Nun encontro técnico sobre as bases de axudas
que se activarán en breve para formar a traballadores e mandos intermedios das PEME
e avanzar, deste xeito, na implantación en Galicia da chamada fábrica
intelixente, o director do IGAPE, Javier Aguilera, salientou a importancia
da formación tecnolóxica específica como elemento clave para a mellora da
competitividade empresarial a través das tecnoloxías 4.0.
Aguilera subliñou que a través das Bases de Formación en Industria 4.0
achegarase apoio específico a organismos intermedios como clusters ou centros
tecnolóxicos que establezan programas formativos para traballadores en ámbitos
como a robótica, o tratamento masivo de datos (Big Data), os vehículos
autónomos, a Internet das Cousas, a ciberseguridade ou a Loxística 4.0.
Ademais, o programa incluirá apoio a accións para mandos intermedios das
empresas galegas, co obxectivo de que se formen en eidos como os novos procesos
de organización industrial nacidos da implantación da Industria 4.0.
A iniciativa busca favorecer o impulso da fábrica intelixente e a empresa
conectada en Galicia e, polo tanto, a consolidación do novo modelo económico, a
chamada Industria 4.0. A Xunta investirá 700.000 euros, cofinanciados co Fondo
Social Europeo, para o desenvolvemento deste programa de formación específica
dirixido a organismos intermedios que organicen plans formativos nos que
participen persoas vinculadas coas PEME.
O programa regula a concesión de axudas que cubrirán o 50%
do custo das accións formativas. En cada iniciativa, deberá participar un
mínimo de 5 traballadores de PEME con centro de traballo ou sede social en
Galicia, ademais de contar cunha duración presencial mínima de 30 horas para
cada participante. As accións formativas poderán levarse a cabo ata o 30 de
xuño de 2017.
A concesión das axudas resolverase en réxime de concorrencia
competitiva, tendo en conta o tipo de proxecto, número de traballadores
participantes, experiencia previa dos formadores ou a inclusión da actividade
formativa nun plan estratéxico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario