A empresa viguesa desenvolveu un sistema de xestión de clientes que xa traballa con grandes firmas
A situación é coñecida para case todo o mundo. Temos un problema coa nosa compañía telefónica; os trámites e as esperas para arranxar a situación son incómodos, lentos e, moitas veces, pouco eficaces. Cansos de escoitar música de sala de espera e de saltar dun teleoperador a outro, Pablo Gutiérrez Alfaro e Jorge Rodríguez Núñez, dous emprendedores vigueses, decidiron idear unha ferramenta de mensaxería instantánea entre empresas e clientes denominada Citious.Converfit evolucionou dun servizo de mensaxería instantánea para empresas e clientesPero pouco despois, as demandas das empresas, que moitas veces solicitaban máis servizos,como o chat web, obrigou a Citious a evolucionar. Desenvolveron entón outro produto, Converfit, un sistema de analítica para páxinas web que agora é o cerne da empresa.
“Contámoslle ás empresas todo o que fan os clientes nas súas páxinas web: cómo se moven, que produtos consultan, que buscas fan, etc.”, conta Lucía Sendón, responsable de comunicación de Converfit. A ferramenta recolle os datos e desenvolve perfís de cada cliente que visita páxina. Dispón, ademais, dun servizo de chat en directo para asesorar aos clientes durante o proceso de compra e aumentar a taxa de conversión. É dicir, conseguir que unha mellor proporción entre visitas e vendas.
A apariencia dos sitios web muda segundo as preferencias dos clientes
Deste xeito, cada cliente obtén unha experiencia de compra a medida. “Aseméllase ao que cada un de nós fai cando pedimos consello ao dependente nunha tenda física”, explican. A través de banners, popups e mailing, cada usuario recibe as súas propias recomendacións. “Se a xente adoita mercar impulsada polo prezo do produto, ofrecémoslles descontos; se ao usuario lle gustan os vestidos de flores, apareceranlle banners con vestidos de flores e enviarémoslle correos con ofertas de vestidos de flores”, apunta Lucía Sendón.
A ferramenta conta con clientes de sectores moi diversos, como a moda, a banca ou a telefonía, e traballan en todo o relacionado con comercio online ou venta física a partir das visitas ás páxinas web. Ata o de agora, Converfit traballa con grandes contas, pero xa teñen a punto sistema orientado ás pemes, que está a piques de saír ao mercado.
En pouco máis dun ano, este proxecto están dando abondosos froitos. A finais de 2015, Converfit foi a única empresa española seleccionada no Microsoft Ventures Accelerator, celebrado en Londres. “Tivemos a oportunidade de traballar durante tres meses con mentores de Microsoft, de moi alto nivel, e que estaban moi involucrados nos proxectos”, lembra Sendón. Pouco despois, Google tamén petou á súa porta, e foron convidados a pasar 15 días en Silicon Valley dentro do programa BackBoxConnect, co que desenvolveron e presentaron o seu proxecto e estableceron relaciones con inversores internacionais.
Converfit lanzará próximamente un sistema adaptado ás pemesEn Galicia, o apoio de Vía Vigo foi fundamental para Converfit. O que entón era Citious foi seleccionado como un dos 10 finalistas na segunda edición da aceleradora de empresas VíaGalicia. Este recoñecemento permitiulle á empresa establecer a súa base en Porto do Molle, xunto a outras start-up galegas. “É moi agradable traballar ao carón de proxectos similares”, sinala a responsable de comunicación da empresa.
Agora, as perspectivas de Converfit céntranse na comercialización e a mellora continua do seu produto, amais do lanzamento da súa liña para pemes. O camiño, polo de agora, comezou ben.
Ningún comentario:
Publicar un comentario