Un ano máis, 120 estudantes de primeiro curso de bacharelato e cuarto de secundaria achéganse este mes á Universidade de Santiago
para participar en distintos experimentos e actividades
lúdico-educativas buscando espertar neles vocacións científicas e avivar
o seu interese tanto polo estudo das ciencias como pola investigación. Trátase de favorecer a transferencia de coñecemento en talento innovador e emprendedor especialmente entre os máis novos.
Os primeiros mozos e mozas, 30 estudantes de bacharelato, chegaron
este luns a Santiago. Foron recibidos no Colexio Maior Fonseca polo
vicerreitor de Comunicación e Coordinación Xosé Pereira Fariña e o delegado do reitor para o Ensino Medio e coordinador desta actividade, Luis Hervella Torrón. As seguintes semanas organizaranse en quendas similares, sendo a segunda quincena para os estudantes de secundaria.
Nas facultades de Farmacia, Matemáticas e Física e na Escola Técnica
Superior de Enxeñaría, o alumnado poderá participar nos proxectos ‘A
sustentabilidade do ciclo da auga: un dos retos do século XXI’,
‘Buscando as partículas máis enerxética do universo’, ‘A maxia dos
hidroxeles’ e ‘ MathematiXSI: Mathematical Scene Investigation’ que
dirixen respectivamente Gumersindo Feijóo Costa, Ricardo Vázquez López, Francisco Javier Otero Espinar e Mª Victoria Otero Espinar.
Campus Científicos de Verán é unha iniciativa organizada polos ministerios de Educación e de Economía e Competitividade e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT)
co patrocinio da Obra Social “la Caixa”. Colaboran 16 universidades con
Campus de Excelencia Internacional seleccionados polo Ministerio de
Educación e Cultura e Deporte conforme á valoración realizada dos
mellores proxectos de achegamento científico presentados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario