venres, 1 de xullo de 2016

A Consellaría de Educación continúa desprezando o traballo do profesorado

Unha vez rematado o curso, a Consellaría de Educación obriga o profesorado a modificar os criterios de avaliación para subir ao programa de Xestión Administrativa da Educación (XADE).

A Consellaría de Educación, o 10 de xuño, tan só a doce días de que remate o curso escolar, publicou a orde que regula a avaliación e a promoción do alumnado que cursa educación primaria cando moitos centros e profesorado xa teñen iniciado e cumprimentado todo o procedemento burocrático que supón a avaliación.
O despropósito da Consellaría non ten límites, pois non só pretende que o profesorado modifique os criterios estabelecidos na avaliación, cando xa rematou o curso, senón que neste momento nin sequera ten activada a aplicación no Xade para poder facelo. O desatino é tal que están chamando o profesorado que foi substituto e que xa non ten relación laboral coa Consellaría para que adapte a avaliación e a complete na dita aplicación.
Despois de dous cursos de aplicación da LOMCE en primaria, a Consellaría ten a ousadía, unha vez iniciadas as vacacións escolares, de obrigar os centros a revisar e a mudar todo o traballo xa realizado. A Consellaría de Educación trata os seus traballadores e traballadoras como escravos obedientes, despreza o seu traballo e bótao ao lixo. Todo isto é aínda máis grave tendo en conta que tanto o profesorado como a CIG-Ensino levamos dous anos esixindo unha orde que concrete a avaliación segundo a normativa en vigor. Unha vez máis, a Consellaría demostra o seu desprezo e desconsideración polo profesorado e o seu traballo, actitude que vén sendo o modo de actuación do Partido Popular á fronte desta Consellaría.
Proba do carácter competitivo e clasista da LOMCE é que esta mesma orde está destinada tamén a estabelecer todo tipo de diferenzas entre o alumnado. Soamente así se pode entender que se estabeleza xa en primaria o outorgamento de “mencións honoríficas” ao alumnado “excelente”, desprezando o feito de que o ensino ten que ser un dereito de todos e todas e de que a escola ten que procurar que o alumnado desenvolva as súas capacidades e aptitudes e proporcionar unha formación integral. O ensino non pode incentivar unha carreira competitiva para o alumnado que acabará inculcándolle o individualismo e a insolidariedades desde o primeiro día da escola.
A CIG-Ensino esíxelle á Consellaría que cese na súa intención de obrigar o profesorado a modificar a súa avaliación e, por tanto, que desista de demandarlle de subir ao Xade en período de vacacións uns criterios que non aplicou na avaliación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario