Este martes 5 de xullo
asinouse
na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo o contrato de
colaboración público-privada entre a Comisión e a industria
europea da Ciberseguridade representada pola organización ECSO.
O obxectivo deste marco dinámico de cooperación (partenariado)
é dar forma a unha alianza estratéxica para estimular a industria
da seguridade cibernética en Europa, nos ámbitos da investigación
estratéxica e a innovación. Segundo informa o Centro Tecnolóxico
Gradiant, co-fundador
da ECSO, a Unión Europea investirá
450 millóns de euros nesta asociación no marco do seu programa de
I+D Horizon 2020. A cambio, espera que cada euro de financiamento
público xere investimento privado que triplique esa cifra, achegados
polos axentes do mercado da ciberseguridade representados por ECSO.
En total, agárdase que este marco de cooperación xere ao redor de
1,8 millóns de euros de investimento para o ano 2020 e desenvolver
solucións innovadoras e de confianza.
ECSO, explica Gradiant,
traballará directamente coa Comisión Europea para mellorar a
política industrial de Europa en materia de ciberseguridade,
centrándose na innovación e seguindo un plan estratéxico de I+D.
Este partenariado público-privado axudará a crear confianza
entre os Estados membros, actores industriais e usuarios finais,
mediante o fomento -de abaixo cara arriba- da cooperación
estratéxica e a construción dun mercado sólido, harmonizado e
competitivo para a ciberseguridade en Europa a través de diversos
sectores como enerxía, transporte, saúde ou finanzas.
No acto formal de
sinatura do acordo (protagonizado polo vicepresidente para o mercado
único dixital, Andrus Ansip e o comisario de Economía Dixital e
Sociedade, Gunther Oettinger) reuníronse representantes de alto
nivel de ECSO, membros de 48 organizacións públicas e privadas de
até 14 países diferentes. A sinatura foi precedida por un breve
intercambio de puntos de vista entre o comisario Oettinger e os
participantes. Este engadiu que “Europa precisa alta calidade” e
que se abre con este partenariado “unha gran oportunidade
para a nosa industria da seguridade cibernética de competir nun
mercado de rápido crecemento global”. Oettinger fixo un chamamento
aos Estados membros da UE e aos corpos de seguridade estatais para
fortaleceren a cooperación e axuntar os seus coñecementos, recursos
e experiencia para “aumentar a seguridade cibernética de Europa”.
Na súa opinión, a asociación asinada hoxe coa industria marca un
fito en materia de protección das redes e da información.
Luigi Rebuffi, pola súa
banda, sinalou que a sinatura desta alianza coa Comisión Europea
representa un paso fundamental na cooperación público-privada para
o progreso da I+D en ciberseguridade e o medre dunha industria TIC
competitiva. Segundo engadiu (co fin de amosar os bos agoiros cos que
xorde esta iniciativa conxunta), ECSO é “unha organización de
rápido crecemento que xa recibiu máis de 120 solicitudes de
adhesión, proba do compromiso a prol do desenvolvemento cooperativo
dos axentes de seguridade cibernética para impulsar un mercado
sustentábel en Europa garantindo a autonomía dixital e contribuíndo
aos obxectivos do mercado único dixital”.
O acordo de colaboración
público-privado, engadiron, baséase en plans de traballo para as
actividades de I+D que son o resultado “dun proceso de consulta
aberta e que foron avaliados positivamente pola Comisión Europea coa
axuda de expertos independentes”. Apoiarase ademais na Axenda
Estratéxica de Investigación nas TIC e nas comunicacións seguras,
desenvolvida pola Plataforma NIS e publicada en setembro de 2015.
Orixe da ECSO
Lembrar que o 20 de
xaneiro de 2016 levouse a cabo en Bruxelas un workshop sobre o
contrato de asociación público-privada entre a Comisión Europea,
os Estados membros e a industria da seguridade cibernética, no marco
do cal se deron os primeiros pasos para constituír a ECSO
(Asociación para a Ciberseguridade en Europa). ECSO, da que como
dixemos Gradiant é membro fundador, é unha organización paneuropea
de grandes empresas, PEME, start-ups, centros tecnolóxicos,
universidades, usuarios e operadores, asociacións, clústers, países
e administracións públicas rexionais e locais dos países membros.
ECSO é unha asociación sen fins de lucro totalmente autofinanciada
(ASBL) e suxeita ao marco regulamentario belga e europeo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario