Un estudo da Universidade de Alicante alerta de que os recortes e a crise frearon a tendencia positiva tras a Lei de Igualdade.
Galicia foi a única rexión do Estado, xunto a Cantabria, na que a desigualdade de xénero medrou entre os anos 2006 e 2014, segundo un estudo da Universidade de Alicante. O traballo, publicado na Gaceta Sanitaria, revela que o índice de equidade de xénero modificado (IEGM), que mide a desigualdade entre homes e mulleres, debuxa para Galicia unha tendencia marcadamente negativa neste eido. Desde 2006, o IEGM, que oscila entre o -1 (desfavorable ás mulleres) e o 1 (desfavorable aos homes), descendeu na comunidade nun 0,0064. Este retroceso sitúa a Galicia como a segunda comunidade con peor IEGM, só por detrás, precisamente, de Cantabria.‘Houbo máis recortes en políticas de xénero con gobernos conservadores’, destaca o estudoO estudo debuxa un estancamento da igualdade debido,en parte, aos recortes aplicados a raíz da crise económica. No 2006, un ano antes da entrada en vigor da Lei de Igualdade de Xénero, España vivía “un momento de equidade de xénero emerxente dentro do contexto mundial, ocupando unha das mellores posicións do índice de equidade de xénero (IEG)”, segundo apuntan os investigadores. Pero o comezo da crise, en 2008, freou en seco este progreso. No traballo explícase que “ao abeiro da crise realizáronse recortes orzamentarios para as políticas de xénero, retrocesos nos marcos normativos e reformas, como a eliminación dos organismos de igualdade estatal e das CC.AA”. Ditas medidas, segundo se destaca no estudo, tomáronse “con maior frecuencia nas comunidades gobernadas por partidos políticos conservadores”.
Na investigación,analízase o IEGM dende tres perspectivas: a educación (taxa de alfabetización e matriculación en estudos primarios, secundarios e postobligatorios), a actividade económica (ingresos medios e taxa de actividade), e a presenza en cargos directivos públicos e privados. No eido educativo, a fenda é lixeiramente desfavorable aos homes, aínda que se percibe un descenso da matriculación universitaria de mulleres.
Unha das evidencias do efecto da crise na desigualdade apréciase na fenda salarial. Mentres que entre 2006 e 2011 todas as comunidades reduciron dita fenda, a tendencia revertiuse entre 2011 e 2014 en Extremadura, Navarra, Murcia, Castilla-La Mancha, La Rioja e País Vasco.
Respecto á presenza en cargos directivos, tanto empresariais coma políticos, o estudo advirte dunha “diminución das vías de participación política das mulleres” nos últimos anos. A nivel privado, a fenda segue sendo ampla, aínda que a tendencia é positiva para as mulleres.
Ningún comentario:
Publicar un comentario