xoves, 7 de xullo de 2016

A Mesa lanza unha aplicación móbil sobre dereitos lingüísticos

Marcos Maceira di que o pasado ano tramitáronse 200 casos dos que "o 90% eran queixas" e no que vai de 2016 xa alcanzaron ese número.

A Mesa Pola Normalización Lingüítica lanza a aplicación para dispositivos móbiles 'A liña do galego', na que os galegos poderán "activar cun só clic os seus dereitos lingüísticos" e que permitirá "felicitar ou denunciar" o uso da lingua galega por parte de empresas e institucións.
A nova plataforma electrónica da Mesa foi presentada este mércores en Santiago de Compostela e está xa dispoñible para descarga, tanto para dispositivos Android coma para IOS.
O presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, destacou que esta nova aplicación supón "un salto máis na "defensa da lingua", xa que permitirá que "calquera persoa que teña motivos para felicitar" ou que senta "discriminado" por unha empresa ou institución polo uso do galego poderá "denuncialo e visibilizarlo inmediatamente".
A aplicación 'A liña do galego' -desenvolvida por Imaxín Software- permite "ampliar" os servizos que brinda A Mesa grazas á "inmediatez que ofrecen as aplicacións de telefonía móbil" e se suma ao teléfono e ao correo electrónico que a entidade ten abertos dende o ano 2007 para a tramitación de queixas.
REFERENCIAS NEGATIVAS E POSITIVAS
"Ofrecémosllelo tanto ás persoas que teñen motivos para felicitar alguén polo uso do galego como a persoas que se senten discriminadas ou que teñen problemas no seu día a día polo seu emprego do galego con normalidade", indicou Maceira.
Así, os galegos poderán deixar referencias tanto positivas como negativas sobre negocios e institucións no relativo ao uso da lingua galega, que estarán visibles para o resto de usuarios e se incorparán, de forma inmediata, á base de datos da entidade.
Grazas isto último, A Mesa poderá "comezar de carácter inmediato os trámites necesarios" para denunciar estas prácticas e, deste modo, "contribuír a que estas situacións se corrixan", co que esperan "multiplicar" o número de trámites que manexa anualmente esta entidade.
"MULTIPLICAR" OS TRÁMITES
Neste sentido, Maceira recordou que o pasado ano A Mesa tramitou 200 casos dos que "o 90% eran queixas" e anunciou que, no que vai de 2016, xa alcanzaron ese número. "Isto quere dicir que o nivel de conciencia está a aumentar e a xente reivindica moito máis nosos dereitos lingüísticos", incidiu.
Non obstante, Maceira apuntou que "falta moito por mellorar" na defensa do galego e emprazou aos galegos a "denunciar e visibilizar" o "desprezo e a exclusión sistemática que padece a lingua galega".

Ningún comentario:

Publicar un comentario