xoves, 28 de xullo de 2016

Os bilingües galego-castelán adaptan o idioma e trazos dialectais en conversas conflitivas

Un investigador da Universidade de Vigo conclúe nun estudo que "os falantes bilingües modulan o seu repertorio de estilos conversacionais para aproximarse ou afastarse dos seus interlocutores e, ao mesmo tempo, construír a súa identidade".

"Os falantes bilingües modulan o seu repertorio de estilos conversacionais para aproximarse ou afastarse dos seus interlocutores e, ao mesmo tempo, construír a súa identidade no propio discurso". Así o conclúe un estudo empírico sobre acomodación lingüística na interacción bilingüe galego-castelán en situacións de conflito conversacional.
O estudo, do investigador da Universidade de Vigo Jorge Diz Ferreira, tamén conclúe que "en secuencias de conflito nas que o enfrontamento é explícito", as estratexias discursivas de converxencia ou diverxencia "son moi importantes á hora de mostrar adhesión ás formulacións daqueles participantes cos que os falantes se senten máis identificados; e, ao contrario, o afastamento daqueles con quen os falantes non concordan maniféstase a través de estilos diverxentes".
Así, por exemplo, o cambio de rexistro de idioma nunha conversa pode supoñer que o suxeito quere adherirse ao seu interlocutor cando adopta a mesma lingua, ou que busca marcar distancias con este ao usar un idioma distinto ou códigos dialectais propios dunha lingua, como a gheada ou o seseo no caso do galego. Precisamente estes dous casos foron identificados e analizados no estudo de Diz Ferreira.
ESTUDO DE CASO
A investigación parte da análise interaccional de conversacións entre falantes bilingües galego-castelán, todos eles membros dunha mesma rede social, artellada arredor de persoas emigradas do medio rural, neste caso, do municipio de Gondomar á cidade de Vigo. "Os falantes teñen, polo tanto, distintas bagaxes culturais e, en consecuencia, uns estilos conversacionales non sempre coincidentes", segundo explica o autor do estudo. O investigador da Universidade de Vigo adianta na exposición do seu estudo que "os emigrantes, despois de que actúan como bisagra entre o mundo rural e o mundo urbano, dispoñen duns repertorios comunicativos que inclúen non só aqueles estilos máis próximos ás formas de fala rurais, senón tamén uns estilos máis próximos aos estándares urbanos". Isto permítelle diferenciar os distintos rexistros que se van adoptando nas distintas situacións da conversa.
Para a análise, o investigador seleccionou varias secuencias dunha conversa no medio rural. Nela, participan polo menos dúas persoas emigrantes (Pepe e Isabel), os seus dous fillos (José e Kevin) —cuxa socialización é esencialmente urbana— e outros falantes de adscrición rural (Paco e Jorge). A conversa prodúcese unha mañá de novembro na casa que a nai de Isabel e Paco (Chona) ten na aldea e onde os emigrantes van de visita para instalar un novo televisor, que, presumiblemente, será máis fácil de utilizar para a anciá. Este feito provoca unha reacción contraria por parte de Paco, a persoa que se encarga de coidar a Chona. As conversas, rexistradas e  analizadas, foron transcritas seguindo as convencións do Corpus de Fala Bilingüe Galego/Castelán (Co.Fa.Bil.) da Universidade de Vigo, que, á súa vez, están adaptadas do modelo de Álvarez Cáccamo (1991).
Na análise das convesas obsérvase que "a negociación do código nesta interacción é unha estratexia cooperativa, xa que os falantes tratan de converxer co código dos seus interlocutores e minimizar as consecuencias das súas intervencións na secuencia de natureza conflitiva". Ademais, unha "certa fluctuación entre os códigos" amósase como "un fin cooperativo e como un mecanismo de atenuación do desacordo".
Diz Ferreira tamén salienta que "a negociación do código permite aos falantes construír a súa identidade conversacionalmente".
A GHEADA E O SESEO PARA DIFERENCIARSE
Unha das partes máis interesantes deste estudo é que analiza os trazos dialectais dos falantes, que "constitúen, como a elección do código, importantes indicios de contextualización á hora de analizar a construción das identidades no discurso", explica o autor, quen descirbe que "os falantes empregan os seus repertorios lingüísticos, en que se inflúen (ou non) estilos con indicios de fala local, patrimonial, rural para mostrar a súa vinculación co mundo rural e coas variedades patrimoniais que alí se utilizan".
"A ausencia de marcas dialectais, como a gheada e o seseo, nos estilos dos nosos informantes, é un indicio do seu distanciamento con respecto ao mundo rural, mentres que a súa presenza é un trazo característico dunha variedade local máis rural", argúe o investigador.
Estes trazos dialectais contribúen, para Diz Ferreira,  "á aproximación ou ao afastamento dos estilos dos interlocutores e, en consecuencia, ao establecemento de identidades conversacionais asociadas a un mundo local rural (con variantes locais de gheada e de seseo) ou, ao contrario, de identidades conversacionales máis próximas ao mundo rurbano [xente do do rural adaptada ao mundo urbano] (cuxo estilo se podería caracterizar pola ausencia destes trazos ou, en todo caso, por unhas variantes menos marcadas).
Tras analizar os rexistros das conversas, o investigador da Universidade de Vigo conclúe que no enfrontamento entre os interlocutores, as súas diferencias "reflíctense discursivamente a través dos indicios de contextualización, que manifiestan construcións identitarias dos falantes diferentes e a súa vinculación con mundos culturais distintos".
No transcurso da conversa, Diz Ferreira ve como as dúas partes que entran en conflito converxen primeiro no uso do español e logo mudan ao galego, en ambos os dous casos para "mitigar" o desacordo, aínda que cando recorren á lingua galega fanno "con estilos conversacionais substancialmente distintos". Así, mientres un está "próximo aos estilos rurais, nos que son frecuentes os trazos dialectais da gheada e o seseo, característicos da súa zona, o Val Miñor, o estilo dos emigrantes [...] caracterízase por unha ausencia de tales fenómenos". Na súa interpretación sobre estes trazos, Diz Ferreira conclúe que se dá unha estratexia de "acomodación diverxente" por parte dos que non usan a gheada e o seseo, "coa finalidade de remarcar o seu posicionamiento antagónico" con respecto a outra parte en disputa.
-------------------------------------------------------
Jorge Diz Ferreira. (2016). La acomodación lingüística en la interacción bilingüe gallego-castellano. Estrategias discursivas de convergencia y divergencia en secuencias de conflicto. Tonos digital: Revista electrónica de estudios filológicos, Nº. 31.

Ningún comentario:

Publicar un comentario