Desde Sermos Galiza:
“Finalmente o Pleno da Academia Galega resolveu homenaxear Carlos Casares
(Ourense, 1941-Nigrán, 2002) nas Letras Galegas do vindeiro ano. Así o
comunicou o presidente da institución, Xesús Alonso Montero, en
comparecencia de imprensa este mediodía.
Casares
era o favorito entre a listaxe de nomes -todos masculinos- que compuñan
as distintas candidaturas a valorar pola Academia. O que foi director
de Galaxia e renovación do ‘piñeirismo’ presidiu tamén o Consello da
Cultura Galega e foi deputado independente nas filas do PSOE en 1982.
Narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, Carlos Casares
foi un autor polifacético e “unha das figuras máis senlleiras e
renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX”,
sinalan desde a Academia nun comunicado público após a deliberación do
pleno.
“Alén do seu talento literario, Casares
foi un intelectual de relevo extraordinario que destacou tamén pola súa
implicación na vida cultural, social e institucional do país e por unha
laboriosidade incansable, ao tempo intelixente e reflexiva, e sempre
cun compromiso inequívoco coa lingua galega”, acrecentan desde a
institución.
Neste senso, entenden que “que a calidade, a vocación abertamente
comunicativa e o carácter variado da súa obra, que incluíu a literatura
infantil, o xornalismo e o ensaio, converten a Carlos Casares
nun escritor especialmente idóneo para protagonizar a celebración das
Letras Galegas de 2017″. Pois, subliñan, “con toda seguranza, reforzará o
prestixio das nosas lingua e literatura non soamente entre o público
escolar e estudantil en xeral, senón entre o gran público lector, que xa
celebrou en vida a súa espléndida obra literaria”. (…)
O Pleno da Academia tamén aprobou a incorporación da escritora Marilar Aleixandre, como nova integrante substituíndo o falecido Xosé Neira Vilas.
Aliás, oficializou a candidatura de Chus Pato como proposta para se
incorporar -se así o decide o Pleno na vindeira sesión- á Academia
pasando a ocupar a vacante producida polo pasamento de Xosé Fernández Ferreiro.”
Ningún comentario:
Publicar un comentario