Esiximos que se manteñan as unidades e os postos de traballo para poder ofertar un ensino de calidade.
A CIG-Ensino quere denunciar a intención
da Consellaría de Educación de suprimir unidades e profesorado na
comarca de Santiago ao tempo que decide aumentar a oferta do ensino
privado concertado de forma irregular cando existen prazas de matrícula
suficientes nos centros públicos.
Un dos centros afectados polos recortes é o CPI Viaño Pequeno, en Trazo,
ao que a Inspección comunicou que vai suprimir 2 prazas de profesorado de
educación infantil no curso 2016-2017 e agrupar ao alumnado de 3 e 4 anos,
malia que o número de nacementos se incrementou desde o 2010 e o número de
nenos e nenas para os próximos dous cursos vai ser superior ao actual.
Outro dos centros afectados é o CEIP Mesón do Vento, en Ordes, no que a Consellaría quere suprimir unha unidade de educación infantil que terá como consecuencia o agrupamento dos rapaces e rapaces de 3, 4 e 5 anos. Ademais pretende pechar no mesmo concello a escola unitaria de Merelle. Estas medidas significan a supresión de tres docentes e supoñen un novo recorte que se suma á xa longa listaxe de centros afectados por continuas reducións nos cadros de persoal.
Outro caso que se suma aos anteriores é o da supresión de dúas prazas de educación primaria e unha de PT no CEIP de Louro.
Desde a CIG-Ensino esiximos, e así o imos trasladar na próxima reunión do Xefe Territorial coa Xunta de Persoal, que non se discrimine ao alumando da zona rural da comarca de Santiago e que se manteñan as unidades e os postos de traballo para poder ofertar un ensino de calidade.
A CIG-Ensino quere insistir tamén no problema de habitabilidade que ten o IES Maruxa Mallo no que a partir de maio hai aulas que chegan a acadar os 35 grados, con 51 metros cadrados e con até 32 alumnas e alumnos. A CIG-Ensino esíxelle á Consellaría de Educación unha solución para o próximo curso e que se reduzan as ratios de alumnado por aula para non agravar o problema.
Ao tempo que se producen estes recorte, a Consellaría Educación concede de forma fraudulenta, tal e como xa denunciou a CIG Ensino, un un novo concerto educativo, á Casa do Neno en Santiago cando existen centros públicos que teñen capacidade para cubrir a demanda de prazas, tal e como se constata na acta da Comisión de Escolarización de Santiago de Compostela do 16 de maio de 2016.
Ningún comentario:
Publicar un comentario