públicas dinnos que somos privados. Custa moito facer entender esa terceira vía, de escola popular.
A relación coas administracións públicas é difícil, polo tanto? Ou préstanlles apoio?
Eva: Temos experiencia de trinta e sete anos. Durante os primeiros cinco anos víannos como catro chalados que queríamos facer unha escola. Tivemos decontado a posibilidade de termos locais municipais, ao cabo de dous anos. Pero o obxectivo insitucional era que, como estábamos chalados, dábannos un local e dicían "que empecen, van marchar e van caer e nós non teremos ningunha culpa". Despois, ao cabo de cinco, seis, dez anos... Cando vían que a cousa non caía e pedíamos axuda, xa fose en forma de financiamento ou doutro xeito, tivemos unha etapa de moita dificultade. Cando a cousa comezou a se facer grande  comezamos a molestar. E está a terceira etapa, na que se decatan de representamos a 800 alumnos, o duplo de pais co duplo de votos, avós, tíos... e que é unha realidade que cómpre ter en conta, agrade ou non. Algúns cren máis e outros menos, pero agora hai unha boa aceptación do proxecto. Traballouse moito co noso método pedagóxico, ven que é un método que funciona e temos unha moi boa reputación
Joan: Ao formarmos parte do territorio e da realidade norcatalá hai efectos secundarios moi positivos. Coa existencia da Bressola como asociación e con vontade de crecemento fixo que municipios que non tiñan ningunha liña bilingüe no seu municipio, ao pensar Bressola en implantarse, [o Ministerio de] Educación Nacional abre unha liña bilingüe. O efecto da Bressola non é só sobre os alumnos que nós acollemos, senón que acaba provocando un movemento de fichas nas institucións.
En Galicia un dos debates máis intensos foi o provocado pola intención gobernamental de que as familias decisisen se querían galego ou non nas aulas. Como o ven, dende unha experiencia como a súa?
Eva: En Catalunya Nord fixéronse enquisas que demostraron que máis da metade das familias querían que os nenos aprendesen en catalán, pero non se puxo en práctica.
Joan: Dixeron que se abriría un maior acceso á escolarización en catalán sempre e cando as familias o solicitasen. Fíxeron unha enquisa hai uns doce anos para saber as porcentaxes e cando as viron, remataron as preguntas porque non lles interesaba o resultado.Francesc: Esas liñas bilingües son complementarias e positivas. É un traballo distinto, de menor alcance que o que facemos nós, pero axuda a construír e a dar unha certa normalidade á lingua dentro do territorio.
Eva: Nós temos unha demanda duns 100 alumnos ao ano que quedan na porta e as liñas bilingües veñen compensala. Fáltannos medios e locais e isto é complementario, aínda que a inmersión é imprescindible en Catalunya Nord, porque nos últimos trinta ou corenta anos o nivel de lingua baixou ata o punto de que xa non se trata da recuperación, senón da supervivencia, e iso depende da xeración que nós podemos formar no uso da lingua. Unicamente no sistema de inmersión se sae da latinización e se pon ao alcance a posibilidade de utilizar a lingua con naturalidade.
Joan: Ás liñas bilingües teñen un handicap: que dependen de cada profesional que está por tras. Pódense atopar centros onde o alumnado só aprende un par de cancións en catalán e noutros con docentes con boa vontade e dinamismo que chegan a case un 50% do horario.
Ante todo isto, podemos concluír que o alumnado que sae educado de escolas inmersivas non ten ningunha carencia, senón todo o contrario?
Eva: Aínda que a escola sexa de inmersión total, o neno sae bilingüe total. Non sae falando catalán unicamente. O obxectivo é que o alumnado saia bilingüe, e a única maneira é que a escola sexa unicamente en catalán, non hai outro segredo. Manexamos outras posibilidades, pero non hai outra solución.
Joan: Os nenos en cuxo entorno teñen como lingua o catalán, saen tamén cun perfecto dominio das dúas linguas. Os medos que se pretenden inculcar son falsidades absolutas.
Francesc: Hai casos de alumnos coa nai chinesa e pai inglés, que na escola falan catalán e con cinco ou seis anos falan francés, porque é imposible non falalo, dado o contexto. Non hai ningún risco posible de non aprendelo, é unha garantía absoluta.

luns, 25 de febreiro de 2013

A Rede de Dinamización Lingüística festexa o Día Internacional da Lingua Materna


A RDL celebrou esta data (o 21 de febreiro) coa aprobación dunha declaración conxunta das máis de 130 entidades que compoñen a Rede, declaración que leron o alcalde e deputado provincial Carlos Calvelo Martínez e mais o secretario xeral de Política Lingüística e presidente da RDL, Valentín García, durante o acto central da conmemoración, que tivo lugar na Escola Infantil Municipal de Arteixo.
A lectura da declaración foi seguida do concerto "Arrolos no colo da fala" para os nenos e nenas da escola infantil, acompañados das súas familias, a cargo de Xavier Díaz e Guillerme Fernández.

O libro, eixe da educación en lingua materna

O lema elixido este ano pola UNESCO para a conmemoración do 21 de febreiro foi "O libro, eixe da educación en lingua materna". Deste xeito, quérese chamar a atención sobre a importancia do material escrito e lembrar que o apoio ás linguas maternas consiste tamén en promover a produción de libros –incluídos os materiais escolares e as publicacións en formato dixital– nos idiomas locais.

Máis información e declaración no web da SXPL.





"Que todos saiban que hoxe a gaita galega non chora, que canta"

Lecturas colectivas, ofrendas florais, videos e unha Alborada interpretada por medio cento de grupos de gaiteiros homenaxearon a Rosalía conmemorando o nacemento da poeta. Os actos de homenaxe comezaran o venres coa lectura de poemas de Cantares Gallegos en ducias de centros de ensino de todo o país e continuaron o sábado con lecturas colectivas en todas as cidades e vilas. Pero os actos centrais das homenaxes desta fin de semana estaban reservados para este domingo 24, Día de Rosalía e aniversario do nacemento da poeta.
A Fundación Rosalía de Castro celebrou hoxe en Santiago e en Padrón senllos actos institucionais. Ás 10 da mañá o seu presidente Anxo Angueira, o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, e o alcalde de Santiago, Ángel Currás, fixeron unha ofrenda floral no monumento a Rosalía na Praza de Vigo, preto de onde naceu a escritora. Ás 12 horas tivo lugar na Casa-Museo o acto nacional do Día de Rosalía, ao que asistiron múltiples autoridades, encabezadas por Jesús Vázquez, conselleiro de Cultura, e os alcaldes de Vigo, Santiago, Padrón e Ames. Anxo Angueira, presidente da Fundación, aproveitou o acto para presentar o proxecto do 150 aniversario de Cantares Gallegos. En decembro a Fundación espera reinaugurar a Casa de Rosalía.
De igual xeito, no Panteón de Galegos Ilustres, a AELG celebrou un acto nacional onde se leron poemas de Cantares gallegos, ademais de realizarse unha ofrenda floral. Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Xina Vega, leron o manifesto, e Marilar Aleixandre, Marta Dacosta, Alicia Fernández, Pilar García Negro, Inma López Silva, Teresa Moure, Mercedes Queixas e Helena Villar Janeiro leron poemas.
O outro gran evento da xornada foi a interpretación colectiva da Alborada de Rosalía a cargo de case setenta grupos de gaiteiros e gaiteiras en toda Galicia e tamén en Cork, Madrid, París ou Bos Aires. O seu seguimento en redes sociais tamén foi masivo, utilizando o hashtag #AlboradaRosalía. O manifesto da Asociación de Gaiteiros Galegos, a Fundación Rosalía de Castro, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo péchase dicindo que "puxo o maior coidado en reproducir o espírito do noso pobo, velaí o mesmo espírito que aniña nos punteiros todos das gaitas. Somos atrevidos, queremos mil, cen mil gaiteiros máis para Galicia, e guiados por aqueles Cantares queremos tocar unha alborada de gloria. Que todos saiban que hoxe a gaita galega non chora, que canta".

Rosalía vibra durante tres días en centros de ensino, asociacións e concellos

Máis de cen centros de ensino responderon á chamada da AELG e están a organizar hoxe sexta feira recitais poéticos arredor da obra de Rosalía de Castro. Asociacións e concellos súmanse mañá á festa Rosaliana que rematará o domingo, aniversario do seu nacemento, no Panteón de Galegos Ilustres nos actos organizados pola Asociación de Escritores.
Por todo o país e destinado a todas as xeracións. Así foi a festa de tres días que preparou a Asociación de Escritores en Lingua Galega e que hoxe, día lectivo, está a se desenvolver en máis de cen centros de ensinos que remitiron á entidade as súas propostas de actividades para hoxe. Recitais poéticos, proxectos audiovisuais e literarios son as principais iniciativas das que a web da AELG se fai eco e recolle para mostrar a dimensión social da conmemoración e o dinamismo das novas xeracións á hora de facerlle a Rosalía a súa festa de aniversario. Neste sentido, a secretaria xeral da AELG, convida a través dun artigo en Sermos a converter a Rosalía en trending topic co hastag #Díade Rosalía.
A ritmo de rap e blues soarán hoxe tamén os versos de Rosalía en Pontevedra, no espectáculo "Rosalía Agora" que prepara a Concellaría de Cultura da cidade no Teatro Principal para as 20 horas. Aid e Sés porán a música nun encontro conducido por Comba Campoy e no que recitarán os seus versos Marga do Val, Rosalía Fernández, Elvira Ribeiro e Anxo Angueira.
Tamén o sábado será día rosaliano e arredor de corenta concellos e asociacións preparan a súa celebración polo país enteiro, alén doutras localidades do exterior como Madrid ou Bruselas. Roteiros, recitais e conferencias terán lugar con distintos formatos a través de todo o territorio galego.
A AELG pechará as tres xornadas de actos o día do aniversario da escritora, cando no Panteón de Bonaval se lle renda a homenaxe máis solemne con recital poético, a intervención do coro de Solfa, unha ofrenda floral e a lectura dun manifesto no que se reivindica a figura de Rosalía e a apertura pública do espazo no que está soterrada.
Nese día a Fundación Rosalía e a Academia desenvolverán tamén actos institucionais na Praza de Vigo de Compostela e na Fundación Rosalía de Castro en Padrón, nunha xornada que comezará coa Alborada a soar polo país enteiro da man da iniciativa promovida pola Asociación de Gaiteiros.

"Rosalía non entende de donos; naceu libre e está viva"

 A proposta tamén da AELG, un grupo de escritoras, con convocatoria a través das redes sociais, elaboraron un video colectivo que ten como obxectivo "seguir o exemplo de conciencia e rebeldía da grande escritora ao recitar os seus versos desde o presente". A cineasta Raquel Rei encargouse de editar e montar as imaxes nas que participaron, entre outras, Mónica Caamaño, María do Cebreiro, María Xosé Queizán, Teresa Seara, Helena Villar Janeiro, Xulia Alonso, Eva Veiga, Yashmina Shawk, Begoña Paz, Mónica Bar, Rosa Enríquez, Lucía Novas, Inma López Silva, Estíbaliz Espinosa, Laura Bugalho, Rosalía Fernández Rial, Verónica Martínez, Rexina Vega ou Comba Campoy.

venres, 22 de febreiro de 2013

E por fin, twitter en galego!

Hai case dous anos Twitter comezou a traballar nas versións da súa páxina noutros idiomas distintos do inglés. Escolleu a mesma fórmula que xa adoptara Facebook, de xeito que son os propios usuarios da plataforma os encargados de realizar a tradución á lingua que queiran. Pero antes Twitter tiña que darlles acceso ás linguas aspirantes, en función do seu número de usuarios entre outros factores, ao servizo de tradución para que aí si, os tuiteiros completen o proceso. Foi o inicio dun longo camiño que hai unhas horas se completou con éxito para a lingua galega.
Para mudar a lingua abonda con entrar en settings e despois en account para cambiar en language para o galego. Hai que ter en conta que a versión en galego aínda está en beta. Polo tanto, pode haber erros e os termos poden ser aínda postos en discusión a través do Centro de Tradución. Dende agora Follow é SeguirTweet dise Chío, os Trends son Tendencias e cando un chío é repetido por un usuario dise que foi rechiado.
Foron moitos meses de peticións, email cruzados e de traducións, votacións e revisións, dende setembro do pasado ano cando Twitter autorizou o inicio do proceso de tradución ao galego. Ás veces deu a impresións de que este día non daba chegado, pois despois do traballo de tradución de termos e expresións, que se completou con rapidez, quedaba un proceso máis farragoso de votación e validación das propostas, no que o traballo conxunto da comunidade foi fundamental. E mesmo aí houbo obstáculos inesperados e mesmo pareceu que o Twitter en galego topara co Vaticano e déronse casos de supostos boicotadores, que escacharon parte do traballo feito.
O proceso aínda non está completo. Este mesmo mércores Twitter tamén anunciou que se poñían en marcha as versións en catalán e vasco para os dispositivos móbiles. A versión en galego terá que agardar uns meses.

Dous anos de traballo

É un éxito colectivo da comunidade tuiteira e sobre todo dun grupo máis activo de tradutores.Cando a empresa comezou a falar da posibilidade de abrir o seu servizo a outras linguas, un grupo de internautas puxeron en marcha a iniciativa Twitter en Galego, co obxectivo de "activar a comunidade twitteira galega para reclamar a posibilidade de tradución ao galego facendo ver o peso que ten esta lingua no seu sistema e que hai un certo interese en dispoñer desta funcionalidade, ademáis de demostrar a dispoñibilidade dos usuarios para enfrontarse a unha tradución conxunta do sistema". Neses meses, conseguiuse que #twitterengalego fose TT a nivel estatal, e forxouse unha certa sensación de comunidade, ademais de quedar claro que existían mans e cerebros dispostos a traballar nas traducións. Foron moitos meses de peticións, email cruzados e de traducións, votacións e revisións, dende setembro do pasado ano cando Twitter autorizou o inicio do proceso de tradución ao galego. É un éxito colectivo da comunidade tuiteira e sobre todo dun grupo máis activo de tradutores. Xa en setembro se criticara que dende a Xunta se lanzase a idea de que o twitter en galego chegaria pola acción da administración cando fora a intensa actividade da comunidade tuiteira galega a que acadou o obxectivo.

Unha fin de semana para lembrar a Rosalía

O 24 de febreiro conmemórase coma todos os anos o aniversario do nacemento da poeta en 1837 en Compostela. Pero este non é un ano máis: o 17 de maio farán 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, o fito que marcou o inicio do rexurdimento cultural de Galicia. Dende hai meses son moitas as entidades e persoas que veñen reclamando que coincidindo con esta efeméride o 2013 se dedique ao coñecemento e á reivindicación da poeta e se dote á celebración dun carácter oficial.
O 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura, pero non figura oficialmente no calendario escolar. A CIG reclamou recentemente que se recoñeza "como unha conmemoración centrada no recoñecemento e na difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua e da nosa literatura" e pediu que "a Consellaría mude a súa postura insensíbel e inexplicábel cara ao idioma galego e admita esta proposta". Oficial ou non, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega (AELG) celebra lecturas colectivas en numerosas cidades e vilas o sábado 23 de febreiro e está organizando un acto nacional que se celebrará o domingo 24 no Panteón dos Galegos Ilustres. De igual xeito o 22 de febreiro haberá lecturas colectivas de poemas de Cantares Gallegos en moitos centros de ensino de todo o país. Ademais, anima a cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía.
No pasado 2012 a AELG promoveu unha moción a presentar nos concellos do país para instaurar o 24 de febreiro como Día Rosalía de Castro e, así, organizaren actos de celebración. A moción foi aprobada en Allariz, Ames, Betanzos, Deputación Provincial da Coruña, Fisterra, Foz, Lalín, Lobeira, Muros, Narón, Padrón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Rianxo, O Rosal, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade.
Alén das lecturas colectivas que terán lugar o venres e sábado, o prato forte chegará o domingo 24 ás 12 horas. No Panteón de Galegos Ilustres terá lugar un acto nacional onde serán lidos poemas de Cantares gallegos, ademais da realización dunha ofrenda floral acompañada da lectura dun manifesto a cargo de Cesáreo Sánchez Iglesias e de Xina Vega.
Tamén dende a Fundación Rosalía, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo, estanse a organizar distintos actos para conmemorar os cento cincuenta anos desta obra. Na mañá do domingo 24 de febreiro animan a que todos os grupos de música tradicional e gaiteir@s que o desexen, saian ás rúas, camiños, prazas, lugares simbólicos..., para botar unha peza na honra da poeta, podendo espallar unha octavilla cun manifesto que explica o motivo e razón da iniciativa. De igual xeito tamén organizarán actos de homenaxe ao longo da fin de semana O terzo da fala en Bos Aires, a Asociación de Mulleres Floralba de Ponteareas, o Concello de Fisterra, ou a Asociación Cultural “Vagalumes” da Estrada.

xoves, 21 de febreiro de 2013

O 'Chamamento polo Galego' supera as mil sinaturas

O manifesto que lle pide a Feijóo que "non leve o galego ao Tribunal Supremo"segue sumando apoios, unha semana despois de ser presentado. O texto conta co apoio dos órganos executivos de PSdeG-PSOE, AGE, BNG e CxG e tamén recolleu as sinaturas de representantes de numerosos colectivos, entre os que destaca a gran presenza de avogados e xuristas. Alfonso Álvarez Gándara, Carlos Aymerich, Xosé Luís Barreiro Rivas, Xosé Manuel Beiras, Fermín Bouza Álvarez, Manuel Bragado, José Ángel Brandariz, Francisco Caamaño, Iolanda Díaz, Agustín Fernández, Lourenzo Fernández, Francisco Jorquera, Xoán Bascuas ou Suso de Toro figuraban xa entre os primeiros asinantes.
Nos últimos días incorporáronse outros nomes, coma o director da editorial Galaxia, Victor Freixanes, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, o presidente de AGAL, Miguel Penas, ou os de Helena Gómez Vecino e Lois Uxío Taboada, presidenta e secretario da CONFAPA-Galicia. Ademais, incorpóranse numerosos concelleiros, profesores universitarios e xornalistas. O texto seguirá sumando apoios ao tempo que concerta entrevistas cos propios responsables da Xunta de Galicia para instalos a que non recorra as sentenzas do TSXG que botan por terra boa parte do Decreto de Plurilingüismo aprobado en solitario polo Partido Popular.
O texto critica que a Xunta "condicione a non presentación ou retirada do recurso a que os recorrentes e a oposición acepten a proposta do presidente para que dean aval ao decreto do pluriilingüismo". Ademais, os asinantes consideran "lamentable" que o Executivo e o PP "non tirasen as conclusións derivadas" das sentenzas do TSXG, en tanto que estas "desautorizan aspectos básicos dun decreto no seu día aprobado pola Xunta a pesar dos informes negativos do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Consello Escolar e o Consello Consultivo". Os asinantes denuncian o "escándalo" que supón que o Executivo do PP pretenda "que un tribunal alleo a Galicia dea a última palabra nunha materia xa xulgada polo TSXG e que o Estatuto de Autonomía de Galicia reserva como competencia exclusiva á nosa autonomía".

A Fundación Curros Enríquez quere crear a Asociación Protectora e de Amigos da Real Academia Galega

A Fundación Curros Enríquez vai impulsar a creación da Asociación Protectora e de Amigos da Real Academia Galega. Tomará a decisión formalmente este sábado nunha xuntanza que se celebrará a partir das once da mañá na casa do poeta en Celanova.
O obxectivo máis inmediato é que a RAG poida acadar un orzamento anual dun millón de euros mediante a posta en marcha dun sistema semellante ao crowdfunding ou financiamento colectivo: así, 15.000 galegos aborían cotas de 10 euros, a fin de lograr a suma de 150.000 euros; e a isto sumaríanse as achegas que está previsto que realicen os concellos galegos: 100 euros, os que teñen menos de 5000 habitantes; 200 euros, os que teñen entre 5001 e 10.000; 300, os que teñen entre 10.001 e 20.000; 500, os de máis de 20.000; e 1000, as sete grandes cidades de Galicia.
A Fundación Curros Enríquez realizará unha convocatoria sectorial para a constitución formal da Asociación Protectora e de Amigos da Real Academia Galega, aberta a persoas a nivel individual e mais a representantes de colectivos culturais, sociais, empresariais, etc., co fin de redactar a acta de constitución e posteriormente facer unha convocatoria pública nun acto que se realizará na sede da RAG a xeito de asemblea constituínte.
Información tirada de Faro de Vigo.

mércores, 20 de febreiro de 2013

Educación convoca 2.000 bolsas de inmersión lingüística en inglés

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte convocou un máximo de 2.000 bolsas para a estanza e participación nun programa intensivo de inmersión lingüística en inglés en España, que conta cun presuposto de 1,8 millóns de euros, tras suprimir as axudas para estudar idiomas no estranxeiro durante o verán, segundo publica este martes o Boletín Oficial do Estado (BOE).
Cada unha destas bolsas ten unha semana de duración, en réxime de internado e pensión completa, a partir do 30 de xuño e durante o mes de xullo deste 2013, e a súa contía máxima ascenderá a 900 euros. Destinaranse a estudantes de Bacharelato, de Grao Medio de Formación Profesional, de Artes Plásticas e Deseño, de Ensinanzas Deportivas, de Ensinanzas Profesionais de Música e Danza e de Idiomas de nivel intermedio e avanzado.
Todos os solicitantes deberán acreditar ter totalmente aprobado o curso inmediato anterior, cunha nota final mínima de 7 puntos na materia de inglés. No caso de solicitantes que estean matriculados en ensinanzas bilingües, pero que non cursasen a materia de inglés como materia individualizada o curso anterior, se terá en conta a cualificación obtida na materia de inglés de cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria, entre outros requisitos.
Así, a selección de candidatos farase ordenando os alumnos en función da nota obtida na materia de inglés. Á devandita nota sumaráselle 1,50 puntos cando o solicitante sexa de nova adxudicación, é dicir, aqueles que non tivesen obtido esta modalidade de bolsa con anterioridade aínda que terán preferencia os alumnos que obtivesen unha puntuación superior. En caso de empate, resolveranse atendendo á menor renda 'per cápita' dos membros computables da unidade familiar.
Por outro lado, convocáronse un máximo de 14.000 axudas para participar en cursos de inmersión en lingua inglesa organizados pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP). O importe máximo de cada bolsa será de 592,28 euros, segundo se especifica no BOE deste martes.

MANTÉÑENSE AS BOLSAS PARA FRANCIA

A supresión das axudas para estudar idiomas no estranxeiro durante os meses de verán non afecta ás axudas para viaxar a Francia, que si se manteñen, segundo precisaron a Europa Press fontes do ministerio. Ademais, manteranse 500 bolsas para estudar en España e suprimiranse o resto de estanzas.
No seu lugar, o ministerio destinou axudas para levar a cabo cursos de inmersión en España. Neste sentido, o ano pasado, Educación destinou axudas para aprender idiomas, tanto en cursos de inmersión como no estranxeiro, un total de 24 millóns de euros.
Tamén en 2012, un total de 14.000 alumnos universitarios e de Formación Profesional realizaron cursos de inmersión en España e, segundo o Ministerio, o 86 por cento mostrouse moi satisfeito co resultado. Así mesmo, outros 2.000 alumnos de Bacharelato realizaron estes cursos e, segundo a mesma fonte, o nivel de satisfacción chegou ao 98 por cento.

A Galipedia celebrará o 9 de marzo o seu décimo aniversario

O 8 de marzo de 2003 o usuario ILVI creaba a primeira versión da portada da Galipedia e, cinco días despois, o 13 de marzo, creaba o primeiro artigo, dedicado á conxunción ou. Pouco despois, e tal como se reflicte no texto dedicado á propia Galipedia, chegaron os seguintes termos: cal, ciencias experimentais, ciencias humanas, ciencias ocultas, ciencias aplicadas e botánica. Dez anos máis tarde a enciclopedia libre en galego achégase á cifra dos cen mil artigos, aumentando cada vez máis a súa calidade grazas ao traballo de miles de voluntarios e aos mecanismos comunitarios de revisión entre iguais.
A Galipedia forma parte dun amplo movemento que empezou en xaneiro de 2001, cando se puxo en marcha a Wikipedia co obxectivo de que todo o coñecemento humano estea dispoñible para calquera persoa no seu idioma. A partir de aí fóronse creando versións da Wikipedia en varias linguas, habendo máis de 280 na actualidade. A Galipedia conta con varios proxectos irmáns, tamén libres e colaborativos, que complementan a enciclopedia como son o Galizionario, Galilibros, Galifontes e Galicitas.
Wikimedia España, o capítulo español dese movemento, organiza, xunto á comunidade de editores da Galipedia, un encontro o 9 de marzo en Santiago de Compostela co obxectivo de celebrar este aniversario, pero tamén de reforzar estes proxectos. Será unha oportunidade para atoparse galipedistas xunto a outras persoas implicadas no coñecemento e a cultura libre e na promoción da lingua e a cultura galegas.
O encontro, que terá lugar no Salón de Actos do Colexio Maior Fonseca da USC ás dez da mañá, contará con conferencias de José Manuel Abuin Mosquera, técnico de proxectos do CESGA, Antonio Gregorio Montes, administrador da Galipedia, e de Manuel Gago, director de culturagalega.org. A xornada pecharase coa intervención do avogado Javier de la Cueva, experto en propiedade intelectual, que falará sobre Coñecemento Libre e Democracia. Tamén haberá unha mesa redonda na que participarán varias empresas galegas que empregan licenzas libres e na que intervirán Denís Fernández Cabrera, de Urco Editora, Óscar Otero, de A Navalla Suíza, e Marcos Pérez Pena, director do xornal dixital Praza Pública.

As artes escénicas piden a dimisión de Vázquez e Lorenzo polo "desmantelamento" da cultura

Hai unhas semanas, naquela famosa asemblea improvisada ás portas do Salón Teatro -pola negativa da Consellaría a ceder o uso deste espazo público- Antonio Durán Morris afirmaba que “hai dúas formas de morrer. Morrer aos poucos, en silencio, ou demostrar que estamos a morrer e que importa". O sector das artes escénicas propúxose dar a coñecer a situación límíte e denunciar a falta de resposta por parte da Xunta. E vaia que o fixo: dende entón realizou -por fin- a anunciada asemblea no Salón Teatro ocupándoo ao remate dunha representación, deixou oír a súa voz no Parlamento e este luns pola noite tentou realizar un peche na sede de AGADIC, no Gaiás. O peche foi finalmente desaloxado pola policía pero esta mañá os traballadores e traballadoras do teatro, da músíca, do círco ou da danza de Galícía expuxeron as súas reivindicacións ás portas da institución e anunciaron novas mobilizacións.
As reivindicacións son as mesmas que levan xa meses repetindo, co agravante do paso do tempo e de que dende o Goberno galego séguese sen achegar unha solución. A Plataforma Galega das Artes Escénicas denuncia que o sector está paralizado e en vías de desmantelamento pola paralización das catro principais redes de distribución: rede galega de teatros, rede galega de música ao vivo, rede galega de salas e Camiños da Cultura. Sen elas non hai espectáculos escénicos na meirande parte de Galicia e sen elas non hai traballo para os centos de persoas que fixeron destas artes a súa profesión. E o que debera estar aprobado hai xa moitos meses aínda nin se albisca. Está habendo movementos porque ás salas se lles está dicindo dende a Xunta que vai haber espectáculos, pero non din nin cando nin con que orzamentos se van abrir.
O pasado martes de Entroido a Consellaría citou a algúns dos representantes do sector -non a todos- e nesa reunión non houbo resposta ás demandas da Plataforma: "Todo se fiaba á aprobación dos orzamentos e ao nomeamento sen data do novo director de AGADIC. A falta de Orzamentos non é excusa e tampouco o é que nos digan que non hai director", di Salvador del Río que denuncia tamén o atraso dun ano nos pagamentos: "Non se pode traballar con esta incerteza. Estamos traballando sen saber cando imos cobrar". Outros integrantes da Plataforma engaden que Feijoo "mentiu dicindo que Galicia non tiña débeda. Se cadra non a ten cos mercados pero si que a ten con nós cos seus usuarios e clientes".
A Plataforma denuncia que na base deste desmantelamento do sector das artes escénicas galegas está a procura "dun cambio de modelo para a cultura en Galicia". A Consellaría estaría promovendo "un novo modelo para atender os grandes fastos e os grandes mausoleos en vez de potencíar a cultura que se fai día a día ou de potencíar as bibliotecas de cada localidade". E conclúen: "pedimos un plan, o mesmo que se fixo un plan estratéxico para o Gaiás. Solicitamos que non se hipoteque a cultura nas rúas e nas cidades".
A Plataforma das Artes Escénicas e Musicais volverá concentrarse este xoves con motivo da celebración da cerimonia de entrega dos Premios á Cultura Galega que terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia. O colectivo está convocando a unha concentración na rotonda de acceso ao mausoleo do Gaiás ás seis da tarde.

24 de febreiro, Día de Rosalía

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) anima a toda a cidadanía a festexar o vindeiro 24 de febreiro o Día de Rosalía, escritora determinante na historia do noso idioma que restaurou, coa súa obra Cantares Gallegos (1863), o uso escrito do galego despois de séculos de ocultación.
Ao abeiro desta iniciativa diferentes institucións, concellos e centros de ensino están a organizar actividades para homenaxear a escritora cando se cumpren 150 anos da publicación de Cantares Gallegos.
Na web da AELG pode consultar as actividades e actos programados.
Información tirada do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia.

martes, 19 de febreiro de 2013

O PSOE anuncia unha batería de iniciativas parlamentarias contra a LOMCE

A secretaria de Cultura e Educación do PSOE, Mar Villafranca, anunciou este luns que a súa formación poñerá en marcha unha batería de iniciativas durante a tramitación parlamentaria da lei para a mellora da calidade educativa (Lomce) para denunciar que se trata dunha norma "segregadora, retrógrada e que vai contra todos".
Tras reunirse na sede socialista de Ferraz con secretarios rexionais de Educación do PSOE e voceiros parlamentarios socialistas do ramo, Villafranca incidiu en que o PSOE "ten que facer valer a súa voz e liderar xunto coa comunidade educativa e as plataformas que xa están constituídas polo ensino público" a defensa dun consenso nesta materia que "o PP rompeu".
Fronte a el e en busca dese "consenso roto polo PP", o PSOE recordou que xa traballa unha "alternativa crible" a unha lei como a Lomce que é "profundamente antisocial e non conformou a ningún colectivo".
"Alternativas cribles que permitan corrixir o que haxa que corrixir na Lexislación, pero tamén alternativas que afiancen aqueles aspectos que, con criterios de en igualdade e equidade nosa Lei posúe e os indicadores europeos avalan", concretou.

Charla informativa sobre a LOMCE na comarca do Deza

LUGAR: Salón de actos da Casa de
Cultura de SILLEDA.
DIA: xoves, día 28 de febreiro, ás 20:00
horas.
POÑENTE: Jurjo Torres Santomé
PDF - 291.1 KB
Cartel

A CIG entrega ao conselleiro de Educación 10.172 sinaturas de docentes contra a Lomce

A CIG sinala que estes milleiros de sinaturas amosan que o profesorado rexeita unha lei “mercantilista e reaccionaria, recentralizadora e españolizadora, elitista e clasista, agresiva co profesorado, antidemocrática, reforzadora da confesionalidade e contraria ao ensino laico”.
A CIG-Ensino entregou esta segunda feira no Rexistro da Xunta un total de 10.172 sinaturas de docentes recollidas nos centros de ensino, e dirixidas ao conselleiro de Educación. Milleiros de rúbricas coas que o profesorado galego, indican desde a central nacionalista, mostra o seu rexeitamento á Lomce.
O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, afirmou que a LOMCE é “auténtico cianuro” para o ensino público galego e pediu a súa retirada por tratarse dunha “contrarreforma involucionista e regresiva”.
Para os asinantes, esta lei pretende un sistema educativo cada vez menos equitativo, que pon en xogo o dereito universal á educación, desbotando a igualdade de oportunidades e negando o dereito a ter un ensino público galego científico e laico que teña como función primordial a formación integral e crítica do alumnado e a eliminación das desigualdades sociais.
“É unha lei que responde aos mandatos da patronal do ensino privado concertado e da propia cúpula eclesiástica. Reforza a confesionalidade do sistema educativo e o papel da relixión, que pasa incluso a condicionar os horarios doutras materias”, acrecentan.

Todo a punto para o Día de Rosalía máis colectivo

Colectivos sociais, concellos e centros de ensino prepáranse para conmemorar o máis multitudinario Día de Rosalía. A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) botou a andar unha convocatoria colectiva que terá o seu acto máis solemne o día 24 en Bonaval. A república das letras pídelle á cidadanía que se agasalle cun libro e unha flor no Día de Rosalía.
 Durante toda a semana mais de maneira especial nas vesperas do día, centros de ensino, concellos e asociacións conmemorarán o Día e Rosalía na que promete ser unha convocatoria multitudinaria. Así está a ser a resposta á convocatoria da AELG para que arredor da data do nacemento da escritora tivera unha especial relevancia social, de maneira singular no ensino.
Dúcias de centros educativos anotáronse xa para participar nas lecturas colectivas da obra de Rosalía nesta edición de especial relevancia ao se cumpriren 150 anos da publicación de “Cantares Gallegos”, o primeiro libro escrito integramente en galego que marca o renacemento da nosa literatura e está considerado fundacional nas letras galegas contemporáneas. Será o venres 22 de febreiro o día lectivo elixido para que os centros de ensino inclúan na súa xornada actividades especiais como lecturas e gravacións audiovisuais, das que se fará eco a páxina web da AELG coa idea de darlle visibilidade social. Imaxinativas propostas están a chegar á asociación de centros nos que o alumnado participará de maneira especial. Ábrese con este fin a sección “Poemas soltos” onde se deitarán as gravacións en vídeo dos poemas.
Para o sábado día 23, a partir das sete da tarde, cidades, vilas e locais de asociacións e entidades serán o escenario para as lecturas de poemas de Rosalía, estendendo a conmemoración a toda a cidadanía nunha festa colectiva para honrar á poeta. A AELG elaborará un manifesto conmemorativo para estes actos cívicos. A Biblioteca do Centro Ágora na Coruña, a Libraría Couceiro en Santiago, o Marco en Vigo ou o Refectorio do Museo Provincial en Lugo, o Salón de plenos de Cangas, a Casa da Cultura de Noia ou o Café Comercial en Madrid son algúns dos lugares nos que xa se prepara o acto público do sábado ao serán. As asociacións e colectivos culturais están a ter un especial protagonismo na organización destes actos que procuran unha lectura expansiva e colectiva da obra de Rosalía por todo o país. Varios concellos sumáronse tamén á convocatoria, organizando actos institucionais na memoria da escritora.

Acto poético nacional en Bonaval

O domingo día 24, data do aniversario de nacemento de Rosalía, a AELG centrará a atención no Panteón de Galegos Ilustres, onde está soterrada a escritora. Alí hase de desenvolver un acto nacional con lectura de poemas de “Cantares Gallegos”, alén dunha ofrenda floral.
A AELG agarda que a cidadanía responda ao seu chamamento agasallando cun libro e unha flor na conmemoración do nacemento da escritora fundadora da literatura galega contemporánea. A Asociación Cultural Vagalumes, xunto coa Sociedade Cultural Medulio, organizan o domingo 24 ás 19.00 horas na Estrada un acto sob o rótulo de "Unha escenificación dunha viaxe pola obra de Rosalía de Castro".
Recitais, poesía e música

A poesía e a música pairarán por todo o país arredor do día do nacemento da grande escritora e, desta maneira, actos conmemorativos terán lugar organizados por distintas entidades que se suman neste ano especial a festexar o aniversario do nacemento de Rosalía.
A Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña convoca para o venres 22 de febreiro un maratón de lectura e unha charla sobre Rosalía que comezará ás 18.00 horas.
Tamén o día 22 ás 20.00 horas, o Teatro Principal de Pontevedra abrirase para acoller os poemas de Rosalía a ritmo do rap de Aid e o blues de Sés na homenaxe que a Concellaría de Cultura da cidade lle rende á escritora, un acto literario e Musical que conducirá Comba Campoy e contará coa participación das poetas Elvira Riveiro, Rosalía Fernández Rial e Marga do Val, alén do escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
O xoves 28, os Comités Abertos de Vigo preparan un recital ás 20.30 horas co apoio de Trabalingua e a Área de Normalización Lingüística da UVigo.

A Xunta sobe as axudas para proxectos de fomento do galego no ensino privado

Unha suba no medio da escaseza. As partidas dos Orzamentos Xerais da Xunta para fomento do galego perderon sete de cada dez euros dende o regreso do PP ao poder. Como detallou Praza Pública, estes programas de investimento pasaron de teren asignados 21,7 millóns de euros en 2009 a 7,5 millóns en 2013. Isto significa que, fronte á caída xeral das contas públicas do Goberno galego "a niveis de 2006", as partidas para promocionar a lingua propia desplómanse moito máis, xa que nese ano o fomento do galego contaba con 14,5 millóns máis. Pero neste contexto de duras retalladas semella que a Consellería de Educación está a optar por facer unha excepción nas achegas para proxectos de fomento do galego no ensino privado.
 Malia ter un discreto financiamento, o certo é que a orde de subvencións "para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade privada" para ensino non universitario no curso 2012-2013, publicada este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG), chega cunha suba. Segundo consta nesta orde, asinada polo conselleiro Jesús Vázquez, o crédito asignado para financiar estes proxectos é de 22.600 euros. Esta cantidade, minúscula se é comparada coas magnitudes orzamentarias totais, é menos reducida que hai un ano. Concretamente, é un 25% máis que na convocatoria de subvencións do curso 2011-12, cando Educación dotou estas axudas con 18.000 euros.
Se cadra, a suba deste curso pretende compensar parcialmente o recorte aplicado no curso pasado, xa que eses 18.000 euros foi o que quedou tras retirar 32.700 euros da orde de subvencións a respecto do curso 2010-2011, cando o departamento de Vázquez asignou 50.700 euros para esta partida. Así e todo, esa retirada de fondos sitúase nunha porcentaxe do 64%, isto é, a tesoirada é seis puntos porcentuais menor que a sufrida polo conxunto de partidas destinadas a fomentar o galego non só no ensino, senón no conxunto de actividades e sectores do país.
Para repartir estes cartos a Xunta terá en conta criterios como o "grao de implicación activa dos membros da comunidade no proxecto", o "nivel de orixinalidade nas propostas" ou o "nivel de utilización de novas tecnoloxías". O "financiamento máximo" que recibirá cada centro será de 150 euros, en colexios con menos de 25 alumnos e alumnas, 300 euros, para os que teñan unha  matrícula de entre 25 e 50 rapaces e rapazas, e de ata 800 euros para un alumnado de máis de 50 persoas.

luns, 18 de febreiro de 2013

O Microsoft Office 2013 xa está dispoñible en galego, catalán e éuscaro

Con este paquete, as aplicacións Word, Excel, PowerPoint, OneNote e Outlook de Microsoft poden configurarse para amosar a súa interface en galego, o que, xunto ao feito de que contan con corrector ortográfico actualizado á normativa da Real Academia Galega aprobada en 2003, fai posible o uso dun escritorio informático en galego coas últimas tecnoloxías de Microsoft.
Máis información en Código Cero.

venres, 15 de febreiro de 2013

Feijóo amplía o ERE na Xunta a outras consellerías co despedimento de 48 interin@s en Educación

A CIG denuncia que a Consellaría de Educación pretende amortizar 48 prazas de subaltern@s e auxiliares de centros de ensino que están cubertas por persoal interino. Unha política na liña do 'ERE encuberto' iniciado na Consellería de Traballo coa amortización de 251 postos.
O goberno autonómico semella que opta por poñer o turbo na súa aposta pola regulación de emprego na administración pública. Pouco despois de que os sindicatos denunciasen a intención de Feijóo de aplicar un ERE na Consellaría de Traballo, amortizando 251 prazas, a CIG denuncia que esa mesa pauta quere extenderse a outrios departamentos, como o de Educación. A central nacionalista denuncia o despedimento de 48 interin@s.
Fernando García, da CIG-Autonómica, considerou que “as declaracións que fixo Feijoo de que non se ían producir despedimentos da administración resultan ser falsas”. A isto engade que “nin sequera se cumpre o recollido no Proxecto de Lei de Orzamentos de amortizar todas as vacantes sen ocupación, senón que amortizan vacantes que están ocupadas”.
Consecuencias
A CIG alerta de que isto vai repercutir sobre a cidadanía, xa que en moitos centros de ensino se vai ver como hai unha merma nos servizos complementarios, na atención ao alumnado, na celeridade dos trámites administrativos das secretarías e na vixilancia e custodia dos centros, entre outras. "É un deterioro máis no eido do ensino público xa que malia tratarse de persoal administrativo e de servizos presta un apoio fundamental para que se desenvolva correctamente a actividade docente”, denunciou García.
Relacionan ademais todo isto co proceso que xa se puxo en marcha na consellaría de Traballo onde se amortizan un total de 251 prazas das cales 80 están ocupadas.

Quen teme a filosofía?

Un grito percorre á comunidade dos filósofos: Quen teme a filosofía? É a pregunta perplexa dun colectivo que ve ameazado o seu futuro profesional e a supervivencia das facultades de filosofía, e que ve cuestionado o seu traballo de tanto tempo contra o tópico de que a filosofía non serve para nada. Até o de agora era a ignorancia o que se opoñía á filosofía, a ignorancia e o economicismo reinante. Pero agora, se se mantén a LOMCE nos termos actuais, será o propio sistema, a cultura oficial, quen confirme a validez do tópico e desacredite finalmente o traballo dos filósofos. De aí a desolación da filosofía, e a pregunta de quen debe cargar coa responsabilidade de semellante desatino. Que lle teme entón á filosofía?
 Á filosofía témenlle algúns dos discursos de éxito na sociedade actual: o discurso da redución da complexidade da vida a consignas e fórmulas baleiras, e o da fragmentación dos saberes en compartimentos sen relación. A filosofía témea tamén o discurso da manipulación das conciencias e da docilidade social, en definitiva o discurso do poder. Sempre foi así, e agora quere poñerse negro sobre branco na lei que regule o sistema educativo.
 Unha redución do 66% na asignación horaria das materias de filosofía vai contra todas as recomendacións internacionais e a práctica dos países con mellores índices de éxito educativo. Xunto á desaparición da ética e da educación para a cidadanía, a devaluación da historia da filosofia a unha simple optativa é especialmente grave, e sen embargo está invisibilizada por outras problemáticas, como o modelo lingüístico e o status da relixión, con máis presencia mediática e sen dúbida maior rendibilidade política. Esquécese que só a filosofía pode procurar unha visión integradora do coñecemento humano e das relacións entre ciencia, política e historia no devir das sociedades.
O retroceso xa se viña producindo tras cada reforma educativa. Cando a literatura universal é case unha reliquia nos plans de estudo e os programas de historia están cada vez máis condicionados polas identidades nacionais e os intereses políticos, xa só quedaba a filosofía para comprender a evolución do pensamento humano. Agora iso só será para os privilexiados e para os escasos entusiastas vocacionais.
A filósofa Marta Nussbaum, Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais 2012, alertou hai pouco de que unha educación na que as humanidades non ocupen o seu lugar producirá “xeracións enteiras de máquinas utilitarias”. Quizá se trate diso. Sen filosofía non haberá claves de acceso ao mundo da cultura e seremos máis dóciles e conformistas. Seremos cada vez máis o soño perfecto de calquera réxime totalitario.

A Xunta seguirá subvencionando os centros de ensino que segregan por sexo

Este xoves a Xunta aprobou o novo Plan Igualdade do Goberno galego, obrigado por lei, coa loita contra a violencia de xénero como eixo principal. Porén, o plan non inclúe medida ningunha contra a segregación por sexo nos centros de ensino, nin a Xunta ten previsto deixar de subvencionar os colexios privados segregadores. Afirmouno Alberto Núñez Feijoo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta: "A consellería ten decidido proseguir co que temos feito na Xunta dende sempre, que é non facer ningún tipo de diminución da liberdade dos pais cando decidan a que colexios envían os seus fillos".
 amén este xoves AGE anunciou a presentacións de dúas proposicións non de lei no Parlamento relativas ao financiamento público dos centros de ensino privados e ao pago de cartos públicos para o sostemento das clases de Relixión. A formación insta a Xunta de Galicia a suspender progresivamente os concertos educativos con centros privados reservando os recursos detraídos para o mantemento da rede pública de centros, e que os cartos destinados a relixión se destinen a convocar ofertas públicas de emprego. En definitiva, as dúas propostas buscan defender o carácter público e laico do ensino.
 Os deputados Xabier Ron e Ramón Vázquez denunciaron neste senso "a situación de emerxencia na que se atopa o ensino público" e salientaron a “salvaxe redución de 149 millóns de euros” nos Orzamentos, “unha auténtica asfixia e colapso do sistema educativo público que se produce cada ano de xeito sucesivo”. En contraposición, os dous deputados de AGE fixeron fincapé nos 237 millóns de euros cos que a Xunta subvencionará o ensino privado e concertado. 

Neste senso Ramón Vázquez denunciou que “o modelo educativo que sustenta o Goberno do PP caracterízase pola hexemonía dos centros privados e concertados que copan as zonas máis céntricas das cidades e pon cada vez máis atrancos ás escolas no rural”. Vázquez engadiu que nos últimos catro anos pecharon 322 aulas en escolas de toda Galicia e 46 centros de ensino público, mentres que se realizaron 27 novos concertos educativos con centros privados.
Os deputados de AGE criticaron tamén a partida orzamentaria de 27 millóns de euros para o pago ao profesorado de relixión. Vázquez denunciou que “o trato privilexiado e preferencial que recibe a relixión católica e o seu tratamento no ensino público, constitúen unha desviación do marco constitucional e estatutario, polo que debe ser abordado de xeito urxente”.

xoves, 14 de febreiro de 2013

Un manifesto pídelle a Feijóo que "non leve o galego ao Tribunal Supremo"

Persoeiros do mundo académico e da cultura veñen de presentar publicamente un manifesto no que rexeitan o recurso que prevé presentar a Xunta contra as sentenzas xudiciais que invalidan o cerne do decreto do plurilingüismo, e no que solicitan que o Goberno galego "acate o ditame do TSXG". "Feijóo non debe levar o idioma galego ao Tribunal Supremo", reclámanlle ao presidente do Executivo, ao que acusan de "botar máis leña ao lume".
O manifesto foi asinado inicialmente por ao redor de 200 persoas, representantes de distintos ámbitos sociais e políticos do país, e agora os seus promotores piden que todas as persoas que se queiran unir á súa reivindicación o fagan a través dun formulario de adhesión que veñen de publicar. Entre os primeiros apoios que recibiu o texto hai profesores universitarios, empresarios, avogados, editores, escritores e representantes de PSdeG-PSOE, AGE, BNG e CxG. A presentación tivo lugar na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela.
O profesor Henrique Monteagudo, un dos promotores da iniciativa, manifestou que se finalmente o Goberno da Xunta decide dar o paso "sería un paso de difícil retorno" e o Executivo "arriscaríase a quedar en ridículo" se o Tribunal Supremo ratificase a sentenza do TSXG. Todas as intervencións fixeron fincapé en que este texto quere aunar a presión cidadá para obrigar o presidente Feijoo a reconsiderar a súa posición: "Estas sentenzas do TSXG deben ser vistas polo Goberno galego como unha oportunidade para volver ao consenso", afirmou neste senso Mariló Candedo, que apostou por "sacar a lingua do terreo xudicial".
A este respecto Alba Nogueira engadiu que "a xudiciliación dos temas sempre revela un fracaso". Nogueira, ademais, considera que sería unha moi boa nova que a cuestión lingüística se afastase dos xulgados para quitarlle de enriba ao galego ese aspecto de conflitividade e restarlle eses prexuízos". Finalmente, os promotores do texto apostaron por unha remuda xeral do decreto de plurilingüismo: "isto non se amaña remedando un par de artigos: cómpre un novo decreto de consenso", afirmou Valentina Formoso, coordinadora xeral da CGENDL. Na presentación anunciouse tamén que se solicitou unha entrevista co presidente da Xunta para exporlle as razóns nas que se sustenta este chamamento e para solicitarlle que non leve a sentenza do TSXG a prol do galego até o Supremo.

"O que Galicia precisa é un presidente e un goberno que confíen nas nosas propias institucións"

O texto critica que a Xunta "condicione a non presentación ou retirada do recurso a que os recorrentes e a oposición acepten a proposta do presidente para que dean aval ao decreto do pluriilingüismo". Ademais, os asinantes consideran "lamentable" que o Executivo e o PP "non tirasen as conclusións derivadas" das sentenzas do TSXG, en tanto que estas "desautorizan aspectos básicos dun decreto no seu día aprobado pola Xunta a pesar dos informes negativos do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Consello Escolar e o Consello Consultivo".
"Agora, no canto de aproveitaren a ocasión para reconducir unha liña de deslexitimación, desoficialización e desprestixio do idioma do país (e de paso, da propia autonomía e as súas institucións), o Partido Popular e o goberno de Feijóo teiman en botar máis leña ao lume", di o manifesto, no que se considera "incomprensible" que o presidente da Xunta "pretenda condicionar unha rectificación imposta xuridicamente polo TSXG a que as partes interesadas dean o seu apoio a un decreto desaxeitado, que xa foi descualificado polas devanditas institucións así como pola maioría dos expertos e da comunidade educativa, ademais de contestado masivamente pola cidadanía".
Así e todo, no texto os asinantes cren que "o que provoca escándalo" é que o Executivo do PP, "escudándose nos resultados electorais, como se estes validasen calquera decisión, e nunha adaxe xurídica, xa que o recurso ao Supremo pecha a vía xurisdicional", pretendan "que un tribunal alleo a Galicia dea a última palabra nunha materia xa xulgada polo TSXG e que o Estatuto de Autonomía de Galicia reserva como competencia exclusiva á nosa autonomía".
 "Acaso o goberno pretende pasar unha outra lexislatura enredando en leas que só deitan máis prexuízos para o galego no canto de exercer as competencias que o obrigan en materia de defensa e promoción do idioma galego?", pregúntanse, logo de reivindicar que o que lle "corresponde" á Xunta é "seguir as recomendacións do propio TSXG verbo do cumprimento das previsións de avaliación da competencia lingüística do estudantado, adaptando a presenza das linguas á obriga de garantiren igual competencia das dúas linguas oficiais".
"O que ao idioma galego lle cómpre son políticas activas de apoio e promoción no ensino e nos demais ámbitos, políticas que deben fundarse nun amplo consenso político e social, como o plasmado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004", engade o texto, que aclara que esta mesma Cámara pode ser "un lugar apropiado para fraguar as bases para tal consenso, non o Tribunal Supremo con sede en Madrid".
"O que Galicia precisa é un presidente e un goberno que confíen nas nosas propias institucións, que crean no autogoberno e que miren por riba de todo polos nosos intereses colectivos", piden os asinantes, que reclaman a Feijóo que "renuncie de vez a continuar cun obsceno xogo partidista -ou peor aínda, personalista- a custa do noso idioma e da nosa dignidade". "A Xunta de Galicia cometería unha infamia arrastrando o idioma galego ao Tribunal Supremo", rematan.


mércores, 13 de febreiro de 2013

''Vidal Bolaño: vida e morte do teatro profesional galego''

 "Roberto Vidal Bolaño, vida e morte do teatro profesional en Galicia. Ese, se ninguén o evita, podería ser o titular deste ano, xa que Roberto viu nacer o teatro profesional e este ano, moi vencellado a súa figura, ese tipo de teatro pode desaparecer". Non podía ser doutro xeito. A situación crítica que viven as artes escénicas non ía pasar desapercibida na presentación de onte en Santiago da Asociación Cultural Roberto Vidal Bolaño, colectivo sen ánimo de lucro que ten como obxectivo defender e reivindicar a obra do dramaturgo neste 2013 no que se lle dedican as Letras Galegas e tamén de cara ao futuro. Non podía ser doutro xeito e foi a voz do actor Antonio Durán Morris que, en representación da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), falou na presentación e puxo o punto máis reivindicativo no acto que se desenvolveu no Teatro Principal. "Roberto é, se non o pai, un dos pais do teatro profesional. E agora temos por diante un ano no que se lle vai dedicar a el as Letras Galegas e no que o seu discurso ten que se contaxiar. Porque, en definitiva, Vidal Bolaño tiña moito que ver coa discusión e coa dignidade da profesión", sentenciou Morris nun acto presentado polo xornalista e crítico literario Camilo Franco.
Foi precisamente  xornalista quen se encargou de presentar a todos e cada un dos participantes dunha presentación que comezou coa lectura dun manifesto. "Nós non o imos chamar así, chamádeo vós así se queredes, pero a nós parécenos un nome moi grande", asegurou Camilo Franco antes de lle dar paso a Antón Dobao, quen leu un documento no que se destacou a influencia de Vidal Bolaño no teatro do país e tamén nos seus profesionais e a actualidade da súa escrita. "Case cada unha das súas palabras cobra hoxe unha vixencia invasiva. Estamos a vivir o tempo dos derrotados", leu Antón Dobao un manifesto -nós ímonos permitir chamalo así- no que se definía ao dramaturgo coma un autor "heterodoxo" e "non canónico".
"Roberto era un broncas"
Acto seguido tomaron a palabra dous representantes do que se fixo chamar no seu momento o colectivo Land Rover, constituído polos primeiros programadores culturais dos municipios de Galicia. "Cando os concellos botaron a andar, contratouse xente para ese ámbito novo da cultura, os que traballamos nese sector tiñamos que facer de todo, por iso decidimos chamarnos como o todoterreo", explicou un deles, Luís Rei, quen explicou que "as Letras Galegas para Vidal Bolaño eran necesarias". O outro representante dese colectivo, Luciano Fernández, centrouse nas calidades humanas e intelectuales do homenaxeado o 17 de maio. "Vidal Bolaño era un xenio. E ademais de ser un xenio, era un broncas. E estamos moi necesitados de moita bronca", explicou.
A actriz Laura Ponte foi a encargada de realizar un breve percorrido pola traxectoria vital do autor dramático. Nese senso, lembrou os seus comezos no audiovisual da man da equipa Lupa alá polo ano 72, antes de se dedicar ao teatro e fundar a compañía Antroido, xunto a Xaquín García Marcos. Ademais, Laura Ponte adiantou o regreso desa formación teatral cun novo espectáculo, titulado Bailadela, no que se recuperan un total de seis personaxes femininos da abondosa obra de Roberto Vidal Bolaño. "Estará coproducido polo Centro Dramático Galego e queremos propoñer un teatro de reflexión, con novas voces e novas formas", detallou a intérprete algúns aspectos
E precisamente o director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede, tamén subiou ao escenario para lembrar a súa antiga etapa (1991-2004) no cargo que ocupa hoxe e a súa relación con Vidal Bolaño naqueles momentos. "Coñecémonos en 1974, convivimos case trinta anos e nese tempo tivemos moitas discusións e varias desavinzas. Pero Roberto tiña clara a certeza de que os dous habitabamos o mesmo escenario: facer medra o teatro galego", sinalou Guede, quen tamén explicou que con Vidal Bolaño vivíranse "momentos estalares" do Centro Dramático. Guede referíase aos "pedrayazos", as adaptacións de dous textos de Otero Pedrayo: Rosalía e Xelmírez. "Rodrigo Roel dixérame que eu a Roberto encargáballe os 'coñazos'. E dalgún xeito era verdade, porque eran textos duros de roer. Pero el tratábaos como material de ourive e acaba facendo grandes xoias", explicou o director do CDG, quen asegurou que o escritor fora "o mellor que lle pasou ao teatro galego".
Manuel Guede e Vidal Bolaño coñecéranse nos anos setenta en Ribadavia, seguramente o berce do teatro galego contemporáneo. E, como non podía ser doutro xeito, o seu director actual, Roberto Pascual, participou tamén nesta presentación. Pascual destacou a implicación do homenaxeado coas novas fórmulas e os novos talentos. "Era un fiel espectador do teatro universitario, moi preocupado pola formación", explicou un Pascual que tamén destacou a relevancia de Abrente. "En Abrente naceu o debate, o encontro a xuntanza, o verbo sen tabú, mesmo excesivo. En Ribadavia naceron os rudimentos dunha profesión autodidacta. Roberto estivo comprometido con todo iso, co debate, coa ágora que é o teatro", sentenciou.
"Home audaz" e "os seus valores"
O teatro de bonecos tamén estivo presente no acto fundacional da Asociación Vidal Bolaño da man de Jorge Rey quen, con devoción, definiu o dramaturgo como un "home audaz". Ademais, destacou del que fora o realizador do "primeiro espectáculo de bonecos para adultos" e reivindicou, unha vez máis, os valores do escritor, que "deben ser recuperados neste ano".
Finalmente tomaron a palabra os dous presidentes da organización. Por unha banda, o de honra, Manuel Quintás, quen leu varios textos sobre a visión teatral e vital dun Vidal Bolaño, cuxos textos dramáticos son, aos seus ollos, "a vida mesma" e que o autor é, puramente, "o teatro galego". Pola súa banda, a presidente da entidade, Belén Quintáns, falou da "honra" e "responsabilidade" que significa para ela ser a responsable de coidar o legado de Vidal Bolaño. Tamén quixo agradecerlle a todos os asistentes a súa presenza e, aos compañeiros de asociación, a súa complicidade con Roberto. Especialmente a Manuel Guede e a Morris, a quen culpou de que finalmente as Letras Galegas ofrecesen o seu tributo ao escritor. "Morris é o culpable de toda esta gran lea, polas súas palabras na entrega dos Premios Mestre Mateo", explicou Quintáns, en referencia á gala dos premios do audiovisual galego, cando Morris reclamou o 17 de maio para Vidal Bolaño ao recibir o premio ao mellor actor. Premio, por certo, que acadou pola película Doentes, adaptación cinematográfica dirixida por Gonzalo Balza da obra homónima do dramaturgo.

luns, 11 de febreiro de 2013

Segunda edición de "Nós tamén creamos!"


A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, convoca unha nova edición do programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos!, en colaboración coa Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) e con OQOeditora.
No marco deste programa, o profesorado dos centros públicos que impartan educación infantil ou primaria recibirá formación e asesoramento para elaborar unha curta de animación coa técnica stop-motion a partir dun dos 14 contos que lles fará chegar OQOeditora.
Os traballos elaborados participarán nun concurso do que se seleccionarán os mellores de cada unha das categorías establecidas: infantil, primeiro ciclo de primaria e segundo ciclo de primaria. Os centros gañadores recibirán un lote de libros de OQO, un regalo fornecido pola CRTVG e mais unha certificación de Premio de Innovación Educativa expedido polo departamento educativo da Xunta de Galicia.
Todas as curtas que realice o alumnado poderanse ver na web da CRTVG, e as premiadas serán emitidas pola televisión sempre que a súa calidade técnica o permita.
O prazo para a presentación das solicitudes de participación remata o 1 de marzo de 2013, e o prazo para entregar as curtametraxes na Secretaría Xeral de Política Lingüística, o 30 de abril de 2013.

Máis información na web da SXPL.





Segundo un estudo, os nenos bilingües desenvolven mellor a memoria de traballo ca os monolingües


A investigación, que foi publicada no último número da revista Journal of Experimental Child Psychology, levouse a cabo cos obxectivos de avaliar de que xeito o feito de empregar varios idiomas inflúe sobre o desenvolvemento da "memoria de traballo" e mais de "explorar o papel que ten a memoria de traballo na superioridade cognitiva dos bilingües atopada en estudos previos", indicaron.
Así, os nenos bilingües de entre 5 e 7 anos que participaron no estudo realizaron mellor as tarefas que implicaban memoria de traballo ca os seus coetáneos monolingües. A vantaxe que obtiveron fronte a estes foi maior cando as tarefas implicaban unha esixencia maior doutras funcións cognitivas.
A autora principal do estudo e investigadora do departamento de Psicoloxía Experimental da Universidade de Granada, Julia Morais Castillo, sinala que os resultados indican que o bilingüismo "non inflúe na mellora da memoria de traballo de forma illada, senón que o fai de forma global no desenvolvemento de funcións executivas, e de forma especial cando estas teñen que interactuar entre si".
As funcións executivas son un conxunto de mecanismos que se encargan da planificación e autorregulación da conduta humana, entre os que se atopa a memoria de traballo. "Trátase dunha capacidade que se vai desenvolvendo nos primeiros anos de idade, pero tamén se demostrou que pode adestrarse e mellorar coa experiencia", segundo explicaron os autores da investigación.
Por outra parte, Morales Castillo sinalou que o estudio achega "claras evidencias" da influencia do bilingüismo sobre a memoria de traballo, fronte a traballos anteriores que unicamente demostraban que os nenos bilingües son máis hábiles en tarefas de planificación e control cognitivo. Neste sentido destacou que os escolares que participaron no estudo e que falan máis dunha lingua o fan "simplemente por circunstancias familiares, e non porque tivesen unha especial preferencia polos idiomas".

Información tirada de Galicia Hoxe.

"Rexeitar o galego na escola é aceptar ser máis ignorantes; o castelán xa está en todos lados"

Itziar Idiazabal é a coordinadora da Cátedra Unesco de Patrimonio Lingüístico Mundial da Universidade do País Vasco (UPV). Catedrática do Departamento de Lingüística e Estudos Vascos e experta en adquisición da linguaxe de nenos bilingües e en ensino bilingüe, fala con Praza a poucos días da celebración do Día Internacional da Lingua Materna, o vindeiro 21 de febreiro. Desde a cátedra, traballa para "difundir a idea de que é importante manter, fortalecer e preservar todas as linguas, que son fonte da diversidade" e para loitar tamén "contra os prexuízos" que hai arredor da diversidade idiomática.

Como ve a visión que no Estado español hai da diversidade lingüística?


No Estado español, ao igual que en moitas partes de Occidente, aínda prevalece a idea de que o monolingüismo é a opción ideal, tanto desde o punto de vista individual como social. Do Ebro para abaixo, no caso de Euskadi, aínda se segue a falar do “problema” do bilingüismo cando o verdadeiro problema é o monolingüismo. Queda moito por facer, tanto nas comunidades bilingües como, sobre todo, nos territorios monolingües.

A que cre que se deben os prexuízos?

É unha cuestión de incultura revestida de toda a ideoloxía que hai e que, en momentos como nos actuais, aumenta a ignorancia e os prexuízos, como aqueles que din que cantos máis idiomas se saiban peor se fala ou que hai linguas doadas ou difíciles... Pero por que se ve como un problema falar máis dunha lingua?

Aínda se tende a considerar como problema en lugar de consideralo como negocio, é verdade. Os ingleses teñen un negocio fabuloso co seu idioma, pero os que somos bilingües tamén deberiamos aumentar o noso valor porque en realidade somos máis valiosos. Aínda non vendemos este valor e creo que se podería vender porque desde moi pequenos sabemos que cada un ten a súa especificidade lingüística e que nos esforzamos por aprender os idiomas de aló onde imos. Os que vimos de comunidades bilingües temos moito que ofrecer ao resto do mundo porque o mundo occidental rico ten moita ignorancia neste ámbito.   Como ve desde Euskadi a situación lingüística en Galicia?

O que nos chega aquí de Galicia non é moito e creo que hai moito descoñecemento. Si lembro os cambios lexislativos de Feijóo, a derrogación do anterior decreto do bipartito e a idea da Xunta de permitir os pais elixir cada certo tempo o modelo lingüístico. Creo que isto é unha aberración. É certo que é fundamental implicar os pais na escola, pero non se pode cambiar un sistema educativo cada certo tempo nin facelo depender da elección das familias. Esta medida é totalmente antipedagóxica. Pode haber diversos modelos ou plans, pero deberían durar polo menos o que dura unha xeración. A cuestión das linguas non é un traxe que se quita e se pon.

Ocorre o mesmo no País Vasco?

As tentacións en Euskadi tamén son grandes e non se libra ningunha corrente política, pero facer que a educación cambie en función da corrente ideolóxica ou política é un atraso. Tampouco se pode intentar implantar un mesmo modelo para todo o territorio estatal, porque a lingua condiciónao todo. No fondo creo que o que hai é unha enorme ignorancia e falta de cultura pedagóxica e lingüística.   Que se debe reivindicar desde as comunidades bilingües?

Creo que xa é hora de deixar claro que a xente que é bilingüe está en mellor situación para ser plurilingüe e responder mellor ás necesidades de formación. Que outra cousa te prepara mellor que empregar dúas linguas, pensalas, traducilas...? Claro que os bilingües teñen vantaxes cognitivas! E iso debería ser fácil de entender. Desde Galicia chegoume unha frase, que considero moi acertada, cando se acusaba o Goberno central de “financiar a ignorancia” en canto á Lei Wert e a posibilidade de non dar clases na lingua propia e ter paga a opción en castelán. É unha aberración, unha vergonza e unha cousa moi retrógrada. Cal sería o modelo lingüístico ideal para a educación nos territorios con dous idiomas?
O que está moi claro é que a lingua materna é absolutamente sagrada para a escola, pero non sempre, fundamentalmente cando hai linguas pequenas e minorizadas como o galego, o éuscaro ou o catalán. Nestes casos, a educación ten a obriga fundamental de desenvolver esta lingua e a familia só non abonda para que un idioma se desenvolva. No entanto, os que teñen como lingua materna unha grande e poderosa non teñen problema ningún porque a súa pódena aprender case sen ir á escola e iso está totalmente demostrado. Aínda que o éuscaro ou o galego sexan a lingua primeira na casa, necesitan que na escola sexa tratada como a segunda e protexida de maneira especial. Se isto non se fai, nunca se vai desenvolver correctamente.

É a inmersión o mellor?

Nos modelos de inmersión no Estado apenas se dan clases en español e cando os rapaces chegan aos 12 anos o seu nivel en lingua castelá é totalmente equiparable ao do resto ou incluso mellor. Os que veñen dunha lingua maioritaria teñen a sorte de que a van desenvolver de todos modos porque teñen os medios, a televisión, a familia, as relacións sociais... Con pouco que se faga na escola, apréndense e desenvólvense, polo que non teñen problema. Daquela, por que non aproveitar o tempo para aprender outras linguas? É o colexio fundamental?
Nos lugares onde hai unha lingua minorizada, esta precisa da escola moito, tanto en Euskadi como en Galicia ou Cataluña. Canto máis se aprenda o galego, mellor se aprenderá o castelán e iso tamén está demostrado desde hai moito tempo. Priorizar a lingua minorizada no colexio é positivo tanto para os que a teñen como lingua materna como para os que non. Os que usan habitualmente o castelán non o perden e isto é algo do que hai que convencer a xente, non porque o creamos así, senón porque os datos o demostran.

Pero isto exclúe o castelán?

Isto non quere dicir que non haxa que facer nada co castelán, por suposto que si que hai cousas que mellorar, pero tamén coas linguas minorizadas. O modelo ideal está claro: as linguas minorizadas precisan de prestixio e presenza a moitos niveis. Tamén é importante involucrar os pais para que eles poidan comprobar que os seus nenos están aprendendo correctamente as linguas.

Como?

A escola non pode ir en contra da familia, senón que a ten que convencer do que é o mellor para o seu fillo. En Euskadi tivemos a sorte de que pasamos de entre un 10-15% de pais que escolarizaban os cativos en éuscaro a máis do 70% de inmersión total ou parcial en vasco. E todo foi por solicitude dos pais, que foron esixindo máis éuscaro na escola. Os que rexeitan a lingua vasca ou a galega están aceptando ser máis ignorantes porque o español apréndese en calquera sitio e a min paréceme xenial que así sexa porque canto máis saibamos mellor.

Está na pedagoxía cos pais a clave?   O ideal e o fundamental é convencer os pais e os centros de que a lingua minorizada é a que máis espazo debe ter porque iso beneficia a outra lingua e a unha terceira. Canto mellor se saiba galego ou éuscaro, mellor se aprenderá inglés e castelán. Hai que deixar claro que o argumento de que estudar varias linguas dificulta a súa aprendizaxe non vale e non é real.

Que supón a Lei Wert no ámbito lingüístico?

É tan aberrante que me costa pensar que alguén poida ter esa lei en conta. A reforma de Wert considera que debe haber unha lingua, a castelá, con maior consideración e esa insistencia en separar os idiomas por rango é moi grave, non só para as comunidades bilingües, senón tamén para o resto de territorios. Ademais, restar autonomía ás comunidades tamén é malo porque a educación foi mellorando a medida que se descentralizou. O peor da pretendida reforma educativa é o que se propón, pero tamén o desprestixio que se verte sobre aquilo que non sexa o castelán.

xoves, 7 de febreiro de 2013

Presentouse o Dicionario de alimentación e restauración galego-castelán-inglés


No centro de formación da asociación Hostelería Compostela presentouse onte un novo recurso terminolóxico orientado a facilitar o uso do galego no sector da restauración. Trátase do Dicionario de alimentación e restauración galego-castelán-inglés, elaborado no seo do Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica Galega TERMIGAL e coordinado polo lingüista Manuel González González.
Os termos recollidos van dende as voces especializadas utilizadas polos profesionais do ramo ata palabras do léxico común que non poden faltar nun dicionario da alimentación. Pertencen aos ámbitos do material de cociña, enxoval, persoal e locais, alimentos, despezamento, condimentos, pratos e preparacións, procedementos culinarios, bebidas, nutrición e vocabulario xeral relacionado coa alimentación.
O dicionario creouse coa vontade de facilitar que os especialistas desenvolvan a súa actividade en galego e, ao mesmo tempo, coa de axudar aos restauradores a ofrecer os produtos do país en inglés, tendo en conta que esta é a lingua en que se comunican maioritariamente en Galicia os turistas con idiomas maternos distantes. Así pois, foi deseñado dende o punto de vista dos profesionais da restauración, pero seralles tamén de utilidade tanto a públicos máis amplos coma a outras persoas ligadas ao ámbito da hostalaría, a profesionais da tradución, a lingüistas ou a xornalistas.

Máis información na web da SXPL.