A CIG-Ensino exixe a depuración de responsabilidades na Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza
(TSXG) vén de ditar sentenza firme en contra da actuación da Consellaría
de Educación que cualifica de irregular, despois do recurso presentado
pola asesoría xurídica da CIG-Ensino
O empeño da Consellaría de Educación en persistir nesta irregularidade e ilegalidade supuxo que non só non asumise a denuncia feita pola CIG-Ensino na Mesa Sectorial, senón que despois da primeira sentenza favorábel ao recurso presentado pola asesoría da CIG-Ensino, pronunciada polo Xulgado do Contencioso Nº 2 de Compostela, continuase obcecada en privilexiar esta profesora e recorrese en Casación perante o TSXG, que agora resolve con sentenza firme e fixa unhas custas de 1000 euros que terá que satisfacer a Consellaría con diñeiro público. Xa no seu momento, a CIG-Ensino advertiu á Xefatura Territorial de Educación da actuación irregular do inspector do centro, Sr. José Casimiro Pérez Fernández, que avalou e defendeu, mediante un informe favorábel, a adxudicación irregular a esta profesora.
As consecuencias desta actuación irregular non rematan aquí, pois froito dela a profesora beneficiada pola Consellaría, Dª María José de Arriba Redondo, segue a ocupar ese mesmo posto, que no seu momento lle foi irregularmente adxudicado, debido a que nas eleccións municipais de maio de 2015 resultou electa conselleira. Por este motivo, conforme o artigo 74.3 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, ten garantida a permanencia no posto que ocupaba cando resultou electa, durante toda a lexislatura (4 anos). Todo isto indúcenos a pensar que estas irregularidades tiñan como fin esta culminación e que, presuntamente, foi unha estratexia calculada con premeditación para favorecer a María José de Arriba Redondo.
Ante a contundencia da sentenza do TSXG, a CIG-Ensino xa ten presentado recurso contencioso contra o nomeamento actual desta persoa, xa que o mesmo é consecuencia de actuacións previas fraudulentas, para que se lles restitúan os dereitos que lles foron conculcados ás persoas reclamantes e non se volvan a repetir este tipo de actuacións no futuro.
A CIG-Ensino, diante da concatenación de diferentes actuacións anómalas e irregulares, que confirma con toda a contundencia o TSXG, exíxelle á Consellaría a depuración de responsabilidades acumuladas neste caso, cuxo máximo responsábel é a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos por amparar esta nova fraude da Consellaría de Educación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario