Os beneficiarios terán apoio económico para a cobertura dos gastos a través dunha asociación universitaria (Auce) e o programa Galeuropa 2016.
Por segundo ano consecutivo, a Asociación Educación Social e Sociedade (Auce), formada por estudantes e egresados da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, levará a cabo un programa de prácticas en Lisboa. Para facelo, busca 12 persoas menores de 30 anos con perfil e formación na área social ou educativa interesadas en desenvolver unha experiencia de mobilidade formativa e profesional en organizacións e entidades da capital lusa durante catro meses, de xullo a novembro deste ano. Os beneficiarios e beneficiarias desta iniciativa, que se realiza ao abeiro do Programa Galeuropa da Xunta de Galicia e coa colaboración coa asociación lusa Clube Intercultural Europeu, terán apoio económico para a cobertura dos gastos.O proxecto da entidade é un dos beneficiarios da liña de axudas para a realización de prácticas formativas non remuneradas na Unión Europea do Programa de Mobilidade Transnacional Xuvenil Galeuropa, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil, cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo. “Este ano aumentamos a convocatoria en número de persoas beneficiarias, pasando de dez a doce, e na duración das mobilidades, pasando de dous a catro meses”, explica Noemí Giráldez, responsable do proxecto Galeuropa Lisboa 2016 en Galicia e membro de Auce. “Estamos moi satisfeitos porque na asociación cada vez temos máis proxectos e de maior envergadura”, engade Giráldez. Na decisión de volver a levar a cabo este proxecto, subliña a súa responsable, foron decisivos os bos resultados que afirma tivo a primeira edición. “As persoas que participaron, procedentes de eidos moi diversos, desde o traballo social á tradución, quedaron moi satisfeitas, estando na actualidade unha delas contratada na entidade na que realizou as prácticas e varias delas desenvolvendo no estranxeiro actividades relacionadas coa súa formación”, comenta.
Presentación de candidaturas ata o 13 de xullo
Para poder optar a unha desta bolsas de mobilidade é preciso ser menor de 30 anos e estar inscrito, ou estar en disposición de facelo, no Sistema de Garantía Xuvenil. As persoas seleccionadas terán apoio económico suficiente para a cobertura dos gastos da viaxe ida e volta, aloxamento, manutención, transportes urbanos e seguro de accidentes e responsabilidade civil. Ademais, terán un seminario de preparación para a mobilidade; apoio na procura da organización/entidade de prácticas axustada ao perfil e preferencias da persoa beneficiaria; un curso de formación lingüística en Portugués e información para compra das viaxes e para a procura de aloxamento.
Unha vez en Lisboa, as persoas elixidas terán información, apoio e acompañamento presencial por parte dunha mentora do Clube Intercultural Europeu, que as acompañará na chegada a Lisboa e á entidade de acollida, ademais de apoialas nos trámites administrativos, con reunións periódicas ata a finalización do período de mobilidade. Tamén terán atención, apoio e acompañamento por teléfono e correo electrónico por parte de AUCE ao longo de todo o proceso. Para rematar, os beneficiarios e beneficiarias participarán en seminarios sobre oportunidades e programas de mobilidade europea e inserción laboral.
As solicitudes poden presentarse por correo electrónico ata o 13 de xullo de 2016 ás 14.00 h e deben incluír, ademais dun curriculum vitae en portugués e o documento de ser beneficiario do Sistema de Garantía Xuvenil, unha carta de motivación na que aparezan os datos persoais, a formación e experiencia do solicitante, as súas competencias, as motivacións para vivir esta experiencia de mobilidade, as expectativas e intereses e as preferencias en relación ás entidades de prácticas. As persoas interesadas nesta convocatoria poden solicitar máis información no enderezo auce.lisboa@gmail.com.
Ningún comentario:
Publicar un comentario