mércores, 20 de xullo de 2016

O Concello de Teo denuncia que Industria lle denegou unha axuda por enviar documentos en galego

O alcalde cualifica de "falta de respecto" que o Ministerio lle denegase un empréstito de 3,27 millóns de euros para un proxecto de iluminación pública, e avanza que hai outros concellos na mesma situación.

O Concello de Teo (A Coruña) denunciou que o Instituto para a Diversificación da Enerxía e o Aforro (IDEA), dependente do Ministerio de Industria, denegou a concesión dun empréstito por valor de 3,27 millóns de euros para un proxecto de iluminación pública porque nos documentos presentados na solicitude se incluía un informe escrito en galego.
O alcalde de Teo, Rafael Sisto, cualificou de "falta de respecto" a actitude do IDAE e esixiu a dimisión do seu director xeral, Arturo Fernández, e do seu presidente, Alberto Nadal, por "empregar as institucións públicas para iniciar unha guerra política".
A casa do concello de Teo, localidade situada nas inmediacións de Santiago, recibiu a mediados do mes de xuño a desestimación da petición dun empréstito a interese cero para renovar a iluminación pública porque "un dos múltiples documentos" que achegaron estaba escrito en lingua galega e nas bases da convocatoria se establecía que o idioma empregado debía ser o castelán.
Ante esta situación, a casa do concello teense —no que goberna Son de Teo-Anova en coalición co PSdeG— presentou unha alegación asegurando que se trataba dun "defecto subsandable" e incluía unha tradución do devandito documento ao castelán. Ademais, engadían que as bases "en ningún caso fixan que a utilización dun idioma cooficial do Estado sexa razón de desestimación definitiva".
O pasado día 11 de xullo, o Concello de Teo recibiu a resposta do IDAE, no que volven tombar a solicitude porque a casa do concello "ignorou" as bases da convocatoria, unha cuestión que, como reproduce nunha nota de prensa o concello, "non pode entenderse como un comportamento que responda a unha dúbida razoable do solicitante" senón como "unha resistencia á observación de tal previsión".
"ACTITUDE FALTONA"
En declaracións a Europa Press, o alcalde de Teo, Rafael Sisto, trasladou o "enfado" da corporación municipal pola actitude "faltona" da institución dependente de Industria, que mesmo, segundo o rexedor, nunha conversación telefónica con responsables do instituto chegaron a dicirlle que "nin os cataláns farían iso".
Neste sentido, Sisto avanzou que pelexarán "ata o final" no ámbito administrativo e tamén presentarán unha moción no pleno municipal para "rexeitar a actuación dos responsables do IDEA" e, deste modo, facer ver que non se trata dunha postura "só nacionalista".
Ademais, pedirán unha entrevista co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para trasladarlle a situación e non descartan realizar "accións conxuntas con outros concellos". En relación a isto, avanzou que coñecen que outros gobernos locais da bisbarra tamén se atopan na mesma situación, pero aínda non recibiron resposta á alegación por parte do IDAE porque o Concello de Teo "tiña máis avanzados os trámites".
DOCUMENTACIÓN EXTENSA
Sisto reiterou que os dirixentes do IDAE utilizan como "escusa" o idioma para emprender unha "guerra política" e móstrase sorprendido con que o uso do galego sexa un "defecto non subsandable". "Se faltase a metade do informe seguro que sería subsandable", espetou.
Así mesmo, engadiu que o informe non admitido polo IDAE "son dúas páxinas, na súa maior parte números" que forma parte dunha documentación moito máis grande e complexa "dende o punto de vista técnico".

Ningún comentario:

Publicar un comentario