venres, 29 de xullo de 2016

Converfit, a analítica web galega que sorprende a Google e Microsoft

A empresa viguesa desenvolveu un sistema de xestión de clientes que xa traballa con grandes firmas

A situación é coñecida para case todo o mundo. Temos un problema coa nosa compañía telefónica; os trámites e as esperas para arranxar a situación son incómodos, lentos e, moitas veces, pouco eficaces. Cansos de escoitar música de sala de espera e de saltar dun teleoperador a outro, Pablo Gutiérrez Alfaro Jorge Rodríguez Núñez, dous emprendedores vigueses, decidiron idear unha ferramenta de mensaxería instantánea entre empresas e clientes denominada Citious.
Converfit evolucionou dun servizo de mensaxería instantánea para empresas e clientes
Pero pouco despois, as demandas das empresas, que moitas veces solicitaban máis servizos,como o chat web, obrigou a Citious a evolucionar. Desenvolveron entón outro produto, Converfit, un sistema de analítica para páxinas web que agora é o cerne da empresa.
“Contámoslle ás empresas todo o que fan os clientes nas súas páxinas web: cómo se moven, que produtos consultan, que buscas fan, etc.”, conta Lucía Sendón, responsable de comunicación de Converfit. A ferramenta recolle os datos e desenvolve perfís de cada cliente que visita páxina. Dispón, ademais, dun servizo de chat en directo para asesorar aos clientes durante o proceso de compra e aumentar a taxa de conversión. É dicir, conseguir que unha mellor proporción entre visitas e vendas.
A apariencia dos sitios web muda segundo as preferencias dos clientes
A apariencia dos sitios web muda segundo as preferencias dos clientes
Deste xeito, cada cliente obtén unha experiencia de compra a medida. “Aseméllase  ao que cada un de nós fai cando pedimos consello ao dependente nunha tenda física”, explican. A través de banners, popups e mailing, cada usuario recibe as súas propias recomendacións. “Se a xente adoita mercar impulsada polo prezo do produto, ofrecémoslles descontos; se ao usuario lle gustan os vestidos de flores, apareceranlle banners con vestidos de flores e enviarémoslle correos con ofertas de vestidos de flores”, apunta Lucía Sendón.
A ferramenta conta con clientes de sectores moi diversos, como a moda, a banca ou a telefonía, e traballan en todo o relacionado con comercio online ou venta física a partir das visitas ás páxinas web. Ata o de agora, Converfit traballa con grandes contas, pero xa teñen a punto sistema orientado ás pemes, que está a piques de saír ao mercado.
Unha mostra do funcionamento da ferramenta de Converfit.
Unha mostra do funcionamento da ferramenta de Converfit.
En pouco máis dun ano, este proxecto están dando abondosos froitos. A finais de 2015, Converfit foi a única empresa española seleccionada no Microsoft Ventures Accelerator, celebrado en Londres. “Tivemos a oportunidade de traballar durante tres meses con mentores de Microsoft, de moi alto nivel, e que estaban moi involucrados nos proxectos”, lembra Sendón. Pouco despois, Google tamén petou á súa porta, e foron convidados a pasar 15 días en Silicon Valley dentro do programa BackBoxConnect, co que desenvolveron  e presentaron o seu proxecto e estableceron relaciones con inversores internacionais.
Converfit lanzará próximamente un sistema adaptado ás pemes
En Galicia, o apoio de Vía Vigo foi fundamental para Converfit. O que entón era Citious foi seleccionado como un dos 10 finalistas na segunda edición da aceleradora de empresas VíaGalicia. Este recoñecemento permitiulle á empresa establecer a súa base en Porto do Molle, xunto a outras start-up galegas. “É moi agradable traballar ao carón de proxectos similares”, sinala a responsable de comunicación da empresa.
Agora, as perspectivas de Converfit céntranse na comercialización e a mellora continua do seu produto, amais do lanzamento da súa liña para pemes. O camiño, polo de agora, comezou ben.

Suspendido polas súas frases sexistas un docente da Universidade de Santiago

O profesor iniciou unha espiral de comentarios machistas para xustificarse por dicir que lle distraía o escote dunha alumna.

“Distráeme o ruído de bolígrafos e o escote de María”. O profesor da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Luciano Méndez introduciuse o curso pasado nunha espiral de comentarios sexistas que finalizaron coa ameaza dunha labazada á alumna que o denunciou. Tras case medio ano de investigación, a USC sancionou agora ao docente cunha suspensión de emprego e soldo de dous meses. O anuncio prodúcese un día antes de que o Consello de Goberno da USC debata un protocolo de prevención do acoso sexual e de identidade de xénero que regulará a actuación institucional ante estes actos.
A estudante cuxo escote distraía a Méndez, María Fungueiro, presentou o pasado febreiro unha queixa formal no decanato apoiada por outros cinco alumnos e o profesor optou por defenderse cunha detallada exposición do seu punto de vista sobre o vestiario adecuado co que as alumnas universitarias deben acudir a clases.
Ao día seguinte de facerse pública a denuncia, Méndez distribuíu un comunicado insistindo na súa postura. “Hai vestimentas que considero absolutamente inapropiadas para asistir a unha clase de matemáticas”. “Ou cambiamos as regras de xogo, ou se modifican os patróns sexuais nos que somos educados; se non, a min vai seguir alterándome un escote excesivo”, insistiu. O profesor desculpábase con todo nese comunicade coa alumna por ameazala cunha labazada. Precisaba que reaccionara así ao comentario da estudante “non porque me chamase machista, senón porque me chamou en clase machista asqueroso”.
O día que se fixo pública a apertura do expediente disciplinario ao profesor pola USC, un grupo de estudantes do máster de Xénero e Igualdade acudiron á clase de Méndez e que quitaron as camiseras mostrando os seus peitos nos que escribiran frases como “Noxo e vergoña na USC” ou “Antes frívola que machista”. Un dos alumnos mostraba no seu torso a pintada “¿A miña pel masculina non che gusta?”. Segundo o testemuño dos estudantes o profesor reaccionou manifestando ao mozo que prefería “mirar as tetas” das súas compañeiras e a estas indicoulles que as pintadas sobre a súa pel impedían que lucisen as súas “virtudes femininas”. Méndez precisou máis tarde que realizara os comentarios en ton humorístico.
O docente non se arredró. Co expediente disciplinario en marcha, continuou insistindo no tipo de vestiario que deben levar as mulleres ás súas clases. Para negar a actitude sexista da que estaba a ser acusado, Méndez publicou un artigo no que precisaba: “Non son sexista; dáme igual que sexa home ou muller o que se exhibe, a única diferenza é que a min distráeme máis a pel feminina que a masculina”. Xunto a iso, explicaba a complexidade da testosterona: “É unha hormona complicada; pode ser unha aliada que estimule e motive pero pode ser tamén o peor dos inimigos que faga ao home vulnerable e débil”. O seu texto continuaba alertando de que controlar a testosterona en beneficio propio “é labor de toda unha vida”.

O mercado laboral continúa a destruír emprego e no segundo trimestre do ano rexistra 5500 activos/as menos que en 2015

Medra a temporalidade e mantense un alto índice de paro xuvenil e de longa duración

O mercado laboral galego non dá síntomas de recuperación e continúa a destruír emprego, tal e como amosan os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do segundo trimestre de 2016. O noso país contabiliza un total de 5500 activos/as menos con respecto ao mesmo período do ano anterior, ao tempo que rexistra un incremento da temporalidade e mantén un alto índice de paro xuvenil e de longa duración.
Como vén sendo habitual no segundo trimestre de cada ano, as cifras da EPA deixan ver de novo un incremento da poboación ocupada e un descenso da parada; a situación explícase polo feito de que se trata de contratación ligada ao período estival, e polo tanto aos servizos, o único sector que rexistra un comportamento positivo.
A lixeira recuperación de activos/as, con 7900 máis que no trimestre pasado, non se mantén con respecto ao ano anterior, xa que a nivel interanual continúa a perda de poboación activa, concretamente 5500 activos/as menos.
Ao mesmo tempo, o incremento da poboación ocupada (un total de 12.900 persoas), prodúcese case exclusivamente no sector servizos, onde a ocupación medra en 13.000; na construción prodúcese unha perda de ocupados/as, 1500 persoas menos, mentres que a industria non rexistra variación.
O feito de que a práctica totalidade do incremento da ocupación sexa no sector servizos, así como que a maioría dos contratos fosen temporais, demostra o carácter meramente conxuntural desta evolución
As principais variábeis evolucionaron da seguinte maneira:

2015/II
2016/I
2016/II
Variación trimestral
Variación interanual

Total
Total
Total
Absoluta
Relativa
Absoluta
Total
2.360,20
2.351,10
2.349,50
-1,60
-0,1
-10,70
Activos
1.262,40
1.249,00
1.256,90
7,90
0,6
-5,50
Poboación ocupada
1.009,90
1.021,10
1.034,00
12,90
1,3
24,10
Poboación parada
252,5
227,9
222,9
-5,00
-2,2
-29,60
Inactivos
1.097,80
1.102,20
1.092,50
-9,70
-0,9
-5,30
Fonte: EPA. INE
Outro dos factores negativos do comportamento do paro ten que ver con que a pesar de que o número de parados reduciuse en 5000 persoas, persiste unha taxa de desemprego xuvenil do 52,1%; ademais, o 44% dos parados/as levan máis de dous anos nesta situación. E un total de 75.700 familias teñen a todos os seus membros activos no paro.
Atendendo a estes datos, dende a secretaría confederal de Emprego e Industria da CIG inciden no fracaso das sucesivas reformas laborais aplicadas polos Gobernos do PSOE e do PP, xa que serviron unicamente para devaluar os salarios e precarizar as condicións de traballo.
Neste senso, o seu responsábel, Miguel Malvido, alerta de que as conecuencias destas reformas deixan o noso país nunha situación social insostíbel, “con milleiros de traballadores/as no límite da pobreza e en risco de exclusión, xa que na actualidade contar cun salario non garante unha vida digna”.
Finalmente, Malvido fai fincapé na alta temporalidade do emprego, que non deixa de medrar mes a mes, así como na elevadísima taxa de desemprego xuvenil e de longa duración. “Non pode ser que haxa case 76.000 familias con todos os seus membros no paro, xa que isto quere dicir que nos atopamos diante dunha situación sociolaboral moi grave”, remata. 

O número de fogares con computador duplicouse entre 2003 e 2015

O novo informe sobre fogares do observatorio estatal ONTSI confirma cousas que xa sabíamos (a gran maioría da poboación prefire o móbil sobre calquera outro trebello, cunha forte penetración dos dispositivos intelixentes) e outras non tanto (o portátil pasou, nos fogares, dunha taxa de penetración do 5,2% en 2003 ao 66,2% da actualidade). O nova edición do estudo é especialmente relevante para coñecer a evolución das TIC nas nosas vidas ao longo da historia recente: achega datos relativos ao período comprendido entre 2003 e 2015. En cuestión de equipamento informático, a investigación sinala que durante este lapso de tempo duplicouse o número de fogares con computador: pasou dun 43,4% en 2003 a un 82,2% en 2015. Polo que atinxe ás tabletas, limitábanse na data en que apareceron no mercado (2012) a un 11,8% dos domicilios. A día de hoxe están case na metade. E subindo.
No que respecta á penetración do móbil, non deixou de medrar e a finais de 2015 nove de cada 10 individuos xa conta cun aparello destas características. En cuestión de equipamento de lecer, os aparellos estrela son as televisións de TFT ou plasma, que están presentes en 8 de cada 10 casas. En 2007 estaban só no 15,2% dos domicilios. As televisións intelixentes, con conexión á Rede, está arestora no 18,5% das casas.
O estudo do ONTSI tamén rexistra a evolución do equipamento de lecer a nivel individual. Neste apartado, o 29,6% dos cidadáns xa conta cun reprodutor MP3. O lector de libros dixitais pasou dunha taxa do 0,5% en 2009 a unha porcentaxe do 16,3 en 2015.
O gasto medio por fogar en servizos TIC experimentou unha redución desde 2003 até 2015, pasando de 92,8 euros a 63,5 euros (IVE incluído).
Atendendo ao nivel de penetración de cada un dos servizos TIC nos fogares, percíbese que desde 2003 até 2015 Internet rexistrou un medre considerábel nos fogares (do 25,4% até o 73,3%). En canto aos servizos de telefonía, o dato máis salientábel é que a partir de 2006 a porcentaxe de fogares con teléfono móbil supera á dos que dispoñen de fixo. Así, en 2015 o móbil está presente no 97% dos fogares e o fixo no 83,4%. O servizo con menor nivel de penetración é a TV de pago, que en 2015 ten contratado o 30,7% dos fogares do ámbito estatal.
No que respecta ao acceso a Internet da poboación española, subiu case 45 puntos porcentuais desde 2003 acadando en 2015 unha penetración do 78,2%. Sobre o lugar elixido para acceder á Rede, durante os 13 anos avaliados, o domicilio mantense como “o sitio máis acaído” e na actualidade o 89,2% da poboación internauta navega desde casa.
Por dispositivo elixido para navegar, a partir de 2013 o teléfono móbil sitúase como líder (en 2015 utilízao o 87,1% dos internautas) e xunto á tableta (empregada polo 45,9% en 2015) son os dous dispositivos que experimentaron un ascenso máis destacábel nos últimos anos.
Sobre os usos de Internet, o informe certifica que “practicamente mantéñense sen cambios entre 2003 e 2015”. Así, sinálase, “a maioría dos internautas acoden á rede para buscar información ou consultar novas e, en menor medida, para acceder aos servizos de banca electrónica, mercar bens e servizos e xogar en rede”. O uso da Administración Electrónica duplicouse e pasa dun 15,6% da poboación en 2003 a un 32,8% en 2015.

Unha liña de axudas fomentará a formación tecnolóxica de cara á Industria 4.0

Nun encontro técnico sobre as bases de axudas que se activarán en breve para formar a traballadores e mandos intermedios das PEME e avanzar, deste xeito, na implantación en Galicia da chamada fábrica intelixente, o director do IGAPE, Javier Aguilera, salientou a importancia da formación tecnolóxica específica como elemento clave para a mellora da competitividade empresarial a través das tecnoloxías 4.0.
Aguilera subliñou que a través das Bases de Formación en Industria 4.0 achegarase apoio específico a organismos intermedios como clusters ou centros tecnolóxicos que establezan programas formativos para traballadores en ámbitos como a robótica, o tratamento masivo de datos (Big Data), os vehículos autónomos, a Internet das Cousas, a ciberseguridade ou a Loxística 4.0. Ademais, o programa incluirá apoio a accións para mandos intermedios das empresas galegas, co obxectivo de que se formen en eidos como os novos procesos de organización industrial nacidos da implantación da Industria 4.0.
A iniciativa busca favorecer o impulso da fábrica intelixente e a empresa conectada en Galicia e, polo tanto, a consolidación do novo modelo económico, a chamada Industria 4.0. A Xunta investirá 700.000 euros, cofinanciados co Fondo Social Europeo, para o desenvolvemento deste programa de formación específica dirixido a organismos intermedios que organicen plans formativos nos que participen persoas vinculadas coas PEME.
O programa regula a concesión de axudas que cubrirán o 50% do custo das accións formativas. En cada iniciativa, deberá participar un mínimo de 5 traballadores de PEME con centro de traballo ou sede social en Galicia, ademais de contar cunha duración presencial mínima de 30 horas para cada participante. As accións formativas poderán levarse a cabo ata o 30 de xuño de 2017.
A concesión das axudas resolverase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta o tipo de proxecto, número de traballadores participantes, experiencia previa dos formadores ou a inclusión da actividade formativa nun plan estratéxico.

O colectivo de acreditados a cátedra da USC expresa a súa "insatisfacción" polo "minúsculo" número de prazas

O colectivo de acreditados a cátedra da USC manifestou a súa "profunda insatisfacción" co "minúsculo número de cátedras" que aprobará este venres o Consello de Goberno da entidade.

O colectivo de acreditados a cátedra da USC manifestou a súa "profunda insatisfacción" co "minúsculo número de cátedras" que aprobará este venres o Consello de Goberno da entidade.
"A USC camiña en dirección contraria á maioría das universidades públicas no seu recoñecemento da excelencia académica e no estímulo profesional colocando o seu profesorado máis cualificado nunha situación de desvantaxe competitiva con respecto a o doutras universidades que garanten a promoción", explicou o colectivo nun comunicado.
Así, apuntan que "non alcanzan a comprender" como "se pode facer unha universidade competitiva e excelente impedindo a promoción profesional do seu persoal máis cualificado" e manifestan o seu "absoluto rexeitamento" á ausencia de "garantías" coa que se aprobaron as "míseras catro prazas que sairán a concurso nos próximos meses".
Nos primeiros días de setembro, avanzan, o colectivo "valorará as accións que adoptarán en relación con este proceso e a cerrazón do equipo rectoral en relación coa garantía do dereito de promoción profesional".

Galicia gaña 13.000 empregos tras destruír 230.000 durante a crise

O minguante mercado laboral galego experimenta unha lixeira recuperación, pero o camiño aínda semella longo. A Enquisa de Poboación Activa (EPA) do segundo trimestre do ano amosa un descenso dunhas 5.000 persoas desempregadas a respecto do trimestre anterior e, nun contexto marcado polas contratacións do verán, o estudo amosa un indicador pouco habitual nos últimos anos. O número de persoas ocupadas, as que teñen traballo, aumentou en maior medida que o descenso do paro, en case 13.000. Trátase, polo tanto, dun dos primeiros síntomas de recuperación da poboación activa -a suma de quen traballan e de quen buscan traballo- dende o inicio dunha crise que destruíu no país uns 230.000 postos de traballo.
Os datos difundidos este mércores amosan que 222.900 persoas estaban en xuño a buscar traballo en Galicia mentres que 1,03 millóns estaban a traballar. Isto implica que o colectivo en situación de desemprego se reduciu en 29.600 persoas durante os últimos doce meses, se ben o incremento do emprego nese período foi de 24.100. O mercado laboral segue, polo tanto, facéndose máis pequeno en termos interanuais e experimenta crecementos do emprego que remontan a respecto do máis profundo da crise, pero que aínda o deixan lonxe dos anos con maiores niveis de emprego.
Galicia rexistra 29.600 persoas paradas menos que hai un ano e 24.100 máis con traballo, polo que a poboación activa segue minguando en termos interanuais
Así, o panorama é agora mellor que a principios de 2014, cando a poboación activa galega tocou o que foi o seu fondo neste período, con 982.800 persoas a traballar, case 230.000 menos que ás portas da crise cando, no terceiro trimestre de 2008, o país chegou a rexistrar 1,2 millóns de persoas ocupadas. Os niveis de ocupación seguiron a experimentar altos e baixos nos dous seguintes exercicios, se ben no último ano lograron manterse por riba da barreira do millón de persoas ocupadas.

Nos catro anos de reforma laboral reducíronse no país o paro e o emprego
Unha ollada ao mercado de traballo de Galicia dende o seu último gran cambio normativo, o promovido pola reforma laboral de 2012, revela igualmente que tamén neste escenario hai camiño por andar. Hai exactamente catro anos, cando o proxecto do Goberno de Rajoy daba os seus primeiros pasos, estaban a traballar en Galicia 8.000 persoas máis que na actualidade, segundo a EPA, estudo homologado a nivel internacional para avaliar o mercado de traballo. No entanto, a cifra de paro tamén é menor, cunha redución de 53.000 persoas: de case 276.000 ás arredor de 223.000 que reflicte agora, o que indica tamén que tras uns meses de inversión da tendencia, a EPA volve reflectir máis paro en Galicia que os datos de inscrición nas oficinas de emprego, o paro rexistrado.

Os datos da EPA reflicten que o incremento do emprego no último ano e no último trimestre se distribúe de xeito dispar entre os sectores da economía. Así, o sector servizos -o maioritario no país e tamén o de menores salarios- rexistra un incremento de 13.000 empregos a respecto do trimestre anterior, suba que chega ás 25.000 en termos interanuais. No entanto, o sector da construción perde efectivos, 1.500 intertrimestrais e 3.700 interanuais.  Na industria a destrución de emprego foi de case 4.000 postos interanuais, mentres que con relación ao trimestre anterior se rexistra un leve incremento de 100 empregos. Na agricultura, pola súa banda, a EPA recolle case 7.000 empregos máis que hai un ano e 1.300 máis que hai tres meses.

A EPA de xuño debuxa así un panorama no que tamén retroceden os fogares con todos os seus membros en situación de desemprego, cuantificando 75.700 fronte aos 80.200 de hai tres meses e os case 87.000 de xuño de 2015. No entanto, onde a situación aínda non ofrece signos de recuperación estable é entre a poboación xuvenil. A taxa de paro entre a mocidade galega -poboación de 16 a 29 anos- aumentou en algo máis de dous puntos no segundo trimestre, do 31,4% ao 33,5%, se ben é algo menos dun punto inferior á do ano pasado. Mentres, a taxa de ocupación redúcese en termos intertrimestrais: do 35,5% ao 34,7%, e mantense seis décimas por riba da do mesmo trimestre de 2015.

EPA e paro rexistrado en Galicia

CC BY-SA Praza Pública

Campaña da Mesa para o cesamento dos responsábeis do IDAE

O orgasnismo negoulle unha axuda pública aos concellos de Santiago, Teo e Santa Comba por utilizaren o galego.

A Mesa pola Normalización Lingüística impulsa unha campaña nas redes sociais contra a chantaxe lingüística e pedindo a demisión dos responsábeis do Instituto de Desenvolvemento do Aforro de Enerxía dependente do Ministerio de Industria por denegar axudas económicos a concellos galegos pro presentar documentación en galego.
“O racismo lingüístico ten consecuencias graves, neste caso a perda de millóns de euros públicos para a cidadanía de Santiago, Teo e Santa Comba, ao lle ser negada tanto a subvención como a posibilidade de aforrar en enerxía e destinar eses recursos ao seu desenvolvemento”, denuncia  a MNL. Por iso entende que “os responsábeis do IDAE deben demitir ou seren cesados porque non se pode consentir o manexo de diñeiro público por  fanáticos contrarios á existencia da lingua e que utilizan organismos públicos para satisfacer as súas fobias contra linguas como a galega”.

Na Galiza hai 37.700 fogares sen ingresos, o duplo que no inicio da crise

Son 4.400 máis que hai un ano e un 91% máis que en 2009.

Na Galiza hai 37.700 fogares sen ingresos. Fogares que non contan con ningún tipo de ingresos. Nin por traballo, nin por prestación, nin axudas... É a cifra máis alta da serie histórica analizada co comezo da crise, duplica os existentes en 2010. Naquel ano estaban sen ningún tipo de ingreso 17.500 fogares. .
Durante 2011, 2012 e 2013 o número de familias nesa situación foi aumentando paulatinamente, chegando a 35.100 fogares en 2013. Comezou a descender en 2014 (34.300 familias), mais en 2015 volveu haber incremento, rexistándose 35.500 a mediados dese ano. O paro de longa duración e a fin das prestacións por desemprego, o esgotamento das axudas..... son varios os factores para explicar estes milleiros de fogares que carecen actualmente dalgún tipo de ingreso.
Familias con todos os membros activos no paro
A Enquisa de poboación activa (EPA) recolle que no segundo trimestre de 2016 había na Galiza 37.700 fogares nesa situación. Ademais, lembra o sindicato CIG, hai un total de 75.700 familias que teñen a todos os seus membros activos no paro.
Para a UGT, a preocupación por estas cifras aumenta aínda máis de se comparar coas que se rexitraban en 2009. “Constátase que o número de vivendas nas que todos os activos están no paro medran en Galiza nun 69 por cento e as referidas ás que xa non teñen perceptores de ingresos nun 91,4 por cento”. CCOO, de por parte, lembra que eses 37.700 fogares sen prestacións son 4.400 mais que en 2015.

xoves, 28 de xullo de 2016

Os bilingües galego-castelán adaptan o idioma e trazos dialectais en conversas conflitivas

Un investigador da Universidade de Vigo conclúe nun estudo que "os falantes bilingües modulan o seu repertorio de estilos conversacionais para aproximarse ou afastarse dos seus interlocutores e, ao mesmo tempo, construír a súa identidade".

"Os falantes bilingües modulan o seu repertorio de estilos conversacionais para aproximarse ou afastarse dos seus interlocutores e, ao mesmo tempo, construír a súa identidade no propio discurso". Así o conclúe un estudo empírico sobre acomodación lingüística na interacción bilingüe galego-castelán en situacións de conflito conversacional.
O estudo, do investigador da Universidade de Vigo Jorge Diz Ferreira, tamén conclúe que "en secuencias de conflito nas que o enfrontamento é explícito", as estratexias discursivas de converxencia ou diverxencia "son moi importantes á hora de mostrar adhesión ás formulacións daqueles participantes cos que os falantes se senten máis identificados; e, ao contrario, o afastamento daqueles con quen os falantes non concordan maniféstase a través de estilos diverxentes".
Así, por exemplo, o cambio de rexistro de idioma nunha conversa pode supoñer que o suxeito quere adherirse ao seu interlocutor cando adopta a mesma lingua, ou que busca marcar distancias con este ao usar un idioma distinto ou códigos dialectais propios dunha lingua, como a gheada ou o seseo no caso do galego. Precisamente estes dous casos foron identificados e analizados no estudo de Diz Ferreira.
ESTUDO DE CASO
A investigación parte da análise interaccional de conversacións entre falantes bilingües galego-castelán, todos eles membros dunha mesma rede social, artellada arredor de persoas emigradas do medio rural, neste caso, do municipio de Gondomar á cidade de Vigo. "Os falantes teñen, polo tanto, distintas bagaxes culturais e, en consecuencia, uns estilos conversacionales non sempre coincidentes", segundo explica o autor do estudo. O investigador da Universidade de Vigo adianta na exposición do seu estudo que "os emigrantes, despois de que actúan como bisagra entre o mundo rural e o mundo urbano, dispoñen duns repertorios comunicativos que inclúen non só aqueles estilos máis próximos ás formas de fala rurais, senón tamén uns estilos máis próximos aos estándares urbanos". Isto permítelle diferenciar os distintos rexistros que se van adoptando nas distintas situacións da conversa.
Para a análise, o investigador seleccionou varias secuencias dunha conversa no medio rural. Nela, participan polo menos dúas persoas emigrantes (Pepe e Isabel), os seus dous fillos (José e Kevin) —cuxa socialización é esencialmente urbana— e outros falantes de adscrición rural (Paco e Jorge). A conversa prodúcese unha mañá de novembro na casa que a nai de Isabel e Paco (Chona) ten na aldea e onde os emigrantes van de visita para instalar un novo televisor, que, presumiblemente, será máis fácil de utilizar para a anciá. Este feito provoca unha reacción contraria por parte de Paco, a persoa que se encarga de coidar a Chona. As conversas, rexistradas e  analizadas, foron transcritas seguindo as convencións do Corpus de Fala Bilingüe Galego/Castelán (Co.Fa.Bil.) da Universidade de Vigo, que, á súa vez, están adaptadas do modelo de Álvarez Cáccamo (1991).
Na análise das convesas obsérvase que "a negociación do código nesta interacción é unha estratexia cooperativa, xa que os falantes tratan de converxer co código dos seus interlocutores e minimizar as consecuencias das súas intervencións na secuencia de natureza conflitiva". Ademais, unha "certa fluctuación entre os códigos" amósase como "un fin cooperativo e como un mecanismo de atenuación do desacordo".
Diz Ferreira tamén salienta que "a negociación do código permite aos falantes construír a súa identidade conversacionalmente".
A GHEADA E O SESEO PARA DIFERENCIARSE
Unha das partes máis interesantes deste estudo é que analiza os trazos dialectais dos falantes, que "constitúen, como a elección do código, importantes indicios de contextualización á hora de analizar a construción das identidades no discurso", explica o autor, quen descirbe que "os falantes empregan os seus repertorios lingüísticos, en que se inflúen (ou non) estilos con indicios de fala local, patrimonial, rural para mostrar a súa vinculación co mundo rural e coas variedades patrimoniais que alí se utilizan".
"A ausencia de marcas dialectais, como a gheada e o seseo, nos estilos dos nosos informantes, é un indicio do seu distanciamento con respecto ao mundo rural, mentres que a súa presenza é un trazo característico dunha variedade local máis rural", argúe o investigador.
Estes trazos dialectais contribúen, para Diz Ferreira,  "á aproximación ou ao afastamento dos estilos dos interlocutores e, en consecuencia, ao establecemento de identidades conversacionais asociadas a un mundo local rural (con variantes locais de gheada e de seseo) ou, ao contrario, de identidades conversacionales máis próximas ao mundo rurbano [xente do do rural adaptada ao mundo urbano] (cuxo estilo se podería caracterizar pola ausencia destes trazos ou, en todo caso, por unhas variantes menos marcadas).
Tras analizar os rexistros das conversas, o investigador da Universidade de Vigo conclúe que no enfrontamento entre os interlocutores, as súas diferencias "reflíctense discursivamente a través dos indicios de contextualización, que manifiestan construcións identitarias dos falantes diferentes e a súa vinculación con mundos culturais distintos".
No transcurso da conversa, Diz Ferreira ve como as dúas partes que entran en conflito converxen primeiro no uso do español e logo mudan ao galego, en ambos os dous casos para "mitigar" o desacordo, aínda que cando recorren á lingua galega fanno "con estilos conversacionais substancialmente distintos". Así, mientres un está "próximo aos estilos rurais, nos que son frecuentes os trazos dialectais da gheada e o seseo, característicos da súa zona, o Val Miñor, o estilo dos emigrantes [...] caracterízase por unha ausencia de tales fenómenos". Na súa interpretación sobre estes trazos, Diz Ferreira conclúe que se dá unha estratexia de "acomodación diverxente" por parte dos que non usan a gheada e o seseo, "coa finalidade de remarcar o seu posicionamiento antagónico" con respecto a outra parte en disputa.
-------------------------------------------------------
Jorge Diz Ferreira. (2016). La acomodación lingüística en la interacción bilingüe gallego-castellano. Estrategias discursivas de convergencia y divergencia en secuencias de conflicto. Tonos digital: Revista electrónica de estudios filológicos, Nº. 31.

A Fundación CEL impartirá dous cursos gratuítos de mercadotecnia dixital en setembro

A Fundación CEL Iniciativas por Lugo anunciou esta semana unha achega de seu para afianzar entre os nosos profesionais e PEME o emprego das tecnoloxías para as súas accións de promoción, mercadotecnia e mantemento no tempo de clientes. Trátase de dous cursos de balde sobre márketing dixital que se van desenvolver na segunda e terceira semana de setembro. Están especialmente dirixidos a cooperativas e sociedades laborais de recente creación, así como a emprendedores de economía social. Estas accións formativas, deseñadas co apoio da Rede Eusumo e a Xunta de Galicia, terán lugar nas instalacións da propia Fundación CEL (Pazo de Feiras e Congresos) en horario de tarde e artellaranse a través de dous módulos, de iniciación e avanzado.
Os cursos serán impartidos por un experto profesional do sector de mercadotecnia dixital, de forma presencial e baixo un formato eminentemente práctico. Segundo informa a organización acerca dos contidos xerais, “facilitarase a comprensión da importancia que supón acometer procesos de transformación dixital nunha organización e a adquisición de competencias tecnolóxicas básicas; fomentarase a aprendizaxe para o desenvolvemento dun plan de comunicación dixital propio, e indicarase como utilizar as principais ferramentas para a súa integración e posta en marcha”.
Entre outros coñecementos concretos, a idea é familiarizar aos alumnos coa elaboración dun plan de comunicación dixital para a súa empresa ou proxecto, coa creación e xestión do seu propio blog, co mantemento da súa páxina de Facebook ou conta de Twitter, coa posta en práctica de estratexias de SEO (Search Engine Optimization, ou sexa ptimización en buscadores), coa creación de campañas de anuncios en redes sociais ou co seguimento e análise dos resultados das súas accións en liña.
Os interesados en asistir poden inscribirse nun ou os dous cursos, a través do formulario online na web da Fundación CEL, fundacioncel.org.

Os institutos lamentan non poder incluír este curso a materia de Igualdade na ESO

Achácano a que Educación fixo a convocatoria moi tarde e os rapaces xa están matriculados

Galicia será a segunda comunidade autónoma en impartir a partir de setembro unha materia específica de igualdade de xénero. A oferta poderá realizarse en primeiro e segundo da Iso como materia optativa e unha carga lectiva dunha hora á semana. A posibilidade dábase a coñecer fai moi pouco.
Na maioría dos institutos da zona valórana ben e están dispostos a impartila, pero o curso que vén. Para leste, na maioría dos casos, os representantes dos equipos directivos recordan que a estas alturas o groso dos alumnos xa se atopa matriculado e quéixanse de que a opción chega tarde deixándoos sen marxe de manobra.
Por unha banda porque se necesitan dez alumnos que elixan esta opción (o número redúcese a cinco nos IES de zonas rurais) para poder facer un grupo e tamén polo que o cambio suporía a nivel organizativo de centro de reorganización de horarios e docentes.

Un paso cara a adiante

No Laxeiro, Gracia Santórum apuntaba onte que ía loitar por esta optativa que considera que «é un pequeno paso», xa que cre que se debería ir máis aló. Defende a necesidade de que os institutos conten cunha figura de igualdade, da mesma forma que dispoñen xa dun orientador e que a materia debería implantarse xa en Infantil, sinalando que «quedan moitas eivas». Santórum recorda que ademais é só unha hora á semana e unha materia optativa e que tería que ser aprobada tamén polo claustro e o Consello Escolar, destacando o interese por esta materia que se aborda de forma especial desde a biblioteca con numerosas iniciativas e actividades.
No IES Ramón Aller de Lalín sinalan que «este ano vai ser difícil porque organizativamente a estas alturas é ca moi complicado». Este curso non se ofertará pero si se estudará a súa inclusión en próximos cursos. Parécelles interesante a materia do mesmo xeito que outras como a de iniciación á linguaxe musical. No Pintor Colmeiro indican que as familias xa teñen hai tempo sóbrelos coas materias. Subliñan que no centro xa se traballa o tema de igualdade en distintas materias e de diferentes formas. En Forcarei tamén sinalan que xa teñen todo organizado e no Marco do Camballón de Cruces estudarano de cara ao curso seguinte a inclusión de máis optativas en función do perfil do profesorado.
Todos os centros teñen a matrícula xa pechada e só queda por matricularse unha porcentaxe pequena, o dos que teñen que examinarse en setembro.

O tradutor de galego GAIO xa ten a súa app para móbiles

Está habilitada para Android e IOs e permite a tradución entre galego, castelán, inglés, portugués, francés e catalán


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística veñen de publicar a aplicación do sistema de tradución GAIO. A app, dispoñible para os sistemas operativos IOS e Android traslada aos dispositivos móbiles as funcionalidades de GAIO, un servizo de tradución interna da Administración autonómica, que a Xunta puxera a disposición da cidadanía en setembro de 2015.

A aplicación móbil Gaio, que conta cunha interface moi sinxela e intuitiva, permite a tradución de textos entre galego, castelán, inglés, portugués, francés e catalán. O usuario que descargue Gaio poderá gardar as súas traducións favoritas, enviar suxestións para completar e mellorar os dicionarios de Gaio, configurar os idiomas por defecto e predeterminar se aplicación debe ou non marcar as palabras descoñecidas.
A nova app vai beneficiarse ademais de todas as melloras que se vaian incorporando aos dicionarios da aplicación web, que leva máis de dous anos en funcionamento a nivel interno na Xunta de Galicia, e dez meses dispoñible para toda a cidadanía.
Con Gaio xa son 25 as apps dispoñibles no catálogo de servizos en mobilidade  da Xunta de Galicia e que abranguen servizos para demandantes de  emprego (Mobem); para o ámbito educativo (abalarMóbil); para a mocidade (Carné Xove); relacionadas coa meteoroloxía (Meteogalicia, MeteoRoute); coa pesca (Non piques-Non peques); co turismo (Enoturismo, Sendegal, Turismo de Galicia, Bono Iacobus, Camiño de Santiago); coa prevención da violencia de xénero (escAPP) ou coas TIC na empresa (aplicación do Centro Demostrador TIC, CDTIC), entre outras.
Con GAIO xa son 25 as apps do catálogo de servizos en mobilidade
Desde que se puxo a disposición da cidadanía hai dez meses, o servizo de tradución Gaio rexistrou 3,2 millóns de consultas, que supuxeron a tradución de preto de 190 millóns de palabras.
Desde setembro recibiu máis de 1 millón de visitas que puideron acceder á tradución directa e inversa de textos e de webs en galego, castelán, portugués, inglés, francés e catalán etc.
O  servizo inclúe unha personalización de máis de 16.000 termos entre topónimos galegos, terminoloxía específica da administración, nomenclatura vinculada ás corporacións de todos os concellos, consellerías etc.
Gaio está accesible desde o Portal da Lingua Galega, que conta cun eficaz buscador que permite localizar os contidos de interese, así como con filtros que facilitan a selección dos recursos axeitados ás necesidades de cadaquén entre a ampla oferta con que conta este espazo web.

Alemaña volve a Vigo na procura de enxeñeiros recentemente egresados

Por terceiro ano consecutivo, a universidade alemá Hochschule für Technik und Wirtschaft des Saarlandes volve a Vigo na procura de enxeñeiros e enxeñeiras recentemente egresados, dispostos a probar sorte no mercado laboral alemán. A iniciativa SaarIng proporciona unha estancia de 11 meses en empresas do estado do Sarre, xunto coa asistencia a diversos cursos de idiomas e de habilidades directivas. Os perfís que se buscan son diversos, pois son moitos os postos que se precisan cubrir nesa zona industrial, tanto de mecatrónica, deseño de construción, tecnoloxías de automatización, enxeñaría eléctrica
O programa, que estará aberto á presentación de candidaturas ata finais deste mes de xullo, está composto dunha bolsa de prácticas de 11 meses nunha empresa do estado federal do Sarre, xunto con diversos cursos de idiomas e perfeccionamento na universidade. Alén diso, os e as participantes recibirán o título de Technisches Projektmanagement, avaliado polo mesmo centro, xunto coa posibilidade de completar un programa de doutoramento dependendo da empresa. Con respecto ao salario, segundo explica Stefanie Jensen, coordinadora da iniciativa, “o que ofrecemos cubre o nivel de vida aquí, sumado as axudas que prestamos á hora de buscar vivenda e demais temas burocráticos”. Os requisitos necesarios para optar a esta bolsa son ser un egresado ou egresada recente nunha enxeñaría e que o perfil se adecúe a unha das vacantes ofertadas no programa. Ademais, tamén se valorará positivamente ter un nivel A-2 de alemán xunto cun B-1 en inglés.
SaarIng proporciona unha estancia de 11 meses en empresas do Sarre
A falta de enxeñeiros e enxeñeiras en Alemaña é unha realidade nos últimos anos, mais sobre todo nas rexións máis industriais do sur, como é o caso do Sarre. Jensen asegura que na súa rexión a situación é especialmente complicada, polo que hai tres anos decidiron comezar con este programa. A razón da elección en exclusiva en toda España da Universidade de Vigo é sinxela, “xa que levábamos colaborando conxuntamente durante 10 anos e coñeciamos o seu alto nivel de estudos”, afirma a coordinadora.
As experiencias dos e das sete participantes da Universidade de Vigo en anteriores edicións avalan esta iniciativa de captación da institución académica alemá. Dos sete enxeñeiros formados en Vigo, dous decidiron volver a Galicia ao rematar a estadía en Alemaña e grazas a esa experiencia conseguiron atopar un traballo. Outros tres continúan no país xermánico, tanto nas empresas orixinais como en novas, e os restantes decidiron continuar estudando programas de mestrado. De xeito unánime todos e todas elas expresan a súa satisfacción con esta iniciativa que lles ofreceu experiencias moi enriquecedoras. Unha delas, Sara Pacín relata a súa estadía aló como marabillosa, “xa que aprendín moito durante as prácticas, mellorei o meu nivel de alemán e cando rematei os 11 meses ofrecéronme seguir na mesma empresa onde comezara”. Pola súa banda, Eloy Rodríguez tamén tivo unha experiencia positiva no Sarre cunhas prácticas que lle axudaron a atopar traballo na área na que se quere especializar, ao tempo que lle abriron un amplo abano de coñecementos.
“As axudas que ofrecemos cobren o nivel de vida aquí”
Mais non vai ser todo traballar, porque este programa ofrece aos asistentes diferentes actividades de lecer, como viaxes a Luxemburgo ou excursións a diferentes puntos da xeografía alemá. Tamén visitas a mercados de Nadal e outras actividades semanais. “Todo isto coa intención de mitigar o shock cultural que se produce e mellorar a adaptación dos participantes”, explica a coordinadora.
A nova remesa de enxeñeiros e enxeñeiras chegará a terras teutoas a comezos de setembro, comezando cun curso de seis semanas de alemán, para despois empezar xa coas prácticas empresariais.

A Xunta reparte máis de 200.000 euros entre catro medios a conta da Axencia Tributaria Galega

La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Progreso e El Diario de Pontevedra son os agraciados nesta nova campaña publicitaria. En total, o goberno de Feijóo leva repartidos xa máis de 8 millóns de euros.

Servizo de insercións publicitarias para unha acción divulgativa denominada Campaña de sensibilización sobre a necesidade do pago de impostos para o mantemento do Estado do Benestar na Comunidade Autónoma de Galicia”. Con esta pomposa referencia a Xunta acaba de repartir máis de 200.000 euros (con IVE) entre catro medios galegos a conta da Axencia Tributaria Galega.
Desta volta os beneficiados son La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra, estes dous pertencentes ao mesmo grupo. Quedan excluídas destas axudas o grupo La Región, o xornal de referencia de Ourense, así como o Grupo La Capital (Diario de Ferrol, El Ideal Gallego e Diario de Arousa) ou El Correo Gallego. Estes medios teñen un mes e sete días para realizar a campaña.
Novamente, La Voz de Galicia é quen máis recibe, máis da metade dos cartos, 85.000 euros (sen IVE) van para que este medio realice publicidade da Axencia Tributaria Galega para a provincia da Coruña e as cidades de Ferrol, Santiago e A Coruña.
O mesmo terá que facer o Faro de Vigo na provincia de Pontevedra e cidade de Vigo, para o que recibirá 34.000 euros (Sen IVE), e outro tanto El Progreso en Lugo por outros 34.000 euros (Sen IVE). Pola súa banda, Diario de Pontevedra terá que publicalo para a capital provincial.
NO que vai de ano, e sen contar aínda todos os convenios, a Xunta leva repartidos xa máis de oito millóns de euros entre os grandes medios de comunicación en materia de publicidade e propaganda. A última adxudicación que se coñece foron as que as consellerías de Economía e Medio Ambiente destinaron no primeiro cuadrimestre do ano,  case 770.000 euros.

"As Irmandades foron as primeiras en loitar sistematicamente polo autogoberno galego"

"Polo que máis quero xuro ser dos bos e xenerosos. Terra a nosa!". É o xuramento que Bernardino Varela asinou con fachenda, como tantos outros, ao incorporarse ás Irmandades da Fala. O documento orixinal ocupa un lugar destacado na exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!, aberta ao público ata o 4 de agosto no Museo do Pobo Galego, aberto este 25 de xullo en horario especial para conmemorar o Día Nacional de Galicia. Xunto ao historiador e presidente do padroado do Museo do Pobo, Xusto Beramendi, percorremos unha mostra que o centro etnográfico organiza conxuntamente coa Real Academia Galega e a Deputación da Coruña. Ante os obxectos e documentos orixinais do persoeiros das Irmandades Beramendi non dubida en afirmar: "Moito do que somos hoxe e damos por descontado debémosllo ás Irmandades", a comezar polo autogoberno.
Despois de pasar pola sala na que unha peza audiovisual producida para a exposición amosa imaxes orixinais da época -moitas delas custodiadas no CGAI- as visitas atopan o violín de Manuel Quiroga, entregado comoa gasallo ao seu amigo Antón Losada Diéguez. "Os obxectos -debulla Beramendi- establecen un vínculo non discursivo, máis inmediato co espectador. Teñen poder de atracción e axudan a interesarse polas ideas". E os obxectos das Irmandades abondan por todo o percorrido expositivo: os lentes de Vicente Risco, as bandeiras e carnés das Irmandades, debuxos e manuscritos de Castelao ou Bóveda ou a máquina de escribir de Valentín Paz Andrade no xornal 'Galicia' son testemuñas case vivas daqueles anos.
A intención da mostra, detalla Beramendi, é "transmitir o que significaron as Irmandades como punto de ruptura para o galeguismo político", pero tamén para o propio país. Tras un primeiro rexionalismo no que referentes como Manuel Murguía ou Alfredo Brañas "defendían Galicia e o galego en castelán", ilustra, a aparición das irmandades supón unha "mudanza radical", un "segundo rexurdimento". O idioma é a base do traballo e do activismo dos irmandiños e para iso, ao contarén entre os seus membros con algúns dos autores máis destacados da época, "levan a práctica culta do galego dende o ámbito da poesía e algo de prosa literaria ata a súa consolidación na novela, no teatro e nas ciencias en xeral", pero "tamén na publicidade e nos xornais", con mostras abondosas en toda a exposición.
A exposición 'Saúde e terra, irmá(n)s!' amósase no Museo do Pobo Galego ata o 4 de agosto e continuará percorrido por Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo e Ferrol
Pero os homes e mulleres das Irmandades non se dedicaron, nin de lonxe, unicamente á actividade cultural. Dende a primeira Asemblea Nazonalista (Lugo, 1918), condensada nun manifesto cuxo orixinal manuscrito se amosa na exposición, desenvolveron "a cuestión fundamental do salto ideolóxico na definición de Galicia como nación e todas as reivindicacións que se derivan dela". "Coas irmandades nace o nacionalismo galego propiamente dito e un subsistema político en Galicia que callará na II República", resalta Xusto Beramendi. "O Partido Galeguista -fundado en decembro de 1931- é fillo das Irmandades", resume o historiador, elas son "as primeiras que loitan sistematicamente polo autogoberno galego" e delas deriva "que o sistema de partidos en Galicia sexa singular e cualitativamente diferente ao doutros territorios", mantén.
A arte do teatro á escultura, a investigación condensada no Seminario de Estudos Galegos, a aposta pola participación política das mulleres ata supoñeren un 10% da afiliación do PG ou o impulso "dos necesarios medios de comunicación", dende o boletín 'A Nosa Terra' a 'Nós' ou 'Galicia' están tamén moi presentes nunha exposición que, explica Beramendi, ten como fin último procurar que "unha parte da sociedade non esqueza de onde vén". As Irmandades foron pioneiras en seren "conscientes de que é necesario construír nación socialmente", tamén nuns tempos nos que "as raíces históricas, normalmente, non lle preocupan á xente". Despois do seu paso polo Museo do Pobo Galego a exposición continuará percorrido por Vigo (agosto), Pontevedra (setembro), Ourense (outubro), Lugo (novembro) e Ferrol (decembro).

O 9% dos e das universitarias que se licenciaron en 2010 están no estranxeiro

O INE publicou este venres a súa primeira Enquisa de Inserción Laboral de Titulados Universitarios, que ofrece unha completa información sobre a situación que en 2014 tiñan as persoas que remataron as súas carreiras no curso 2009-10, cinco anos máis tarde da súa graduación. En total, trátase de 10.175 egresados e egresadas en Galicia (case o dobre de mulleres: 6.511, fronte a 3.664 homes) e un total de 197.535 no conxunto de España.
Deses 10.175, case tres de cada catro (o 72,5%) estaban traballando en 2014, unha porcentaxe algo inferior á que se rexistrados no conxunto das universidades de todo o Estado. A cifra daqueles e aquelas que traballaban en Galicia era, con todo, bastante inferior, caendo ata o 55,89%. Un número importante traballaba noutras comunidades autónomas (o 10,2%), mentres que un 6,4% traballaba no estranxeiro. A comunidade na que marcharon traballar máis persoas licenciadas nas universidades galegas foi Madrid, sumando un 4%, por diante de Cataluña.

En total, a porcentaxe de universitarios e universitarias egresados en 2010 que residían en 2014 fóra de España (traballando ou non) era do 9,1%, superior á media do conxunto do Estado (7,7%).
Tamén é moi importante a porcentaxe de persoas que nos cinco anos que transcorreran dende o remate das súas carreiras mudaran a súa residencia a outra provincia do Estado: un 29,6% no caso dos licenciados e licenciadas nas universidades galegas, e un 24,9% no conxunto das universidades españolas.

Por carreiras ou ámbitos de estudo, as taxas de emprego máis elevadas rexístranse en Medicina (98%), con boas porcentaxes en Informática (92%), Veterinaria (87%), enxeñarías (83%) e Matemáticas (77%). Pola contra, as áreas de Artes e Humanidades (61%), Educación (67%) e Ciencias Sociais (70%) presentan as menores porcentaxes. En practicamente todas as carreiras e áreas a taxa de emprego dos e das licenciadas das universidades galegas é inferior á media española.
Mentres a media de graduados e graduadas en Galicia que cinco anos máis tarde residían no estranxeiro era do 9,1%, certas carreiras e áreas superan amplamente esa porcentaxe. Nomeadamente as enxeñarías (21%), Comunicación (15%), Matemáticas (14%) e Arquitectura (12%).


Os salarios galegos volveron baixar en 2015 coa industria como única excepción

A recuperación económica é feble ou, cando menos, non é o suficientemente forte para que poida traducirse nunha alza estable dos salarios. Tras amosaren, nos dous exercicios anteriores, signos de certa estabilización e mesmo de lixeiras subas, os salarios galegos volveron caer no ano 2015 coa única excepción do sector industrial, o que maior soldo medio rexistra e no que, ademais, este indicador medrou durante practicamente todos os anos da crise.
O salario medio galego ficou en 2015 nos 19.795 euros anuais
Segundo a enquisa de custos laborais que o INE vén de facer pública o salario medio galego ficou en 2015 nos 19.795 euros anuais, uns 60 menos que en 2014. Esta cifra é o resultado medio dun inquérito que, a nivel autonómica, divide a economía en tres grandes sectores: industria, construción e servizos. No sector industrial o persoal percibiu, de media, algo máis de 23.000 euros ao ano, un crecemento duns 200 euros a respecto do ano anterior que deixa a cifra global no seu maior nivel dende 2008.
Mentres, no resto de sectores a evolución foi diferente. Na construción o salario medio anual pasou de 20.300 euros en 2014 a algo menos de 20.200 en 2015. No sector servizos, o maioritario entre a poboación asalariada do país, o salario medio anual roldou os 18.960 euros tras permanecer en 2013 e 2014 por riba dos 19.000.

No sector servizos os custos totais para as empresas aumentaron durante a crise máis que os salarios do persoal
Estas cifras danse nun contexto no que, non obstante, os salarios medios son, en todos os sectores, un chisco maiores que no ano 2008. No entanto, no sector servizos prodúcese unha peculiaridade que non revelan os indicadores dos demais sectores. Así, mentres os soldos medios medraron nestes anos en torno a un 5,6% en Galicia e os custes totais que deben asumir as empresas -como cotizacións obrigatorias e outros conceptos- o fixeron en menor proporción, case un 5,2%, no sector servizos a relación é a inversa. Nese sector, do que vive a maioría do persoal asalariado, os soldos incrementáronse un 2,75% nestes anos e os custos para as empresas, case un 3,15%.

Estas cifras dan lugar a un panorama xeral no que os custos laborais galegos seguen a ser dos máis baixos do Estado -só por diante de Extremadura, Canarias, Castilla-La Mancha e a Comunitat Valenciana- e no que, como xa avanzaran os datos salariais avanzados polo IGE o pasado marzo, a fenda salarial entre Galicia e a media estatal está preto dos sues niveis máximos dende o inicio da crise. Así, segundo o INE, o soldo medio español é 3.000 euros maior que o galego, mentres que en 2014 a diferenza era de 2.751 euros e ao inicio da crise, en 2008, duns 2.800 euros.

Diferenzas salariais entre a media estatal e Galicia

CC BY-SA Praza Pública

A Universidade de Vigo crea a I Cátedra Internacional José Saramago

A institución académica vén de crear esta cátedra que pretende difundir a obra e pensamento do escritor luso. En novembro poñerán en marcha unhas xornadas anuais. 

“A I Cátedra Internacional José Saramago pretende crear pensamento e levar á sociedade en xeral, portuguesa, galega e internacional, a discusión en temas esenciais e de afondamento no debate en torno aos grandes problemas nacionais e universais. Pretende contribuír ao desenvolvemento, para o fornecemento da cohesión social e para a xustiza, e para iso, fundaméntase na obra, na vida e no pensamento de José Saramago”. Con estes obxectivos, recollidos nos seus estatutos, presentouse este martes na Universidade de Vigo a I Cátedra Internacional José Saramago.
A cátedra foi presentada por representantes das institucións que son membros fundadores, a Universidade de Vigo e a Fundación José Saramago, e membros honoríficos, o Camões (Instituto da Cooperação e da Língua) e a Fundação Eng.º António de Almeida. A iniciativa, explicaron os seus promotores, bota a andar despois de que en 2014 xurdise a idea no seo do Grupo de Análise e Estudos da Literatura e da Tradutoloxía da Universidade de Vigo e trala sinatura o pasado ano dun convenio entre as entidades fundadoras. “A creación desta cátedra non puido acaer nun momento histórico máis oportuno”, recalcou o docente da Universidade de Vigo Burghard Baltrusch, presidente da cátedra, salientando como se vén de celebrar o Día Nacional e como este ano se conmemora o centenario das Irmandades da Fala. Lembrando a relación de Saramago con Galiza, a través da súa obra e en visitas ao longo da súa vida, Baltrusch subliñou como “todos e todas gañamos con esta cátedra”, tanto Saramago como Galiza e o mundo lusófono.
A cátedra, recalcou o reitor, Salustiano Mato, permitirá “pór en valor a obra e o pensamento deste autor” co obxectivo de “intentar recuperar o humanismo nas persoas” e ante a convicción de que “só ese humanismo nos permitirá ter futuro”. A cátedra nace na Universidade de Vigo aproveitando o papel de Vigo como punto de encontro e “lugar de maridaxe do mundo lusófono”.
Neste senso, Pilar del Río, presidenta da Fundación Saramago e viúva do escritor sinalou como se aledaba de que fose “unha universidade nova”, como a Universidade de Vigo, a que puxese en marcha esta cátedra, “xa que son os novos os que son donos do presente e do futuro”. En tempos de recortes en humanidades, Pilar del Río salientou como é o momento de “loitar contra a indiferenza, o medo e a resignación”, tres vectores que Saramago identificou como característicos do noso tempo, “desde a cultura e desde a universidade”.
Primeiras accións
Entre as primeiras accións da cátedra estará a posta en marcha dunha base de datos de literatura crítica sobre a obra de Saramago, que completará e ampliará á realizada pola fundación dedicada ao Premio Nobel. E en novembro poranse en marcha na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo unhas xornadas sobre o escritor luso que terán un carácter anual e nas que se buscará a implicación na organización e nos contidos non só dos docentes do centro senón tamén do alumnado.

Galiza, cada vez menos poboada e máis envellecida

O saldo vexetativo negativo agudízase en 2015 e as proxeccións demográficas debuxan un pobo cada vez máis lonxevo.

mércores, 20 de xullo de 2016

O CSIC deseña dende Galicia innovadoras ferramentas para o patrimonio cultural

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) está a traballar dende a nosa terra no desenvolvemento de novas ferramentas software para o patrimonio cultural. Trátase, informa o CSIC, dun feixe de innovadores recursos informáticos “baseados en modelos abstractos de referencia e en ferramentas conceptuais e metodolóxicas dirixidas ás organizacións xeradoras desa información”. Entre as súas principais vantaxes comúns atópase a seguinte: con elas redúcese o custo habitual da súa difusión ao público xeral e contribúese á recepción das súas contribucións. Polo de agora deseñáronse e optimizáronse dous produtos pero a liña de traballo baséase en seguir fornecendo recursos novos. Estas dúas achegas xa dispoñíbeis son, por unha banda, a tecnoloxía CHARM (un modelo conceptual de patrimonio cultural), e, pola outra, ConML (unha linguaxe de modelado conceptual especialmente deseñada para as humanidades e ciencias sociais).
Segundo explica César González Pérez, científico do CSIC no INCIPIT e responsábel da liña de investigación, “a información patrimonial xerada polas organizacións é, en xeral, invisíbel para o común do público, entre outras razóns porque as entidades carecen das ferramentas conceptuais e tecnolóxicas precisas para visualizala”. Na súa opinión, “é fundamental avanzar nas tecnoloxías que permitan xestionar a información patrimonial de forma integral e flexíbel”. Ao fío disto, explica, o INCIPIT iniciou en 2008 a liña de investigación Tecnoloxías Semánticas e Patrimonio Cultural. O que se busca a través dela é “crear, seleccionar, desenvolver, analizar, validar, demostrar e diseminar as tecnoloxías precisas para a construción de significado ao redor da información que se xera e manexa no contexto do patrimonio cultural”. Trátase, ademais, dunha liña de traballo “fortemente transdisciplinar, xa que nela desenvolven o seu labor informáticos, arquitectos, arqueólogos e outros especialistas”, engade o investigador galego dende o INCIPIT.
As dúas ferramentas: CHARM e ConML
Segundo explica nun plano máis concreto, CHARM e ConML son “produtos de investigación concibidos como ferramentas conceptuais e metodolóxicas para o ámbito do patrimonio cultural que permiten xestionar a información patrimonial dunha forma científica, organizativa e economicamente pouco custosa para as organizacións”. A finais deste ano prevese lanzar un conxunto de ferramentas software baseadas neles para que calquera programador poida desenvolver produtos software compatíbeis cos devanditos recursos.
CHARM é un conxunto de conceptos e relacións formalmente definidos e expresados que captura todo aquilo que poida ser obxecto de recibir valor cultural por parte de calquera individuo, así como as valoracións asociadas. Lanzouse en 2012 cunha licencia CC BY, polo que é de libre uso. “Trátase”, lembra César González, “dun conxunto de termos, conceptos, definicións e relacións que describen coa mínima ambigüidade e con gran flexibilidade que aspectos son relevantes no patrimonio cultural”.
Pola súa banda, ConML é unha linguaxe de modelado conceptual especialmente construída para que as persoas non expertas en tecnoloxías da información poidan crear e desenvolver os seus propios modelos conceptuais. Lanzouse en 2010 tamén cunha licencia CC BY. Consiste nunha linguaxe artificialmente construída para “que o público xeral poida expresar con máximo rigor e escasa ambigüidade aspectos da realidade tales como que obxectos, estruturas, actos sociais ou outros elementos son recoñecidos por que axentes, a través de que procesos valorativos, e como esta situación cambia ao longo do tempo”, sinala César González Pérez.
Ambas as ferramentas empregáronse xa en proxectos e traballos de investigación e o INCIPIT está a levar a cabo actividades formativas sobre o seu uso. “Polo momento, constatamos que estas infraestruturas cambian radicalmente a xestión de información patrimonial por parte das organizacións que a xeran e lle tiran proveito e serven, á vez, de plataforma para o establecemento dun diálogo cos cidadáns”, salienta César González.
Os traballos para o desenvolvemento desas novas ferramentas realizáronse no marco do proxecto de investigación Metodoloxía Integral para a Representación Formal do Patrimonio Cultural, financiado pola Xunta de Galicia (2009 e 2012), e continúan cos proxectos Patrimonio 2.0: Modelos abstractos de referencia para información en patrimonio cultural, financiado polo Plan Estatal de Investigación-Retos 2014-2017) e Advanced Research Infrastructure for Archaeological Dataset Networking in Europe (ARIADNE), financiado polo VII Programa Marco da Unión Europea (2013-2017).

A innovación en España perde posicións na Unión Europea

O último informe revela unha caída española ao posto 21, en igual posición que Grecia e Hungría.

A semana pasada déronse a coñecer os resultados de 2016 do Cadro europeo de indicadores da innovación da Comisión Europea que revelan a perda de posicións de España neste segmento. A puntuación española no índice sintético de innovación foi de 0,361, o que lle sitúa por baixo da media de 0,521 do conxunto de países europeos, e moi afastado de Suecia, que lidera a clasificación cun 0,703.
España é o terceiro país que máis retrocedeu dende o inicio da crise
Segundo os datos da CE, España é o terceiro país, xunto a Lituania, que máis retrocedeu en innovación desde o inicio da crise en 2008 -por detrás de Romanía e Hungría-. Desde ese ano, perdemos anualmente unha media do 0,8% de rendemento en I+D. Con estes resultados, o España cae ao posto 21 na táboa, empatando con Grecia e Hungría.
Durante este período, no conxunto da UE o rendemento da innovación mellorou anualmente unha media do 0,7%. Case todos os países rexistraron variacións positivas, destacando Letonia, que avanzou un 4%.
España sitúase por baixo da media da UE28, na maioría dos indicadores que analiza a institución para elaborar o índice.
Táboa de índices sintéticos de innovación dos países da UE. /SINC.
Táboa de índices sintéticos de innovación dos países da UE. /SINC.
A comisión tamén pon de relevo que o investimento e o financiamento da I+D española caeu unha media anual do 5,7% desde 2008. Segundo o documento, o investimento do sector público experimentou un crecemento do 0,8% cada ano, pero a procedente de capital de risco caeu unha media anual do 11% desde 2008.
Con todo, a CE valora positivamente a mellora de España en recursos humanos e destaca  o incremento do número de graduados e doutores no ámbito da innovación, cun crecemento anual do 10% desde 2008. Pero un maior número de titulados está moi lonxe de traducirse en postos de traballo científicos. Outro bo dato son as publicacións científicas internacionais que subiron un 8,7%. Nos centros de investigación saben ben que, cando mingua a financiación de proxectos en laboratorio, a publicación é unha actividade refuxio. “Cando non hai cartos para reactivos, saen moitos papeis dos caixóns é chega o momento de escribir”, resume un científico.
A Comisión destaca que nos países de moderada innovación -entre os que se atopa o España- existen núcleos rexionais de innovación: o País Vasco en España, Piamonte e Friul-Venecia Julia en Italia, e Bratislava en Eslovaquia.
España mellora en recursos humanos e publicacións científicas
En áreas de innovación determinadas, os líderes da UE son: Suecia: recursos humanos e calidade da investigación académica; Finlandia: condicións marco financeiras; Alemaña: investimento privado en innovación; Bélxica: redes de innovación e colaboración; Irlanda: innovación nas pequenas e medianas empresas.
O organismo subliña que o principal factor para converterse nun líder de innovación é a implantación dun sistema de innovación equilibrado que combine un nivel axeitado de investimentos públicos e privados, asociacións de innovación eficaces entre empresas e entidades docentes, así como unha sólida base educativa e investigación de excelente calidade. O impacto económico da innovación debe manifestarse en termos de vendas e exportacións de produtos innovadores e tamén de emprego.

O Correlingua declara o seu agradecemento polo premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña

A organización comparte o premio con todo o profesorado, alumnado, participantes nas festas finais e institucións que ao longo destes dezaseis anos apoiaron a actividade
O Correlingua expresa o seu agradecemento ao xurado do Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña a iniciativas normalizadoras destinadas á infancia e á mocidade. Desde o Correlingua valorarmos que este premio vén recoñecer o traballo realizado polas entidades que promoven o Correlingua: CIG-Ensino, A Mesa e AS-PG. Este premio tamén recoñece a implicación de todo o profesorado e alumnado dos centos de centros educativos participantes, sen cuxa concorrencia esta actividade non sería posíbel.
Esta actividade contou, ao longo destes dezaseis anos, co apoio de empresas privadas, deputacións e numerosos concellos, entre eles os concellos de Lugo, Pontevedra e Vigo, que colaboraron ininterrumpidamente co Correlingua en todos estes anos.
Ademais, o Correlingua vén contando cada ano con persoas recoñecidas do mundo da cultura nas festas finais: como lectoras do manifesto ou como intervinientes nos actos.
O Correlingua comparte este premio con todos e todas: participantes nas actividades, librarías, tendas e institucións colaboradoras e, especialmente, profesorado e alumnado, porque é de todas e todos os que neses días saímos á rúa para compartir o desexo de vivirmos en galego.
O Correlingua naceu no curso 2000-2001 e leva xa 16 anos a percorrer o noso país. Trátase dunha actividade escolar de duración anual que remata cunha festa nas rúas e prazas de diferentes localidades, festas que desde o día 2 ao 16 de maio percorren un promedio de 12 lugares cada ano.
O Correlingua é unha iniciativa que quere avanzar na normalización plena do noso idioma, e para iso ofrece un conxunto de actividades de realización colectiva que teñen o alumnado por protagonista, pois é o alumnado quen elabora a banda deseñada que ilustra a web do Correlingua, os vídeos que compartimos na rede e o manifesto que se le en cada festa final; é o alumnado quen elixe os grupos que actúan na festa final, ou actúa el mesmo, e quen decide os lemas dos estandartes que levan durante a marcha coa que percorren as nosas vilas e cidades.
Levar adiante o Correlingua é un traballo que nos ocupa todo o ano, mais que ten a súa recompensa na participación de centos de centros, e miles de alumnos e alumnas, por volta de 40.000, xa sexa como participantes directos nas festas finais, xa sexa como participantes nos certames que anualmente se convocan.
Agora o recoñecemento vén tamén por medio deste premio que nos dá azos para continuar e para mellorar unha actividade que se marca o obxectivo de pór en valor o noso idioma na franxa de idade que máis sofre a españolización e que conta con menos espazos para o uso normal da nosa lingua.
Un recoñecemento que ten aínda máis valor se consideramos que non contamos con apoio dos organismos que na Xunta de Galicia teñen responsabilidades lingüísticas e educativas e deberían recoñecer e apoiar este tipo de actividades.

Nace 'Cómaros', unha nova revista interdisciplinar de pensamento galego

A publicación, impulsada dende a Universidade de Vigo, acolle textos científicos de corte académico e ensaios de interese para a cultura galega.

Un cómaro é unha pequena elevación do terreo, unha lomba ou outeiro, desde a que é posible ollar o horizonte. Por este significado e por ser un elemento característico da paisaxe galega, é tamén o nome escollido polos promotores da nova revista interdisciplinar de pensamento galego Cómaros. A publicación, electrónica e de periodicidade anual, nace para tentar “servir como nó estruturante de todo o pensamento galego” apostando, entre outros aspectos, por potenciar os ensaios centrados en temáticas relacionadas con Galicia, informa Rosa Tedín.
A dirección de Cómaros. Revista Interdisciplinar de Pensamento Galego, corre a cargo de David Casado, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e investigador do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da Universidade de Vigo, e de Juan R. Coca, do Gir Trans-Real Lab. da Universidade de Valladolid e “un galego no exilio académico”, tal e como destaca del Casado. A publicación conta ademais cun comité editorial e un comité científico que agrupa a persoas espalladas por un amplo abano de institucións educativas e de pensamento tanto galegas como foráneas.
As persoas que forman parte deste proxecto editorial, explican os seus promotores, queren seguir “o camiño establecido por pensadores galegos como Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Emilia Pardo Bazán, Vicente Risco, Concepción Arena, Manuel Murguía, Rosalía de Castro, Esperanza Guisán, Castelao, Frei Martín Sarmiento, Xoan Rof Carballo ou Álvaro Cunqueiro”. Deste xeito, a publicación nace ante a convición de que “o pensamento galego é importante e ten un grande interese para o mundo en xeral”. “Cómaros é unha revista de pensamento non tanto científico-académico senón un pouco máis aberta, xurdida coa idea de volver a potenciar o ensaio en galego e sobre Galicia ante a diminución drástica deste tipo de publicacións nos últimos anos”, sinala David Casado. A iniciativa tamén aspira a ser, engade o docente, “un espazo virtual no que a diáspora académica teña un espazo no que afondar nos temas referidos a Galicia”.
ARTIGOS CIENTÍFICOS E ENSAIOS
Cómaros é unha publicación na que teñen cabida textos de socioloxía, historia, filosofía, xeografía, cultura, poetoloxía, etc. As prioridades do proxecto teñen que ver “coa análise de Galicia, co seu pensamento e coa reflexión sólida”, dándolle prioridade “aos traballos que poñan en diálogo a autores, pensamentos e realidades de Galicia con outros autores, realidades e pensamentos internacionais”. Así, por unha banda a publicación acolle textos científicos de corte académico, que teñen que cumprir os requisitos internacionais habituais, e por outra banda ensaios de interese para a cultura galega. Sobre este último xénero apuntan que “consideramos que o noso espírito é o de autores tan senlleiros coma don Ramón Otero Pedrayo ou don Vicente Risco”, que “amosaron que é posible facer pensamento mantendo un alto grao de lirismo. Por iso, este aspecto imos tentar coidalo”, explican os seus impulsores.
Este deseño xa se reflicte no seu primeiro número. Nel inclúense dous artigos científicos. O primeiro deles é do propio Juan R. Coca que, baixo o título 'Principiando unha epistemoloxía galega con rostro socio-cultural. Camiñando con Otero Pedrayo, Manuel María e outros autores actuais', aborda unha epistemoloxía galega. O segundo é de Joaquim Ventura Ruiz, titulado 'Galeguismo e catolicismo: Vicente Risco en Euzkadi (1930-1933)', no que afonda nas colaboracións de Risco no xornal do PNV Euzkadi, no que deixou plasmada a súa opinión sobre a situación do catolicismo e a súa relación coa política. No apartado de monográficos, hai un texto do filósofo e escritor mexicano nacido en Galicia Leonardo da Jandra titulado 'Os meus dous mares' e outro de Milton Aragón, 'Comprender ao outro dende a paisaxe e o territorio. Un achegamento dende o pensamento de Leonardo de Jandra'. Por último, o vallisoletano e fillo de galega Francisco José Francisco Carrera achega á revista as súas 'Reflexións ao carón dun eu lírico en proceso de descomposición expresado dun xeito oteriano'.

A publicación, con textos só en lingua galego, é de acceso aberto a través da súa páxina web, “xa que o seu equipo aposta polo coñecemento aberto e a revista está baseada no principio de ofrecer ao público un acceso libre aos artigo para fomentar un maior intercambio global do coñecemento”, recolle Rosa Tedín no DUVI.

O Concello de Teo denuncia que Industria lle denegou unha axuda por enviar documentos en galego

O alcalde cualifica de "falta de respecto" que o Ministerio lle denegase un empréstito de 3,27 millóns de euros para un proxecto de iluminación pública, e avanza que hai outros concellos na mesma situación.

O Concello de Teo (A Coruña) denunciou que o Instituto para a Diversificación da Enerxía e o Aforro (IDEA), dependente do Ministerio de Industria, denegou a concesión dun empréstito por valor de 3,27 millóns de euros para un proxecto de iluminación pública porque nos documentos presentados na solicitude se incluía un informe escrito en galego.
O alcalde de Teo, Rafael Sisto, cualificou de "falta de respecto" a actitude do IDAE e esixiu a dimisión do seu director xeral, Arturo Fernández, e do seu presidente, Alberto Nadal, por "empregar as institucións públicas para iniciar unha guerra política".
A casa do concello de Teo, localidade situada nas inmediacións de Santiago, recibiu a mediados do mes de xuño a desestimación da petición dun empréstito a interese cero para renovar a iluminación pública porque "un dos múltiples documentos" que achegaron estaba escrito en lingua galega e nas bases da convocatoria se establecía que o idioma empregado debía ser o castelán.
Ante esta situación, a casa do concello teense —no que goberna Son de Teo-Anova en coalición co PSdeG— presentou unha alegación asegurando que se trataba dun "defecto subsandable" e incluía unha tradución do devandito documento ao castelán. Ademais, engadían que as bases "en ningún caso fixan que a utilización dun idioma cooficial do Estado sexa razón de desestimación definitiva".
O pasado día 11 de xullo, o Concello de Teo recibiu a resposta do IDAE, no que volven tombar a solicitude porque a casa do concello "ignorou" as bases da convocatoria, unha cuestión que, como reproduce nunha nota de prensa o concello, "non pode entenderse como un comportamento que responda a unha dúbida razoable do solicitante" senón como "unha resistencia á observación de tal previsión".
"ACTITUDE FALTONA"
En declaracións a Europa Press, o alcalde de Teo, Rafael Sisto, trasladou o "enfado" da corporación municipal pola actitude "faltona" da institución dependente de Industria, que mesmo, segundo o rexedor, nunha conversación telefónica con responsables do instituto chegaron a dicirlle que "nin os cataláns farían iso".
Neste sentido, Sisto avanzou que pelexarán "ata o final" no ámbito administrativo e tamén presentarán unha moción no pleno municipal para "rexeitar a actuación dos responsables do IDEA" e, deste modo, facer ver que non se trata dunha postura "só nacionalista".
Ademais, pedirán unha entrevista co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para trasladarlle a situación e non descartan realizar "accións conxuntas con outros concellos". En relación a isto, avanzou que coñecen que outros gobernos locais da bisbarra tamén se atopan na mesma situación, pero aínda non recibiron resposta á alegación por parte do IDAE porque o Concello de Teo "tiña máis avanzados os trámites".
DOCUMENTACIÓN EXTENSA
Sisto reiterou que os dirixentes do IDAE utilizan como "escusa" o idioma para emprender unha "guerra política" e móstrase sorprendido con que o uso do galego sexa un "defecto non subsandable". "Se faltase a metade do informe seguro que sería subsandable", espetou.
Así mesmo, engadiu que o informe non admitido polo IDAE "son dúas páxinas, na súa maior parte números" que forma parte dunha documentación moito máis grande e complexa "dende o punto de vista técnico".

Un verán de regueifas

Veñen semanas de altas temperaturas. Pola calor e pola completiña axenda d@s regueifeir@s, prontos a elevar o termostato a base de pílulas destes desafíos orais improvisados e en verso.

Verán, calor e regueifas. A estación comeza ben servida de actividades relacionadas con esta vella tradición galega que desde hai anos está en pleno proceso de reactualización e renovación. Un papel no que Oral (Oralidade, Rima, Arte, Lingua de Galiza) está a ter un papel fundamental. A regueifa enmárcase na arte da improvisación oral, existente en todas as culturas. A regueifa é un desafío oral improvisado e en verso, non moi difernte do que vén sendo o hip-hop, por exemplo.
Na axenda de regueifas destas semanas as primeiras citas son o 20 de xullo en Samil, na que os regueifeiros Josiño da Teixeira e Quique Estévez, entre outros, actuarán canda os 'repentistas' (improvisadores) cudanos Irán Caballero e Yoslay García. O día seguinte, 21, mantéñense os mesmos protagonistas, galegos e cubanos, mais varía a ubicación da actuación, que pasará ser Ponteareas, na Praza Maior.
E seguimos sumando: O 23 de xullo os regueifeiros Bieito Lobariñas e Josiño da Teixeira actuarán na Festa da Comunidade de Montes de Goián, en Tomiño. Mais como non todo vai ser o sur do país, o 25 de xullo varios regueifeiros estarán presentes en Compostela para actuar no Festigal. O 27 tócalle a quenda á Alameda de Bouzas, no que estarán Luis O Caruncho e Bieito Lobariñas canda novas regueifeiras. E xa en agosto, hai previstas actuacións en Vigo e en Caldas de Reis.
Mais a regueifa é quen de saltar por riba do Padornelo e exhibirse con orgullo polo mundo adiante. Estes días andiveron por Donosti e Málaga e en outubro están preparando un desembarco en Barcelona, con regueifeiros a amosar arte e espontaneidade polo barrio de Gràcia.

martes, 19 de xullo de 2016

Case 600 actividades culturais e de promoción do galego para este verán

O ‘Galicia Culturea’ programá dende agora e até setembro iniciativas de dinamización lingüística ou concertos en 28 localidades.

O conselleiro presentou esta mañá na compostelá praza das Praterías o novo programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ‘Galicia Culturea’. Unha iniciativa que durante os meses de xullo, agosto e setembro ofrecerá ao longo da xeografía galega unha completa oferta cultural e de ocio pensada para todos os públicos.
 
Dinamización lingüística
Alén disto, o programa impulsado pola Consellería para a Rede de Dinamización Lingüística continúa no verán, centrado en 3 novas propostas deseñadas de forma específica para ‘Galicia Culturea’: ‘Contos vellos para rapaces novos’, ‘O zapateiro e o raposo’ e ‘Palabras máxicas’.
O primeiro dos formatos é unha proposta de contacontos inspirada na obra homónima de Xosé Neira Vilas coa que se lle rende homenaxe ao escritor e se achega á cativada unha manchea de historias que recrean mostras da narrativa tradicional de comunidades dos cinco continentes. Tamén como contacontos chegará ‘O zapateiro e o raposo’, poñendo en valor a oralidade en lingua galega e presentando nunha escenificación baixo carpa os lances máis divertidos dos protagonistas. Os participantes nesta actividade de rúa recibirá cadanseu exemplar do libro para darlle continuidade á narración na casa.
Pola súa banda, ‘Palabras máxicas’ é unha peza de maxia para público de todas as idades a cargo do mago Dani García. O público asistente terá participación no espectáculo, ata o punto de que será el quen determine o seu guión, ademais de axudar a Dani a superar unha serie de retos que o fagan digno dun magnífico sombreiro de mago.
A programación inclúe todo tipo de propostas e actividades culturais. Desde a dinamización da lectura ou a dinamización lingüística de rúa, á música, ao teatro, á danza, ao novo circo, á maxia ou ao cine, pasando por obradoiros, visitas guiadas a mostras temporais, así como distintas actividades formativas e de fomento do talento da nosa mocidade.
Novas iniciativas
Entre as iniciativas que se estrean este verán cómpre salientar, por ir dirixida ao público infantil, un dos que máis goza das actividades realizadas no Gaiás, ‘Deseños minúsculos, valores maiúsculos’, 4 obradoiros cos que se busca potenciar a curiosidade dos nenos polo deseño, estimular o seu talento creativo e sacar a relucir as súas aptitudes artísticas da man de destacados profesionais da ilustración, da artesanía, da moda ou do deseño.
Así mesmo, a Consellería organizou de forma específica para este ‘Galicia Culturea’ un programa de concertos das formacións Zoar, Odaiko, Hércules Brass, Coro Cántigas da Terra, e das corais Cantigas e Agarimos, de Ruada e Toxos e Froles, Galicia Fiddle Orquestra, en 28 concellos de toda a xeografía galega ao longo do verán.
Nos próximos meses desenvolveranse novas programacións para fomentar a relación dos máis novos coa música, tales como un campamento musical en Agolada; ou un conxunto de programacións formativas, fundamentalmente enfocadas a novos intérpretes, para favorecer espazos nos que poidan completar a súa aprendizaxe con experiencias de conxunto e de contacto con profesionais, tanto galegos como de outras procedencias. Estas actividades de formación integrarán un ciclo do alumnado no que estará involucrado o propio alumnado.
Citas consolidadas
O programa de ‘Galicia Culturea’ inclúe tamén citas xa consolidadas, como é o caso da integración de música e patrimonio que supoñen os ciclos ‘Monumenta’ ou ‘Espazos sonoros’, e de iniciativas como ‘Cultura no Camiño’-desenvolvida en colaboración con Turismo de Galicia-, que leva unha ampla combinación de espectáculos aos concellos polos que pasan as diferentes rutas xacobeas; ‘Ler conta moito’, centrada na dinamización da lectura; as Feiras do Libro de Galicia; ou as habituais programacións que a Agadic impulsa nas redes de Música ao Vivo, de Teatros e Auditorios, de Salas ou a través do ciclo Danza 3.
Así mesmo volveranse organizar os exitosos ‘Cidade Imaxinaria’ e ‘Atardecer no Gaiás’, ambos na Cidade da Cultura de Galicia, espazo no que ao longo do verán se poderán visitar tamén as exposicións ‘Con-fío en Galicia’, ‘Quefaceres e equilibrio’, de Sonia Navarro; ‘Rostros do país’, de Xurxo Lobato; e ‘Homo Ludens’, de Román Corbato e Miguel Benjumea.
O CGAC, o Museo Massó, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, ou os museos das Peregrinacións e de Belas Artes serán, como adoita ocorrer cada verán, escenarios de diversas actividades dirixidas a toda a familia. Tamén se reeditarán iniciativas como os festivais Groba e Hércules Brass ou o ciclo de música relixiosa de Barcia de Mera, entre outras.
Na presentación, actuaron o grupo de música tradicional da Agadic, mais o mago Dani García, e o cantautor galego Manoele de Felisa. Participaron nela o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o director da Agadic, Jacobo Sutil; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e os músicos de Hércules Brass Esteban Méndez e Víctor Vilariño.