mércores, 20 de xullo de 2016

O CSIC deseña dende Galicia innovadoras ferramentas para o patrimonio cultural

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) está a traballar dende a nosa terra no desenvolvemento de novas ferramentas software para o patrimonio cultural. Trátase, informa o CSIC, dun feixe de innovadores recursos informáticos “baseados en modelos abstractos de referencia e en ferramentas conceptuais e metodolóxicas dirixidas ás organizacións xeradoras desa información”. Entre as súas principais vantaxes comúns atópase a seguinte: con elas redúcese o custo habitual da súa difusión ao público xeral e contribúese á recepción das súas contribucións. Polo de agora deseñáronse e optimizáronse dous produtos pero a liña de traballo baséase en seguir fornecendo recursos novos. Estas dúas achegas xa dispoñíbeis son, por unha banda, a tecnoloxía CHARM (un modelo conceptual de patrimonio cultural), e, pola outra, ConML (unha linguaxe de modelado conceptual especialmente deseñada para as humanidades e ciencias sociais).
Segundo explica César González Pérez, científico do CSIC no INCIPIT e responsábel da liña de investigación, “a información patrimonial xerada polas organizacións é, en xeral, invisíbel para o común do público, entre outras razóns porque as entidades carecen das ferramentas conceptuais e tecnolóxicas precisas para visualizala”. Na súa opinión, “é fundamental avanzar nas tecnoloxías que permitan xestionar a información patrimonial de forma integral e flexíbel”. Ao fío disto, explica, o INCIPIT iniciou en 2008 a liña de investigación Tecnoloxías Semánticas e Patrimonio Cultural. O que se busca a través dela é “crear, seleccionar, desenvolver, analizar, validar, demostrar e diseminar as tecnoloxías precisas para a construción de significado ao redor da información que se xera e manexa no contexto do patrimonio cultural”. Trátase, ademais, dunha liña de traballo “fortemente transdisciplinar, xa que nela desenvolven o seu labor informáticos, arquitectos, arqueólogos e outros especialistas”, engade o investigador galego dende o INCIPIT.
As dúas ferramentas: CHARM e ConML
Segundo explica nun plano máis concreto, CHARM e ConML son “produtos de investigación concibidos como ferramentas conceptuais e metodolóxicas para o ámbito do patrimonio cultural que permiten xestionar a información patrimonial dunha forma científica, organizativa e economicamente pouco custosa para as organizacións”. A finais deste ano prevese lanzar un conxunto de ferramentas software baseadas neles para que calquera programador poida desenvolver produtos software compatíbeis cos devanditos recursos.
CHARM é un conxunto de conceptos e relacións formalmente definidos e expresados que captura todo aquilo que poida ser obxecto de recibir valor cultural por parte de calquera individuo, así como as valoracións asociadas. Lanzouse en 2012 cunha licencia CC BY, polo que é de libre uso. “Trátase”, lembra César González, “dun conxunto de termos, conceptos, definicións e relacións que describen coa mínima ambigüidade e con gran flexibilidade que aspectos son relevantes no patrimonio cultural”.
Pola súa banda, ConML é unha linguaxe de modelado conceptual especialmente construída para que as persoas non expertas en tecnoloxías da información poidan crear e desenvolver os seus propios modelos conceptuais. Lanzouse en 2010 tamén cunha licencia CC BY. Consiste nunha linguaxe artificialmente construída para “que o público xeral poida expresar con máximo rigor e escasa ambigüidade aspectos da realidade tales como que obxectos, estruturas, actos sociais ou outros elementos son recoñecidos por que axentes, a través de que procesos valorativos, e como esta situación cambia ao longo do tempo”, sinala César González Pérez.
Ambas as ferramentas empregáronse xa en proxectos e traballos de investigación e o INCIPIT está a levar a cabo actividades formativas sobre o seu uso. “Polo momento, constatamos que estas infraestruturas cambian radicalmente a xestión de información patrimonial por parte das organizacións que a xeran e lle tiran proveito e serven, á vez, de plataforma para o establecemento dun diálogo cos cidadáns”, salienta César González.
Os traballos para o desenvolvemento desas novas ferramentas realizáronse no marco do proxecto de investigación Metodoloxía Integral para a Representación Formal do Patrimonio Cultural, financiado pola Xunta de Galicia (2009 e 2012), e continúan cos proxectos Patrimonio 2.0: Modelos abstractos de referencia para información en patrimonio cultural, financiado polo Plan Estatal de Investigación-Retos 2014-2017) e Advanced Research Infrastructure for Archaeological Dataset Networking in Europe (ARIADNE), financiado polo VII Programa Marco da Unión Europea (2013-2017).

Ningún comentario:

Publicar un comentario