Veñen semanas de altas temperaturas. Pola calor e pola completiña axenda d@s regueifeir@s, prontos a elevar o termostato a base de pílulas destes desafíos orais improvisados e en verso.
Verán, calor e regueifas. A estación comeza ben servida de actividades relacionadas con esta vella tradición galega que desde hai anos está en pleno proceso de reactualización e renovación. Un papel no que Oral (Oralidade, Rima, Arte, Lingua de Galiza) está a ter un papel fundamental. A regueifa enmárcase na arte da improvisación oral, existente en todas as culturas. A regueifa é un desafío oral improvisado e en verso, non moi difernte do que vén sendo o hip-hop, por exemplo.Na axenda de regueifas destas semanas as primeiras citas son o 20 de xullo en Samil, na que os regueifeiros Josiño da Teixeira e Quique Estévez, entre outros, actuarán canda os 'repentistas' (improvisadores) cudanos Irán Caballero e Yoslay García. O día seguinte, 21, mantéñense os mesmos protagonistas, galegos e cubanos, mais varía a ubicación da actuación, que pasará ser Ponteareas, na Praza Maior.
E seguimos sumando: O 23 de xullo os regueifeiros Bieito Lobariñas e Josiño da Teixeira actuarán na Festa da Comunidade de Montes de Goián, en Tomiño. Mais como non todo vai ser o sur do país, o 25 de xullo varios regueifeiros estarán presentes en Compostela para actuar no Festigal. O 27 tócalle a quenda á Alameda de Bouzas, no que estarán Luis O Caruncho e Bieito Lobariñas canda novas regueifeiras. E xa en agosto, hai previstas actuacións en Vigo e en Caldas de Reis.
Mais a regueifa é quen de saltar por riba do Padornelo e exhibirse con orgullo polo mundo adiante. Estes días andiveron por Donosti e Málaga e en outubro están preparando un desembarco en Barcelona, con regueifeiros a amosar arte e espontaneidade polo barrio de Gràcia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario