martes, 5 de xullo de 2016

O Fondo de pensións baleirouse un 60% desde a chegada de Rajoy ao poder

O goberno español sacou outros 8.700 millóns de euros da caixa de reserva. Desde 2011 leva sacados máis de 40.000 millóns. A este ritmo, o fondo esgotaría en 2017.

O goberno de Mariano Rajoy volveu botar man do diñeiro aforrado no Fondo de reserva pensións para pagar estas prestacións e a paga extra de xullo. Desa volta sacou 8.700 millóns de euros e nesa caixa xa só fican 25.176 millóns, cifra moi afastada daqueles 66.815 millóns que chegou haber en 2011. Desde aquela e até agora o fondo minguou en 41.639 millóns de euros, unha redución do 62%. A este ritmo de redución, para finais de 2017 a caixa de reserva de pensións ficará baldeira.
Estes 8.700 millóns de euros que o executivo central vén de sacar agora engádense aos 11.500 millóns de euros retirados en 2015 ou aos 15.300 millóns sacados durante o exercicio 2014. As previsións de expertos e economistas é que esta práctica de retirar cartos da caixa vaise manter a corto e medio prazo. E xa só fican 25.000 millóns de euros, unha cifra tan baixa non se rexistraba na última década.
O executivo optou por botar man deste fondo para facer fronte ao pagamento de cuestións como a paga extra de xullo e do Nadal, o que  foi minguando o total existente, aforrado no que se cualifica como 'anos de bonanza' previos á irrupción da crise económica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario