mércores, 6 de xullo de 2016

Os pensionistas sustentan un terzo dos fogares galegos

Ademais, hai 256.082 pensións de xubilación dunha contía mensual de menos de 655,19 euros, que representan 54,7 % do total, segundo apunta UXT.

Un terzo dos fogares galegos teñen como "sustentador principal" a persoas maiores de 65 anos, alertou o sindicato UXT.
Este sindicato sinala nun comunicado que os datos do Instituto Galego de Estatística indican que 303.666 fogares galegos teñen como sustentador principal a persoas de máis de 65 anos, dun total de 1.060.976 de fogares nesta Comunidade.
UXT indica que entre 2011 e 2015, os beneficiarios de pensións superiores a mil euros "perderon 3,8 % do seu poder adquisitivo" e os inferiores a esa cantidade "gañaron só 0,1 %".
A iso hai que sumar unha serie de "medidas que repercutiron directamente sobre o aforro dos pensionistas", entre as que cita o sistema de "copago" de fármacos ou o incremento do desemprego, que "converteu a moitos na única fonte de ingresos dos seus fogares", denuncia o sindicato.
Advirte de que "máis da metade das pensións galegas sitúanse por baixo do salario mínimo interprofesional de 655 euros mensuais, unha situación que no resto de España non chega ao 40%", segundo UXT.
En Galicia hai 256.082 pensións de xubilación dunha contía mensual de menos de 655,19 euros, que representan 54,7 % do total, apunta UXT e sinala que a reforma do sistema de pensións aplicado polo Goberno do PP debilitou "intencionadamente" a Seguridade Social.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario