martes, 19 de xullo de 2016

A UVigo acada os 2.500 matriculados coa súa plataforma de cursos masivos en liña

A Universidade de Vigo vén de facer un repaso pola actividade xerada pola súa plataforma de cursos masivos en liña, integrada no Campus Dixital de Mar, logo do seu primeiro ano e medio de funcionamento. Segundo fai saber a UVigo xeráronse ao seu abeiro 24 cursos e permitiuse a matriculación de máis de 2.500 persoas. A UVigo lembra que o proxecto encetou a súa andaina o primeiro día de 2015 e dende entón foi quen de achegar actividades formativas de gran repercusión na comunidade en liña. Por exemplo o curso sobre técnicas de laboratorio aplicadas á Bioloxía, no que se matricularon máis de medio milleiro de persoas. A temática destas actividades formativas desenvolvidas dixitalmente foi do máis variada: hóuboas científicas, humanísticas e, por suposto, tecnolóxico-dixitais.
Os principais impulsores destas plataforma foron Manuel J. Fernández Iglesias, vicerreitor de Extensión Universitaria, Domingo Docampo, responsábel do Campus Dixital do Mar, e Vicente Goyanes, coordinador da asistencia técnica multimedia da Universidade. O principal obxectivo da súa achega en común foi emprazar á Universidade no mundo dos cursos masivos en liña, os coñecidos como MOOC polas súas siglas en inglés, “cunha oferta específica moi adaptada ás capacidades do profesorado universitario vigués e ofrecendo unha formación rigorosa e útil baseada principalmente en materiais audiovisuais de alta calidade desenvolvidos na propia universidade”, sinalan, engadindo que non se procuran accións de ensino que sexan quen de xuntar grandes audiencias, “das cales hai milleiros dispoñíbeis na Rede”, senón empregar o modelo de formación en liña para fornecer “formación especializada de alta calidade e adaptada a un abano moi amplo de dispoñibilidade do alumando”.
Segundo engaden, a nova plataforma deulle aos docentes “a posibilidade de crear cursos audiovisuais con tecnoloxía de última xeración e expandir a súa difusión, moito máis aló do alumnado propio”. Desde o punto de vista dos estudantes, permitiulles “acceder a cursos de alto nivel impartidos por expertos universitarios, de xeito totalmente gratuíto e adaptando os contidos aos seus propios horarios e estilos de vida”.
En relación ao lugar de orixe dos matriculados e matriculadas, o 57% é de procedencia estatal e preto do 40% provén de Latinoamérica.
Na opinión dos impulsores da plataforma, a clasificación dos cinco cursos con máis seareiros reflicte tamén “a variedade temática desta oferta”. Encabeza a listaxe o curso Técnicas básicas de laboratorio aplicadas á Bioloxía, coordinado polos profesores Paloma Morán, Manuel Megías e Diana Valverde, con 507 seguidores e do que xa se fixo unha segunda edición. Séguelle Biomateriais, do concepto á clínica, dirixido polos docentes da Escola de Enxeñería Industrial, Julia Serra e Pío González, no se matricularon 323 persoas. Os dous seguintes, con 298 e 295 seguidores cada un, están coordinados polo profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución, Jesús G. Maestro e xiran entorno ao mundo literario: Teoría da literatura, o primeiro, e Literatura comparada, o segundo. En canto a número de inscritos (preto de 300 a aínda a seis meses da data oficial de inicio, en xaneiro de 2017), pecharía a clasificación o curso Utilización de ferramentas baseadas en TIC para a xestión da información na empresa, coordinado polos docentes da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Ángeles Sandoval, Miguel Ángel Merino e Fernando Comesaña, e dirixido a ofrecer “unha visión xeral de como as Tecnoloxías da Información e a Comunicación poden contribuír á mellora da xestión empresarial”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario