luns, 4 de xullo de 2016

Facebook permite que as páxinas realicen publicacións multilingües

Dende Facebook non limitan a localización da súa plataforma á súa interface, senón que tamén queren que os contidos estean dispoñibles máis aló da Torre de Babel, e a partires de agora as páxinas de Facebook que desexen publicar as súas actualizacións de estado en distintas linguas terano máis doado, de xeito que, de activar a opción de Publicar en varios idiomas dentro do menú de configuración Xeral, cada vez que escriban unha actualización de estado terán dispoñible un texto en gris que de premer sobre o mesmo abre unha nova caixa de texto da que podemos configurar o idioma que queremos que presente, e que incluirá unha tradución automática do texto orixinal, axilizando así a publicación de comunicacións en varios idiomas.
Deste xeito, os usuarios poderán ter contidos adaptados ás súas falas, facendo moito máis amable a lectura de contidos en Facebook, xa que unha mesma comunicación presentarase nunha lingua ou outra en función da configuración de idioma do usuario.
Cómpre destacar que esta nova funcionalidade está dispoñible nos principais idiomas a nivel mundial, pero cando chegamos ao noso ámbito máis próximo vemos como pode empregarse en inglés, español, francés, portugués, catalán e vasco, deixando de lado o galego.
Dende Facebook confían en que o compositor de actualizacións de estado multilingües sexa de grande axuda para a tecnoloxía de tradución automática de Facebook, que ten así unha base de traballo moi atractiva, que pouco a pouco contribuirá á superación das barreiras idiomáticas dentro de Facebook.

Ningún comentario:

Publicar un comentario